3 gago

Page 1

ANUARIO INTERNACIONAL DA COMUCIÓN LUSÓFONA I 2014 27

Consensos sobre a ausencia. O ‘destino Galicia’ na publicidade audiovisual da Xunta de Galicia Manuel Gago (Universidade de Santiago de Compostela) 1. Introdución O presente texto ten como obxectivo analizar o concepto visual de Galicia como destino a través das campañas audiovisuais promovidas pola Xunta de Galicia, a administración autonómica, a través do seu departamento de Turismo, actualmente denominada Axencia de Turismo de Galicia e adscrita directamente á Presidencia do goberno autonómico . A Xunta de Galicia é o principal axente investidor na promoción turística de Galicia. Ten capacidades orzamentarias para a difusión exterior das mensaxes publicitarias e ten competencias sobre todo o territorio galego. Xa que logo, semella pertinente coñecer como é a construción do destino “Galicia” e, derivado disto, a imaxe transmitida do país no exterior. En 2013 Galicia recibiu 3,3 millóns de viaxeiros, dos cales 2,55 milóns foron españois e 826.592 estranxeiros; no caso deste tipo de turista, estase a incrementar ano tras ano . O impacto deste sector económico no PIB galego é dun 10,9%, asumindo un 10.3% do emprego en Galicia . A tendencia de crecemento máis clara por segmentos especializados é a do turismo cultural. 2. Estado da cuestión Varias investigacións e traballos teñen abordado a imaxe exterior de Galicia e as políticas turísticas nos últimos anos, en termos de posicionamento, na construción da imaxe de marca e do destino. En xeral, os traballos investigados inciden nas diferencias de percepción por parte dun turista español en relación a un turista foráneo, que son notables, pero que tamén teñen unha interpretación ben distinta segundo o investigador. Ugarte Otero ten sinalado que para un turista español, Galicia é canda Andalucía “as comunidades con maior notoriedade dentro do sector turístico español, sendo “líderes en boa parte dos atributos”. (Ugarte, Xoán, 2007: 208), destacando en “Natureza e paisaxes ben conservados, Ambiente Tranquilo, Gastronomía Singular e de Calidade”, aínda que o país ten moi baixos niveis de asociación cos atributos propios dunha industria turística (Oferta Comercial, Diversión noturna, calidade dos aloxamentos, etc. ) (Íbid: 208). Os turistas estranxeiros asocian a Galicia coa “Gastronomía, Paisaxes Verdes e Santiago de Compostela, Patrimonio Histórico e Artístico” (Íbid, 14). Sen embargo, para David Santomil, quen investigou a imaxe exterior de Galicia nas últimas décadas en mercados exteriores a través da presenza en medios de comunicación e axencias turísticas exteriores, o descoñecemento de Galicia nos mercados turísticos internacionais é notable, aínda que cambia en función da aproximación ou da existencia dun mercado emisor. En termos globais, nos mercados turísticos, “Galicia non ten imaxe de marca no exterior” (Santomil, 2012: 390), aínda que esta percepción varía, de xeito non especialmente favorable, nos mercados máis emisores de turistas cara España, onde “Galicia segue eclipsada pola imaxe de marca de España (...)” vinculada a un fenómeno compartido co resto norte de España que é o Camiño de Santiago (Íbid, 391). Para este autor, parte do problema está na política de imaxe turística construída desde hai moitos anos polo Goberno español a través do seu órgano de promoción Turespaña, e que anula as posibilidades de difusión de Galicia. Segundo Santomil, “é necesario un cambio na identidade corporativa e na política de promoción exterior de Turespaña (...) que contemplen a diversidade e pluralidade” (Íbid., 393).


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.