Proxecto Plan

Page 1

P.E. Plan Proxecta

PLAN PROXECTA INTRODUCIÓN O CEIP San Xoán de Becerreá é un centro contextualizado na zona dos Ancares, sendo, por tanto, un espazo natural cheo de recursos para o seu aproveitamento educativo en todos os aspectos. O coñecemento do medio convértese nun recurso inesgotable de aprendizaxes que van do natural ao social nutríndose das competencias básicas no proceso de formación integral do noso alumnado. Por outra banda, é un centro cunha maioría do profesorado definitivo e xove, comprometido coa contorna e co seu labor docente, que se aproveita do medio para abrir a escola ás vivencias cotiás da comunidade educativa, sendo un centro de referencia para as familias á hora de comprender e comprometerse cos nosos principios educativos. Ao longo destes últimos anos, o profesorado iniciou actividades que reflicten estes principios educativos e agora é o noso obxectivo fundamental, dar un formato de unidade, de proxecto de centro, a todas elas. OBXECTIVOS O noso principal obxectivo, na solicitude do Plan Proxecta, é incardinar todas as actividades individuais ou de ciclo que xa se viñan desenvolvendo no centro nunha única liña de traballo, negociada e compartida, que defina un estilo propio, que nos identifique como un espazo aberto á comunidade e respectuosa e agradecida con ela, e que nos dea a forza suficiente para perseguir máis e mellores obxectivos educativos. Pretendemos, tamén, seguir a nutrirnos das posibilidades educativas da zona, utilizándoas como tópico de estudo nos nosos proxectos, e servíndonos delas como contextualizacións das nosas actividades docentes. Para iso, contaremos coa axuda dos plans A21EG, 12 meses, 12 paisaxes, Recíclate con SOGAMA e Máis e mellor E. F., cada un na creación das súas propias situacións de aprendizaxe concretas, en cumprimento cos obxectivos propios de cada un dos plans, nos que esperamos sacar partido a diferentes xeitos de ver e traballar co próximo, contando coa axuda colaborativa e formativa específica destes plans e dos que os lideran. A participación nestes proxectos, en especial cando se consigue un traballo de equipo, dota de innovación educativa á labor docente. Ese é outro dos nosos obxectivos: a optimización dos recursos na mellora do noso labor diario, considerando que o este pasa por crear situacións de aprendizaxe (para alumnado, profesorado e familias) innovadoras e que vinculen o aprendido ao emocional, comprometéndonos, así, co obxecto de aprendizaxe e influíndo no desenvolvemento integral e continuado das persoas que formamos esta comunidade. Neste sentido, non podemos esquecer, como cuarto e último gran obxectivo xeral, o noso compromiso coa autoformación que, como profesores, debemos potenciar a nivel individual e grupal, para a nosa mellora profesional, e que, coa participación neste Plan, dará un novo pulo, habida conta de que seremos un grupo de profesores camiñando por este novo espazo, aprendendo uns doutros e das propias experiencias que vivamos. ORGANIZACIÓN, DESENVOLVEMENTO E METODOLOXÍA Aínda que é labor de grupo, o Plan Proxecta estará organizado polos coordinadores en colaboración coa Dirección do centro, no sentido de dar unha vertente transversal ás accións e liñas de traballo que se propoñan.

Novembro, 2012


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.