COMUNICADO ASOCIM VALORA POSITIVAMENTE AS SENTENZAS DOS CRIMES MACHISTAS DE ANA ENJAMIO E DIANA QUER

Page 1

COMUNICADO ASOCIM VALORA POSITIVAMENTE AS SENTENZAS DOS CRIMES MACHISTAS DE ANA ENJAMIO E DIANA QUER

A ESTRADA, 3 de xaneiro, 2020

A asociación que agrupa aos técnicos e técnicas dos CIM de Galicia (ASOCIM) quere trasladar a súa valoración polas recentes sentenzas dos crimes machistas de Ana Enjamio e Diana Quer. En primeira instancia, a asociación mostra o seu total rexeitamento ante calquera acto de violencia contra a muller, que acada o nivel máis alto de brutalidade no asasinato, independentemente do impacto mediático que acade. Un acto que racha coa vida tanto da vítima como do seu círculo afectivo e no cal a vulnerabilidade dos fillos e fillas orfos por violencia machista queda patente. A nivel global, ASOCIM valora de forma positiva as condenas de César Adrio polo asasinato de Ana Enjamio e de José Enrique Abuín Gey, coñecido como O Chicle, polo de Diana Quer. A organización considera xustas ámbalas dúas sentenzas, dada a crueldade dos dous crimes machistas que máis sacudiron a conciencia da sociedade galega nos últimos tempos. En relación ao caso de Ana Enjamio, a asociación congratúlase de que se contemplara a agravante de xénero e agarda que se estime en procesos análogos futuros. Non obstante, a Xustiza non considerou a violencia de xénero e a agresión sexual no referente a Diana Quer. Nesta liña, ASOCIM insta a contabilizar nas estatísticas oficiais a todas as vítimas de violencia machista, independentemente da relación que mantiveran co seu asasino. Lembremos que ata o momento só se recollen aquelas mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas, que xa suman un total de 1.033 desde que existe rexistro, ano 2003. Por último, chaman á aplicación da perspectiva feminista tanto a nivel xudicial como na abordaxe informativa nos casos de violencia machista que permita contextualizar o ocorrido na problemática social, fuxindo do suceso e o morbo. O Chicle foi condenado a prisión permanente revisable e a dez anos de liberdade vixiada polo asasinato de Diana Quer con aleivosía, ademais de detención ilegal e un delito contra a liberdade sexual. Pola súa parte, César Adrio foi condenado a 30 anos e catro meses de cárcere polo crime, con asañamento, concorrendo as agravantes de xénero e de parentesco, de Ana Enjamio.


PARA MÁIS INFORMACIÓN: DEPARTAMENTO DE COMUNICACIÓN DE ASOCIM GALICIA Tlfno: 616 703 186 / 636 792 073 | Correo electrónico: prensaasocim@gmail.com / asociacionprofesionaiscim@gmail.com


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.