Finais novos para contos vellos (proxecto 25N-8M 1º-2ºeso)

Page 1


A Bela e a Besta Bela tiña ganas de marchar de onda Besta, xa que non aceptaba as condicións que el poñía na súa casa. Ela, xa farta, decidiu que non tiña por que obedecer as ordes que ninguén lle dera, senón que era libre para tomar as decisións que ela considerara oportunas en cada situación. Transcorrido un tempo como vía que as cousas non ían mellorando decidiuse a falar con el para intentar chegar a un acordo sobre as normas que debía cumprir cada un, pero Besta non cedía ás súas propostas e Bela decideu recoller todas as pertenzas que tiña na casa e emprender unha vida afastada del, onde podería facer o que lle parecese oportuno. Uns cantos días máis tarde emprendeu o seu camiño. Cando xa levaba un tempo de viaxe, atopouse cunha rapaza que lle parecía coñecida, entón esta decidiu acercarse a falar con


ela. Ao falar, as dúas comezaron a chorar de emoción, polo que, cando xa estaban máis calmadas, Bela comentoulle que xa non vivía con Besta e a moza quixo coñecer todas as curiosidades arredor do ocorrido. As dúas mozas continuaron falando mentres avanzan pola rúa e a compañeira de Bela comprendeu todo o que sucedera e decidiu acompañala ata a casa a onde esta se dirixía para que non continuara soa. Dende ese día Bela sentiuse máis segura de si mesma e comezou a buscar traballo. Ó mes seguinte Bela estaba tranquila no seu fogar, cando lle soou o móbil e lle ofreceron un posto de traballo na mesma empresa na que traballaba a súa amiga. Bela aceptou. Dende aquel entón, as dúas amigas comen xuntas para volver a traballar pola tarde e na fin de semana saen xuntas a pasear. A vida de Bela cambiaou moito pero non se arrepinte de nada. Por Iria Iglesias (1ºESO)


Branca Neves, a nena que tiña un sono Branca Neves era unha nena que vivía ca súa madrasta nunha casa moi bonita e moi grande, a pesar de que alí a trataban moi ben e non lle faltaba de nada, Branca Neves non era feliz . Un día espertou moi inquietada porque tivera un soño, entón decidiu marchar da casa en busca da súa felicidade. Sen dicirlle nada á súa madrasta meteu nunha mochila unha pouca roupa e marchou. Sen saber a onde dirixirse, Branca Neves colleu un camiño que a levou ao bosque. Case sen darse conta xa estaba escurecendo e entón pensou que tiña que buscar un lugar onde pasar a noite. Seguiu camiñando e aló ó fondo pareceulle ver algo de luz, foi cara ela e resultou ser unha diminuta casa, petou na porta, pero como non lle abriu ninguén, decidiu entrar. Unha vez dentro, deulle o


sono e, como estaba moi cansa, sentou nunha cadeira e quedou a durmir. Cando espertou, deuse conta de que sete meniños estaban mirando para ela, asustada, deu un salto e púxose de pé. Os nenos asustados dixéronlle: -Ola , quen es ? Como te chamas ?- Ao que a nena respondeu: -Ola, chámome Branca Neves, perdoade por entrar na vosa casa sen pedir permiso, pero é que estaba tan cansa que quedei durmida. Branca Neves contoulles os meniños cal fora o motivo polo que marchara da casa e o soño que tivera, díxolles que ela quería ser mestra e poder ensinar a ler e a escribir. Os nenos miraron uns para outros e díxolle o máis pequeniño: -Nós non temos pais, quedamos orfos, e por iso non sabemos ler nin escribir, traballamos no bosque case todo o día . Entón Branca Neves tivo unha idea, se a deixaban vivir alí con eles, ela ensinaríalles a ler e a escribir. Os nenos, moi alegres, aceptaron. E así foi como Branca Neves, por fin, foi capaz de vivir feliz e facer o seu soño realidade. Por Aitana Blanco (1ºESO-B)


A Bela adormecida A bela adomecida era unha princesa moi bonita á que, ao nacer, un bruxo chamado Rae maldiciu cun feitizo: aos dezaseis anos pincharíase cunha agulla e morrería. Pero a princesa tiña tres bonitiñas fadas que non pensaran un regalo polo seu bautizo, así que cada unha decidiu darlle un don. A primeira decidiu darlle o don de ser forte, a segunda fada decidiu darlle o don de ser valente e sincera e a terceira decidiu darlle o don de non morrer, senón que espertara cun bico de amor verdadeiro. Cando cumpriu os catorce anos e as súas fadas lle contaron o sucedido, ela decidiu adestrar e poñerse forte para ser unha guerreira e loitar contra Rae. Pasaba días enteiros adestrando e púxose moi forte, tanto que chegou a ser a campioa de Meridane, (ó reino onde vivía). Bela herdou a espada de seu, pai ca que podía derrotar a Rae.


Cumpriu os dezaseis anos e atopouse con Rae, que, despois de cinco minutos hipnotizándoa, provocou que Bela caera adormecida e, cando a veu seu pai, alí caída no chan, ordenou a unhas cabaleiras que a recolleran e a levaran ao Castelo. Un día, despois de catro anos nesa situación, chegou un príncipe e bicouna. Ela non espertou. Ao cabo dunha semana chegou unha princesa a ver a Bela, pero ela non sabía nada do sucedido e cando o pai de Bela lle contou todo o que pasara, arrepentíuse de non terlle dito que estaba namorada dela. Correu a buscala e deulle un bico. Despois desa escena, Bela espertou e sorprendeuse de que estivera ela alí, porque tamén estaba namorada dela. Aos tres días de recuperarse, Bela rabuñou a Rae coa espada. Este esvaeceuse no aire e ela sentíuse moito máis aliviada. Despois de todo este balbordo, a princesa Bela e a princesa Rasha, casaron e pasárono moi ben na súa voda. E foron felices, pero, como non lles gustaban as perdices, non as comeron. Por Ana Noya (1ºESO-B)


A sereniña A sereniña era unha rapaza serea chamada Ariel á que lle encantaba falar. As súas irmás dicíanlle que non podía falar tanto se quería namorar a algún home e que xa era hora de buscar parella pintándose e adelgazar ata vestir unha talla 36; pero ela dicía que non, que non, que non lle facía ningunha falta nin pintarse nin vestir unha 36 para gustarlle a un home, que lle tiña que gustar tal como era. Ariel, dende nova, quixera con todas as súas ganas ir á superficie, a explorala. Un día un barco naufragou e, cando as persoas caeron ao mar, salvou a moita xente, e, entre elas, atopábase un home que logrou ver a súa imaxe, aínda que moi borrosa. A el encantáralle a sereniña. A sereniña, que tantas ganas tiña de ir á superficie, coñeceu a unha bruxa boa, que lle ofreceu convertela en persoa. Ela aceptou encantada. Só tiña un problema, o seu pai non a deixaba saír da casa durante moito tempo. Pero ela pensou que se non volvía ao mar, o seu pai non a podía castigar. Entón decidiuno definitivamente, ía ir á superficie. Esa noite non


durmiu pensando o que podería facer na terra. Ao día seguinte, Ariel, ao saír do colexio, díxolle ás súas irmás que tiña que ir á casa da súa amiga a facer un traballo. Tamén lles dixo que volvería algo tarde. Entón dirixiuse ó taller da bruxa. Esta converteuna rápido en humana. Cando chegou á superficie, na praia estaba un dos homes que salvara cando o barco naufragara. Este recoñeceuna e invitouna ao seu palacio. Ela aceptou, xa que naquel momento non tiña a onde ir. O príncipe presentoulle a toda a súa familia. Cando xa todos a coñecían, Ariel non se sentía a gusto, xa que despois de coñecer ao príncipe, dérase de conta de que non era o home perfecto para ela e non era a persoa que buscaba. Un día, despois da cea, Ariel quería escapar pero tiña un problema, que non tiña ningún sitio a onde ir, por ese motivo só iría á praia a tomar aire fresco. Unha vez alí, a bruxa que a convertera en humana, saíu á superficie a preguntarlle se quería volver ao mar. Esta, convencida, díxolle que si. Cando volveu ao mar, a bruxa axudouna e fixo retroceder o tempo, para que só Ariel soubera a súa aventura na superficie e non tivera problemas con ninguén. Por Andrea Ordóñez (1ºESO)


A Carrapuchiña Vermella Érase unha vez unha rapaza moi, moi, moi traballadora (como todas as mulleres). Vivía nun bosque nunha cabana de madeira coa súa nai e o seu pai. Ao final do bosque vivía a súa avoa soa, porque era unha muller valente, libre e decidida e non dependía de ninguén. Mais todas enfermamos e necesitamos axuda de alguén. Así que a avoa colleu tal gripe que non podía nin levantarse da cama. Chamou á casa de Carrapuchiña. Colleu o teléfono o pai. -Que quere miña sogra?-preguntou o pai. -Alberte, atópome moi mal. Poderíasme mandar axuda? -Xa vou eu agora mesmo para aí -respostoulle.


-Non, non. Non fai falta. Só quero que me traiades algo de comer. Quero descansar. -Como vostede queira, agora me poño a facerlle a comida. Irá a nena a levarlla, pois eu en media hora marcho. Alberte cociñou unhas ricas viandas para a sogra: unha crema de cenoria, un peixe con patacas cocidas e allada e froita para a sobremesa. Preparouno todo nunha cesta e deixou unha nota a Crrapuchiña para que lle levase a comida á avoa. Cando a nena chegou do colexio, leu a nota. Primeiro comeu e despois, cas présas, foi facer o recado. Saíu disparada da casa, a fume de carozo, para que á avoa non se lle xuntase o xantar coa merenda. Polo camiño atopou ao Lobo Feroz. Feroz era un pailán. Puxérase el mesmo ese nome, mais en realidade era un pesado e impertinente que non facía máis que molestar á xente. -Déixame en paz! Non teño tempo para as túas andrómenas! Vai molestar ao leñador!! -Pero vai por onde che digo, rapariga -insistiu. Se levas présa chegarás antes. -Como levo présa chego antes se non che fago caso. -Ven comigo, neniña. -Contigo vai ir túa nai, pero ao hospital!!! -berrou a rapaza. E, a


continuación meteulle tal couce que o deixou tirado no chan. Chegou á casa da avoa e axudouna a xantar. Despois estiveron un bo cacho falando, mais Carrapuchiña marchou porque tiña que facer os deberes. De volta á casa, de Feroz non soubo nada. A partir de aquel día non volveu a molestala. Cada un fala ou perde o tempo con quen quere. Por Carla Vicente (1ºESO-B)


A cazadora salvadora Había unha vez, unha nena que vivía nun pobo e que era querida por todos os habitantes. Un día, a nai e o pai déronlle un pastel para que llo levara a súa avoa. De camiño, encontrouse cun lobo que lle preguntou a onde ía, e a Carapuchiña respondeulle que ía a casa da súa avoa e o lobo díxolle que non ía polo camiño máis curto, así que mandouna por outro camiño. O lobo enganouna para ir el polo camiño máis curto, e a Carapuchiña polo máis lento. O lobo chegou moito máis rápido ca Carapuchiña, que daquela só estaba a uns pasos da casa da avoa. Asegurouse de que non viña ninguén e tocou á porta. A avoa preguntou, quen era. O lobo díxolle que era a Carapuchiña e que lle traía un pastel. A avoa díxolle que pasara e que fora a habitación para darlle un bico. Para cando se quixo dar de conta, estaba encerrada no armario. O lobo puxo un pixama da


avoa e preparouse para a chegada de Carapuchiña. Minutos despois, a Carapuchiña tocou á porta e o lobo díxolle que pasara. A Carapuchiña díxolle que tiña uns ollos moi grandes e o lobo díxolle que era para ver mellor. A Carapuchiña volveulle a dicir que tiña unha boca moi grande e o lobo díxolle que era para comela mellor! Pero, de pronto, apareceron un cazador e unha cazadora. O cazador ía a dispararlle ao lobo, pero a cazadora parouno e preguntoulle se ía acabar coa vida dun animal en perigo de extinción. Ante isto, o lobo conmoveuse e non comeu nin a avoa nin a Carapuchiña, nin volveu tratar de enganar a ninguén. Por Joel (1ºESO-B)


A eclipse e a princesa Fai moito tempo, nun reino moi moi lonxano, vivían un rei e unha raíña que estaban tristes porque non podían ter fillos... Finalmente foilles concedido o desexo tiveron unha filla chamada Aurora. Proclamouse día de festa en todo o reino, para que todos puideran acudir a presentar os seus respectos á pequena princesa. A nosa historia comeza nese día de alegrías, cando o rei Estéfano e a súa muller daban a benvida aos seus amigos. De pronto, cando as trompetas anunciaban as boas noticias, unha suave luz encheu a sala .... As fadas Flora, Fauna e Primavera concedéronlle tres desexos. -Dixo Fauna : O meu desexo é que teñas unha boa vida . -Dixo Flora: o meu desexo é que teñas o don da canción. Pero antes de que a fada Primavera puidera concederlle o seu desexo: -Maléfica! Que pode estar facendo ela aquí?. Dixo Primavera -A verdade, estou moi decepcionada por non ter recibido ningunha invitación, pero non volo terei en conta. Eu tamén lle farei un agasallo a Aurora. Dixo Maléfica. -A princesa medrará, pero antes de que o sol se poña no seu decimosexto cumpreanos pincharase coa agulla dunha roca e morrerá. Dixo Maléfica. -Non vos desesperedes maxestades, Primavera aínda non lle concedeu o seu agasallo. Dixo Fauna.


- Miña doce princesiña pincharase o dedo cunha agulla dunha roca pero non morrerá só durmirá. Dixo Flora. - Durmirá moitos anos ata que haxa unha eclipse solar e espertará. Dixo outra vez Flora. Mentres, tanto no castelo, o rei Estéfano, que seguía temendo pola vida da súa filla, decretou que todas as agullas do reino foran queimadas nese mesmo día. E así foi. Por outra banda, para que estivese a salvo, as fadas tramaban un plan. Durante dezaseis anos permanecería en paradoiro descoñecido. A princesa sería un auténtico misterio. Aurora foi medrando sa e feliz, ata que o día de seu dezaseis cumpreanos foi ao reino a celebralo ca súa familia. Ela, que era moi curiosa, subiu á torre do castelo, onde escoitou unha voz que chamaba por ela. Alí estaba Maléfica cunha roca que ela fabricara. A rapaza acercouse para vela e Maléfica pinchouna, entón Aurora caeu durmida ao chan. Despois, trasladouna a unha habitación onde estivo durmindo mais de cen anos, nos que non amañeceu na Terra. Ata que, por fin, houbo unha eclipse solar e Aurora espertou e volver saír o sol na Terra.

Por Egoitz Martínez (1ºESo-B)


A Carapuchiña Vermella Un día como outro calquera, a Carapuchiña vermella foi polo bosque debido a que a súa avoa estaba enfermiña, e a Carapuchiña foi a levarlle o almorzo. -O bosque é moi perigoso -exclamou súa nai. Pero a Carapuchiña non lle tiña medo aos contos de súa nai e como era moi atrevida encamiñouse cara a casa de súa avoa, pero en realidade a Carapuchiña tíñalle medo a unha soa cousa, ao lobo. A Carapuchiña vermella non era consciente do que facía, xa que o lobo daba moito medo, pero a Carapuchiña quería moito a súa avoa. Así que, cruzou pontes, andou por labirintos e subiu árbores ata que chegou á súa casa. Pero o lobo foi máis listo e chegou antes a casa da avoa da Carapuchiña; meteuna no seu gardarroupa; puxo a súa roupa,


calzado e dentadura e gardouna no gardarroupa ata que Carapuchiña chegou. -Que ollos máis grandes tes -dixo a Carapuchiña. -Son para verte mellor -engadiu o lobo. -Que orellas máis grandes tes -dixo a Carapuchiña xa un pouquiño asustada. -Son para oírte mellor. -Avoiña, que dentes máis grandes tes. -Son para comerte mellor! A Carapuchiña estaba tremendo co medo, cando de súpeto unha princesa acudiu á casa e botou o lobo fóra. A princesa salvou a avoa e a Carapuchiña. E comeron sal e pementa e viviron todas contentas.

Por Iván Otero (1ºESO)


A ratiña presumida A ratiña presumida vivía ela soa na súa casa. Era moi limpa e, por iso, gustáballe moito varrer. Un día, estaba varrendo e encontrouse cunha moeda. Con ela comprou un lazo rosa e decidiu saír a pasear con el pola rúa para ensinarlle aos demais o guapa que ía. De repente, encontrouse cun rato que vestía con roupa vella e rota. Ademais parecía que era bastante pobre. Entón, este preguntoulle: -Queres casar comigo? E a ratiña respondeulle: -Non! Que me ensuciarás! Logo atopouse cun gato moi ben vestido e aseado, que desta vez, si que parecía que tiña un bo nivel económico e entón a ratiña decidiu casar e ir a vivir con el, pensando que ía ter unha boa vida. Os días foron pasando e o gato non colaboraba en nada na casa. Era a ratiña a que tiña que varrer, cociñar, fregar o chan,


pasar o ferro... Pero ela non dicía nada. Un día foron ao parque a merendar. A ratiña abriu a cesta da comida, pero deuse de conta de que estaba vacía. O gato díxolle: -Está vacía porque comín eu todo, non vaia ser que ti engordes. Ao día seguinte, a ratiña estaba chorando sentada nun banco. Xusto nese momento, pasou o rato que vira semanas anteriores e contoulle o que lle pasaba co gato. Ao escoitar iso, o rato díxolle: -Tes que comezar a dicir BASTA. A ratiña así o fixo. Puxo fin á súa relación co gato e quedou outra vez solteira. Días máis tarde, atopouse novamente co rato. Ela deulle as grazas por axudala co seu problema e ademais díxolle que se confundira con el, que realmente era a súa parella perfecta e casaron. Viviron felices toda a vida e sen que a ratiña se tivese que facer cargo de todo. Así deuse de conta de que os máis chamativos non tiñan por que ser os mellores. Por Marta Valladares (1ºESO-B)


Rosa, a bela adormecida, e a princesa que a salvou Fai moitos anos vivían unha raíña e un rei no seu palacio. Cada día dicían: -Ah, se polo menos tivésemos unha filla! Pero a filla non chegaba. Mentres a raíña tomaba un baño, apareceulle unha rá e díxolle: -O teu desexo será realizado antes de fin de ano. Terás unha filla. Antes de fin de ano a raíña tivo unha filla preciosa. Para celebralo fixeron unha festa á que invitaron a trece fadas. O peor aínda estaba por chegar, porque só tiñan doce pratos de ouro. Despois de facer a festa, a decimoterceira fada entrou e


díxolles que, en castigo por non ter un prato para ela, a súa filla ía quedar cen anos durmida. Todos os invitados quedaron de pedra pola noticia que lles deu a fada. Cando a raíña e o rei estaban fóra do castelo, a preciosa Rosa ergueuse da cama e foi investigar as habitacións e salóns do castelo. A preciosa Rosa subiu as escaleiras e encontrou unha porta cunha chave vella. Abriu a porta e encontrouse cunha señora maior que estaba fiando. A rapaza interesouse e quixo fiar como ela. Cando empezou a fiar, caeu durmida na cama. Os reis chegaron e tamén quedaron durmidos, como o cociñeiro, o axudante, os cans e os cabalos. Despois duns anos, os príncipes dos reinos próximos querían chegar onda a princesa. Pero ningún o conseguiu. Ata que chegou unha princesa, que, ao aproximarse á porta de Rosa, os pinchos abríanse ao seu paso e puido entrar. Cando a princesa chegou á habitación, deulle un medicamento á preciosa Rosa e ela espertou. Días despois, a princesa e a preciosa Rosa foron mercar o seu novo fogar. A día de hoxe seguen xuntas, casadas, vivindo nun castelo


e cunha filla adoptada chamada María. A preciosa Rosa agradécelle cada día que a princesa lle salvara a vida. Por Óscar Senín (1ºESO-B)


Carapuchiña e a loba Era un día soleado cando Carapuchiña quería ir a casa da súa avoa; pero a súa nai quería que fose acompañada do seu curmán por se alguén a asustaba polo camiño. Ela marchou soa sen dicirlle nada a súa nai e, cando ía andando polo bosque, atopou unha loba que lle preguntou onde ía. Carapuchiña respondeulle que se dirixía á casa da súa avoiña, que estaba doente, para lle levar algo de merenda, contándolle todo o que levaba no queipo. Entón a loba decidiu acompañala para protexela dos cazadores que andaban polo lugar, pois abrírase a veda había uns días. Díxolle que existían carreiros que os cazadores non coñecían e levouna por un deles. Moi pronto chegaron a casa da avoa de Carapuchiña.


Tras petar na porta, a avoa fíxoas pasar, dicíndolles que a porta estaba xa aberta. Pero cando viu a Carapuchiña case morre dun ataque ao corazón. A-Por que eses ollos tan grandes, Carapuchiña ? L-Oh avoíña, son para verte mellor! A-Por que esas orellas tan grandes, Carapuchiña? L-Son para oírte mellor, avoíña. A-E por que esa boca tan grande, miña nena? L-É para comer mellor a merenda! A avoa desmaiouse e Carapuchiña e a Loba tiveron que botarlle unha xerra de auga enriba para que recuperara a cor. Cando se volveu a erguer fixéronlle comprender que a loba tamén se viña a agochar das balas dos cazadores. Pasaron a tarde e a noite as tres xuntas. Merendaron, xogaron ás cartas, contaron contos de cazadores e durmiron. Ao día seguinte Carapuchiña tivo que marchar, entón pediulle á Loba que coidara da súa avoa a cambio de quedar na casa, protexida dos cazadores. Por Roi Camaño (1ºESO-B)


Os lobos, a avoa e Carapuchiña Carapuchiña vermella era unha moza que amaba moito á súa avoa e un día a súa nai regaloulle unha cesta chea de comida para levarlle á avoa, que vivía nunha casa no bosque. Cando xa estaba no bosque, atopou coa parella de lobos que habitualmente a acompañaban, pero desta vez non querían ir con ela porque andaban á procura do seu lobiño pequeno. Tiñan moito medo de que os cazadores deran con el. Carapuchiña propúxolles ir buscar á avoa, que sabía todos os carreiros e escondites do bosque e de seguro que era quen de atopar o lobiño.


Os lobos aceptaron. Oíron os disparos dos cazadores ao lonxe. E ao chegar á casa da avoa, atopáronos falando con ela. Cando viron a Carapuchiña coa parella de lobos, quixeron dispararlles, pero a avoa agarroulles as escopetas e botounos da súa propiedade. Pasaron a tarde a despistar aos cazadores andando por distintos carreiros, mentres a avoa andaba na procura do lobiño. Á noitiña non o deran atopado. Pero levaron unha feliz sorpresa cando, ao volver para a casa, viron no cuberto uns ollos alumeando na escuridade. Lobiño tamén se fora refuxiar á casa da avoa de Carapuchiña, porque todos os animais sabían xa da valentía desta muller. Por Sara Gil (1ºESO-B)


Branca adormecida Despois de facer camas, fregar pratos do almorzo, limpar a casa, preparar o xantar e esperalos para comer, Branca vivía no bosque, nun mundo feliz, rodeada dunha fauna e flora marabillosa ca que entretiña o tempo, mentres oito ananos ían traballar á mina. Todos os días o mesmo. Cada vez ese pensamento estaba máis presente na súa mente e vida. Todos os días o mesmo. Todos os días o mesmo. Todos os DÍAS O MESMO! Cando a voz interior lle berraba e xa non oía nin os gritos dos ananos porque estaba todo cheo de pó, a comida queimada ou crúa, as camas sen facer,...corría ata a casa da bruxa do bosque, que non era tan bruxa, para que lle receitara un antidepresivo. Á mañá seguinte, Branca tomou a pílula cunha mazá para


que non lle caera mal no estómago, pero, antes de poder tragala, xa a pílula fixera os seus efectos e caeu durmida. Cando os ananos chegaron e a viron "morta" a Branca, choraron porque aínda que o fixera mal facía todas as tarefas da casa. Os tipos, que non eran moi espelidos, puxérona nun féretro de vidro e expuxérona no bosque. Aquí nós non opinamos porque non somos expertos nin psicólogos. Nin psiquiatras. Así que un día un marabilloso e guapísimo príncipe pasou por alí e, ao ver a Branca, quedou prendado nun intre e os ananos pedímoslle axuda. A el non se lle ocorreu outra cousa que bicala. De repente, Branca espertou e deuse de conta do sucedido. Alguén a bicara sen o seu consentemento, mentres estaba drogada. Deulle unha labazada (perdón pola ao príncipe aposto e díxolle: Non é non!. Denunciou aos ananos por explotación laboral e intento de trata de brancas e ao príncipe por acoso sexual. E, como a xustiza nos contos de fadas funciona, gañou o xuízo. Cos cartos marchou coa súa amiga bruxa a montar un gabinete de axuda a mulleres maltratadas e vítimas de violencia machista. Por Alberto Ordóñez (2ºESO-


Carrapuchiña Vermella O lobo foi á casa da avoíña de Carrapuchiña Vermella, unha vez dentro, o lobo tentou encontrala pero fracasou xa que non a deu encontrado. A avoa agochárase debaixo da cama e tivo sorte, xa que o depredador non a viu. Mentres, o lobo púxose un camisón da avoa, deitouse na cama e tapouse. Carrapuchiña chegou a casa da súa avoa e o lobo, ao escoitala, preparouse para atacar; pero Carrapuchiña decatouse de que a súa avoa estaba debaixo da cama, porque esta fíxolle señas de que o lobo estaba enriba dela. A nena comezou a correr para liberarse do lobo que a perseguía, correu todo o que puido; pero o lobo alcanzouna e, ao verse nesa situación, Carrapuchiña non sabía que podía facer para liberarse do lobo. Mais. xusto nese momento, apareceu a súa avoa correndo cun home que ía vestido cunha camisa preta e vermella a cadros e cun pantalón vaqueiro cuns tirantes que suxeitaban a parte superior do pantalón. Este era un cazador, que levaba unha escopeta nunha das súas mans. Ao velo, o lobo buliu a toda présa e o cazador correu detrás del.


Pasados uns días o lobo volveu ás andadas, xa que foi directamente á casa de Carrapuchiña, na que tamén se encontraba a súa nai. O lobo petou á porta e a nai abriulle. Ao ver que era o lobo quen chamaba, pechou a porta de inmediato; pero o animal insistui en que quería falar ca nena e con súa avoa. A nai negouse rotundamente. Se ben, Carrapuchiña pediulle unha oportunidade para o animal. Abriu a porta e foron os tres a casa da avoa. Unha vez alí, o depredador comezou a falar, odicíalles que quería facerse amigo da nena, da nai e da avoa; aceptou que se portara moi mal cas tres e asegurou que quería remedialo facéndose amigo das tres. As mulleres escoitaron atentamente as palabras do lobo. Unha vez acabou de falar, moveron a cabeza de forma que lle indicaron que aceptaban as desculpas e a petición.


Carrapuchiña ficou moi contenta porque tiña un novo amigo. A súa nai e a súa avoa sentíronse felices de acabar, por fin, co conto do lobo. Por André Peleteiro (2ºESO-


A rapaza que non precisaba de axuda Había unha vez unha rapaza chamada Brancaneves que era solitaria, sempre estaba cos seus libros, no seu cuarto. A súa nai morrera cando ela era pequena e o seu pai foi xuntar con outra. A madrasta da rapaza tíñalle envexa, xa que toda a xente lle dicía a Brancaneves que era fermosa. Aínda que á rapaza dáballe igual que lle dixeran que era fermosa, á madrasta non lle daba; así que esta mandoulle aos gardas que a executaran. A cativa decatouse e fuxiu ó monte. No bosque atopou unha casiña e petou á porta. Como ninguén respondeu, ela entrou e púxose a ler un libro. Ó pouco tempo, sentiu barullo na porta e a rapaza dirixiuse á entrada da casiña, onde atopou cuns ananiños, que resultaron ser os verdadeiros donos da casiña. Os ananos, abraiados, preguntáronlle a Brancaneves que facía alí. Ela explicoulles aos sete o que lle pasara coa madrasta. Estes, ao escoitala, botáronse a rir, poque eles non crían na beleza física, xa que a verdadeira beleza para eles era a forma de ser de cada un, a beleza interior e non a beleza exterior. Os ananos non


buscaban gustarlles aos demais, porque aos únicos aos que querían gustar era a si mesmos. Así que, dito isto, despois de falar com Brancaneves, os ananiños foron buscar á madrasta para explicarlle tamén a ela o seu concepto de bleza. Cando a encontraron dixéronllo e ela entrou en razón, pero cando foi avisar aos soldados de que non perseguiran a Brancaneves, estes xa non estaban, así que todos foron a buscalos. Cando os atoparon, sinceráronse coa madrasta dicíndolle que non a executaran porque eles tampouco crían na beleza física. Dende ese día, no pobo onde vivían, nunca xamais se volveu a clasificar ás persoas segundo foran belas ou feas no seu exterior, agora, directamente, xa non se clasificaban. Todas eran fermosas se eran boas persoas. Por Carla Alcalde (2ºESO-


Carapuchiña Vermella Carapuchiña era unha nena de doce anos. Vivía nun pobo chamado Xinzo con seus pais e o seu can Tobi. Os seus avós vivían ao outro lado do monte que os separaba. Un día, a súa avoa enfermou. Non tiña veciños nin ninguén que a axudara, así que o pai de Carapuchiña, que se dedicaba a facer as tarefas da casa, fixo un biscoito de limón e unhas galletas para a avoa enferma. A Carapuchiña gustáballe moito ir cazar coellos ao monte coa súa avoa, así que pediulle a seu pai se podía levarlle ela a cesta coa comida e dar unha volta polo monte. Durante o camiño, Carapuchiña distraíase collendo paos para facer espadas para loitar con dragóns imaxinarios. De paso, tamén subía polas pedras e gateaba polas árbores para ver ben os tobos dos coellos. Mentres imaxinaba un mundo de aventuras, un lobo arrimouse a ela polas costas. Ela asustouse así que pegoulle unha patada. O lobo empezou a chorar co dolor así que Carapuchiña sentiu pena polo animal. Axudoulle a levantarse pero ela non sabía que o lobo tiña unha pata rota. Botoulle a man polo lombo e levouno á casa dos seus avós.


Cando chegaron, a súa avoa aínda estaba na cama. Tiña gripe e non se podía levantar. O seu avó, que fora enfermeiro, coidaba dela, seguindo as indicacións da súa propia muller porque ela fora médica. Cando eran xoves, tiñan unha consulta no centro de Xinzo, onde atendían pacientes de todos lados. Ás veces, a avoa tiña que viaxar a outros países para facer cursos para descubrir novos métodos de curar. Carapuchiña contoulle o sucedido ao seu avó. Entón, sentaron ao lobo ao lado da avoa para que ela lles dixera como curar a pata rota do animal. Carapuchiña e o avó foron facer a cea. Mentres, o lobo quedou só coa avoa, así que, seguindo o seu instinto animal, intentou comela. A avoa escapou e escondeuse no armario. Carapuchiña volveu ca cea e veu como o lobo intentaba comer á avoa. Nese momento, Carapuchiña loitou co lobo e deixouno derrotado. Así que soltárono coa condición de que nunca máis volvera a ese monte.


Ao volver a casa, CarapuchiĂąa contoulle a fascinante historia a seus pais. Por Dani Rial (2ÂşESO-


Brancaneves Había unha vez, ao final do inverno, unha xove e boa raíña que, ao pasear polo xardín do seu palacio, veu unha rosa vermella crecendo a pesar do frío; cando foi tocala, pinchou o dedo cunha espiña daquela rosa e deixou caer tres pingas de sangue. Nese instante a raíña pediu un desexo: ter unha filla coa pel tan branca como a neve, os labios vermellos coma o sangue e o pelo negro como os corvos. Sen dúbida, o desexo fíxose realidade porque naceu a princesa, á cal quixeron chamar Brancaneves. Pero a raíña enfermou e, ao pouco morreu. Logo o rei casou cunha muller moi fermosa, pero moi fría. En realidade era unha feiticeira moi poderosa, a parte de ser moi egoísta. A nova raíña, madrasta de Brancaneves, preguntáballe ao seu espello máxico: -Espello, espelliño máxico, dime unha cousa. Que muller deste reino é a máis fermosa? E o espello contestáballe : -Vostede, maxestade, é a máis fermosa deste reino e dos demais. Pero, cando Brancaneves cumpriu dezaseis anos, era tan fermosa como o día, e a raíña consultou ao espello máxico e fíxolle a mesma pregunta pero desta vez respondeulle: - Miña raíña, vostede está chea de beleza, é certo, pero a súa


fillastra, Brancaneves, é mil veces máis fermosa e non se pode remediar. A raíña, enfadada, ordenou a un cazador que matase a Brancaneve s no bosque, e lle exixiulle que lle trouxera o corazón, o fígado e os pulmóns No bosque, Brancaneves descubriu unha casa, á que decidiu entrar a descansar. Nun instante chegaron os ananiños e falaron con ela e dixéronlle : -Axudarás no que poidas e non deixarás entrar a ninguén se non estamos nós. Mentres tanto, a raíña preguntáballe ao seu espelliño máxico quen era a máis fermosa, pero nun intre enfadouse ao descubrir que a princesa seguía viva e vivía cos ananiños no bosque e que ela seguía sendo a máis fermosa. A raíña utilizou tres traxes para disfrazarse e enganar a Brancaneves, mentres os ananiños estaban na montaña.


De primeiro foi de vendedora ambulante, e ofreceulle varias cintas; púxolle unha no pescozo e estivo a punto de asfixiala, pero chegaron os ananiños e salvárona. De segundas, foi de vendedora de peites e levoulle un peite envelenado, que lle puxo á forza no pelo. Brancaneves desmaiouse, pero chegaron os ananiños e quitáronllo do pelo, e, como só a rabuñara, espertou. De terceiro, disfrazouse de anciá vendedora, agasallándoa cunha maza envelenada, e, como se resistía, cortou a mazá en anacos e Brancaneves comeu e ao instante caeu ao chan. Cando os ananiños chegaron, crérona morta, e decidiron metela nun ataúde de cristal para seguir contemplando a súa beleza, pero nese intre pasou o príncipe dun reino próximo, e ao vela intentou bicala, pero ela espertou da intoxicación do veleno da mazá e apartou ao príncipe dicindo que non quería saber nada del e menos bicalo. Así que, Brancaneves seguiu vivindo cos seus sete ananiños, todos tan amigos . Fin Ben, fin non, porque os ananiños foron a pola madrasta e collérona e levárona ao río, botárona nunha canoa río abaixo e así perderon de vista a madrasta e viviron felices para sempre, aínda que o rei quedou solitario.


Fin

Por Ederxan Souza (2ยบESO-D)


Aladín e a raíña das perdices Despois do típico "foron felices e comeron perdices". Aladín cuspiunas... Comecemos: Xasmín quixo impresionar a Aladín e decidiu preparar ela mesma as perdices. Foi ao mercado, comprounas, preparounas, cociñounas e serviunas na mesa. Mentres ela seguía atarefada co resto de preparacións, o seu home decidiu probar un anaco: - Que asco! - Que pasa aquí? Cuspiu todo. Pero tan mal sabía esa comida que se mareou. Cando puido recuperarse, caeu na conta. - Xasmín quería envelenarme! Gardas, gardas! Arrestade á raíña e levádea aos calabozos máis afastados do castelo. Os gardas así o fixeron, encerrándoa na torre máis alta do castelo.


Pero Xasmín que coñecía á perfección todo o castelo e os seus pasadizos, logrou escapar. O primeiro que fixo foi ir en busca do mercader e interrogouno. O mercader díxolle que as perdices estaban en moi mal estado porque xa facía moitos días que as cazara. Xasmín conmoveuse ao dicirlle iso, entón perdooulle a vida. Pero tiña que ser o seu probador de alimentos e se algún alimento estivera envelenado, xa sabía o que lle tocaba. Finalmente foi xunta Aladín, que choraba como alguén que


perdera á súa amada. - Non chores máis, Aladín. Eu sempre te quixen e xamais podería matarte. Iso foi culpa do mercader, que nos vendeu as perdices en mal estado. Pero estou moi enfadada contigo por desconfiar de min e nin sequera me preguntaches que pasara e por iso eu terei o control do reino a partir de agora. Por Iván Figueira (2ºESO-


Non sen valentía, Valentina! Érase unha vez unha princesa, que vivía no seu castelo coa mala compañía da súa madrasta . A princesa estaba farta de que a súa madrasta lle puxera alcumes como “Brancaneves”, o cal odiaba, xa que prefería que a chamaran polo seu verdadeiro nome, Valentina. A madrasta non só lle poñía alcumes que a desagradaban, senón que apenas a deixaba levar comida á boca. Se non fose polos serventes do castelo, cos cales se levaba moi ben, xa tería morto de fame. Unha das características máis rechamantes de Valentina era o seu valor para enfrontarse aos problemas. Tamén o era a súa rebeldía, que lle daba un carácter único e fóra do común. Outra das cousas polas que tamén era coñecida era pola súa peculiar fermosura, xa que era de pel moi pálida. Un día, Valentina, xa cansa de ter que aguantar todos os desprezos da súa madrasta, decidiu fuxir do castelo. Non lle costou esquivar aos gardas e moito menos enganar ao porteiro para poder saír ao exterior.


Unha vez fóra decidiu tomar rumbo cara a aldea dos ananos, que se atopaba nun bosque non demasiado próximo ao castelo. Cando a madrasta se decatou da fuxida de Brancaneves, foi ata a súa habitación e destapou un vello espello. Nel non se vía ningún reflexo, pero si unha arrepiante careta de expresión fantasmagórica. Non soportou a visión do seu propio rostro, deformado pola maldade e fuxiu a ocultarse na torre máis alta do castelo. Pola contra, cada día Valentina camiñaba cantando cara a mina, primeiro picaba na pedra e despois esculpíaa ata que dela xurdira a figura que ocultaba. Despois recollía a froita que levaba de volta para a casa. Valentina desfrutou do bosque en compaña dos ananos, que, lonxe do que dicían os contos, eran uns seres adorables, que a coidaban e a mimaban cada día, preparándolle tortas de froitas silvestres e licor de mel. Por Laura Vicente


Brancaneves e os sete ananiños Brancaneves era unha xove mecánica galega. Ela era moi intelixente e apaixonáballe o seu oficio. Tiña unha compañeira de traballo, a súa mellor amiga, Alicia. Coñecíanse dende pequerrechas e non había quen as puidese separar. Acababa de alugar unha casa ás aforas de Santiago de Compostela. Para a súa sorpresa, cando chegou, atopou uns ananiños vendo a televisión. Comezou a falar con eles e parecéronlle moi simpático, eran como unhas mascotas. A que mellor lle caeu a Brancaneves foi a única muller do grupo, Firmina, ela limpaba sempre as cousas do resto dos ananiños. Brancaneves, rapidamente estableceu unhas normas para que todos estiveran en igualdade de coindicións. Todo ía ben até que un día notou algo raro no seu espello.


Detrás había unha bruxa espiándoa, que dicía que debería ter un emprego “de muller” e debería comportarse como tal. Ese mesmo día, a bruxa acudiu á súa casa. A meiga ía disfrazada de rapaza pequena. Pretendía enganala entregándolle unhas galletas como donativo para “a súa escola de piragüismo" . De alí a un pouco de comer a galleta, Brancaneves desmaiouse, e non espertaba! Acudiu moita xente a vela, pero non atoparon solución. Pensaban que tiñan que traer a un mozo xove, intelixente e guapo, pero non foi así. Firmina decatouse de que sempre falaba da súa mellor amiga e decidiu chamala. Rapidamente Alicia acudiu e dixo en voz alta: "Ámoa, non podo vivir sen ela". Murmuroulle algo ao oído e Brancaneves espertou. O suceso volveuse famoso e ao seu taller cada vez acudía máis xente, era incrible. Dous anos despois, casaron, viviron felices cos ananiños e con Firmina e comeron chourizos, porque as perdices non lles gustaban!

Por Laureano Figueria (2ºESO-


Branconeves Nun país moi afastado vivía unha belo príncipe de nome Branconeves, cuxa madrasta era unha raíña moi vaidosa e sempre quería ser a máis guapa do reino. Tiña un espello máxico ao que sempre lle preguntaba quen era máis guap@, ao que o espello contestáballe: -Ti es, oh raíña, a máis fermosa de tod@s. Os anos foron pasando e o espello sempre dicía que ela era a máis guapa do reino. Pero un tempo despois, a raíña volveu realizar a mesma pregunta de novo ao espello, e este contestoulle: -Branconeves é o máis guapo do reino. A raíña ensombreceu de envexa e buscou a un cazador e ordenoulle que levase a Branconeves ao bosque para


matalo. E para demostralo, a raíña pediu ao cazador que lle trouxese o corazón de Branconeves nun pequeno cofre. O cazador levouna ao bosque, pero no momento de matalo sentiu pena e decidiu deixar que fuxise. Para poñer un corazón no cofre buscou a un xabaril e entregoullo á raíña. Branconeves atopouse só no bosque, chorando, e deu cunha bela casiña. Entrou e viu que todo era moi pequeno. Ao subir ás habitacións viu sete pequenas camiñas. Estaba tan esgotado que decidiu durmir un intre. Ao pouco, chegaron os donos da casa que eran sete ananiños que traballaban nas minas. Ao atopar a Branconeves, este explicoulles a súa historia e os ananiños decidiron que quedase a vivir con eles. A raíña volveulle preguntar ao espello máxico que quen


era máis guap@ no reino. O espello volveu contestar que era Branconeves e que agora vivía na casa dos ananiños. Chea de odio, a raíña disfrazouse de velliña e foi á casa do bosque. Cando atopou a Branconeves, ofreceulle unha mazá envelenada. Ao mordela, caeu ao chan desmaiado. Cando chegaron de novo os ananiños e viron a Branconeves tendido no chan, creron que morrera. Por iso puxérono nunha urna de cristal co fin de que todos os animais puidesen despedirse del. Nese instante Branconeves espertou e preguntouse que pasaba alí. Un home foi a xunto del para axudalo e aceptou. Pasados uns anos foron unha parella moi feliz e non tiveron ningún tipo de problema.

Por Mauro Domínguez (2ºESO-


A alerxia de Brancaneves Brancaneves era unha moza, que por desgraza tiña unha madrasta que sempre lle mandaba a ela facer as tarefas o fogar, entón Brancaneves estaba moi triste, por eses feitos. Un día atopouse cun aposto home, pero ela pensou que se merecía algo mellor e nin se fixou nel. Unha tarde foi recoller flores e máis a ver a uns amigos seus; a súa madrasta, sen que a moza soubera nada, mandou a un cazador para que a matara. Cando Brancaneves xa ía na metade do camiño, atopouse co home que lle quería quitar a vida, pero Brancaneves puido vencer na pelexa, porque ela era moi forte. A rapaza fuxiu polo monte para que non lle sucedese nunca máis o acontecido, pero como non sabía moi ben a onde ía. Finalmente, foi dar nunha pequena casiña que xamais vira e como lle picou a curiosidade entrou. Nela atopou a sete homes pequeniños e fixéronse moi amigos. Ían


xuntos a todas partes, ata que un día Brancaneves marchou para traballar e, como non traballaban xuntos, foron por camiños separados. Branca atopouse cunha muller moi velliña que lle ofreceu un zume de uva e ela, inocentemente eceptouno, pero do que non se decatou foi de que ela era alérxica á uva e se o tomaba podería morrer asfixiada. A muller, que resultaba ser a súa madrasta, díxolle que só a salvaría o olor dunha boa mariscada e, como sabía que ela non se podía permitir semellante luxo, pois púxolle esa condición. Ao cabo dun par de horiñas os homes que tan amigos eran dela, puxéronse a buscala, posto que tiña que estar na casa dende facía moito tempo e non estaba. Atopárona tirada no monte, entón ela díxolle o que tiñan que facer para poder salvala e conseguiron rescatala das garras da morte. Foron felices e remataron de comer a mariscada, porque as perdices non estaban de oferta. FIN (aínda que sabemos que todo continúa).

Por Noa Piñeiro (2ºESO-D)


Brancaneves e os sete ananiños Érase unha vez unha princesiña tan intelixente e astuta, que era a envexa do castelo onde vivía, ou mellor dito, da súa terrible madrasta. Comesta pola rabia, pediulle a un cazador que asasinara á moza e lle entregara o seu cerebro nunha caixa de ouro. Mais, Brancaneves era moi lista e conseguiu fuxir a tempo. Correu perdida entre altas árbores sen saber onde ir. Finalmente, foi dar a unha casiña certamente singular, onde todos os mobles eran, polo menos, catro cabezas máis pequenos ca ela. Entrou con permiso propio e xuntou sete camiñas que semellaban ser de xoguete e durmiuse ao pouco. Horas máis tarde, chegaron as personiñas donas daquela morada: Bochechudo, Loiriña, Piqueta, Ché Tembriña, Barbudo e Retranqueira, que se dedicaban á caza, minaría e a botánica. “Ahhh!” exclamaron ao unísono.


Quen sería aquela rapaza de pel pálida tan misteriosa? Espertárona. Entón, Brancaneves afogou un grito coas mans. - Bos días señor@s... em, pois, eu estaba, estaba... - Pobriña, nin fala. - Meu Deus!

Todos estaban sorprendidos. Bochechudo, o máis veterán, pronunciouse: - Ti es a princesa! Coñecinte cando eras unha nena, non cambiaches nada. - Tiven que escapar, un cazador está intentando matarme para darlle o meu cerebro á raíña. - Que horror... Daquela, podes quedar connosco. - Moitas grazas. Sei coser, lavar, cociñar... ah, e traballar as minas e cazar, por suposto. - Iso será de gran axuda, á miña idade xa me costa máis levantar o pico.

Petaron á porta. Ou non! Era o cazador! A moza sentiu que chegaba o seu final. Abriu Barbudo con certa chulería: - Querías algo? - Veño buscando a Brancaneves

-Non a matarás! -Vaite se non queres morrer ti! -En realidade viña na súa busca porque estou completamente namorado dela.


Todos quedaron coa boca aberta. Entón Felipe Ces, o cazador, seguiu o procedemento máis común de pedida de man. Xa sabedes, iso do nocello ao chan e demais. - Por min...- dixo Brancaneves

Ché Tembriña colleu a caixiña de ouro na que debería estar o corazón da moza e forxou dous aneis realmente fermosos. Entón, viviron felices, coas cousas de parella, claro. Pero felices. Basearon a súa dieta en alimentos sen glute e tomaban máis verdura ca unha cabra porque hai que coidar o que comemos, e tamén as perdices. Quizais isto non é algo relevante nesta historia, pero sempre se conta e eles non ían ser menos. Por Noelia Fernández (2ºESO-D)

C e C


Ceni Pola fiestra aberta entraba tanto frío que facilmente tería conxelado un oso polar. Tiña a pel de galiña e batíanlle os dentes. Sentou no peitoril e escoitou. As súas irmás e a súa nai durmían. Tiña que ter coidado. Aínda que xa era maiorciña non lle permitiran ir á festa. Por iso o da escapada. Saltou e subiu no coche que a esperaba enriba da beirarrúa. Nel viaxaban tres mozos e dúas mozas, todos vestidos con roupa negra e rota, chea de pinchos, imperdibles e cadeas. (Por que debedes saber que a nosa Ceni era gótica, ao igual que os seus amigos). -Hei Ceni, sube que chegamos tardeExclamou un con pinta asiática, o cal conducía. Fíxolle


caso e apertouse ao lado dunha xove. A festa celebrábase nun garito de mala morte nunha rúa de mala morte. Alí Ceni bailou como embruxada, cantou como tola e bebeu como se non houbera mañá. Ao día seguinte espertou na súa habitación cunha resaca de narices e unha bota de menos. Era domingo, polo que quedou na cama ata que a súa nai a obrigou a levantarse. Cando baixaba soou o timbre, polo que a súa irmá foi a abrir mentres ela pasaba de todo e ía facer unha torrada. A súa nai tamén foi mirar quen fora a persoa que timbrara. Ceni acercouse para ver que ocorría (porque os muros eran anchos e non escoitaba nada) e chegou no momento exacto no que a súa nai lle quitaba unha bota (debía ser a que lle faltaba á xove a cal fora no seu lado no


coche, que estaba acompañada polo que debía ser o seu irmán (pois eran parecidísimos , quen era nada máis e nada menos o rapaz que conducía. “Ninguén nesta casa usaría estas botas do demoño, así que largo de aquí, impresentables”-Oíu dicir Ceni. (upss, esquecéuseme comentar que a súa nai odiaba os góticos . -Ninguén non é o meu nome- díxolle Ceni. E entón, farta, espetoulle- Lárgome, non che vou dicir onde, pero si que nin vou volver nin ides ter noticias de min, que xa me tendes ata as narices, aprendede dunha vez que eu non era a vosa criada.- a nai e, agora si, as dúas irmás ollaron para ela patidifusas- Ah, e por certo -continuou- Miriam Wu, familia, familia, Miriam Wu; que por que vola presento? Pois porque é a miña noiva.


E despois de soltar semellante bomba informativa (porque as súas tres conxéneres eran un pouco, moi moito, demasiado, homófobas colleu da man a Miriam e, nunha moto escondida no garaxe, marchou da súa “casa” (na cal non a trataban case nin coma ser humana a dar a volta ao mundo. Máis non sen antes interpoñer unha denuncia sobre a súa nai adoptiva. Ah, que non o sabiades? Ela non era realmente a súa nai, senón a persoa que se ofrecera a sacala do orfanato e darlle casa e cariño, para darlle unha vasoira e un pano. Que por que? Ben, iso mellor o deixamos para outro conto… Por Rocío Carbia (2ºESO-D)


O feitizo da princesa de Orbius Alá polo 1.428 no reino de Orbius nacía unha princesa moi desexada por seus pais porque algún día se convertería en raíña do pobo, por tal acontecemento celebraron unha festa de benvida á que foron convidadas xente importante do reino e todas as fadas, agás un fado que se enfadou inmensamente por non se acordaren del. Cada unha das fadas deulle un don agás o que non invitaron, que apareceu de súpeto no salón e botoulle un maleficio que dicía: “Cando cumpras dezaseis anos pincharaste cunha agulla e durmirás eternamente”. Acto seguido o fado desapareceu. Pasaron os anos e no seu dezaseis cumpreanos a princesa subiu ao faiado ca intención de coser un vestido e,


como ben lle dixera o fado, pinchouse ca agulla e quedou a durmir nun abrir e cerrar de ollos. Cando se decataron o resto das fadas, decidiron que debían facer algo para romper o maleficio. Acordaron que, cando a princesa cumprira dezaoito anos, faríanlle unha festa para conmemorar a súa maioría de idade, invitando esta vez aos príncipes dos reinos veciños e a todas as fadas incluíndo o fado para tenderlle unha trampa e así desfacer o feitizo, conseguindo que se pinchara ca mesma agulla que a princesa. Chegado o día da celebración, as fadas prepararon un biscoito especial para o fado en compensación por non invitalo á festa do nacemento da princesa, o que el non sabía é que nese biscoito ía agochada a dita agulla. E así foi, no mesmo instante no que lle deu unha chantada ao biscoito e se pinchou ca agulla, a princesa espertou e o fado desapareceu entre


gritos e lamentos para non volver. Ese día no reino de Orbius todo o mundo celebraba o espertar dunha futura raíña, que uns anos máis tarde dominaría Orbius con puño de ferro. Por Rubén Martínez (2ºESO-D

...........e este conto rematou! (sen comermos perdices)



IES FÉLIX MURIEL RIANXO, do 25 de Novembro ao 8 de marzo (curso 17-18)


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.