COMUNICADO ASOCIM ALERTA DA PRECARIEDADE LABORAL DO PERSOAL TÉCNICO DOS CENTROS DE INFORMACIÓN Á MULLER Débese reforzar o servizo con persoal para garantir unha atención de calidade ás usuarias Denuncia o incumprimento sistemático do decreto que regula os CIM 04 de marzo, 2022 – Co motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, a Asociación de
Profesionais dos Centros de Información á Muller (ASOCIM) reivindica unha vez máis a necesidade de visibilizar e poñer en valor o traballo das profesionais, incidindo na necesidade de reforzar os recursos humanos e materiais dos CIM. A entidade que aglutina ao persoal técnico destes espazos leva tempo alertando dos problemas estruturais e déficits que arrastran os CIM: falta de persoal, sobrecarga de traballo, excesiva burocratización dos procesos... Esta situación tradúcese, por unha banda, no desgaste físico e psicolóxico do persoal con cadros de estrés, ansiedade e síndrome do Burnout en moitas das profesionais dos centros; e por outra, nun empobrecemento da calidade e dignidade do servizo. Por todo isto, manifesta o incumprimento do Decreto 30/2016, especialmente en relación á cobertura das baixas laborais e ás dez horas semanais mínimas estipuladas para os servizos de asesoramento xurídico e atención psicolóxica. Horario insuficiente para atender axeitadamente ás usuarias, debido ao incremento nos últimos anos das consultas e que aínda a día de hoxe non se respecta en todos os CIM. Así mesmo, as figuras mínimas que establece o decreto de 2004 que regula os CIM -e que se manteñen no decreto de 2016-, unha avogada e unha psicóloga, é escaso á hora de prestar este servizo. Sería necesario incluír canto antes persoal de apoio para a atención das tarefas administrativas, así como outros perfís especializados en Igualdade. Os Centros de Información á Muller de Galicia teñen un papel fundamental na promoción da igualdade e na prevención da violencia de xénero. Só con CIMs ben dotados de recursos humanos e materiais será posible facer un traballo efectivo á hora de eliminar a violencia contra as mulleres e de apoiar e orientar ás vítimas, articulando procesos efectivos de asesoramento xurídico, de atención psicolóxica, e de orientación profesional e sociolaboral. Para acadar ese obxectivo hai que conseguir dignificar os postos de traballo do persoal técnico dos CIM. ASOCIM demanda que se estabilice a súa situación laboral, unificando os criterios na clasificación das traballadoras dentro da área de Igualdade nos cadros de persoal dos concellos e nas Relacións de Postos de Traballo (RPT) que están en fase de realización en moitos concellos. Resulta preocupante que só un 27% dos CIM se reflictan correctamente nas RPT como un servizo independente, mentres que o 73% restante encádrase noutras áreas. Os CIM son servizos atendidos por profesionais expertas en igualdade, e así deberían estar recoñecidos nas RPT.
A mellora destes servizos só será posible se se realiza un incremento da dotación económica destinada aos CIM en relación ao ano 2021, que ascendeu segundo o establecido na Resolución de 2 de marzo da Secretaría Xeral da Igualdade, publicada no Dog. 49 de 12 e marzo de 2021, á cantidade total de 4.959.894 euros. A deste ano aínda está pendente de publicación. Esperamos que parte dos fondos recibidos pola Comunidade Autónoma Galega do Pacto de Estado contribúan a dotar de máis medios e persoal aos Centros de Información ás Mulleres, instrumentos indiscutibles do cambio social en materia de igualdade. Unha diminución dos mesmos para este ano só agravaría ás situacións das profesionais que repercutirían na atención prestada ás usuarias. Contar coa visión e ampla experiencia laboral das técnicas dos CIM, na busca de solucións e melloras destes servizos por parte de todas as administracións públicas implicadas significaría un avance moi positivo no camiño á igualdade de xénero.
DEPARTAMENTO DE COMUNICACIÓN DE ASOCIM GALICIA Tlfno: 636 792 073 / 616 70 31 86 Correo electrónico: prensaasocim@gmail.com / asociacionprofesionaiscim@gmail.com Facebook