ANUARIO INTERNACIONAL DA COMUNICACIÓN LUSÓFONA I 2013 9
A Lei de normalización lingüística. Galicia, 30 anos despois1 Rosario Álvarez (Instituto da Lingua Galega. Universidade de Santiago de Compostela) O ano 2013 é un ano de importantes efemérides. Celebramos, ou deberiamos estar celebrando, os 200 anos da publicación dos Rogos dun gallego de Manuel Pardo de Andrade (auténtico best-seller, integramente en galego, con máis de 10000 exemplares vendidos na época; e, por certo, o seu autor é unha gran figura dos albores do xornalismo galego). Celebramos, iso si, realmente, como unha gran festa nacional, os 150 anos da edición de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, aludida pola presidenta de AGACOM no arrinque do acto de inauguración deste congreso (para os participantes vidos de fóra, chamo a atención sobre a singularidade desta cultura cunha literatura fundada sobre obra e nome de muller); celebramos os 50 anos do nacemento da benemérita Fundación Penzol, do innovador Laboratorio de Formas de Galicia, da nova e ininterrompida andadura da revista Grial (todo un símbolo!), da compilación do dereito civil galego... O ano 1983 foi especialmente fértil, coma os primeiros anos de andadura do entón recentemente estreado Parlamento Galego: por iso, en 2013 cumpren 30 anos, entre outros, o Consello da Cultura Galega, a oficialización da normativa lingüística elaborada e aprobada conxuntamente pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega (RAG/ILG, 1982) e a Lei de Normalización Lingüística. Centrarei a primeira e máis extensa parte da miña exposición nas efemérides máis estritamente lingüísticas. Dúas disposicións distintas, que non convén confundir, mais relacionadas: a Lei de Normalización (15 de xuño de 1983) e, un pouco antes, o Decreto de Normativización (de 1982, publicado en abril de 1983). Lei 3/1983, de 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG, 14/07/83) Esta é a regulamentación que procura devolver o estatus de dignidade e normalidade para a única lingua propia de Galicia, o galego, e instaurar o grao de oficialidade que se reclama, á vez que debe servir de marco xurídico para dereitos e deberes de toda a sociedade en relación coa lingua. A Lei de normalización consta dun preámbulo e de 25 artigos agrupados en VI títulos: Título I. Dos dereitos lingüísticos en Galicia (art. 1º-3º). Título II. Do uso oficial do galego (art. 4º-11º). Título III. Do uso do galego no ensino (art. 12º-17º). Título IV. Do uso do galego nos medios de comunicación (art. 18º-20º). Título V. Do galego exterior (art. 21º). Título VI. Da administración autonómica e a función normalizadora (art. 22º-25º). En liñas moi xerais, pois non é o tempo nin o lugar de se estender en consideracións particulares, o contido da LNL resúmese nos seguintes trazos: a) Recoñecemento do galego como única lingua propia de Galicia e da necesidade de accións positivas que anulen e invertan os efectos perniciosos provocados por decisións e feitos históricos. b) Os dereitos ao uso do galego circunscríbense ao ámbito territorial de Galicia (non alcanzan outros territorios galegófonos, non ten correspondencia no interior do estado). 1Intervención da Profesora Rosario Álvarez no XIII Congreso Internacional IBERCOM: Comunicación, Cultura e Esferas de Poder, celebrado en Santiago de Compostela do 29 ao 31 de maio de 2013.