Texto Exposición Seoane Laxeiro

Page 1

Luis Seoane e Laxeiro. Debuxos. 1930- 1950. Velaí unha proposta feliz, convidar a se relacionar, a dialogar, a compartir, a obra en papel de dous dos máis grandes artistas galegos: Luís Seoane, que se ofrece na súa casa e Laxeiro, que viaxa para estar con el. De Luís Seoane sempre admirei a súa utilización da liña como un elemento fondamente expresivo, unha liña elegante, vibrante, sensible, fluída e dunha contundente forza e firmeza, como corresponde a un extraordinario mestre do debuxo. Ese dominio e gusto exquisito pola liña apreciámolo na súa faceta como gravador, especialmente, nas Xilografías. Sen dúbida Seoane amaba intensamente o procedemento do gravado do que nos deixou obras moi fermosas como, por exemplo, o seu Álbum dedicado ao Polbo, conxunto de gran carga simbólica e expresiva. A editorial Nova publicou Homenaje a la Torre de Hércules (1944) con corenta e nove fermosos debuxos de liña modernista e clasicista con aires picassianos (“Suite Vollard”) dos que temos algunha mostra nesta exposición. Trátase de debuxos que non ilustran ningún texto xa que teñen valor por eles mesmos. O Institute of Graph de Nova York e a Pierpont Morgan Library incluírono na súa lista dos dez mellores libros de debuxos publicados no mundo durante a década de 1935-1945. Nos debuxos dos anos trinta podemos ver certa afinidade coa figuración lírica e o surrealismo ( Bores ou García Lorca). Con todo noutros traballos desta época o seu trazo vólvese duro, áspero, menos limpo con certo aire a Grosz, xa que aparece neles a sátira política e a crítica social. Nalgúns debuxos os protagonistas son campesiños, mariñeiros, personaxes populares pero o seu tratamento plástico está radicalmente afastado de tópicos costumistas. Seoane sempre se mantivo comprometido coa cultura e co pobo galego e foi, sen ningunha dúbida, o primeiro artista verdadeiramente contemporáneo de Galicia. Non debemos esquecer a faceta de ilustrador de Seoane pois ilustrou, entre moitos outros, libros de: Franz Kafka, Federico García Lorca, Rafael Alberti, Jean Paul Sartre e Aldous Huxley. Fundou e co-dirixiu a revista cultural “Correo literario”, onde escribiu Julio Cortázar, e fundou con Arturo Cuadrado a editorial de poesía “Botella al mar”, fundamental na historia da poesía iberoamericana e clave na evolución da obra de Seoane que confesará que o que máis lle serviu para desenvolver o seu traballo como pintor e muralista foron as cubertas de libros de “Botella al Mar” que se distinguiron pola innovación estética, creando auténticas obras plásticas de gran fermosura e brillante colorido e os gravados a plena páxina que ilustraban textos literarios. Seoane, en 1953, afirmaba: “Para un pintor ilustrar ou compaxinar un libro é unha oportunidade de atopar unha nova expresión. Pola miña banda sentín, precisamente como pintor, a necesidade de facer fermosos libros aínda desenvolvéndome sempre con mezquinos medios económicos”. (1) Se falamos de Laxeiro debemos salientar que representa un mundo plástico oposto radicalmente ao de Seoane. Poderiamos dicir que Laxeiro é dionisíaco e Seoane apolíneo, con todo compleméntanse e son sen dúbida dúas figuras transcendentais da pintura galega. Laxeiro pinta con extrema liberdade trasnos, mundos subterráneos ou lendas, moitas veces fabuladas ou imaxinadas. En parte da súa obra aparece o sarcasmo, a ironía en personaxes inquietantes, en espazos barrocos e tenebrosos, tintas e acuarelas nas que a liña en trazos grosos e contundentes configura formas orgánicas nas que se suxiren, ás veces, rostros e figuras. O xesto de Laxeiro é profundamente expresionista, espontáneo, subxectivo e versátil. Nestes debuxos Laxeiro demostra xa a mestría dun grande artista. Vemos nesta mostra retratos, grupos humanos, máscaras, maternidades, escenas da vida cotiá ou paisaxes rurais. Laxeiro amósanos o seu compromiso coa cultura das clases populares como profundo humanista e filósofo intuitivo da memoria da Galicia rural que foi. Especialmente interesantes son as súas pinturas informalistas sobre papel, dos anos sesenta e setenta, nas que a liña desaparece para dar paso á mancha e á exuberante cor. O expresionismo exacérbase nesta etapa e a súa pintura ten grande afinidade co expresionismo abstracto, co informalismo ou coa pintura de acción. Un feito relevante foi a homenaxe que o grupo Atlántica lle dedicou en Vigo en 1981, como recoñecemento a un creador dunha xeración anterior, que supoñía un vínculo entre o ideario vangardista do grupo e a auténtica identidade da arte galega. ( 1 ).Costa, Maria Eugenia. (2014). Luis Seoane y el arte de editar: Rescate de 'Botella al Mar'. III Congreso Internacional de Literatura y Cultura Españolas Contemporáneas, Facultad de Humanidades y Ciencias de la Educación; Facultad de Bellas Artes Universidad Nacional de La Plata.Argentina.

Xulio García Rivas


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.