(…) Que é poesía? Tantos intentos se fixeron por intentar definir poesía! (…)Non me satisfaz esta definición que un día din eu nunha estrofa en castelán :
¡Es tan triste responder! ¡Poesía es detener la belleza que se va!
(…) A poesía verdadeira ten que producir emoción estética, o mésmo que a música ou outra arte. Confeso que, inda que pareza sorprendente, unha boa música a min prodúceme unha emoción máis fonda e inmediata que un poema. A poesía tén outra dimensión, porque é a interpretación da realidade por medio da palabra (…). Resumindo: para min a poesía é a máis alta expresión da comunicación humana (…). Fragmento da presentación no recital de poesía en Guitiriz Xosé María Díaz Castro, 1984
Moitos escritores galegos homenaxearon a Díaz Castro compoñendo poemas. Darío Xohán Cabana compuxo o seguinte, imitando o de Penélope: Suco vai, suco vén. E aquí chegamos, neve nos cumes, frío nas valgadas, e darredor as agras sementadas, e non chega a colleita que esperamos. Algún día entre soños sementamos o noso pan. Chovía nas aradas, e ó se achega-lo tempo das anadas desmo de fume e vento colleitamos. Cada cousa de nós é de borralla baixo do vento mol que se desliza sobre o mundo e o manca e o esborralla. Un paso adiante e outro atrás, Galiza. Un negro orballo eternamente orvalla sobre tristeza antiga e outoniza.
Xosé María Díaz Castro naceu en Os Vilares (Guitiriz), no ano 1914. Aos 17 anos ingresou no Seminario Santa Catalina de Mondoñedo.
Cando saíu do Seminario no ano 1936, exerceu de profesor de Ensinanza Media en Vilagarcía de Arousa. Licenciouse en Filosofía e Letras. Dubidaba sobre a súa elección profesional: gustáballe moito ser mestre, tamén lle gustaba o xornalismo e os idiomas. No ano 1948 trasladouse a Madrid. Alí traballou como profesor de linguas clásicas e modernas (francés, inglés e alemán) e tamén como tradutor para o Ministerio de Gobernación. Neste traballo tivo que ser moi prudente e coidadoso pois traduciu segredos de Estado. No ano 1952 comeza a traballar no Instituto de Cultura Hispánica e máis tarde no Instituto do Frío do Consello Superior de Investigacións Científicas. Faleceu no ano 1990.
Xosé Mª Díaz Castro empezou a escribir desde moi novo. O seu primeiro poema escribiuno aos 12 anos. Publicou regularmente na revista Alba. No ano 1955 apareceu na Escolma da Poesía Galega. Publicou artigos de crítica e ensaio en diferentes xornais e en revistas como Estafeta literaria e Ínsula. No 1946 publicou Nascida dun sono e El cántico de la ciudad. No 1961 publicou o seu único libro Nimbos. Ademais disto, publicou traducións ó galego e ó castelán de poetas e prosistas europeos. A temática da súa obra é moi diversa: a relación entre o home e Deus, o paso do Tempo e da Historia e Galicia coma terra asoballada que debe ser redimida.
Un paso adiante e outro atrás, Galiza, e a tea dos teus soños non se move. A espranza nos teus ollos se espreguiza. Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos che estrolla o sono mol coma unha uva. Pro ti envólveste en sabas de mil anos, e en sonos volves a escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día a xente que levaron. Deus é o mesmo. Suco vai, suco vén, ¡Xesús María!, e toda cousa ha de pagar seu desmo.
Desorballando os prados como sono, o Tempo vai de Parga a Pastoriza. Vaise enterrando, suco a suco, o Outono. ¡Un paso adiante e outro atrás, Galiza!