ROTEIRO POLO BARRIO DE COIA
1
ÍNDICE 1. INTRODUCIÓN-XUSTIFICACIÓN…………………………...................................3 2. GUÍA DIDÁCTICA…………………………………………………………..........4 3. TOPONIMIA……………………………………………………………………..6 3.1.INTRODUCIÓN………………………………………………………………6 3.2.DELIMITACIÓN DA PARROQUIA DE COIA……………………………………..7 3.3.CONCEPTO DE BARRIO……………………………………………………...7 3.4.TOPONIMIA DE COIA.……………………………………………………….8 4. HISTORIA DO BARRIO DE COIA. VIGO.............................................................12 5. ROTEIRO...................................................................................................18 PARADA 1. HISTORIA DO IES ALEXANDRE BÓVEDA DE VIGO.............................19 PARADA 2. PARQUE DA BOUZA. MOVEMENTO VECIÑAL.................................... 25 PARADA 3. CAMPO DE PETANCA E CHAVE DA FLORIDA....................................31 PARADA 4. PRAZA DA MIÑOCA......................................................................35 PARADA 5. DESIDERIO PERNAS E URBANISMO DO POLÍGONO DE COIA...............40 ROTEIRO 6. LAVADOIRO DOS ESTURÁNS........................................................51 PARADA 7. O BARRIO DE COIA NA EPOCA MEDIEVAL E MODERNA......................53 PARADA 8. CASTRO-CASTRIÑO. PREHISTORIA E HISTORIA ANTIGA.....................61 PARADA 9. LAVADOIRO DO RESÍO. RECONVERSIÓN INDUSTRIAL.......................65 PARADA 10. CASAS BARATAS DO RESÍO.........................................................70 PARADA 11.PAVILLÓN MUNICIPAL, LUDOTECA. EQUIPAMENTOS.........................72 PARADA 12. PRAZA DO POBO.......................................................................73 6. RELACIÓN DE MATERIAIS.............................................................................75 7. TRÍPTICO ALEXANDRE BÓVEDA…………………………………………..........77 8. AGRADECEMENTOS……………………………………………………………78
2
1. INTRODUCIÓN-XUSTIFICACIÓN: Un Roteiro é un camiño, unha viaxe ao redor dun territorio. O territorio que nos une aos membros deste grupo de traballo chámase Coia e o Roteiro é a viaxe polo seu coñecemento. Camiñar é aprender. Aprendamos máis. Aquí atopámonos cada día, chegamos dende diferentes partes da cidade, e aquí traballamos con persoas ás que intentamos transmitir coñecementos, actitudes e valores. Este lugar, onde todos interactuamos, pode resultarnos estraño, descoñecido, singular, pero ao mesmo tempo tamén nos parece familiar porque nel nos reencontramos cada ano para despedirnos máis tarde sen chegar a coñecelo e sen lograr coñecernos. Indagar, comprender é o noso obxectivo. Transmitir, ensinar é o obxectivo deste traballo: un Roteiro que te leva paso a paso pola historia do lugar onde vives, que che ensina o nome xa esquecido, e que che conta en cada parada, o que a paisaxe, a pedra, a fonte ou a casa che quere contar. Este proxecto nace con vocación de apoio aos alumnos e alumnas que queren saber máis e pretende converterse nun libromedia con cartografía, vídeos, entrevistas, colaboracións, fotografías, cancións, cine, recursos para utilizar na aula. Este Roteiro lévanos por COIA. Os “coiotes” viaxamos polo camiño do saber. Camiña con nós.
3
2. GUÍA DIDÁCTICA Obxectivos: Delimitar o barrio de Coia Percorrer o Roteiro e diferenciar os trazos máis relevantes Coñecer os aspectos básicos da cultura e da historia do barrio Valorar e respectar o patrimonio artístico e cultural Explicar e comprender as circunstancias históricas que levaron á creación deste barrio Rememorar a historia do barrio a través dos persoeiros do lugar Coñecer as diversas reivindicacións e logros dos residentes Localizar lugares ou espazos nun mapa Identificar algúns exemplos do impacto que a acción humana ten sobre o medio natural Describir edificios característicos do lugar Situar os equipamentos e os servizos Analizar a toponimia e interpretala Recoñecer a evolución urbanística da zona Analizar o que cambia e o que permanece ao longo do tempo Contidos: Historia do IES Alexandre Bóveda A Bouza, o movemento veciñal de Coia A Florida, Coia e o deporte A Miñoca, a convivencia cidadá A planificación urbanística do arquitecto Desiderio Pernas Lavadoiro dos Esturáns, urbanismo residual San Martiño, a historia antiga e medieval Castro Castriño, a prehistoria Lavadoiro do Resío, reconversión industrial Casas baratas, primeiro polígono de vivendas
4
Servizos sociais e equipamentos Praza do pobo, reflexión Procedementos (destrezas e habilidades) Analizar e interpretar o plano de Coia Estudar e comparar fotografías de distintas épocas Preparar un bosquexo sobre o barrio Buscar alternativas para frear o deterioro do barrio Analizar o proceso de transformación durante os últimos anos Extraer a información que aporten as esculturas, os monumentos e outras obras de arte Establecer relacións entre lugares máis e menos urbanizados Fomentar o uso das TICS Crear opinión e crítica sobre as entrevistas
5
3. TOPONIMIA 3.1. INTRODUCIÓN Seguindo a Gonzalo Navaza no prólogo do libro de Iván Sestay1 coincidimos na idea de que os nomes de lugar son parte esencial do patrimonio cultural dunha comunidade e a herdanza transmitida de xeración en xeración. Estes nomes fóronse creando ao longo do tempo e neste devagar a través da historia mostran a relación do ser humano co seu contorno e coa paisaxe. É mágoa que cando estes mudan conforme pasa o tempo, a toponimia periga. Galicia ten a gala conserva unha toponimia de gran riqueza debido a varios factores, como son a súa orografía irregular, a densidade de poboación e a dispersión dos asentamentos que axudaron a conservala intacta. O desenvolvemento das cidades, a urbanización do agro, o cambio nos costumes e os modos de vida poñerán en perigo este acerbo cultural e, en moitos casos, de maneira inxustificable, deturparán ou borrarán da memoria colectiva boa parte dese patrimonio. Tras a competencia autonómica de normativa toponímica avalada polo marco constitucional do estado plurilingüe, o labor de organismos asesores e reguladores oficiais como a Real Academia Galega e a Comisión de Toponimia poderán contribuír a preservar esta herdanza cultural do pasado. Nesta liña, seguindo os pasos de organismos internacionais como a Unesco e o Grupo de Expertos para os Nomes Xeográficos da ONU, en Vigo no ano 2000 varias institucións asinaron unha “Declaración pola preservación do patrimonio toponímico”. Aínda así continúase a ignorar, case sempre a carón de actuacións urbanísticas, o valor cultural da presenza dos nosos nomes de lugar. Neste capítulo do traballo imos presentar un percorrido pola Coia actual en procura desta toponimia “viva”. Sería absurdo non aproveitar o magnífico traballo de campo de Iván Sestay2 de recuperación, da boca dos falantes nativos, dos nomes anteriores á radical transformación urbanística e a explicación dos que aínda se conservan, por veces, agochados entre os muros de formigón. Nalgún caso haberá diferentes hipóteses da orixe de algúns nomes como o nome da mesma parroquia, Coia, mais outros son perfectamente interpretables. Sirva, pois, para a divulgación dos valores do noso patrimonio toponímico entre os máis novos e para que esta herdanza cultural reciba o trato que merece xa que só necesita vontade para que siga viva, nin máis nin menos que a lingua de nós.
1.SESTAY 2.
MARTINEZ, Iván; Toponimia do Val do Fragoso 1. Coia. Ed. Universidade de Vigo. Vigo, 2008.
Ibidem, páx.6 6
3.2. DELIMITACIÓN DA PARROQUIA DE COIA Coia é unha das parroquias que máis transformacións urbanísticas sufriu ao longo da segunda metade do século XX. A súa paisaxe rural e os seus modos de vida mudaron radicalmente nun contorno industrial de vivendas e servizos dunha grande urbe. O polígono significou un pulo de crecemento e desfigurou para sempre a imaxe da vella Coia que perdeu a súa identidade. Percorrendo os lugares atopamos certas áreas, moitas delas de agros e de construcións antigas, que nos fan imaxinar como sería a antiga Coia, como unha especie de aldeas-illa como Os Esturáns, O Chouso ou Figueirido. Esta transformación produciuse rápida e de forma traumática dende hai uns corenta anos, porque Coia, noutros tempos, era unha parroquia rural co seu sistema de barrios e lugares e con sentimento de unidade. A destrución da Coia histórica produciuse ao dividir a antiga freguesía de Coia en catro parroquias diferentes: Perpetuo Socorro, Nosa Señora do Rocío, Cristo da Vitoria e Santo Antonio da Florida. A Coia histórica quedou reducida hoxe a un 15% do seu territorio (vid. mapa), o resto foi urbanizado e ocupado por unha inmensa poboación foránea (uns 80 mil) sempre seguindo os datos aportados por Iván Sestay.3 En resumo, a Coia actual son simplemente restos do que foi a antiga Coia histórica. Entre estes restos é a toponimia a que saíu perdendo. 3.3. CONCEPTO DE BARRIO A tradicional parroquia de Coia dividíase nun antigo sistema de barrios e lugares cunha grande idea de unidade, como xa se dixo. As aldeas son chamadas barrios; e estes divídense en subaldeas chamadas lugares. Estes barrios tradicionais non teñen nada que ver co moderno concepto de barrio4. Os barrios da Coia histórica son 11: Peniche, O Areal, O Chouso, Os Esturáns, O Cruceiro, O Resío, A Pardaíña, Pelaio, Figueirido, A Espedrigada e Quintela, cada un con cadanseus lugares: A Seara, A Barxiela, O Adro… Podíase dar o caso de que un barrio como Pelaio estivese composto só dun lugar co seu mesmo nome; ou ben algúns lugares estaban divididos entre varios barrios: As Travesas, dividido entre os barrios do O Chouso, Peniche e Quintela. Actualmente Coia é un barrio urbano de Vigo, pero coa súa tradición histórica. Pertence ao distrito 1 do Plan Xeral de Vigo PXOUM. 3.
Ibidem, páx. 12 de solo urbano que se caracteriza por ter un denominador común ou varios elementos referenciais interrelacionados: arquitectónicos, toponímicos ou culturais. A súa orixe pode ser debida a unha decisión administrativa ou a unha iniciativa urbanística. 4. Área
7
Desde un punto de vista administrativo Coia non existe como barrio. Convencionalmente fálase de barrio de Coia para os efectos de delimitación; neste senso elaborouse un listado de rúas para facilitar o traballo. Non é certo, pois, que Coia estea dividida administrativamente nos catro barrios tradicionais: Bouzas, Coia, Cristo da Vitoria e O Rocío, que nin sequera corresponden coas parroquias. 3.4. TOPONIMIA DE COIA Como xa mencionamos na Introdución imos acercarnos á microtoponimia de Coia5 viva na actualidade que está en vías de desaparecer, pois só se conserva en boca dos últimos nativos e é, por tanto, case descoñecida para o noso alumnado. Balaídos ou As Travesas, antes microtopónimos, convertéronse en topónimos xerais dun barrio concreto; pero tamén se xeneralizaron formas deturpadas como Pelaios (por Pelaio), Barciela (por Barxiela), Castro Castriño (por O Castriño)… A maior parte da poboación da Coia actual, case toda foránea, coñece de Coia só un pequeno número de topónimos: Balaídos, As Travesas, o Parque da Bouza, o río Lagares e A Florida. Algúns destes non están no percorrido do noso Roteiro, pero cremos que merecen ser descritos no traballo pola razón mencionada. Nas placas das rúas aparecen outros: Figueirido, Os Esturáns, pero só referidos aos nomes das rúas. Outros sen desaparecer, son hoxe pouco empregados ou aparecen como núcleo de poboación; é o caso do barrio do Areal de Coia ou Lavadouro ou O Xuncal, substituído este último, na actualidade, pola urbanización da praza da Miñoca. Centrarémonos nos topónimos do trazado do Roteiro, tendo en conta que este non percorrerá toda a Coia histórica, nin tampouco se circunscribirá exactamente aos límites da Coia actual. Neste percorrido toponímico comezamos, por suposto, polo topónimo Coia e polos barrios históricos limítrofes. Empregamos a nomenclatura da toponimia histórica -e sempre, como xa dixemos, seguindo literalmente a Iván Sestay- superpoñéndoa á actual, para cumprir un dos obxectivos do traballo, que é que o alumnado sexa capaz de ver a riqueza perdida e o que aínda sobrevive.
5.
Vid. Mapa microtoponímico de Coia. Área de Normalización Lingüística. Universidade de Vigo.
8
COIA Aparentemente o topónimo Coia parece que ten semellanza formal e morfolóxica coa forma galega coio (pedra, pelouro)< céltico KROWDIOS que tamén deu a covariante croio o que lle dá certa credibilidade. Mais cómpre saber que tales formas coio e croio non son palabras vivas en Coia, nin nos lugares próximos do Fragoso ou o Morrazo, senón que atopamos pelouro, pedrolo, pandullo… De aí que se apunten outras orixes, comúns ás doutras zonas: hidrónimos como Coura, Cabe ou topónimos de val como Coira, Courel ou relacionado co asturiano coya (val, cova, sitio cóncavo) que derivarían dun antigo COVIA coa máis antiga derivación prerromana –IA e a mesma raíz indoeuropea. A forma COVIA está recollida como antecedente indoeuropeo de varias palabras célticas, étimo de moito rendemento para topónimos galegos como a nosa Coia e como as coyas ástures. En resumo, á falta de probas contundentes, hai indicios suficientes para crer que a nosa Coia sexa un derivado prerromano dunha moi común raíz indoeuropea co significado de “concavidade, val, fondón, sitio recollido ou protexido”. A FLORIDA Hoxe é un barrio urbano de novo, que se corresponde a grandes trazos coas terras ao redor da avenida homónima. Tamén é parroquia, independizada na década de 1950 da de Coia, Santo Antonio da Florida, pero, malia isto, os veciños nativos séguense a sentir de Coia. Así se chamou en principio unha casa de indianos situada na parte baixa da avenida á que deu nome. Tiña escrita na entrada “La Florida”, por ser, segundo a veciñanza, o lugar do estado arxentino de Rosario de onde proviña a familia de emigrantes retornados. BALAÍDOS Ocupa o empalme de Alexandre Bóveda con Pablo Iglesias e de aí ata o colexio Público de Balaídos e o río Lagares. O topónimo aparece xa en 1529 como Prado d´Avelaýde. Máis tarde en 1752 aparecía Valaýdo que se convertía en Valaýdos cando se refería a todas as terras do latifundio. Balaído pluralízase en Balaídos. Hai aínda habitantes da zona que distinguen o singular do plural co mesmo uso de lugar concreto e zona máis extensa. Non teñen fundamento, sempre segundo Iván Sestay, as hipóteses de orixe árabe ou dunha derivación de “valado”. Non se pode comparar, pois, con Balada, Balado ou Baladiñas, outros topónimos en Vigo. A explicación máis plausible é a de abeleira, como tamén cren toponimistas da categoría de Gonzalo Navaza e outros, que sofre nesta área unha evolución a abelaído, variante fonética de abelaedo, bosque de abeleiras. O paso final, a partir do século XVIII de Abelaído a Belaído e Balaído é perfectamente normal.
9
O LAGARES Dá nome ao río máis importante do Val do Fragoso. Con esta denominación coñecíase a parte do curso do río na zona de Coia, Río de Lagares en Coia. Neste lugar había unhas terras ribeiregas chamadas Lagares, localizadas hoxe na parte baixa das rúas Pinal de Adentro e Manuel Castro: unha barxa e algún prado enchoupado antes da urbanización. A denominación actual que abrangue todo o curso do río é froito da necesidade dunha unidade onomástica. O seu nome antigo foi río Sárdoma. AS TRAVESAS Nunca foi un barrio da Coia histórica, senón un lugar (subaldea) repartido entre os barrios do Chouso, Quintela e Peniche. O topónimo cobrou moita vida desde xa antes de mediados do século XX e hoxe é un barrio urbano cunha extensión moito máis grande que a que tivo orixinariamente. É un topónimo ben antigo, a súa primeira documentación escrita data de 1529. O seu sentido enténdese pensando nas travesas de madeira das vías do tren, que unen os dous raís de ferro; chámanse así por estaren atravesadas con respecto aos raís. Nas nosas Travesas temos o mesmo, pero nun sentido agrario: unhas leiras atravesadas, postas en perpendicular con respecto a outras. Deriva, así, de As (leiras) Travesas, é dicir postas do través. PELAIO (PELAIOS) Foi unha das aldeas (barrios) máis importantes de Coia e tamén un dos máis afectados pola construción do Polígono. Corresponde ás actuais rúa Baiona, con todas as súas transversais, a rúa Nigrán, con todas as súas transversais tamén; todo circundado ao oeste pola rúa Porriño, que cortou Pelaio de norte a sur. Así, só queda de Pelaio unha tira ao norte do cemiterio de Bouzas, entre o camiño de Pelaios e esa rúa Porriño. Repárese en que o nome conservado no actual camiño de Pelaios pertence a unha zona periférica do antigo Pelaio, pois o seu centro estaba máis ou menos na actual rúa A Guarda, preto da igrexa da Nosa Señora do Rocío. Os nativos empregan a forma Pelaio, non Pelaios como hoxe reza a placa, que, por certo, é unha pluralización idéntica á que se deu en Balaído (por Balaídos). O topónimo é por natureza complexo. A hipótese máis probable sería como castelanismo antigo derivado de PELAGIUS, que daría o nome persoal Paio, pero dubidosa por estar documentado moi antigamente (1529). Aínda así, é máis factible que outras orixes como dun hidrónimo prelatino PELLAGIO ou incluso como pelamio (curtiduría de peles).
10
FIGUEIRIDO É un dos barrios tradicionais de Coia e hoxe fica como unha aldea-illa onde aínda se ve algún campo de labor e casas unifamiliares. O topónimo Figueirido é un colectivo onde abundan figueiras bravas (as cales crean verdadeiras selvas a diferenza das cultivadas). O CRUCEIRO Este barrio está entre a rotonda de Alcampo e a rúa Estrada, ata onde comeza O Turreiro. Era o barrio (aldea)6 central de Coia, onde se sitúa a igrexa parroquial, que estaba no lugar (subaldea) do Adro. Hoxe confúndese e trátase a miúdo o Adro como barrio e ao Cruceiro como lugar (Nomenclátor da Xunta). A orixe é un cruceiro de pedra que había preto da igrexa e que hoxe está brutalmente engastado na parte alta da fachada da nova igrexa parroquial. OS ESTURÁNS É o barrio (aldea) que vén inmediatamente despois do Chouso cara o poñente; un pouco máis extensa que aquela. Gran parte do seu territorio está absorbido polas urbanizacións do Polígono. É un topónimo antigo. Trátase dun étnico que deriva de ASTURIANOS como outros que hai no resto de Galicia, como Asturáns ou Astureses. Dátase Os Esturáns de Coia arredor do ano 1000 e tomaría o nome de xentes vidas das actuais provincias de León e Zamora que formaban parte do antigo convento asturicense. Serían mozárabes que se virían refuxiar ás terras cristiás de Coia. O RESÍO É un barrio (aldea) que se corresponde máis ou menos coa actualmente chamada rúa do Resío (na placa rúa do Rocío). Recentemente independizouse eclesiasticamente de Coia co nome de “parroquia de Nuestra señora del Rocío”, como se o secular nome do Resío fose unha deformación popular do da Virxe, por certo, aínda empregado pola maioría dos nativos. Un resío é unha vella palabra galega co significado xeral de “sobrante dunha terra que queda ao longo do muro que a pecha” e de aí “faixa de terreo que bordea algúns terreos” ou “anaco de terreo pechado unido á casa”. Vén do latín RESIDUU, é dicir “residuo” co sentido de “o que se deixa fóra”. BIBLIOGRAFÍA SESTAY, I., Toponimia do Val do Fragoso. Coia I. UNIVERSIDADE E CONCELLO DE VIGO MATERIAL COMPLEMENTARIO
Ben falado microtoponima Coia: http://www.youtube.com/watch?v=_Y9z4eHK3w&feature=email 6. Nota:
aldea tradicional=barrio; subaldea tradicional=lugar 11
4. HISTORIA DO BARRIO DE COIA. VIGO O barrio de Coia de Vigo é un dos barrios máis senlleiros da cidade cunha longa historia que imos percorrer neste Roteiro. Esta longa historia comeza xa na prehistoria e vaise desenvolvendo nas distintas etapas ata o actual polígono de vivendas que mudou o aspecto tradicional do barrio. Unha historia que ten continuidade no futuro, pois aínda queda moito por facer. Nas distintas paradas iremos coñecendo a fisionomía e a vida dos habitantes de Coia ao longo da Prehistoria e da Idade Antiga (Parada 8) e a Idade Media (Parada 7), que amosan unha Coia ben distinta á que hoxe coñecemos e da que aínda quedan pegadas agochadas entre os altos edificios de vivendas como illas do pasado. Nesta primeira achega á historia do barrio, e para comezar o Roteiro, imos coñecer máis polo miúdo a orixe do polígono de vivendas de Coia.
Rúa Tomás Alonso principios de século XX. Foto cedida pola AA VV Camiño Vello.
12
Bouzas cara a 1940. Foto cedida pola AA VV Camiño Vello.
Esta historia comeza nos primeiros anos da ditadura franquista. Tras o triunfo das potencias democráticas fronte ás fascistas na 2ª guerra mundial (1939-45), a asemblea da ONU aproba, en 1946, illar o réxime de Franco. Isto supuxo para a economía española unha grande escaseza de produtos e enerxía que empobreceu o país, ata o punto de que aos anos 40 e 50 se lles chamou “os anos da fame”. A finais dos anos 40 a situación de desabastecemento foi tan grave que un novo equipo económico, os chamados tecnócratas, convenceron ao ditador da necesidade de atraer investimentos estranxeiros que impulsasen a economía para tomar un xiro cara á modernización. Para iso inícianse conversacións con EUA que frutifican nun acordo que cambiará o rumbo do país: coa instalación de catro bases militares estadounidenses en solo español (Torrejón de Ardoz, Zaragoza, Morón de la Frontera e Rota e outros 16 puntos secundarios para o control do sur Mediterráneo, durante este período denominado Guerra Fría) a ONU anulará a súa resolución de illamento exterior e o réxime fascista de Franco formará parte dos organismos internacionais e poderá recibir eses investimentos tan necesitados para relanzar a economía. Para canalizar estes cartos creouse o Plan de Estabilización de 1959 que desenvolvía os chamados Polos de Desenvolvemento Industrial. Tratábase de seleccionar certas áreas urbanas en rexións atrasadas e crear nelas as condicións para que se desencadease un proceso de concentración industrial; posteriormente estas industrias atraerían outras e actuarían como motores do desenvolvemento da zona. As empresas axustaríanse ao novo tipo de actividade e recibirían diversos incentivos (subvencións,
13
créditos oficiais, desgravacións fiscais, solo industrial relativamente barato, boas infraestruturas e axudas para a formación profesional). Estes Polos de desenvolvemento situáronse en cidades como A Coruña, Vigo, Sevilla, Valladolid, Zaragoza, Granada, Córdoba, Oviedo, Logroño e Vilagarcía de Arousa.
No caso de Vigo, e na súa condición de porto franco, as empresas que servirían como polo de atracción e dinamización económica serían a automobilística Citröen, industrias conserveiras Carnaud, caldeiraría pesada Censa, químico-farmacéutica CooperZeltia, forestal ENCE, entre as máis salientables.
14
O POLÍGONO DE VIVENDAS DE COIA Entre 1961 e 1973 medraron rapidamente a industria e os servizos ocasionando un éxodo de poboación dende as zonas rurais cara ás novas cidades industriais, o que supuxo o empobrecemento por desertización das zonas rurais. Para acoller este éxodo iniciáronse campañas de construción de vivendas. O groso desta construción produciuse na periferia das grandes cidades, pero sen unha planificación urbanística previa, que co tempo derivaron en cidades-dormitorio masificadas e a miúdo con numerosas carencias de servizos comunitarios. Así é como nace o polígono de vivendas de Coia (1970), unha urbanización promovida polo Ministerio da Vivenda nos anos 60, na que o arquitecto vigués Desiderio Pernas proxectou a maioría das edificacións, por encargo da Promotora Benéfico Popular da entón chamada Caixa de Aforros de Vigo. Outras urbanizacións tamén foron creadas por cooperativas de vivenda xestionadas por empresas como Citroën ou Estaleiros Vulcano. Comezouse por expropiar os terreos dun gran número de familias que vivían do campo como se viña facendo de xeito tradicional nas aldeas de Galicia. A expropiación foi forzosa seguindo o costume autoritario do réxime e supuxo para estas xentes un feito traumático que cambiou radicalmente o aspecto do barrio.
Foto cedida pola AA VV Camiño Vello.
Os novos veciños e veciñas atopáronse nunha barriada con moitas carencias que se intentarán arranxar grazas a un activo movemento social que hoxe é un dos seus sinais de identidade. Neste capítulo da loita veciñal por construír un barrio mellor incluímos no noso Roteiro dúas Paradas que contan, polo miúdo, os momentos ata agora máis significativos: os inicios do movemento por mellorar as condicións de habitabilidade
15
do Polígono (parada 2) e os anos 80 da reconversión industrial, co seu dramático saldo de paro e drogas (parada 9).
Foto cedida pola AAVV Camiño Vello
Quizás este cambio tan rápido e profundo que soportou Coia dende a segunda metade do século XX, co urbanismo salvaxe, sen planificación, e a loita das xentes que viñeron vivir nunha barriada carente dos máis básicos equipamentos, foron a razón deste traballo. O coñecemento do pasado, para as novas xeracións, é necesario para o desenvolvemento do futuro; un futuro que aínda é incerto neste espazo da cidade de Vigo. Quedan moitas actuacións por facer nos ámbitos do urbanismo (comunicación con Bouzas, parcelas sen urbanizar…), da convivencia cidadá (centro cultural, novos retos para a mocidade…), e a estas necesidades son os rapaces e rapazas novos os que lles teñen que dar resposta, logo da súa formación. Como diciamos no inicio do traballo “un Roteiro é un camiño”, o camiño do coñecemento para medrar…
16
Avenida de Castelao. Polígono de Coia. Foto cedida pola AAVV Camiño Vello
SABÍAS QUE PORTO FRANCO: nome que se dá a un porto comercial declarado neutro polo que respecta aos dereitos aduaneiros e no que poden introducirse, almacenarse, seleccionarse, manipularse, comprarse, venderse e reexportarse toda clase de mercadorías procedentes do exterior ou do mesmo país sen xerar ningún dereito fiscal. BIBLIOGRAFÍA http://es.wikipedia.org/wiki/Dictadura_de_Francisco_Franco http://www.um.es/ixcongresoaehe/pdfB7/politica%20regional.pdf http://es.wikipedia.org/wiki/Dictadura_de_Francisco_Franco http://www.eumed.net/cursecon/dic/dent/p/pub.htm MATERIAL COMPLEMENTARIO Colección de fotos de Quintero CD FOTOS do barrio de Coia cedidas pola AAVV Camiño Vello. Relatorio, O movemento veciñal do polígono de Coia. EMILIO SÚAREZ CORUJO, sacerdote da Parroquia Cristo da Vitoria.
17
5. ROTEIRO PARADA 1. INSTITUTO ALEXANDRE BÓVEDA: historia do Instituto e orixe do nome Alexandre Bóveda. PARADA 2. PARQUE DA BOUZA: o parque da Bouza sérvenos para introducir a orixe do actual polígono de vivendas e o activo movemento veciñal que loitou pola humanización do barrio. Esta loita ten como cumio este parque, que ao berro A Bouza é nosa! foi unha referencia na cidade para as reivindicacións veciñais dos primeiros anos da democracia. PARADA 3. CLUB DE PETANCA: neste punto do Roteiro introducimos a historia deste deporte e facemos alusión ás distintas asociacións deportivas que traballan no barrio. PARADA 4. A MIÑOCA: recuperación da toponimia e memoria do vecindario. PARADA 5. PARQUE LINEAL-AVENIDA DE CASTELAO: introdución á figura do arquitecto Desiderio Pernas e ao seu deseño do polígono de vivendas. PARADA 6. LAVADOIRO DOS ESTURÁNS: aquí mostramos a convivencia do antigo espazo rural co moderno polígono de vivendas. Convida tamén este espazo á reflexión sobre o futuro do barrio e o seu desenvolvemento. PARADA 7. PARROQUIA DE SAN MARTIÑO DE COIA: introdución á Coia antiga e medieval, á Coia aldeá e mariñeira. PARADA 8. CASTRO-CASTRIÑO: introdución á Coia prehistórica e romana. PARADA 9. LAVADOIRO DO RESÍO: introdución aos anos 80 marcados pola reconversión industrial, o paro e as drogas. PARADA 10. CASAS BARATAS DO RESÍO: primeiras iniciativas en materia urbanística coa intención de proporcionar vivendas económicas e saudables para os obreiros. PARADA 11. PAVILLÓN-LUDOTECA: introducimos aquí os equipamentos do barrio. PARADA 12. PRAZA DO POBO: derradeira reflexión sobre o futuro do barrio e a participación cidadá para a mellora da convivencia. Fin do Roteiro e foto de grupo.
18
PARADA 1. HISTORIA DO IES ALEXANDRE BÓVEDA DE VIGO TOPONIMIA AS PRESAS É o lugar onde empalma a rúa Baiona coa rúa Porriño, onde está o IES Álvaro Cunqueiro e o IES Alexandre Bóveda. Este topónimo é bastante moderno e, mesmo, pode resultar enganoso, xa que en Coia unha presa non é un “encoro de auga”, senón unha canle para conducila aos regadíos.
HISTORIA O actual IES Alexandre Bóveda comeza a funcionar no curso 1972-73, daquela como sección delegada do Instituto Santa Irene, sendo director Manuel Pazo Carracedo ata maio do curso 1975-76, segundo aparece nas actas conservadas hoxe no devandito instituto que acreditan este, literalmente, “funcionamento provisional”. A primeira acta que documentamos está datada en novembro de 1976, cando ocupaba a dirección Avelino Muleiro, que cesará en maio de 1977. En outubro do mesmo ano noméase director a Leónides de Castro, que dimite en xuño de 1979, substituíndoo no seu posto o vicedirector Constantino Touzón que, así mesmo, cesará en setembro deste ano. Gonzalo Pardellas será o novo director durante o curso 1979-80. Todas estas incidencias nos nomeamentos –de curta duración– na dirección do Instituto amosan un clima de inestabilidade, que reflicte a situación social do momento. Estase a vivir a “transición política” dun réxime ditatorial a unha democracia. E este centro acaba de “nacer” nunha zona de recente expansión, preto de grandes industrias e per se conflitiva, nunha sociedade en profundos cambios. Nunha primeira etapa deste percorrido cronolóxico observamos que durante catro anos no noso centro se impartiron as clases diúrnas do Instituto Santa Irene, por mor das obras de restauración realizadas neste. Segundo acreditamos será na acta de novembro de 1976 cando apareza a denominación de IB Mixto Coia nº 2. Recibe este nome porque os institutos de Vigo (agás o masculino, Santa Irene, e o feminino, Santo Tomé) comezaron a ser mixtos e a chamarse correlativamente conforme a data da súa implantación (IB A Guía Mixto nº 1; IB Alexandre Bóveda Mixto nº 2; IB Castelao Mixto nº 3, etc). A denominación popular de Coia 2 ten a súa orixe nestes feitos. En febreiro de 1980 aparece, por primeira vez, na correspondente acta, o nome de Alexandre Bóveda, concedido polo Ministerio de Educación e Ciencia.
19
Cómpre subliñar que foi no claustro de 19 de novembro de 1977 onde Xesús Alonso Montero presenta a votación un escrito no que solicita a “incorporación oficial e graduada da lingua galega no ámbito dos distintos niveis do ensino”. A proposta ten 50 votos a favor, dous en contra e sete abstencións. E, tamén, cómpre subliñar que neste mesmo claustro, Constantino Touzón propón a consideración dos claustrais o nome de Alexandre Bóveda para o Instituto, “previa xustificación da personalidade e a obra de dito galego egrexio”, como literalmente figura na acta do antedito claustro. Como anécdota sobre o tema, falando persoalmente co Profesor Touzón xustifícanos a súa proposta polo impacto que tivo nel daquela a lectura do libro “Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda” de Gerardo Álvarez Gallego (Ed. Nós. Bs. Aires 1972). A figura de Alexandre Bóveda, como a de calquera personaxe que dea nome a unha institución, debe ser lembrada polas xeracións de estudantes e profesorado que pasen polo centro. É unha figura que apenas aparece nos libros de texto e currículo nos distintos niveis de ensino e ben merece unha mención especial neste traballo. Alexandre Bóveda foi un ideólogo e activista político membro do Partido Galeguista que defendía o dereito á autodeterminación, e un dos redactores do Estatuto de Autonomía do 36. Foi candidato da Fronte Popular na II República pola provincia de Ourense nas eleccións de 1936. Cando se produce o golpe de estado o 18 de xullo forma un grupo con outros coñecidos galeguistas a prol da defensa da República. Por este feito foi xulgado e fusilado na Caeira (Pontevedra) o 17 de agosto dese mesmo ano. Antes de morrer escribiu á súa familia: “Faltan uns minutos e teño valor, por vós, pola Terra, por todos. Vou tranquío”.7
Instituto de Educación Secundaria Alexandre Bóveda, Vigo. Foto grupo de traballo.
7. http://www.manueljabois.com/2009/09/alexandre-boveda-descansa-con-su-amor.htm
20
COIA DE MEMORIA (por Carmen Panero, profesora de Lingua Castelá do IES) Coia 2, “denominación de orixe” do Instituto Alexandre Bóveda En 1980 o Ensino Público, ben considerado socialmente desde a Lei Xeral de Educación, promovida polo ministro Villar Palasí dez anos antes, é precaria en Vigo: hai poucos colexios de EXB (na área urbana, o Fleming, o Lope de Vega, O Picacho…), cinco institutos de BUP e COU, e o Politécnico de FP (formación que tamén se imparte na Universidade Laboral, pero esta mantén aínda un réxime de alumnado bolseiro procedente de todo o Estado). Os institutos “de prestixio” e tradición son o Santa Irene e o Feminino (Sto. Tomé dende 1981) -obviamente, de ensino segregado, herdado do franquismo-; e o Calvario, Coia e a Guía, son os mixtos un, dous e tres de recente e sucesiva creación en Coia, O Calvario e A Guía respectivamente. No mesmo ano 1980, creouse o Coia catro, é dicir, o cuarto instituto mixto. A vella denominación deses últimos (tan vulgar!) sobrevive coloquialmente, cando xa a súa orixe foi esquecida e a xente se pregunta, a miúdo, a que se debe semellante incongruencia do dous e o catro no noso barrio. Aguerridos, politizados e “progres” PNN Nos claustros, novas xeracións de profesorado (comezando pola xeración do “maio do 68”) acababa de aterrar e pola súa idade e as súas ideas, séntense moito máis preto do alumnado ca do antigo colectivo de docentes. Son maioría, aprobaron a oposición de agregados e agregadas, promoven a democratización do centro e dos departamentos, e, combatendo o despotismo dos catedráticos reinantes, defenden a liberdade de cátedra fronte ao escándalo que causa tanto o que se deixen atuar como a sospeita de que podan politizar as aulas, cando falar de política se considera perigoso e non digamos se se fala de liberdade sexual ou de drogas (que, tristemente, comezaran xa a facer estragos nos institutos). Na primeira etapa do noso Coia 2, durante os anos 70, corrían ventos de rebeldía, o mesmo que sucedía na Universidade. Entre o alumnado, estaban xa estendidos o interese por transformar a situación política e a oposición ao franquismo, así como a participación en asembleas e en manifestacións, que eran ilegais, e a organización clandestina. O liderado da clase ía da man, en xeral, de xente con inquedanzas, concienciada e contestataria, que avogaba pola liberdade de expresión e por ter voz e voto no ámbito do centro (non existían, legalmente, representantes de curso: foron unha conquista estudantil). Pero, na rúa, todo isto adoitaba entenderse como pretextos para non traballar e tamén se cualificaba de trasnada, sobre todo, cando non había argumentos derivados da “pintada” reivindicativa ou, máis aínda, se a resposta á represión (policial ou académica) se volvía violenta. A combatividade do instituto Coia 2 tivo un grande eco, non só nos demais institutos senón en Vigo e máis alá. Entre os “ben pensantes” comezou a tecerse a súa
21
“lenda negra” e a súa mala fama, que tanto custaría sacudirse… O uso do galego nas clases tamén está baixo sospeita e o feito de terse aprobado o nome de Alexandre Bóveda foi, sen dúbida, unha ousadía, e mesmo é probable que se coara pola ignorancia das “altas esferas”. Cando se cree o Coia 4, medio claustro se trasladará a el na procura dun novo prestixio,… paréceme a min. O feito máis lendario era o de que, aí, entre outras atrocidades (verdadeiras ou falsas), se lle queimara o coche ao director, o cal foi certo. Pero as lerias non teñen nunca en conta o problemática que pode chegar a ser unha situación, como o era daquela, tanto no instituto como no barrio, onde se vivía en “carne propia”, o conflito da clase traballadora que estalou, no 72, en Citroën e noutras empresas. Eu non estaba aínda en Coia nese tempo, así que non podo ter máis ca un xuízo formado dende fóra. Pero o que sei é que a súa situación era máis complexa ca a doutros institutos, pois, entre outras cousas, a súa capacidade permitiu acoller ao persoal do Santa Irene, mentres duraban as obras de restauración deste, e sei por experiencia o difícil que é gobernar un ámbito masificado, por non falar das inevitables rifas que haberían de xurdir. E, dende logo, a loita dos PNN pola xusta reivindicación da nosa estabilidade (que derivou en longas folgas) non podía contribuír tampouco a unha convivencia pacífica. ¡Os oitenta son nosos! Ese era o título dunha obra de teatro; pero a realidade social e política era incerta ao comezo da democracia…, coido que porque todos, alumnado e profesorado, debiamos aprender a vivir en liberdade. Porén, coa perspectiva de hoxe, para moitos e moitas de nós, aquela foi una época dourada. Por exemplo, nos claustros, debatíanse duramente as cuestións de organización dos centros, non só entre a dereita e a esquerda, senón tamén entre os e as colegas da esquerda; sen embargo, na sala do profesorado había máis camaradería ca controversia, xa que, por riba das opinións políticas encontradas, había empatía (polo menos en Coia, do que falo xa con coñecemento de causa, pois trasladeime aí no curso 79-80): malia a ideoloxía, a moitos e moitas uniunos unha amizade que continúa ata hoxe. A defensa da lingua e cultura galegas, e do ensino público eran o “cabalo de batalla”. No tocante ao académico, nos institutos estaba a vangarda do alumnado e o feito de estudar estaba ben visto (téñase en conta que a secundaria non era obrigatoria e que o fracaso escolar e o disciplinario acababa derivándose á FP). Pero non quero dicir que o labor fose fácil: o sambenito de Coia estaba vivo e iso facía que moito alumnado se matriculase só se non atopaba praza noutros institutos, polo que, en certa medida, era un “instituto vasoira” que acollía aos últimos segundo o baremo das cualificacións. Paradoxalmente, o tamaño do centro seguiu a favorecer a masificación: había dúas quendas, diúrno e nocturno, e, por se fose pouco, veu tamén a parar aí o bacharelato a
22
distancia: penso que, sen esaxerar, en 1981, o censo do centro acadou os 3000. Ah! E o número de alumnos e alumnas por aula era de 40! Dadas esas circunstancias, as actividades culturais cobraron moita forza e contribuíron a crear un bo ambiente. A Aula Magna encheuse de actividades: conferencias, táboas redondas, teatro, proxeccións audiovisuais, concertos… (o debate sobre a problemática da homosexualidade, coa participación do colectivo gay de Vigo ou a proxección dun audiovisual sobre a historia de Galicia, cedido pola Asociación Cultural, ou a táboa redonda sobre a situación lingüística galega no ensino, coa participación do profesorado que imparte as súas aulas en galego, etc. son mostra das variadas inquedanzas que se manifestan). A afección polo teatro foi moita; en 1981 había tres grupos: Bedefel, dirixido polo profesor de galego Sande, era o dos máis novos, e Portela e Vacatola eran teatro independente formado por actores e actrices, xa alumnado de COU. Ademais convocáronse concursos literarios e de artes plásticas, moi concorridos e talentosos (debutaron no instituto poetas, novelistas, actores e actrices, debuxantes que hoxe son recoñecidos como tales, como Cristal Méndez, An Alfaya ou Rexina Vega (algunha galardoada anos despois co premio Xerais). Organizáronse excursións como a que fixeron os alumnos e alumnas de 3º de BUP co profesorado de Xeografía e Historia a Santiago, que logo se faría clásica. De todo isto, hai citas memorables no ámbito do cultural ou do festivo. Por exemplo, foi célebre a parodia do “23 F” que fixo o alumnado de COU para dar comezo ás vacacións de Semana Santa, secuestrando, sorprendentemente, ao profesorado e someténdoo a un xuízo popular; o éxito de público foi enorme, a boa acollida do persoal docente, a súa colaboración e bo humor foi un feito. En correspondencia, en maio, volveu ser numerosa a participación dos artistas do propio instituto na celebración da Semana das Letras Galegas, onde, como colofón, fixo o seu debut hilarante o conxunto musical “Os de Tegucigalpa”: cos profesores Basilio, o Indio, Soneira, etc.
O Besbello (a revista do centro) dá fe do que digo e merece mención aparte, aínda que tivese unha vida moi curta nesa primeira etapa. Foi unha iniciativa ambiciosa, se ben tivo moito éxito e unha alta participación do alumnado. En primeiro lugar, o traballo en equipo funcionou con tarefas de carácter interdisciplinario implicando a estudantes e profesorado na redacción e na tradución, no debuxo, na fotografía, na crítica, na literatura, na filosofía, na historia e na arte, nas actividades deportivas e nas festivas, na busca de orzamento para editalo… E subliño a adhesión do instituto á causa da lingua e cultura galega. O número cero da revista editouse modestamente, pero o feito de ter conseguido anunciantes permitiu que os outros dous números teñan dignidade notoria. Se se observa, o número un, hai máis estudantes ca profesores e profesoras colaborando na dirección e na redacción. Á fin de curso, quedou un material por publicarse. Mais, no número dous,
23
os estudantes máis dinámicos pasaron a cursar COU e as súas dificultades fixeron decaer a súa participación. Tamén algúns docentes se trasladaran a outros institutos e, daquela, a edición dependeu do voluntarismo duns poucos, que xa non dabamos abasto. E O Besbello detívose ata que, nos anos 90, o tesón do equipo de Marisa Andrade retomou a tarefa ata hoxe.
A esquerda e as mulleres ao poder
Como se verá nas actas dos claustros e dos departamentos, desde finais dos anos 80, o instituto democratizouse xa legalmente. Os equipos directivos sono por votación “popular” e nos departamentos actúase máis ou menos democraticamente. Na dirección do centro, sucédense Dolores González, Marisa Andrade, Antón Piñeiro, José Ángel Suárez e Paco Centeno… Pero, desta etapa, xa tedes o equipo investigador boa información propia.
Vigo, 14 de decembro de 2011 Fdo: M. Carmen Panero
24
PARADA 2. PARQUE DA BOUZA. MOVEMENTO VECIÑAL TOPONIMIA A CERCA. AS BARXAS DA CERCA A Cerca ocupa exactamente todo o territorio do que hoxe se chama oficialmente Parque da Bouza , é dicir, o arboredo que delimitan as rúas Nigrán, Rodríguez Elías, Tui e Padre Seixas. É a máis importante, e case única, masa arbórea de Coia. As Barxas da Cerca están por embaixo: entre Rodríguez Elías e a avenida da Florida. Estamos ante un caso flagrante de translación e mal uso toponímico, pois o que é hoxe este parque nin é nin foi nunca A Bouza. A Bouza propiamente dita é un lugar do veciño Santo André de Comesaña: está no actual PAU de Navia, por riba do Caramuxo. O Parque da Bouza debería chamarse, por tanto, Parque da Cerca. De todas formas, a propia Cerca, en galego co significado de “peche dun terreo”, é topónimo tamén recente: ata o século XIX o lugar chamouse A Devesa de Pelaio.
HISTORIA DO MOVEMENTO VECIÑAL Nos primeiros anos o polígono de Coia sofre moitas carencias construtivas. Os veciños e veciñas que chegan das aldeas veñen cargados de nenos, endebedados con fortes hipotecas, moitos deles sen estudos e nunha tremenda soidade, logo de deixar atrás a vida aldeá que coñeceran ata ese momento. Os primeiros problemas danse na rede de sumidoiros que non teñen capacidade para os enormes edificios e que provocaban problemas de ratas e inundacións. O barrio carece de beirarrúas e semáforos co conseguinte perigo para peóns e vehículos. Carece tamén de tendas polo que as familias teñen que desprazarse cara a outros barrios para comprar mesmo os artigos de primeira necesidade. Tampouco hai escolas para acoller a gran cantidade de nenos por familia que chegan ao barrio, nin centros de saúde e demais equipamentos cívico-deportivos que son necesarios, como parques, pavillóns e pistas deportivas, bibliotecas ou centros sociais.
25
Foto cedida pola AAVV Camiño Vello
A toda esta problemática intenta dar solución o movemento veciñal: os veciños e veciñas de Coia organízanse en torno á parroquia Cristo da Vitoria, que lidera a protesta veciñal: sempre con enxeño e humor (cada protesta era una festa) e convidando os xornais como testemuñas, poñen de relevo as carencias; con carreiras de ratas denuncian o problema dos sumidoiros; invitando a dar una volta nun veleiro denuncian a continua inundación do que hoxe é a “Praza do pobo”…
Foto cedida pola AAVV Camiño Vello
26
O movemento veciñal organizouse en comisións que analizaban os problemas, estudaban as posibles solucións e esixían ás autoridades o compromiso de arranxo. Pouco a pouco e tras unha longa loita con manifestacións e cortes de tráfico, a veciñanza de Coia consegue mellorar as infraestruturas e dotacións sociais do barrio.
Foto cedida pola AAVV Camiño Vello
Hoxe contan con dous centros de saúde, catro escolas de infantil e primaria, dous institutos de ensino secundario, varios centros de educación concertada, dous centros de educación especial emblemáticos para a cidade de Vigo e a súa bisbarra, San Rafael e San Francisco; unha gardaría municipal, dous pavillóns deportivos, dúas piscinas municipais, Biblioteca e Ludoteca públicas, a Escola municipal de Teatro, un gran centro comercial, tres asociacións veciñais e campos de diversos deportes en toda a zona. Tamén contan con carril para bicicletas pola avenida de Castelao e co sendeiro do Lagares como lugar de paseo.
27
Foto cedida pola AAVV Camiño Vello
Así a todo temos que mencionar varias etapas importantes na loita veciñal: Os primeiros anos nos que se organizan as distintas asociacións: a asociación de mulleres Dorna, o Club de xubilados, Centro Cultural artístico Rueiro, e as asociación de veciños Cristo da Vitoria, Camiño Vello e Praza da Miñoca; asociacións deportivas entre as que destacan o C.D. Coia (decano do fútbol galego) e o Club “Victoria”, o Vigo Valery Karpin & Angel Puerta Patiño S.A, equipo profesional de voleibol e o Club Deportivo Seis do NadalCoia, dinamizador do deporte de base do barrio. Moi importantes son os clubs de petanca presentes nos parques da zona. Outro momento clave foi a loita que se prolongou durante máis de trinta anos para conseguir un espazo verde. Xa existía un terreo sen urbanizar, A Bouza, onde tamén se celebraba unha feira os mércores pola mañá. Ao berro A Bouza é nosa!, os veciños e veciñas de Coia reivindicaron este espazo que hoxe é unha fermosa realidade. No parque hai varias estatuas conmemorativas que recordan este episodio. O barrio aínda agarda pola construción dun centro cultural.
28
Cocheiras do tranvía abandoadas no actual parque da Bouza. Foto cedida pola AAVV Camiño Vello
Unha das etapas máis duras que ten que vivir a xente do polígono son os anos 80. A industria española en xeral e a viguesa en particular, sofre unha reconversión: hai que pechar as empresas menos competitivas o que suporá o despido de miles de traballadores do sector naval que se concentran no polígono de Coia. Da man do paro vén a pobreza, a desesperanza e a heroína, que afectará aos máis novos das familias obreiras. É neste momento cando o barrio comeza a adquirir a súa "fama" de perigoso pola delincuencia. Pero de novo as xentes loitaron duramente para facer fronte a estes problemas e ese esforzo foi recompensado. Hoxe o barrio de Coia é un dos lugares da cidade de Vigo con maior calidade de vida con zonas verdes e espazos comúns que ofrecen á veciñanza un lugar para vivir e convivir. Neste sentido, só nos resta mencionar a grande área sen urbanizar que aínda queda en Coia, onde actualmente convive a fisionomía do polígono coas antigas estruturas rurais anteriores a 1960. Antigos carreiros, fontes e lavadoiros, así como terreos e casas tradicionais, configuran un espazo anacrónico e dun alto valor histórico que merece unha especial atención polos planificadores urbanísticos para conservalo e dignificalo. Como dixo o colexio oficial de arquitectos de Galicia: «Indagar nas posibilidades que están moi abertas e propoñer actuacións concretas de mellora e rehabilitación do Polígono de Coia, poden producir resultados sorprendentes no futuro urbano de Vigo».
29
Primeiro local da asociación de veciños de Coia. Foto cedida pola AAVV Camiño Vello.
BIBLIOGRAFÍA http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2005/10/03/4126246.shtml http://es.wikipedia.org/wiki/Coya_(Vigo) http://maps.google.es/
MATERIAL COMPLEMENTARIO
A Bouza é nosa, corto do alumnado do IES Alexandre Bóveda. Libro en PDF DOSSIER 1974-1984 Movemento Cidadán Parroquia “Cristo da Vitoria” . Libro: Vigo a explosión dos 80 Fotografías de Víctor de las Heras. XERAIS. Relatorio, O movemento veciñal do polígono de Coia. EMILIO SÚAREZ CORUJO, sacerdote da Parroquia Cristo da Vitoria. Entrevista do alumnado de 1º de bacharelato de Sociais a “Dorna”, asociación de mulleres de Coia. Entrevista do alumnado de 1º de bacharelato de Sociais a Ricardo Álvarez, profesor de Historia do IES Alexandre Bóveda.
30
PARADA 3. CAMPO DE PETANCA E CHAVE DA FLORIDA. HISTORIA DA PETANCA E DOS CLUBS DEPORTIVOS TOPÓNIMOS A SALGUEIRA Está por baixo do parque municipal da Bouza, concretamente entre Rodríguez Elías e a avenida da Florida. Refírese a una planta gabeadora chamada tamén saltasebes, moi común nas zonas boscosas ou cheas de silvas, tanto do Morrazo como do Val do Fragoso. Outra hipótese é que se trate dun arcaísmo que fai referencia a un sitio cheo de salgueiros, que viría do latín SALICARIA. A PARCEIRA Sitúase á beira, pero do empalme da rúa Nigrán coa rúa Tui cara ao norte, rúa Tui arriba, bordeando o campo de fútbol municipal de Coia ata ao cruzamento coa rúa Baiona. O topónimo A Parceira é relativamente recente, posterior ao século XVII, e pode tratarse dunha feminización acomodaticia dun antropónimo de posesor, dun apelido: A de Parcero, que tiña terras neste lugar. A COVA Localízase no cruce da rúa Tui coa rúa Mariña Mansa, ao norte desta. Aínda hoxe queda algunha terra cultivada. Debeu de tomar o nome dalgún pequeno abrigo natural entre as laxes. Mais hoxe esta zona non conta con pedra algunha e si un par de minas de auga ao seu redor, polo que acaso se refira a elas.
HISTORIA DA PETANCA A orixe dos xogos de bólas remóntase lonxe no tempo. Encontráronse bólas de pedra que databan de moitos milenios antes de Xesucristo. Parece ser que foron os gregos os primeiros que utilizaron as pedras redondas e codificaron o deporte de tirar bólas. Pero mentres que os gregos gababan a forza, con bólas de tamaño diferente que se enviaban o máis lonxe posible, os romanos privilexiaron a habilidade, coa idea dun obxectivo ao que había que aproximarse (“boliche”); por iso se lles atribúe a invención deste. Os mariños exportárono á Galia e espallárono por todo o val do Ródano.
31
Club de petanca e chave da Florida. Foto do grupo de traballo.
As bólas de pedra, pouco a pouco, foron substituídas por bólas de madeira que se clavetearon, durante moito tempo, para facelas máis pesadas, antes de chegar ás bólas modernas de bronce ou aceiro. A finais do século XIX e principios do XX o xogo practícase en todas as prazas dos pobos franceses. Ata 1907 non nace o xogo sen impulso. Así, a verdadeira PETANCA e o seu nome vén da expresión "Pieds Tanquees", é dicir, pés xuntos. En 1910 organízase o primeiro concurso oficial e a partir dese día a progresión non se interrompeu. Así hoxe en día hai competicións no ámbito local, nacional, europeo e internacional. En Galicia, hai unha especial tradición de petanca na zona sur, moi especialmente en Vigo, onde hai máis de 30 clubs distribuídos pola cidade, por influencia francesa (directivos e obreiros franceses de Citröen). No ámbito de Coia podemos localizar varios clubs: Club Vigo (na zona da Bouza), Club Cristo da Vitoria e o Club Florida. Cabe destacar a función dinamizadora que a petanca consegue dentro do barrio polas súas características: é un xogo relativamente sinxelo, barato, que se desenvolve ao aire libre en campos abertos integrados dentro do barrio, e ao que poden acceder todo tipo de xogadores, tanto nenos e mozos como adultos.
32
COMO XOGAR Á PETANCA Aparentemente é moi simple. Trátase de tirar unha bóla o máis preto posible dun obxectivo que adoita chamarse “boliche” ou “bolín”. Os adversarios poden ser dous (un contra outro) ou por equipos de dous contra dous (dobres) ou tres contra tres (triples). As partidas adoitan xogarse a 13 puntos en terreo libre ou ben dentro dunha pista delimitada (a oficial ten unha medida de 15 x 4 metros). O punto pertence á bóla máis próxima ao “boliche”. O adversario debe continuar xogando as súas bólas ata que recupere o punto, é dicir, coloque a súa bóla máis preto do “boliche”. Estes puntos cóntanse ao final de cada tirada, é dicir, cando se xogaron ou tiraron todas as bólas. As bólas han de ser metálicas, cun diámetro comprendido entre os 7'05 e os 8 centímetros e un peso de 650 gramos como mínimo e 800 como máximo. O “boliche” debe ser de madeira e o seu diámetro ha de estar comprendido entre 25 e 35 milímetros. Hai dúas maneiras de tirar as bólas e son moi diferentes entre elas, ata o punto de converterse, para determinados campións, en verdadeiras especialidades: APUNTAR: é tirar a bóla con coidado, tratando de achegarse o máximo posible ao “boliche”.
33
As actividades deportivas no barrio de Coia complétanse con outras institucións senlleiras da cidade: En fútbol o Club Deportivo Coia, decano do fútbol de Galicia, e o Club Vitoria, que comparten o campo da Bouza. No pavillón deportivo de Coia adestra o Vigo Valery Karpin & Angel Puerta Patiño S.A., equipo profesional de Voleibol. E O Club Deportivo Seis do Nadal que leva a cabo un importante labor dinamizador coa mocidade, nas disciplinas de baloncesto e balonmán.
SABÍAS QUE R.C. CELTA: o primeiro campo de fútbol no que xogou o Celta foi o campo de Coia inaugurado en 1908. O estadio estaba nun solar entre o que hoxe é a escola de Peritos e o mar. Moita xente considera que Coia é soamente o Polígono, pero o certo é que esa parte pertencía á parroquia de Coia e, ademais, a liña de costa era moito máis interior chegando o mar preto do estadio. Nel non só se xogaba ao fútbol, tamén se empregaba para outras competicións deportivas e para probas hípicas. O derradeiro partido oficial antes do traslado a Balaídos foi en decembro de 1928. BIBLIOGRAFÍA http://www.cnhelios.com/default.aspx?info=0001D9 http://www.fepetanca.com/REGLAMENTOWEB.pdf http://federaciongallegadepetanca.blogspot.com.es/
MATERIAL COMPLEMENTARIO http://www.cdcoya.com/ http://www.seisdonadalcoia.com/ http://www.seisdonadal.com/ http://www.clubvigo.com/ Entrevista do alumnado a Antón Piñeiro, presidente do Club Balonmán Seis do Nadal e profesor de Lingua Galega do IES Alexandre Bóveda.
34
PARADA 4. PRAZA DA MIÑOCA TOPONIMIA O XUNCAL Hoxe está ocupado por toda a parte central da Praza da Miñoca. A palabra xuncal é aínda moi coñecida en Coia, pero o topónimo é xa antigo. Fai referencia á grande braña ou barxa enchoupada que había no sitio hoxe ocupado pola praza da Miñoca, por onde fluía un pequeno regueiro que ía desembocar en Balaído. LAVADOURO Foi un dos principais lugares de Coia: era un corónimo ou nome de zona (ampla), non un barrio. Hoxe en día ocupa o recuncho meridional da praza da Miñoca, a metade cara ao sur da rúa José Gil, o empalme de Martín Echegaray coa avenida da Florida e esa mesma avenida a ambos os lados entre Felipe Prosperi e Eugenio Kraft. A súa orixe e importancia está en que eran os principais pastos de regadío de Coia, tamén máis de cinco minas de auga que abastecían leiras e casas moitos metros á redonda. Era, ademais, coñecido Lavadouro polos seus catro lavadoiros naturais das augas que baixaban do regueiro do Chamorro (na actual rotonda de Alcampo) ao Curral e o Xuncal (os dous na Praza da Miñoca) e que desembocaba en Balaído bordeando a Beira, onde facía unha xunqueiriña. Cando se abriu a avenida da Florida, que atravesou o lugar, os nativos pasaron a denominar o lugar como Lavadouro de Riba e Lavadouro de Baixo. ALEMPARTE Está localizado no espazo comprendido entre a rúa Irmáns Sarabia, Felipe Prosperi, avenida da Florida e inicio de Eugenio Kraft, xusto por baixo da Praza da Miñoca. Ten como punto central o Conservatorio de música.
Alemparte é un adverbio galego arcaico que significa “da outra parte, do outro lado”, aplicado aos terreos como “as terras da outra banda”. OS POZOS Está a poñente da Praza da Miñoca, por onde baixa o chamado Camiño dos Pozos entre a avenida da Florida e as rúas Darío Durán e Ángel Llanos. O topónimo vén dun encoro (pozo en Coia) para reter as augas que despois se conducirían por canles (presas en Coia) para regar as terras.
35
A TELLADA (A TELLEIRA. OS FORNOS DA TELLA)
A Tellada ocupa a parte alta de Ángel Llanos, no triángulo entre o camiño dos Pozos e a Praza da Miñoca. A Telleira está ao longo da rúa Val Miñor, en Balaídos, así como tamén Os Fornos da Tella. O nome vén de que en Balaídos, xa dende moi antigo, había varias fábricas de tella, telleiras en galego, con cadanseu forno de cocción. Xa no século XIX esa telleira trasladouse ao Areal de Coia, para facilitar o embarque do produto. A BOUBETA Está entre a metade de Martín Echegaray e o Camiño de Figueirido. Este topónimo rexístrase no veciño Morrazo como nome dunha parroquia, que deu lugar ao moi común apelido Boubeta. É dubidoso que o de Coia sexa derivado do apelido dun posesor Boubeta, pois pouca difusión tivo nestas terras. En todo caso, se for topónimo, faría referencia a unha pequena bouba ou elevación do terreo. A CARBALLA Situada na parte baixa de Eugenio Kraft e avenida do Fragoso. Unha carballa é un carballo vello, de tronco ancho e ampla copa. Comprobamos a presenza aínda de vellos carballos xusto no camiño actualmente chamado da Carballa, como un antigo testemuño do que foi esta zona: desde logo é milagroso que se conservasen despois da urbanización.
HISTORIA A Praza da Miñoca e o seu contorno foron un polígono de vivendas desenvolvido en Coia nos anos 90 do século XX, no momento da expansión da construción en España. Segundo distintas informacións da xente máis vella, o nome ven dado polo costume dos pescadores da Coia aldeá de buscar nesta zona o bicho para o cebo da pesca; así aparece reflectido na toponimia, Xuncal, Lavadouro, Os Pozos, topónimos todos eles relacionados coa auga e as zonas húmidas, onde podemos atopar miñocas con facilidade. Unha miñoca percorre o centro desta praza a xeito dunha xigantesca serpe recuberta de azulexo vermellón que lembra a técnica do “trencandís” tan xenialmente traballado por Gaudí na Barcelona modernista. Unha praza que naceu con sabor a ágora grega, co seu espazo verde central cara a onde todas as vivendas miran e adultos e nenos comparten. Unha ágora de convivencia para o barrio que, segundo os seus planificadores, pretendía subsanar unha das carencias do polígono de vivendas deseñadas nos anos anteriores: a falta de baixos comerciais que parece que lle restan vida de veciñanza a Coia e que na praza da Miñoca reborda polo verde, terrazas e xente.
36
Vista aérea da praza da Miñoca e da praza da Tellada. Google maps.
A vida de barrio desta praza complétase co Conservatorio Profesional de Música e unha piscina, Máisqueauga, dous equipamentos urbanos que fan que a praza sexa coñecida por todos os vigueses e viguesas. Hai que salientar que a nova piscina está situada na Praza da Tellada, que conserva o topónimo tradicional, unha iniciativa que, como xa mencionamos na introdución do traballo sobre toponimia, pretende recuperar a “memoria” atesourada polos nosos devanceiros, xeración tras xeración. O rueiro que rodea e atravesa A Miñoca é unha homenaxe ao mundo pioneiro da fotografía galega de primeiros de século: rúas dedicadas aos fotógrafos Angel Llanos, Jaime Pacheco, Luís Ksado, Xosé Gil, Irmáns Sarabia e Felipe Prósperi, uns homes moitas veces esquecidos e que se incorporan tamén á “memoria” do barrio e da cidade. A asociación de veciños da Praza da Miñoca quere aportar o seu a esa “memoria” co proxecto de hortos urbanos. Naqueles espazos aínda sen urbanizar, entre a avenida da Florida e a avenida do Fragoso, na Carballa, pretenden recuperar as leiras para convertelas nun punto de encontro de experiencias e coñecementos sobre horticultura. Parece que non só a toponimia se recupera en Coia...
37
SABÍAS QUE MODERNISMO é o termo co que (en España e Hispanoamérica) se designa unha corrente de renovación artística desenvolvida a finais do século XIX e principios do XX. O nome fai referencia á intención de crear unha arte nova, libre e moderna, que representase unha ruptura cos estilos dominantes na época, tanto os de tradición académica (o historicismo ou o eclecticismo) como os rupturistas (realismo ou impresionismo). Na nova estética que se tratou de crear predominaba a inspiración na natureza, toda vez que se incorporaban novidades derivadas da revolución industrial, como o ferro e o cristal. O modernismo non só se deu nas artes maiores (pintura, escultura e arquitectura), senón tamén nas artes menores, aplicadas ou decorativas, nas artes gráficas e no deseño de mobles ou de enreixados; na xoiaría, cristalería, cerámica, lámpadas e todo tipo de obxectos útiles na vida cotiá; incluído o mobiliario urbano, que pasou a ter grande importancia (quioscos, estacións de metro, farois, bancos, papeleiras, urinarios). As características que en xeral permiten recoñecer o modernismo son: • • • •
a inspiración na natureza. uso da liña curva e a asimetría uso de imaxes femininas en actitudes delicadas e gráciles liberdade no uso de motivos de tipo exótico.
ANTONI GAUDÍ I CORNET (Riudoms ou Reus, 25 de xuño de 1852 - Barcelona, 10 de xuño de 1926) foi un arquitecto español, máximo representante do modernismo catalán. Dotado dunha forte intuición e capacidade creativa, Gaudí concibía os seus edificios dunha forma global, atendendo tanto ás solucións estruturais como ás funcionais e decorativas. Estudaba ata o máis mínimo detalle das súas creacións, integrando na arquitectura toda unha serie de traballos artesanais que dominaba el mesmo á perfección: cerámica, vidraría, forxa de ferro, carpintaría, etc. Así mesmo, introduciu novas técnicas no tratamento dos materiais, como o seu famoso "trencadís" feito con pezas de cerámica de refugallo. Despois duns inicios influenciado por distintas tendencias, Gaudí veu dar no modernismo na súa época de máis efervescencia, entre finais do século XIX e principios do XX. Non obstante, o arquitecto de Reus foi máis alá do modernismo ortodoxo, creando un estilo persoal baseado na observación da natureza. Así mesmo, toda a súa obra está marcada polas que foron as súas catro grandes paixóns na vida: a arquitectura, a natureza, a relixión e o amor a Cataluña. A obra de Gaudí alcanzou co transcurso do tempo difusión internacional, sendo innumerables os estudos dedicados á súa arquitectura. Hoxe en día é admirado tanto por profesionais como polo público en xeral. "A beleza é o resplandor da verdade, e como que a arte é beleza, sen verdade non hai arte”.
38
O TRENCADÍS (en catalán, “roto”) é unha especie de mosaico realizado con fragmentos cerámicos unidos con argamasa, típico da arquitectura modernista catalá. Utilizábanse pezas desbotadas, fragmentos de pratos e cuncas de café de louza branca e baldosas de cerámica. Co fin de conseguir cromatismo, decidiuse pola utilización de cerámica esmaltada que ofrece cores vivas, aproveitando a superficie lisa e pulida para causar o máximo efecto de brillo ao incidir a luz. A técnica do trencadís utilizouse por primeira vez no chamador da entrada do terreo Güell, na avenida de Pedralbes de Barcelona. Neste terreo, a arquitectura sinuosa converteu en necesidade romper baldosas onde non se podían utilizar enteiras. Ao torar baldosas que xa tiñan a súa propia decoración e realizar unha nova composición sen relación cos debuxos das pezas enteiras, unido á mestura de fragmentos de diversas pezas, conséguense efectos visuais peculiares e distintivos desta técnica.
Parque Güell, Barcelona. Gaudí
BIBLIOGRAFÍA http://es.wikipedia.org/wiki/Trencad%C3%ADs http://es.wikipedia.org/wiki/Antoni_Gaud%C3%AD http://es.wikipedia.org/wiki/Modernismo_(arte
39
PARADA 5. DESIDERIO PERNAS E URBANISMO DO POLÍGONO DE COIA TOPÓNIMO A PEGADE Está onda a rotonda do Alcampo, pero ocupa só a metade sur, e de aí esténdese cara á parte alta da rúa Tui e Martín Echegaray. Os Pastos da Pegade son o lugar que vén inmediatamente por baixo, na rúa Martín Echegaray, chegando un pouco á rúa Luís Casado, sen a abranguer por completo. Parece que a forma que nos chegou aos nosos días trátase da confusión recente do común apelativo pegada e un antigo topónimo de orixe ben distinta. A esta confusión débese a presenza actual do artigo e a apertura da pretónica, xa que este topónimo está moi documentado e sempre sen artigo como Pegade. Este ha ser, pois, o topónimo orixinario, sen artigo e con -e- pechado e ha de se tratar con bastante seguridade dun antropónimo medieval de posesor. O CHAMORRO Está xusto na rotonda que fai a avenida de Castelao en fronte de Alcampo; ocupa por completo a rúa Cambados e un pouco da do Grove (na súa parte sur); colle o recanto surleste de Alcampo, pero un pouco á dereita estamos xa na Dona, todo isto dentro de Alcampo. É un dos topónimos máis coñecidos de Coia e hai varios sitios chamados así en Galicia. Destacamos en Aldán O Cón da Chamorra e en Coia O Cón do Chamorro. No primeiro hai un cón completamente esférico no medio das chairas de labor e en Coia dáse o caso que nun dos cantos do actual Alcampo existiu tamén un cón desas características, cuberto de hedras: son dúas realidades idénticas para dous topónimos idénticos. Isto dános pé para buscar o significado na palabra chamorro (recollida no dicionario de Eladio Rodríguez) co significado de “cabeza rapada, monte pelado e pena ou cón redondeado” Etimoloxicamente é un derivado despectivo de FLAMMAM, chama, lapa, masa gasosa en combustión, que evolucionou a monte queimado, monte pelado e por semellanza a cón redondeado. CRUCEIRO (vid. supra topónimo de barrio)
40
HISTORIA O POLÍGONO DE VIVENDAS DE COIA Dende 1959 prodúcese o despegue e consolidación da industria española. É a etapa coñecida como desarrollismo. O punto de partida foi a aprobación dun plan que contemplaba levar a industria ás zonas do país máis atrasadas a través dos chamados Polos de Promoción. Vigo, que xa contaba con certo tecido industrial, foi unha das cidades elixidas e dese momento data a chegada de empresas entre as que destaca Citröen. O despegue da industrialización levou aparellado o inicio do urbanismo moderno. O rápido cambio económico e social tivo un forte impacto sobre Vigo e especialmente sobre a antiga parroquia rural de Coia. Os traballadores emigran dende o rural (éxodo rural), pero atopaban un grave problema de falta de vivendas. É neste momento cando nace o chamado polígono de Coia no que tiveron un papel clave as cooperativas de vivendas así como o orzamento da Caixa de Aforros de Vigo.
Foto cedida pola AAVV Camiño Vello
O perfil tipo maioritario dos novos veciños de Coia formábao un matrimonio novo, procedente do rural galego que creaban familias nucleares con moitos fillos e que traballaban na industria. Moitos empeñan os seus aforros na compra da vivenda e teñen
41
que convivir con sentimentos de desarraigo e de anguria cara ao futuro, xunto con problemas sociais e marxinación agravada polo abandono da administración e a ausencia de servizos (vid. o material sobre a loita veciñal, Parada 2 do Roteiro). As escasas infraestruturas de transporte e equipamentos converten o barrio nunha cidade-dormitorio e nun foco de descontento social. A pesar de que se constrúen un número elevado de vivendas, non houbo una planificación paralela para dotar a nova veciñanza de servizos básicos. Así, os primeiros habitantes do polígono de Coia carecían de transporte, escolas, centros de saúde, espazos verdes, bibliotecas ou mesmo tendas ou comercios para poder mercar o imprescindible. Incluso había rúas sen pavimentar e zonas sen saneamento. Os equipamentos dos que hoxe gozamos en Coia chegaron moito máis tarde que a construción do Polígono conseguidos, moitos deles, grazas á loita do movemento veciñal.
Foto cedida pola AAVV Camiño Vello
42
A OBRA DE PERNAS NO POLÍGONO DE COIA Desiderio Pernas Martínez naceu en Vigo o 26 de marzo de 1930 e faleceu nesta mesma cidade o 19 de xaneiro de 1996, aos 66 anos de idade. Pernas foi un dos arquitectos vigueses máis recoñecidos internacionalmente por ter contribuído a cambiar o aspecto da cidade e introducir a nova linguaxe da arquitectura internacional, adquirida durante as súas estadías en Europa e América, onde se embebeu da obra de Le Courbusier e Mies Van der Rohe. Home culto e polifacético, considerado como un dos principais representantes do movemento moderno, tivo ademais dúas paixóns que influirán no seu traballo: a pintura e a música. Establece o seu estudo de arquitectura en Vigo no ano 1963 e traballará en moitos proxectos que contribuirán ao crecemento urbano, nun período con un grande déficit de vivendas e unha poboación en progresivo aumento. Con economía de medios materiais e técnicos, Desiderio Pernas enfrontouse ao reto de emprender a urbanización da gran arteria que vai dar vida ao novo barrio de Coia, a avenida de Castelao.
Foto tomada de http://arquitecturavigo.blogspot.com.es/2008/03/desiderio-pernas-1930-1996.html
43
Desiderio Pernas proxecta o polígono de Coia en 1969 por encargo da Caixa de Aforros Municipal de Vigo a través da chamada Promotora Benéfico Popular. Pernas construirá a maioría das edificacións dun polígono que terá como eixe vertebrador a avenida de Castelao. Dita avenida substituíu o antigo centro do barrio, o vello camiño Vigo-Baiona, que pasaba por diante do IES Alexandre Bóveda, transformando a fisionomía do barrio. O inicio do proxecto arrinca coa demolición das antigas cocheiras do tranvía en As Travesas o que tamén nos fala da fin dunha época e o novo pulo do automóbil e o seu protagonismo nas cidades españolas dende os 60 ata agora.
Cocheiras do tranvía na praza de América. Foto cedida pola AAVV Camiño Vello
O Polígono de Coia deseñado por Pernas introduce a modernidade arquitectónica e urbanística nesta zona de Vigo: a cidade-xardín, concepto que procura un espazo urbano saudable, con amplas zonas verdes e crecemento controlado. Para iso Pernas deseña o parque lineal paralelo á avenida de Castelao que se conecta coas demais zonas verdes ata as zonas porticadas dos edificios, como un xardín que chega ata a mesma porta da casa.
44
Praza América anos 70. Foto cedida pola AAVV Camiño Vello
Son proxectos modernos pola distribución, amplitude e luminosidade dos espazos. Tamén destacan polo uso de novas técnicas construtivas e novos materiais. Distinguimos dúas tipoloxías nos edificios: unha de bloque lonxitudinal horizontal de catro andares e outra de planta en H en vertical desenvolta en altura. Dous tipos diferentes, pero que coinciden en ser edificacións exentas sobre piares, con catro fachadas, cunha grande austeridade exterior de tixolos e estrutura vista ou azulexos cerámicos (materiais novidosos nesa época e moi económicos). O emprego de dúas cores, balcóns corridos e terrazas abertas dota a fachada dunha grande forza expresiva.
Construción da avenida de Castelao. Foto cedida por Quintero
45
Os interiores das vivendas de Pernas son moi parecidos e caracterízanse por reducir ao mínimo os espazos de paso, separar a parte de día da parte de noite, amplos vans acristalados para dotalas de luz e ventilación e introduce a novidade do salóncomedor. Como carencias temos que mencionar a ausencia de elevadores nos edificios de catro andares e de garaxes, o que hoxe complica o tema do aparcadoiro no barrio. Hai que decatarse de que moitas das reformas posteriores que as comunidades de propietarios fixeron sobre os edificios, desvirtuaron a obra de Pernas, rematando cos acabados orixinais das fachadas (tixolos vistos, azulexos de dúas cores…), pechando as terrazas, apropiándose dos espazos públicos dos baixos (garaxes, trasteiras…), cegando balcóns… Actuacións debidas á falla de regulación que vén sendo denunciada polo Colexio de Arquitectos de Galicia no seu labor de protección do patrimonio arquitectónico.
Arquitecturas modificadas.
46
Outros edificios de PERNAS en Coia: Club de Xubilados na rúa Redondela (1968): destaca a horizontalidade do edificio de planta baixa construído sobre unha plataforma de fachadas corridas totalmente acristaladas.
Club de xubilados. Foto cedida por Quintero
Gardería infantil na rúa Estrada (1969): de novo simplicidade xeométrica de liñas horizontais e verticais que xiran en torno a un gran patio central que acapara todo o protagonismo. Lembran ambos as aprendizaxes de Mies van der Rohe e a economía de medios cos que traballou Pernas no Polígono. Actualmente este edificio alberga o CPR “Don Bosco, Salesianas”.
Gardería infantil. Foto cedida por Quintero
47
En 1973 proxecta a Igrexa do Rocío, na avenida de Castelao. Destaca esta construción pola súa cuberta, un único pano inclinado que ascende cara ao altar.
Foto tomada de http://arquitecturavigo.blogspot.com.es/2008/03/desiderio-pernas-1930-1996.html
En 1977 o Consorcio da Zona Franca de Vigo encárgalle a construción dun edificio de oficinas da Zona Franca na avenida Alcalde Portanet. Pernas deseña un edificio compacto de clara funcionalidade, de dous andares que descansan sobre unha estrutura de formigón.
Foto tomada de http://arquitecturavigo.blogspot.com.es/2008/03/desiderio-pernas-1930-1996.html
48
SABÍAS QUE DESIDERIO PERNAS foi alumno de Mies van der Rohe en Chicago e esta experiencia xunto con outras estadías no estranxeiro aplícaas na súa obra en Vigo, sendo o introdutor do movemento moderno arquitectónico na cidade, xunto con outros como Bar Boo ou Pérez-Bellas. De Mies aprende o interese polos materiais como elementos expresivos empregados na súa nudez e pureza, e o gusto polos espazos abertos cara ao exterior procurando a integración co contorno. Ademais empregou as directrices da Carta de Atenas de 1928, manifesto urbanístico redactado no IV Congreso Internacional de Arquitectura Moderna. A Carta é o grande documento do urbanismo do século XX no que atopamos o modelo de cidade funcional que concretamos en:
• • • •
A cidade debe ser habitable: deseñar a vivenda A cidade debe ser lugar de traballo A cidade debe ser lugar de recreo e lecer dotada de servizos A cidade debe ser lugar de rápida e sinxela circulación
O urbanista debe establecer o modelo de cidade sen descoidar estas catro funcións e separando zonas residenciais, comerciais, industriais, verdes…
CIDADE-XARDIN é un concepto enunciado por E. Howard a inicios do XX. Consiste en deseñar centros urbanos nos que se compatibilice traballo, residencia e vida saudable. Integrar zonas verdes e manter espazos públicos como freo á especulación privada. Parte da base de que todo o espazo é campo e que a cidade introdúcese nel por zonas, por iso o urbano non debe romper co rural. Cada barrio urbano debe ter o seu parque e o arquitecto transformarse en urbanista. LE CORBUSIER, Charles Édouard Jeanneret-Gris foi un teórico da arquitectura, deseñador e pintor suízo. É considerado un dos máis claros expoñentes do Movemento Moderno na arquitectura (xunto con Frank Lloyd Wright, Walter Gropius, Alvar Aalto e Ludwig Mies van der Rohe), e un dos arquitectos máis influíntes do século XX.
49
OUTROS EDIFICIOS E ARQUITECTOS presentes en Coia (Guía de Arquitectura de Vigo 1930-2000, COAG): Bloque de vivendas de FRANCISCO CASTRO. 1941 Praza América. Nave “La Artística” ALBERTO BALTAR TOJO. 1974 Rúa Tomás Alonso. Fábrica Rivas FRANCISCO CASTRO. 1935 Avenida de Bairamar. Dirección provincial do INSS M. De LABRA + J. PENA + L. SÁEZ. 1990 Rúa O Grove. Fábrica de conservas Alfageme MANUEL GÓMEZ ROMÁN. 1929 Avenida de Beiramar.
BIBLIOGRAFÍA http://arquitecturavigo.blogspot.com.es/2008/03/desiderio-pernas-1930-1996.html http://es.wikipedia.org/wiki/Le_Corbusier AA.VV. Desiderio Pernas. Del detalle a la ciudad. 1960-1970. COAG VIGO. 2005.
Desiderio Pernas. Do detalle á cidade: 60/70. PERFECTO CENDÓN, ANDRÉS TOUCEDA. CAIXANOVA, COLEXIO OFICIAL DE ARQUITECTOS DE GALICIA. FRAGA, Salvador; O polígono de Coia 40 anos despois 2005.
Guía de Arquitectura de Vigo. 1930-2000. COLEXIO OFICIAL DE ARQUITECTOS DE GALICIA. NUTTGENS, Patrick; Historia de la arquitectura. Ed. Destino.
50
ROTEIRO 6. LAVADOIRO DOS ESTURÁNS. TOPÓNIMO OS ESTURÁNS (vid. supra topónimo barrio) A BARXIELA Lugar do Camiño da Barxiela. Barxa é unha terra moi mollada e cultivable. O diminutivo é barxiela. A forma Barciela que aparece nalgún rueiro é froito dunha pronunciación próxima a Barsiela que se interpreta como seseo e se corrixe na escrita por Barciela.
HISTORIA CIDADE DIFUSA Neste punto do noso Roteiro observamos unha característica do urbanismo de Coia: a “cidade difusa”, lugar de confluencia do rural e o urbano. A fisionomía desta zona é unha mestura de paisaxes rurais e urbanos que se xustapoñen. Áreas de recente construción conviven co hábitat rural preexistente, espazos agrarios e vías de comunicación antigas. Destaca o maior abandono da zona por ter unha baixa densidade de poboación con respecto á parte central do polígono e á supervivencia de casas unifamiliares tradicionais, espazos agrarios e vellas corredoiras empregadas antigamente pola veciñanza e que aínda non foron obxecto de planificación.
Lavadoiro de Esturáns. Foto grupo de traballo.
51
O Lavadoiro dos Esturáns é un dos vestixios do pasado rural e aldeá de Coia. Os lavadoiros empregábanse para lavar a roupa as mulleres nun momento en que nas casas non existía auga corrente nin as modernas lavadoras. Hoxe en día están catalogados e protexidos como as pezas patrimoniais de grande importancia que son. O lavado da roupa facíase sobre a fileira corrida de lousas inclinadas cara á piscina central. A función do lavadoiro era evidentemente a de lavar a roupa, pero tamén eran sitios onde se fomentaban as relacións entre as familias da parroquia. Sería interesante promover a restauración dos lavadoiros e da fonte pública que está máis abaixo, para que os veciños e veciñas de Coia rescaten a memoria do contexto social, económico e histórico no que foron construídos.
Vista aldea e cidade en Coia. Foto grupo de traballo.
MATERIAL COMPLEMENTARIO
A lavandeira da noite. Noah e Carlos Núñez. http://www.youtube.com/watch?v=ghnByR9QWvY
52
PARADA 7. O BARRIO DE COIA NA EPOCA MEDIEVAL E MODERNA
TOPONIMIA ARREDOR DA PARROQUIA DE SAN MARTIÑO DE COIA O CRUCEIRO (vid. topónimo de Barrio) O TURREIRO Localízase no cruzamento das rúas Vilagarcía, A Estrada, O Grove e Núñez de Balboa, entre Alcampo e a igrexa de San Martiño de Coia. É un sitio moi popular onde antes se facía a festa; é o significado máis común en Galiza: prazas que se abren ao pé das igrexas onde se reúnen o pobo para danzar: Turreiro ou Torreiro. Actualmente o turreiro da festa está un pouco máis desprazado cara á rúa Estrada. O ADRO. O LARGO DO ADRO Está entorno á igrexa parroquial de San Martiño de Coia, ao redor da praza da Consolación, praza que se chamou tradicionalmente O Largo do Adro. É un lugar (subaldea) do barrio do Cruceiro, tradicionalmente, se ben nos nomenclátores aparece como barrio, ignorando que esa categoría pertence ao Cruceiro.
Adro é unha palabra moi viva en toda Galicia, forma popular do latín ATRIUM, que pasou a designar o lugar diante do templo para o seu servizo.
HISTORIA IDADE MEDIA Os inicios da Idade Media en Coia, como en toda Europa occidental, son momentos de inestabilidade política e de invasións de pobos alleos. Coia, como parroquia litoral, era máis vulnerable xa que sufría invasións marítimas e saqueos da piratería normanda e musulmá. Tamén sabemos que o militar árabe Almanzor asolou as terras do val do Fragoso no seu camiño cara a Santiago de Compostela. A primeira vez que se cita expresamente a Coia na documentación medieval, aínda que de xeito indirecto, é en relación a un preito entre veciños, xunto co relato dunha suposta milagre que fixo san Telmo a un habitante da parroquia que recobrara a vista. Na Idade Media a Igrexa tiña un gran dominio sobre a sociedade e a vida das xentes; Vigo tamén se viu sometido ao poder da Igrexa e concretamente Coia, no ano
53
1200, pasou a depender dos templarios. Os templarios foron unha orde militar. Eles eran os representantes do Papa en Castela durante os séculos XII e XIII, momento do auxe en Europa dos camiños de peregrinación e da arte románica. Eran unha mestura entre vida relixiosa (monxes) e militar (soldados) que se entende precisamente ao estar Europa mergullada nesa forte inestabilidade política. O obxectivo destes era asegurar a orde en tempos convulsos, coidar a fe cristiá e protexer aos peregrinos cara a Compostela e aos desvalidos nesa concepción medieval do mundo. Hai que recordar que na península tivemos a presenza musulmá durante oito séculos. O feito de que o rei lle concedera Coia aos templarios supón que pasa a denominarse nos textos históricos como couto de Coia ou bailía de Coia. Era como un señorío feudal no que os templarios exercían o control político e económico. A Coia dos templarios era unha aldea pequena que conservaría aínda o antigo castro, que vivía do campo e da artesanía. Parece que preferían zonas costeiras por motivos comerciais e polas peregrinacións por vía marítima. Non conservamos o convento fortificado que posuían en Coia segundo a documentación; si temos a ponte medieval de Castrelos, aínda que non é seguro que fose construída nesta época. Non temos restos arquitectónicos medievais en Coia.
Ponte románica na Avda. De Balaídos.
A orde dos templarios foi disolvida polo Papa Clemente V en 1314 e Coia pasou de novo baixo o control real ata que en 1370 o rei Henrique II de Trastámara lle concedeu o antigo Couto de Coia ao bispo de Tui coas súas terras e dereitos xurisdicionais. Os sucesivos bispos de Tui serán donos e señores de Coia cuns dereitos que irán minguando ata o século XVIII.
54
No tocante á arqueoloxía medieval conservamos a estela funeraria da rúa Cordoeira. Durante moito tempo pensouse que se trataba dun petróglifo da Idade de Bronce, é dicir, da prehistoria. Pero hoxe sabemos que é unha estela funeraria na que aparece unha iconografía coa estrela de David presente noutros edificios medievais.
Fotografía cedida por Eduardo Rodríguez, arqueólogo.
PARROQUIA DE SAN MARTIÑO DE COIA É unha parroquia documentada nos textos dende antigo. Dedícase a san Martiño de Dumio, unha advocación que se repite moito en Galicia. A igrexa antiga sobreviviu ata os anos 50 do século XX, momento no que foi substituída pola actual igrexa.
Demolición da vella igrexa de San Martín de Coia (Foto cedida pola AAVV Camiño Vello).
55
A parroquia estaba atravesada polo antigo camiño que unía Vigo con Baiona (Camiño Real da Falperra) que pasaría por diante do IES Alexandre Bóveda. Baiona era daquela unha vila máis importante que Vigo, xa que a Coroa lle dera a facultade de comerciar por mar con outras cidades. As diferentes fontes históricas describen unha Coia rural, campesiña e mariñeira formada por barrios, cunha paisaxe rural dominada por minifundios. A explotación do campo facíase mediante foros. O hábitat era disperso conectado por corredoiras no que as casas campesiñas se intercalaban con catro casas señoriais que non conservamos.
San Martiño producía cereais, viño, árbores froiteiras e gando. Moitos veciños dedicábanse en exclusiva á pesca. Tiña a parroquia multitude de regatos e mananciais. Sabemos que había conflitos polo rego e que a pesar de contar con auga non había muíños polo seu escaso caudal. Hai mercado local, pero non feira de gando que se faría nas localidades veciñas. Había bosques e unha Devesa Real no lugar do Resío.
Campanario da vella Igrexa de San Martín de Coia, actualmente na entrada da nova parroquia.
56
HISTORIA IDADE MODERNA Ao longo da Idade Moderna, Coia experimenta moi poucas transformacións con respecto á aldea medieval. Só temos noticias dun pequeno desenvolvemento de manufacturas: o Dicionario Madoz censou fábricas de lenzos, salgadoiros de sardiñas e unha fábrica de tellas da marquesa de Valadares. Parece que existe un baleiro entre os séculos XV e XIX cando nos referimos ao patrimonio artístico ou á demarcación exacta do territorio. Realmente a orografía orixinal desapareceu por mor do progreso, deixándonos sen recordos para identificar. Casas nobres, capelas, ermidas, pontes que se construíran a partir do século XV quedaron borradas da paisaxe. As fontes histórico-gráficas non nos achegan información significativa da zona, pois céntranse sobre todo nas partes defensivas da cidade. Nos anos 50, realizouse unha ortofoto aérea coñecida como voo americano, que foi o primeiro varrido fotográfico do territorio estatal, levado a cabo pola cooperación do exército do aire de España e as forzas aéreas dos EEUU (lembremos os acordos económicos entre estas nacións). Nela reflíctese a paisaxe agraria que predominaba en Coia, hoxe desaparecida. Outra inestimable axuda foi a recuperación da toponimia, grazas a unha exhaustiva investigación realizada por Iván Sestay, que nos proporciona máis información de Coia na Idade Moderna, e que quedará fagocitada máis tarde polo atropelado progreso contemporáneo. Esta toponimia revélanos a existencia de: Arquitectura relixiosa: A igrexa de San Martíño de Coia do século XVI. A capela de San Miguel, construída en 1542 e destruída polo corsario Drake. A Capela de San Gregorio, coñecida tamén grazas ao topónimo A Volta de San Gregorio que aparece citada en documentos de 1778. A capela de San Xosé, que formaría parte da propiedade rural que a familia fidalga dos Parcero tiñan no lugar de Pelaio. A capela de San Xoán de Peniche emprazada nos límites entre a vila de Vigo e o territorio de Coia histórica, aparece en documentos de 1768. A Capela de San Roque, unha ermida situada probablemente pola Espedrigada, pois o topónimo San Roque aparece nesta zona de Balaídos.
57
Arquitectura civil Coñecémola tamén grazas á toponimia e á documentación histórica, pois tampouco existen restos arqueolóxicos: Consérvanse topónimos que fan referencia a posesores como A de Silva, no entorno da igrexa do Rocío, que fai referencia aos terreos da familia fidalga de Vicente María de Silva; ou A de Lucas, na Avenida de Castelao, terras pertencentes no século XVIII a Lucas Rial. E tamén topónimos que lembran as grandes casas ou pazos como o de Figueirido, o dos Pérez de Ceta, ou o dos de Acevedo (onde hoxe está o Centro de Educación Especial San Rafael). A arquitectura industrial Hai constancia documental dunha telleira con dous fornos polo menos dende o século XVI. Os dous microtopónimos que se refiren a estas industrias, As Telleiras e Os Fornos da Tella, atópanse na zona de Balaídos e outro máis, A Tellada, na actual praza da Tellada, polo que, posiblemente, se situase nestes lugares a industria aludida na documentación histórica.
SABÍAS QUE A ORTOFOTOGRAFÍA (do grego Orthós: correcto, exacto) é unha presentación fotográfica dunha zona da superficie terrestre, na que todos os elementos presentan a mesma escala, libre de erros e deformacións, coa mesma validez dun plano cartográfico. Unha ortofotografía conséguese mediante un conxunto de imaxes aéreas (tomadas dende un avión ou satélite) corrixidas dixitalmente, para representar unha proxección ortogonal sen efectos de perspectiva, e na que, polo tanto, é posible realizar medicións exactas; ao contrario que sobre unha fotografía aérea simple, que sempre presentará deformacións causadas pola perspectiva dende a cámara, a altura ou a velocidade á que se move esta. A este proceso de corrección dixital chámaselle ortorectificación. Polo tanto, unha ortofotografía (ou ortofoto) combina as características de detalle dunha fotografía aérea coas propiedades xeométricas dun plano. Emprégase esta técnica en cartografía, urbanismo, arquitectura e arqueoloxía, entre outras ciencias. COUTO e BAILÍA: couto era un territorio baixo o control dunha orde militar. A bailía era unha encomenda, é dicir unha institución socioeconómica mediante a cal un grupo de individuos, os habitantes de Coia, debían pagarlle a outros en traballo e en especie. Polo tanto a xurisdición, o control total do territorio, corresponderíalles aos templarios, quen ademais percibían rendas monetarias e en especie e terras das que se abastecerían de alimentos, explotacións aforadas e, ao mellor, dereitos de pesca se as naves destes facían escala no areal de Coia.
58
FORO é un tipo de contrato, especialmente agrario, de longa duración, polo que unha persoa ou institución lle cede a outra o uso ou proveito dunha cousa ou ben (xeralmente unha terra), a cambio do cumprimento de diversas condicións previamente estipuladas. Trátase dunha fórmula de cesión de bens, normalmente de natureza agraria pola que un titular da riqueza (o aforador) lle cedía a outro (o aforado) uns bens determinados, a cambio do pago dun canon ou renda, ademais doutras obrigas que mudaron co paso do tempo. A duración destes contratos agrarios, dende o principio moi longa, fixouse por vidas de tres voces (vidas de aforados) ou de tres reis e vinte e nove anos máis. O foro non era unha cesión perpetua e, polo tanto, non se podía redimir. Estes bens aforados debían retornar ao titular, que debía pagar as melloras que fixera o que tomou a propiedade por medio de foro. O territorio galego foi un dos espazos peninsulares nos que arraigou de forma máis clara esta práctica, aínda que, con este nome ou con outros semellantes (prazos, establecementos), se atopan cesións agrarias análogas en moitas rexións do norte de España e de Portugal, así como en Europa. Segundo os cálculos de autores do século XIX, a súa implantación en Galicia chegaría a afectarlles ás catro quintas partes da área cultivada. O foro naceu nos tempos medievais, pero mantívose en vigor ata o século XX, cando un decreto lei de 1926 regulou de modo definitivo a súa extinción mediante o procedemento da súa redención por parte do aforador, a cambio do pago dunha indemnización ao aforado. A vixencia legal do foro rematou daquela, despois de máis de oito centurias de existencia. SAN MARTIÑO DE DUMIO foi un monxe nado en Panonia (actual Hungría) no século VI. Decidiu trasladarse á Gallaecia sueva, onde a poboación era de relixión cristiá moi influída polo priscilianismo (o priscilianismo é una herexía dos primeiros séculos do cristianismo que prendeu con forza en Galicia). A capital era Bracara Augusta (Braga) e preto dela funda un mosteiro en Dumio, dende onde conseguiu que a corte sueva e o rei Teodomiro se convertesen ao catolicismo. Por iso, se considera a San Martiño de Dumio o apóstolo de Gallaecia, por ser o responsable da súa conversión. Por iniciativa del, en portugués os días chámanse feiras e xa non levan os nomes de deuses pagáns (Martes, Venus, Mercurio...). ARTE ROMÁNICA é o estilo artístico predominante en Europa dos séculos XI a XIII, en plena Idade Media. Foi o primeiro estilo internacional cristián-europeo. É a arte dunha sociedade ruralista e controlada pola Igrexa. A arquitectura é a máis importante, e a escultura e pintura son artes supeditadas á decoración do edificio: moi xeométrico, de formas sinxelas, rotundas, caracterizado polo emprego de arcos de medio punto, bóveda de canón e planta de cruz latina. En Coia non hai restos románicos, Vigo si contaba con moitas igrexas románicas. Conservamos Santa María de Castrelos, San Salvador de Coruxo e Santiago de Bembrive.
59
BIBLIOGRAFÍA http://gl.wikipedia.org/wiki/Foro_(contrato)
http://es.wikipedia.org/wiki/Priscilianismo http://es.wikipedia.org/wiki/Ortofotograf%C3%ADa CATASTRO DE ENSENADA (1749-1756). DICIONARIO MADOZ (1846-1852) diccionariomadoz.org FDEZ. RDGUEZ, M., Toronium: aproximación a la historia de una tierra medieval. PATIÑO GOMEZ, R. / GLEZ FDEZ, X.M., Historia dunha parroquia: Coia. PEREIRA MTNEZ. C., A Orde do Temple na provincia de Pontevedra. A bailía de Coia (Vigo) en anuariobrigantino.betanzos.net. RODRÍGUEZ, E., As lembranzas soterradas. Unha lectura arqueolóxica da Coia histórica (PDF). TABOADA LEAL, N., Descripción topográfica histórica de la ciudad de Vigo.
MATERIAL COMPLEMENTARIO Relatorio: A Coia Antiga, medieval e moderna. EDUARDO RGUEZ. SAIZ, arqueólogo. Relatorio: Desiderio Pernas e o polígono de vivendas de Coia. PERFECTO CENDÓN DOMÍNGUEZ e JAVIER VÁZQUEZ FDEZ., arquitectos. Conferencia CD: Cronoloxía urbanística de Vigo, por Javier Rivas Barros, xerente de Urbanismo do Concello de Vigo no período 2000-2007. Entrevista gravada a Vitorino Lopez Amado, 1º presidente da AAVV. Cristo da Vitoria e impulsor das cooperativas de vivenda do Polígono.
O barrio de Coia. Dos anos 60 á actualidade parte 2 (Historia de Vigo) http://www.youtube.com/watch?v=ZfZ5_9W006E&feature=fvst
60
PARADA 8. CASTRO-CASTRIÑO. PREHISTORIA E HISTORIA ANTIGA TOPÓNIMO O CASTRIÑO E CASTRO CASTRIÑO No Nomenclátor da Xunta coñécese como un barrio situado por riba de San Gregorio e Tomás Alonso na caída de Coia cara á ría. Nesa pendente están soterrados os restos dun antigo castro. Parece ser que na vella Coia non existía tal denominación, que foi despois da construción do Polígono cando se denomina deste xeito. Os nativos de Coia coñecían O Castriño. Suponse que tal invento de Castro Castriño vén do tempo das escavacións arqueolóxicas que se fixeron no outeiro do Castriño e ao descubrirse un castro puxéronlle o nome de “castro del Castriño”. De aí lle viría o nome actual.
HISTORIA COIA PREHISTÓRICA E ANTIGA Coia estivo habitada dende a primeira prehistoria. Sabémolo pola aparición de achados descontextualizados que hoxe conservamos: un bifaz atopado no colexio do Rocío e a presenza dunha pedra decorada con coviñas, que se empregou nunha construción actual en San Martíño de Coia. A primeira aldea documentada é a de Castro-Castriño nun saínte cara ao mar, na Volta de San Gregorio (Tomás Alonso). Hoxe o contorno está moi modificado posto que falamos de hai máis de dous mil anos.
61
Un castro era un poboado fortificado con vivendas de planta circular que se situaban en zonas sinxelas de defender. Máis adiante, a comezos do século IV a. C., por necesidades agrícolas, os castros comezan a cambiar a súa situación buscando terras fértiles. O castro referido de Castro-Castriño era pequeno, ocupando unha hectárea, cando a media dos castros da época estaba en dez hectáreas. Os achados atopados nas escavacións arqueolóxicas dos 90 (cerámica castrexa, conta de colar púnico...) non se “musealizaron”. O castro estivo habitado entre o século IV a.C ata o II d.C. Explotaba un contorno dun quilómetro de perímetro, dedicándose á agricultura nas ladeiras e á explotación da marisma. Os castros costeiros caracterízanse polo aproveitamento dos recursos marítimos testemuñando a profunda relación de Vigo co mar dende a prehistoria. Como diciamos, no século II d.C. abandonouse o castro ao mesmo tempo que se abandonan outros vinte e seis castros litorais de Vigo, no momento en que entra en decadencia o comercio púnico que se substitúe polo comercio romano.
Actual alameda de Castro Castriño. Foto do grupo de traballo.
COIA ANTIGA A romanización de Vigo comezou no século II d.C. e é un proceso documentado profusamente pola arqueoloxía. Os castros non desapareceron de súpeto, senón que sufriron transformacións ata o seu abandono definitivo. O Vigo romano, o vicus heleni, era a escala de mercadorías mediterráneas cara aos portos norteeuropeos así como lugar de residencia de familias patricias. A Coia romana foi netamente costeira e tiña unha extensión moi superior á actual. Temos tres fontes de información: achados illados, achados submarinos e xacementos como a necrópole romana de Picacho (na rúa Marqués de Valterra) ou as villae de Fiunchal e outra na igrexa de Bouzas, aínda sen escavar. Tamén restos de embarcadoiros, salinas, vivendas e salgadoiros de peixe.
62
Destacan as villae que eran casas de campo con funcións residenciais dedicadas a explotacións agropecuarias. No caso das villae de Coia ou na de Toralla, por ser litorais, ocúpanse preferentemente de explotar os recursos mariños (pesca, salgadura, salinas). A principios do século VII as villae abandónanse; estamos xa na Idade Media.
63
SABIAS QUE O GARUM era unha salsa de peixe feita coas vísceras fermentadas de pescados. Era considerado afrodisíaco e consumido polas clases altas de Roma. Houbo factorías de peixe e salgadoiros por toda a ría de Vigo. Salgábase o peixe para conservalo. As salinas eran grandes tanques por debaixo do nivel da preamar, co chan totalmente horizontal e estanco, delimitado por pedras fincadas que se inundaban ao subir a marea. PÚNICO significa cartaxinés. Cartago foi unha importante cidade da Antigüidade situada no que hoxe é Túnez que comerciaba por todo o Mediterráneo e parte do Atlántico e de cuxa civilización hai achados en Vigo que nos falan dos contactos comerciais entre o Vigo castrexo e Cartago. No castro de Alcabre temos restos dunha ara púnica que nos demostra que os comerciantes de Cartago viñan frecuentemente por mar. VALERIO MARCIAL, o escritor latino, gabou nun texto os produtos mariños galegos, entre eles a ostra e o muxo. Os historiadores Avieno e Plinio falan na súa obra de embarcacións castrexas feitas de coiro e de troncos de árbores.
BIBLIOGRAFÍA ESTEVEZ CARIDE, M., Unidade didáctica. Xacementos arqueolóxicos de Vigo. Concello de Vigo NOCEDA, Uxío; Vicus/Vigo XX/XX. RODRÍGUEZ, E., As lembranzas soterradas. Unha lectura arqueolóxica da Coia histórica (PDF).
MATERIAL COMPLEMENTARIO Relatorio, A Coia Antiga, medieval e moderna. EDUARDO RGUEZ. SAIZ, arqueólogo.
64
PARADA 9. LAVADOIRO DO RESÍO. RECONVERSIÓN INDUSTRIAL TOPÓNIMOS A CORDOEIRA É un lugar (subaldea) que ocupa a metade do camiño do mesmo nome. Na Coia do século XVIII fabricábanse cordas de esparto para os barcos. Unha cordoeira é un sitio onde se fan as cordas. Outra interpretación fala dunha terra cordoeira, formada de longas tiras de leiras estreitas. O CAMIÑO DA RAPOSA A principal vía de comunicación entre Coia e Bouzas. Este camiño é unha baixada moi pendente entre terras cheas de matos. A identificación coa raposa pódese deber á precaución ou medo de atravesar dito lugar. LUGAR DE NEIRA lugar.
Parte do Camiño da Raposa e remite ao apelido Neira, habitante ou posesor do
A FONTE DE BARROS No final do Camiño de Neira hai unha baixada que leva á fonte. O nome venlle de José de Barros, presbítero e propietario do lugar. LAVADOURO DO RESÍO Correspóndese coa rúa do Resío (na placa rúa “Rocío”). Hoxe en día a parroquia de “Nosa Señora do Rocío” é froito dunha mala interpretación da palabra Resío por “Rocío”. Resío, en galego, significa terreo sen cultivar arredor da casa ou dun valado.
Lavadoiro do Resío. Foto do grupo de traballo.
65
HISTORIA RECONVERSIÓN INDUSTRIAL Unha das etapas máis duras polas que pasou o polígono de Coia foi o da década dos 80. As causas foron varias: a crise económica, o desmantelamento do naval e o paro industrial, no momento da transición cara á democracia, que derivaron nunha gran conflitividade. Esta situación propiciou a chegada da heroína co seus dramas persoais e a escalada de marxinación social e delincuencia. Nese momento nace a lenda negra do barrio de Coia que se asociará en Vigo con zona conflitiva e mesmo perigosa. Paralelamente, en toda a cidade asistimos a unha efervescencia xuvenil que se traduciría na chamada movida viguesa. A reconversión industrial A finais dos anos 50, cando a industrialización despegaba en España, Galicia tiña o 70% da poboación activa ocupada no sector primario. Porén, Vigo tiña as actividades fabrís derivadas de estaleiros e conserveiras, pola iniciativa e o investimento da burguesía catalá que se instalou na cidade a primeiros do século XX. Deseguida o nomeamento de Vigo como Polo de Desenvolvemento Industrial ou a creación da Zona Franca nos anos 60 apoiaron o despegue da urbe. A instalación de Citröen Hispania en Vigo en 1957 foi o fito fundamental que a consolidou como cidade industrial, xa que exerceu de líder e actuou de pulo para outras empresas. Vigo coñeceu entre 1960 e 1981 o maior crecemento da súa historia pasando de 144 900 a 258 723 habitantes. Pero en 1973 estala a crise do petróleo. Os países árabes produtores de petróleo, deciden elevar o prezo do cru como estratexia de presión no seu enfrontamento con Israel. Os países desenvolvidos teñen que facer fronte ao encarecemento de todos os produtos; os prezos soben, o consumo descende e a produción tense que reducir. O paro obreiro é a primeira consecuencia. Os países da OCDE teñen que levar a cabo una profunda transformación tecnolóxica: a reconversión industrial. En España a morte do ditador en 1975 apraza as reformas. Hai que garantir estabilidade económica para facer o proceso de transición política cara á democracia. Así, a reconversión iníciase nos anos 80. A reconversión industrial esixía axustes para garantir a viabilidade e competitividade. O sector máis afectado foi o da industria pesada. En Vigo, o sector naval. O resultado: peche de empresas, despedimentos, adaptación de cadros de persoal mediante incentivo de baixas ou prexubilacións, ao mesmo tempo que se introduciu a modernización tecnolóxica. Porén, a poboación obreira de Vigo non asistirá a este proceso pasivamente, todo o contrario. Vigo prepararase para uns anos dunha grande conflitividade laboral e social. Lembremos que os sindicatos e o dereito de folga e manifestación xa estaban legalizados.
66
O paro foi gravísimo nunha cidade marcadamente industrial como Vigo e golpeou tamén a un barrio obreiro como era Coia. O paro vigués nos anos 80 chegou a cifras dun 33%. De 4760 traballadores do naval en 1984, quedaban 614 a comezos do ano 2000.
O obreiro coñecido como “SANDOKÁN ”nunha das imaxes do libro Vigo a explosión dos 80
A sociedade nos 80 Á crise económica e industrial axudou que unha parte importante da mocidade viguesa sucumbise a unha droga: a heroína. Esta levou por diante unha xeración enteira. O descoñecemento era enorme. A adición, que non se sabía ben como tratar, levaba a delinquir aos drogodependentes para poder financiar a dose. Ao redor da heroína creouse un mundo de dor e morte, de delincuencia e marxinación. Ademais ao inxectarse, moita xente se converteu sen sábelo en seropositiva, o que agravou a súa situación e o seu estigma cara á sociedade. A SIDA é unha enfermidade descuberta nos anos 80. Moitas familias de Coia, de Vigo e de Galicia, en xeral, tiveron que enfrontarse a este enorme drama que deixou escabezada unha xeración completa.
67
Foto cedida pola AAVV Camiño Vello
A movida viguesa Aínda que a cidade de Vigo estaba sendo duramente atacada pola reconversión, era tamén a máis nova de Galicia. Unha cidade que medrará desproporcionadamente co desarrollismo, rompendo coa cultura tradicional e rural. Unha xeración de mozos e mozas de cultura urbana que facían a vida fóra das casas, moito máis que agora, (lembremos que nos 80 non hai ordenadores, internet, redes socias ou móbiles e que o consumo de TV era menor que hoxe), empezan a tocar música e reunirse en bares. Foron os anos das tribos urbanas, das “chupas” de coiro adobiadas con alfinetes, de cabelos de cores; anos de… estrear democracia. É o que se coñece como a movida viguesa onde grupos de música como “Siniestro Total”, “Golpes Bajos”, Antón Reixa e Os Resentidos, expanden a nosa cultura ao resto do país. A cidade bule, Coia bule.
68
Portada do LP “Que parezca un accidente”de SINIESTRO TOTAL
BIBLIOGRAFÍA FRANCO, F., Vigo a explosión dos 80. Con fotografías de DE LAS HERAS, V. Vigo. XERAIS.
PELÍCULAS
Heroína. GERARDO HERRERO Los Lunes al Sol. FERNANDO LEÓN DE ARANOA Reconversión naval : http://vimeo.com/31818176 O barrio de Coia. Dos anos 60 á actualidade-parte 2 (Historia de Vigo) :http://www.youtube.com/watch?v=ZfZ5_9W006E&feature=fvst
MATERIAL COMPLEMENTARIO Entrevista do alumnado de 1º de bacharelato de Sociais a Ricardo Alvarez, profesor de Historia do IES Alexandre Bóveda. Golpes Bajos, No mires a los ojos…: http://www.youtube.com/watch?v=XrSzXBtzBsY Golpes Bajos, Malos tiempos…: http://www.youtube.com/watch?v=ZKGxfGtI9iA Os Resentidos, Sector naval…: http://letras.terra.com/os-resentidos/1985000/ Siniestro Total, Y bailaré sobre…: http://www.youtube.com/watch?v=UwS-coeTRaE
69
PARADA 10. CASAS BARATAS DO RESÍO TOPÓNIMO O RESÍO (vid. supra topónimo barrio) CASAS BARATAS As casas baratas foron casas de propiedade ou de aluguer edificadas durante o primeiro terzo do século XX con axudas oficiais ou préstamos de baixo interese, para albergar a poboación traballadora que se multiplicaba en España co proceso de revolución industrial. Case sempre dependían dos propios concellos ou doutras institucións, como partidos e sindicatos, xestionándose tamén en réxime cooperativo. A administración pon en práctica con estas vivendas as teorías hixienistas que por toda Europa denuncian as pésimas condicións que presentaba boa parte da poboación urbana (amoreamento, enfermidades…). Estas construcións esténdense por toda España a partir de 1911, cando se promulga a primeira Lei de Casas Baratas. En 1921 apróbase a segunda Lei de Casas Baratas, que durante a Ditadura de Primo de Rivera en 1925 se amplía á clase media. En 1926 o partido socialista colabora estreitamente coa Doutrina Cooperativista e apoia o desenvolvemento de diversas casas baratas en España. Ao inicio da década dos 30, durante a Segunda República Española, suspéndese a tramitación de expedientes de axuda ás Casas Baratas. Tras a Guerra Civil, creáronse dous organismos principais que se ocuparon de realizar "vivendas accesibles": o Instituto Nacional da Vivenda e o Ministerio da Vivenda.
Foto cedida pola AAVV Camiño Vello.
70
Normalmente estas casas eran dun ou de dous andares e situábanse nos arredores das cidades, en espazos pouco urbanizados e en terreos de baixo custo, para facilitar aos seus habitantes unha vida máis confortable e sostible, tanto dende o punto de vista sanitario como ambiental. Actualmente as casas baratas que dependían das administracións foron desaparecendo, por diferentes motivos, e as que foron herdadas, compradas ou rehabilitadas por particulares gozan, xeralmente, dun bo estado e dunha excelente situación dentro da trama urbana das cidades onde foron construídas.
BIBLIOGRAFÍA http://urbancidades.wordpress.com/2010/01/24/la-vivienda-protegida-historia-de-unanecesidad-exposicion-en-madrid http://oa.upm.es/4196/1/INVE_MEM_2008_58987.pdf http://www.lne.es/cuencas/2009/12/29/historia-casas-baratas/853418.html
MATERIAL COMPLEMENTARIO Conferencia CD: Cronoloxía urbanística de Vigo, por Javier Rivas Barros, xerente de Urbanismo do Concello de Vigo no período 2000-2007.
71
PARADA 11. PAVILLÓN MUNICIPAL DE COIA. LUDOTECA. EQUIPAMENTOS DO BARRIO TOPÓNIMO A PATAQUEIRA Situada no empalme da rúa Marín coa avenida de Castelao. Lugar de labranza antes da construción do Polígono dedicado ao cultivo da pataca.
EQUIPAMENTOS DO BARRIO Equipamentos deportivos: dous campos de fútbol, pistas de fútbol sala e baloncesto, Estadio de fútbol de Balaídos, tres clubs de petanca e chave, dúas piscinas municipais (As Travesas e Máisqueauga, na praza da Tellada), dous pavillóns municipais, pistas de atletismo, ruta de sendeirismo do Lagares e carril de bicicletas da avenida de Castelao. Equipamentos socioculturais: centro sociocomunitario Coia-Vigo (dependente da Xunta de Galicia), dous clubs de xubilados de Nova Galicia Banco, Centro de Día, Ludoteca, tres asociacións veciñais: Camiño Vello, Cristo da Vitoria e A Miñoca; Conservatorio Profesional de Música de Vigo, Escola Municipal de Teatro, Asociación de mulleres “Dorna”, Punto Informa (dependente da Concellería da Muller)e Centro cultural “Rueiro”. Equipamentos Administrativos: Xulgados, Seguridade Social, Casa do Deporte, Oficina de Emprego, Centro de Formación ocupacional de Coia. Equipamentos Comerciais: Alcampo, Praza de abastos da Florida, Centro Comercial Praza América. Equipamentos Sanitarios: Hospital e Ambulatorio. Equipamentos Escolares: sete centros de Educación Infantil e Primaria públicos: Escultor Acuña, Illas Cíes, Balaídos, Virxe do Rocío, Pintor Laxeiro, Celso Emilio Ferreiro e Emilia Pardo Bazán (O Chouso). Dous Institutos de Ensino Secundario: IES Álvaro Cunqueiro e IES Alexandre Bóveda. Dous centros educativos concertados: Colexio Don Bosco Salesianas, Colexio Montesol.
72
PARADA 12. PRAZA DO POBO TOPÓNIMO A GURULLA Está a ambos os lados da rúa da Guarda, enfronte á igrexa do Cristo da Vitoria. O topónimo preséntase escuro. Unha hipótese é que se trate dun alcuño dun dos seus posesores, aínda que na Coia actual non consta como tal. FOTO E REFLEXIÓN FINAL Noticia traducida do xornal LA VOZ DE GALICIA. Coia, do prexuízo á fachenda http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2005/10/03/4126248 .shtml Reportaxe / Unha urbanización revalorizada. Os profesionais escollen como exemplo para lembrar no Día Mundial da Arquitectura, o Polígono deseñado por Pernas. Desde o seu comezo nos anos 60 e ata hai ben pouco, Coia foi sempre “a fea do baile” nos barrios de Vigo, o escarnio da cidadanía clasista. Pero a historia virou e os desmandos arquitectónicos e urbanísticos que converteron a cidade nunha mole sen atractivos, rematou por converter a populosa zona na “raíña das festa”, chea de edificios xigantes e non moi agraciados, pero, polo menos, con espazos verdes que permiten aos que alí moran, gozar dun contorno sen os acoros e ruídos que sofre o resto da cidadanía acosada polos aparcadoiros e ávida de parques e silandeira paz. O lema O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), celebrou onte o Día Mundial da Arquitectura baixo o lema A cidade, un espazo para compartir , e a delegación de Vigo da devandita entidade escolleu este ano as vivendas do Polígono de Coia, coincidindo coa exposición sobre a obra de Desiderio Pernas, (que proxectou a maioría das vivendas e equipamentos), no centro Cultural Caixanova, que aínda permanecerá aberta ata o 9 de outubro. O tema da cidade é unha continuación da celebración dos pasados anos. Con esta xeira, o Colexio de Arquitectos de Galicia quere reivindicar “o papel social e cultural que as cidades desempeñaron na nosa historia, fronte á idea empobrecedora da cidade como un ben de cambio”, sinalan.
73
A historia Coia foi unha urbanización promovida polo Ministerio da Vivenda nos anos 60, na que Desiderio Pernas se propuxo proxectar maior número de edificios por encomenda da promotora Benéfico Popular da daquela chamada “Caja de Ahorros” de Vigo. En palabras dos comisarios da exposición, Perfecto Cendón Domínguez e Andrés Touceda Gómez, “Pernas soubo resolver os sucesivos encargos con gran oficio e rigor. Dende o punto de vista das vivendas, os proxectos son absolutamente modernos e exemplares pola distribución, amplitude e luminosidade dos espazos. As técnicas construtivas tamén supoñen un cambio cualitativo de estrutura, materiais e linguaxe, que cambiará a imaxe do tecido urbano. Dende o punto de vista do urbanismo o parque lineal vertebra todo o conxunto e conecta co resto de zonas verdes, resultando un dos espazos urbanos de maior calidade ambiental de Vigo”. O futuro Dentro das actividades previstas onte para lembrar esta urbanización viguesa, o arquitecto Salvador Fraga fixo un recordatorio sobre a mesma no acto que se desenvolveu para pechar a xeira no Centro Cultural Caixanova. Na súa exposición, o profesional refrescou a memoria sinalando que “la actual Avenida de Castelao nace justamente sobre el desalojo y demolición de las viejas cocheras del tranvía en As Travesas, hecho cargado de una enorme fuerza simbólica para la ciudad y para el propio polígono de Coia, porque con la demolición Vigo arrincona como algo obsoleto más de medio siglo bajo la impronta del tranvía, y se abre con expectación a una nueva era de expansión que entroniza al automóvil privado como canon incuestionado de los nuevos tiempos. La demolición simboliza un tiempo que lentamente agonizaba, una forma autoritaria de entender y hacer la ciudad». Por último, deixou caer pistas para a súa evolución: “Indagar nas posibilidades que están moi abertas e propor actuacións correctas de mellora e rehabilitación do Polígono de Coia poden producir resultados sorprendentes no futuro urbano de Vigo”
ACTIVIDADE Logo de rematar o Roteiro le a noticia publicada na voz de Galicia en 2005 e reflexiona sobre o que aprendiches. Escribe, debuxa, fotografía, grava… un comentario sobre as túas reflexións. Con todos os traballos faremos una exposición na aula.
74
6. RELACIÓN DE MATERIAIS LIBROS COLEXIO OFICIAL DE ARQUITECTOS DE GALICIA Guía de Arquitectura de Vigo 1930-2000. CENDÓN, P., e TOUCEDA, A., Desiderio Pernas. Do detalle á cidade 60/70. CAIXANOVA, COLEXIO OFICIAL DE ARQUITECTOS DE GALICIA. FRANCO, F., Vigo a explosión dos 80. Con fotografías de DE LAS HERAS, V. Vigo. XERAIS. Libro PDF DOSSIER 1874-84. Movemento cidadán Parroquia “Cristo da Victoria”, Vigo. RIVAS BARROS, J., Conferencia CD: Cronoloxía urbanística de Vigo, xerente de Urbanismo do Concello de Vigo no período 2000-2007. RODRÍGUEZ, E., As lembranzas soterradas. Unha lectura arqueolóxica da Coia histórica (PDF) SESTAY, I., Toponimia do Val do Fragoso. Coia I . UNIVERSIDADE E CONCELLO DE VIGO PELÍCULAS
Heroína. GERARDO HERRERO A Bouza é nosa. Corto alumnado de 4º ESO Alexandre Bóveda Los Lunes al Sol. FERNANDO LEÓN DE ARANOA Reconversión naval : http://vimeo.com/31818176 O barrio de Coia. Dos anos 60 á actualidade-parte 2 (Historia de Vigo) :http://www.youtube.com/watch?v=ZfZ5_9W006E&feature=fvst Ben falado microtoponima Coia: http://www.youtube.com/watch?v=_Y9z4eHK3w&feature=email LISTA DE REPRODUCIÓN DOS VÍDEOS DE ELABORACIÓN PROPIA DO GRUPO DE TRABALLO: http://www.youtube.com/playlist?list=PLE2ADF3F8C9B85B35 PÁXINA WEB (WIKI) http://roteiroporcoia.wikispaces.com
75
GRAVACIÓNS/RELATORIOS/MATERIAL DIXITAL Entrevista a Elena Losada Fernández, presidenta da AAVV Praza da Miñoca Entrevista do alumnado de 1º de bacharelato de Sociais a: • “DORNA”, asociación de mulleres de Coia. • Ricardo Álvarez, profesor de Historia do IES Alexandre Bóveda. • Antón Piñeiro, veciño de Coia e profesor de Lingua Galega, presidente do Club de Balonmán Seis do Nadal. • Mª Xosé Queizán, escritora e catedrática de Lingua Galega do IES Alexandre Bóveda. Relatorio, A Coia antiga, medieval e moderna. EDUARDO RGUEZ. SAIZ, arqueólogo. Relatorio, Desiderio Pernas e o polígono de vivendas de Coia. PERFECTO CENDÓN DOMÍNGUEZ Y JAVIER VÁZQUEZ FDEZ., arquitectos. Relatorio, O movemento veciñal do polígono de Coia. EMILIO SÚAREZ CORUJO, sacerdote da Parroquia Cristo da Vitoria. CANCIÓNS Noah & Carlos Núñez A lavandeira da noite.. http://www.youtube.com/watch?v=ghnByR9QWvY Golpes Bajos, No mires a los ojos…: http://www.youtube.com/watch?v=XrSzXBtzBsY Golpes Bajos, Malos tiempos…: http://www.youtube.com/watch?v=ZKGxfGtI9iA Os Resentidos, Sector naval…: http://letras.terra.com/os-resentidos/1985000/ Siniestro Total, Y bailaré sobre…: http://www.youtube.com/watch?v=UwS-coeTRaE MAPA DIXITAL CD FOTOS CD PLANOS
76
7.TRÍPTICO ALEXANDRE BÓVEDA
77
8. AGRADECEMENTOS Profesorado do IES Alexandre Bóveda Ricardo Álvarez Marisa Andrade Carmen Panero Antón Piñeiro Mª Xosé Queizán Asociación de mulleres “Dorna” Áurea González, presidenta
Relatores Perfecto Cendón Domínguez, arquitecto Eduardo Rodríguez Saiz, arqueólogo Emilio Suárez Corujo, sacerdote Parroquia Cristo da Vitoria Javier Vázquez Fernández, arquitecto Investigadores Iván Sestay, autor do libro Toponimia do Val do Fragoso. Coia Organismos Asociación de comerciantes das Travesas AAVV Camino Vello, María Villaraviz Goberna, presidenta AAVV Cristo da Vitoria, Maria Soledad Polo Lima, presidenta AAVV Praza da Miñoca, Elena Losada Fernández, presidenta Caixanova editorial, Paloma Vela Colexio arquitectos de Vigo Concello de Vigo, Servizo de Educación, Pedro Vázquez Iglesias, técnico Instituto de Estudos Vigueses CFR de Vigo, Mónica Otero (asesora)
78
Colaboradores Alfonso Carrera, Presidente da Comisión de Festas de Coia Vitorino Lopez Amado 1º presidente da AAVV. Cristo da Vitoria Wenceslao Martínez José Luís Mato López Javier Rivas Barros Emilio Rodríguez Galiñanes
GRUPO DE TRABALLO IES ALEXANDRE BÓVEDA. VIGO ROTEIRO POLO BARRIO DE COIA ANA ÁLVAREZ PAZ CRISTINA BALTAR GONZÁLEZ ELSA LAMAS FERNÁNDEZ DANIEL RODRÍGUEZ PIZARRO MARÍA PILAR VÁZQUEZ DOMÍNGUEZ MARÍA DOLORES VÁZQUEZ PÉREZ Este traballo recibiu unha subvención da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
79