COMUNICADO DE PRENSA ASOCIM PRONÚNCIASE SOBRE OS ATAQUES AOS DEREITOS DAS MULLERES EN AFGANISTÁN E CHAMA A SUMARSE Á CADEA FEMINISTA NA SÚA DEFENSA 18 de agosto, 2021
Dada a situación pola que está atravesar Afganistán, as informacións sobre o país foron sumando máis e máis páxinas nos últimos días. En apenas catro días os talibáns pasaron a ocupar a maior parte do territorio, facéndose tamén co control da capital, Cabul. Activistas feministas afgás alertan sobre o perigo que corren os dereitos das mulleres baixo o réxime talibán. Nun intento por explicar cal será a situación que vivan as afgás a partir de agora, a Asociación Revolucionaria das Mulleres de Afganistán (RAWA) aludía a algunhas das normas que se impuxeron no país durante os anos que estivo sometido aos fundamentalistas, desde o 1996 ata o 2001). Case unha trintena de regras nas que se atopa a prohibición de traballar fóra da casa, estudar, saír sen estar acompañadas do seu mahram —home parente moi próximo como é o pai, un irmán ou o marido—, usar baños públicos, ser atendidas por sanitarios varóns —o que se traduce nun acceso á saúde totalmente precario ao existir un número moi reducido de médicas e enfermeiras—, lavar a roupa en ríos ou prazas públicas, falar con homes que non sexan o seu mahram, participar nos medios de comunicación ou publicar imaxes de mulleres. Así tamén, o uso do burka será obrigatorio e seranlles aplicados fortes castigos (malleiras, lapidación) se non cumpren coa lei Sharía. Desde ASOCIM (Asociación de profesionais dos CIM) mostran a súa preocupación pola deriva política do país e de como isto pode afectar aos dereitos humanos e fundamentais das mulleres afgás. Así mesmo, mostran o seu apoio e solidariedade coas compañeiras afgás e alentan a sumar esforzos mediante a firma de dúas peticións no seu apoio. A primeira delas, é Abrid las puertas a Afganistán y las afganas, un manifesto que xa leva recadadas máis de 50.000 sinaturas en todo o mundo e que se pretende levar ata o Parlamento Europeo e ONU Mulleres, e a segunda, promovida polo Fórum de Política Feminista e dirixida a Pedro Sánchez, é a Carta al Presidente del Gobierno ante la situación de las mujeres afganas. ASOCIM fai súa a coñecida frase de Simone de Beauvoir, “Non esquezades xamais que bastará unha crise política, económica ou relixiosa para que os dereitos das mulleres volvan ser cuestionados. Estes dereitos nunca se dan por adquiridos, debedes permanecer vixiantes toda a vosa vida”, para insistir na necesidade de sumarse á cadea feminista na defensa dos dereitos das mulleres en todo o mundo. DEPARTAMENTO DE COMUNICACIÓN DE ASOCIM GALICIA Tlfno: 636 792 073 / 616 703 186 Correo electrónico: prensaasocim@gmail.com / asociacionprofesionaiscim@gmail.com Facebook