O sol está morrendo e sobre a vila treme unha brétema moi lixeira e algo vermella. Eu vivo no derradeiro piso e ollo a vila. Empreincipian a se acender as luces, impotentes contra a mesta e bárbara avanzada das sombras. As sombras penetran as rúas como algo sen corpo e fanse mestas nos ollos dos homes. É o intre do crepúsculo. Agora é cando morre a lus e os perfiles das cousas deixan de ser concretos. Achego a miña cara á fiestra, aos vidrios da fiestra, e vexo a rúa longa, ateigada de xente informe, coma un carreiro de formigas que fervera estreitamente, escuramente. Os homes son coma formigas, na vila sen nome. E eu, niste intre do crepúsculo, véxoos desdebuxados, esvaídos, pois o alento da miña boca vai embazando progresivamente o cristal que se interpón antre os homes e a miña ollada. Eu non limpo o cristal, non abro a fiestra. Deixo, lector, que ese bafo inapalpábel desfigure a miña imaxe dos tebregosos homes da vila, no crepúsculo, que mesmamente enchen a rúa estreita e prolongada coma se foran unha columna de formigas en marcha. Así comeza O crepúsculo e as formigas.
X. L. Méndez Ferrín nado en Ourense en 1938, é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma dende o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente. O 13 de marzo renunciou definitivamente á sua cadeira de académico. Foi proposto varias veces para o Premio Nobel de Literatura.