Chano Piñeiro

Page 1

CHANO PIÑEIRO Luciano Manuel Piñeiro Martínez (Forcarei, 1954 – Vigo, 1995) foi un cineasta galego. Ata os anos 90 en que empeza a despuntar o cine galego, Chano Piñeiro foi considerado o director galego por excelencia. Encarnou coma ninguén a ansia por facer cine en Galicia e en lingua galega. Traxectoria Estudou Farmacia, pois seu pai era o boticario local. En 1971, cando ingresa na universidade, diagnostícanlle o mal de Crohn, unha afección intestinal crónica, que o levou a pasar reiteradas veces polos quirófanos. Tamén coñeceu a que sería a súa dona, Mariluz Montes. Foi ela quen lle regalou a Chano a súa primeira cámara de Super 8. 

A carreira cinematográfica de Chano Piñeiro iníciase coa curtametraxe Os paxaros morren no aire (1977) supostamente inspirada no Sempre en Galiza de Castelao. A curtametraxe, que parece ser non gustou nos ambientes composteláns, acadou, non obstante, varios premios en festivais. O argumento conta a historia dunha moza que intenta construír unha ponte para dar acceso a unha vila. Para facelo ponse a camiñar e atópase con Castelao e con Basilio Álvarez.

Dous anos despois, Chano e Mariluz abriron unha botica na rúa Torrecedeira en Vigo, cidade onde Chano Piñeiro se afincaría para o resto da súa vida e da que moitos o consideran fillo adoptivo. Ese ano filma en Super 8 Eu, o Tolo (1979), considerada por moitos a primeira longametraxe de ficción en galego (outros sosteñen que é Malapata de Carlos A. López Piñeiro). En calquera caso, trátase dunha iniciativa individual e bastante afeccionada como demostra o feito de que Chano Piñeiro e máis Pablo Barreiro, o técnico de son e músico do filme, tivesen que percorrer persoalmente toda Galicia para exhibir, proxector e pantalla en man, a longametraxe. A estrea oficial tería lugar o 12 de marzo de 1982 en Vigo, grazas ó entusiasta apoio da Corporación Municipal. Eu, o Tolo é un relato surrealista e metafísico en torno a un extravagante personaxe, "Eu", que casa coa súa bicicleta. Acusado do asasinato do vehículo, foxe da cadea e chega a ser presidente do goberno.

En 1984 funda a produtora cinematográfica Piñeiro S.A. (despois Bubela S.L.), cuxa primeira realización sería a loada curtametraxe en 35 mm, Mamasunción (1984). O filme consegue atraer a atención de diversos festivais internacionais. Tal foi o éxito desta curtametraxe que o 25 de xullo de 1985 a TVG abre a súa primeira emisión con Mamasunción. Sen dúbida trátase do filme máis logrado na carreira de Chano Piñeiro que xa non volvería a acadar tan altos cumios no futuro.

O seu seguinte filme, Esperanza (1986) non estaría á altura das expectativas que creara Mamasunción. Esperanza desenvolvía o tema do alcoholismo. Mostraba as deficiencias dun cineasta totalmente autodidacta e fóra dos circuítos comerciais.

Dous anos despois, Chano Piñeiro iniciou a rodaxe de Sempre Xonxa (1989), a primeira longametraxe galega en 35 mm. Era un proxecto demasiado ambicioso para as posibilidades de Chano Piñeiro. A rodaxe alongouse durante máis dun ano e medio por mor das eivas financeiras e das complexidades da produción. Esta rodaxe esgotou o patrimonio de Chano Piñeiro e derramou a súa fráxil saúde. Conseguiu estreala en 1989 e obtivo certo recoñecemento internacional. Quedou na conciencia colectiva coma un fito na historia da cultura galega.


En 1993, dous anos antes da súa morte, recibiu o encargo institucional de rodar O Camiño das Estrelas mediometraxe destinado a promocionar o Xacobeo 93, suceso turísticopromocional que a Xunta de Galicia, acababa de inventar. Chano Piñeiro deseña unha película a medio camiño entre a realidade e a ficción. A estrea tivo lugar o 25 de xullo dese ano no Monte do Gozo. Sería a súa última película, e, a pesar de contar con medios técnicos nunca vistos ata entón no cine galego, representa claramente o punto máis baixo na filmografía de Chano Piñeiro. O argumento xira ó redor da historia de amor entre un lobishome e unha serea, o cal serve de escusa para ir presentando as terras do Camiño de Santiago.

Tras a súa morte, creáronse para honralo os Premios Chano Piñeiro que levaban o seu nome. Logo dun ano de celebración, estes premios pasaron a denominarse Premios Mestre Mateo. Posteriormente, foron creados outros Premios Chano Piñeiro, en paralelo ós anteriores. 1989 sería un ano mítico para a cinematografía galega, pois coincidiría a estrea de Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, Urxa de Carlos A. López Piñeiro e Continental de Xavier Villaverde. FONTE: GALIPEDIA

FILMOGRAFÍA DE CHANO PIÑEIRO Mamasunción (1984)  

En Vimeo En Youtube

Esperenza (1986)  

Rodaxe Anacos

Sempre Xonxa (1989) 

Película completa

O camiño das estrelas (1993) 

Anaco: A rapa das bestas

HOMENAXE A CHANO PIÑEIRO ESPECIAL CHANO PIÑEIRO ENTREVISTA DE MANUEL RIVAS A CHANO PIÑEIRO


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.