ANUARIO INTERNACIONAL DA COMUCIÓN LUSÓFONA I 2014 187
Cara a construción da Lusofonía Audiovisual
Silvia Roca Baamonde (Universidade de Santiago de Compostela) Ledo Andión, M. (ed.): Lusofonía, Interactividade e Interculturalidade. Santiago de Compostela: Grupo de Estudos Audiovisuais. Universidade de Santiago de Compostela. 2011, 228.p. (e-‐book, 2013) Identificar as barreiras e motivacións socioculturais que frean a circulación das creacións audiovisuais galegas no espazo lusófono, é o obxectivo de partida dunha investigación desenvolvida polo Grupo de Estudos Audiovisuais da Universidade de Santiago de Compostela coa intención de contribuír ao deseño das políticas públicas de promoción do audiovisual e á adopción de medidas concretas por parte dos axentes profesionais do sector. Co título, “Lusofonía, Interactividade e Interculturalidade” a publicación que deriva da pesquisa vén de ser posta a disposición dos lectores na páxina web do grupo (www.estudosaudiovisuais.org) e constitúe un completo informe científico-‐técnico dos resultados deste proxecto de I+D, co-‐financiado polo programa INCITE da Xunta de Galicia, que congregou a investigadores de Galiza, Portugal, Brasil e Guiné Bissau arredor de dous obxectivos capitais: localizar codificadores culturais determinantes na aceptación de contidos audiovisuais da comunidade lusófona e contribuír á apertura de novos modelos de distribución e consumo baseados na innovación tecnolóxica. Nesta iniciativa, a equipa investigadora dirixida pola doutora Margarita Ledo Andión toma parte no debate sobre a conceptualización do termo Lusofonía, que conciben como “escenario que non ten a súa causa no pasado histórico senón no devalo da mundialización e no lugar que se veña ocupar” (p.7) e que, libre de determinismos historicistas, se revela como un espazo para a re-‐configuración identitaria dunha comunidade que traspasa as fronteiras dos Estados-‐nación que a conteñen, un “escenario plural e asimétrico cuxo fío funambular común (…), a partilla de linguas que constitúen un mesmo sistema lingüístico, debera ser unha peza de inestimábel valor de uso -‐e de cambio-‐ para a circulación de obxectos e suxeitos de comunicación.” (p.9) A/s lingua/s como expresión de pluralidade e diferenza, como elemento vertebrador de diversidade cultural, que devén en suxeito comunicacional activo e en capital imprescindible para a xeración de intercambios culturais nun espazo transnacional. Dende esta perspectiva, o Grupo de Estudos Audiovisuais da USC tece un proxecto en parcería coa Universidade da Beira Interior (Covilhã, Portugal), a Universidade Lusófona de Guiné Bissau, a Pontifícia Universidade Católica de Río Grande do Sul (Porto Alegre, Brasil) e a Universidade Federal de Bahia (Salvador de Bahia, Brasil), arredor dun modelo organizativo descentralizado que procura analizar a recepción dunha mostra representativa das producións audiovisuais galegas por parte dun público potencial constituído en grupos de estudo procedentes de tres puntos significativamente diferentes do espazo lusófono: Brasil, Guiné Bissau e Portugal. O artellamento da pesquisa, exposto de forma detallada no volume que presentamos, (p.37-‐92) destácase pola implementación dun complexo instrumental metodolóxico que combina un software de análise predictivo e de xestión de datos (PASW Statistics 19) cun xestor de contidos multimedia en rede (Orchestra CMS). O resultado é unha contorna online de acceso restrinxido que posibilita conxugar a visualización dos filmes, o cumprimento dos cuestionarios de análise e o arquivo e procesamento dos datos, alén de incorporar outras ferramentas para a comunicación entre os integrantes do proxecto, como foros, novas e chats.