NOTA DE PRENSA ASOCIM ACHEGA AS PROBLEMÁTICAS DOS CENTROS DE INFORMACIÓN Á MULLER AO GRUPO PARLAMENTARIO POPULAR A entidade continúa a rolda de conversas cos parlamentarios galegos A ESTRADA, 28 de febreiro, 2019 –A vicepresidenta de Asocim (Asociación de Profesionais dos CIM de
Galicia)1, María Consuelo Cajide, e a vicesecretaria da entidade, Patricia Lores, mantiveron onte pola tarde unha xuntanza coa representante do grupo parlamentario Popular de Galicia, Paula Prado, na que lle trasladaron, entre outras cuestións, as problemáticas actuais dos CIM (Centros de Información á Muller) e o sentir desta entidade ante a controvertida figura do coordinador parental. Tras a xuntanza da semana pasada co grupo En Marea e a deste mércores co PP, ASOCIM solicitará manter reunións con representantes dos restantes grupos parlamentarios. Durante a reunión, as representantes de ASOCIM alertaron das situacións de inestabilidade e precariedade a nivel laboral que se están a dar en moitos dos Centros de Información á Muller. A vicesecretaria da entidade referiu que en diversos CIM non se está a cumprir o Decreto que regula estes espazos nin en número de horas nin de condicións de contrato de persoal. “Isto xenera unha serie de problemáticas que acaban repercutindo no servizo, nas usuarias dos CIM e na xestión diaria”, explicou Lores. As solucións propostas por esta entidade pasan por aumentar a partida económica dos CIM para que se poidan dotar de persoal suficiente e levar a cabo proxectos de dinamización dos centros; estabilizar os empregos das/os técnicas/os que traballan nos CIM e facer cumprir o Decreto. Así mesmo, as representantes da asociación reclamaron información especializada e de calidade para o persoal técnico dos CIM. Dun tempo a esta parte as competencias do persoal aumentaron ampliando o seu ámbito de actuación aos colectivos de menores e LGTBI+ pero nin se dotou aos CIM de persoal especializado nestas materias nin se formou suficientemente ao xa existente. A representante do Grupo Parlamentario Popular afirmou comprender a complexidade da situación e considerou importante achegar formación sólida e de calidade aos profesionais dos centros de información á muller de Galicia. Seguidamente, Cajide e Lores expuxeron a preocupación da entidade pola recente circular do Colexio de Avogados de Pontevedra que expulsa do turno de oficio ás avogadas/os que están nos CIM e contra a que algunhas asociadas afectadas xa interpuxeron alegacións. Esta situación supón un agravio comparativo para profesionais cun perfil máis especializado e sensibilizado coa violencia de xénero colexiados/as en Pontevedra.
1 Desde a súa constitución en 2015, ASOCIM traballa na promoción do recoñecemento social das/os profesionais dos CIM. Asi mesmo loita contra a discriminación e busca promocionar activamente a igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres como garantía dos dereitos humanos e liberdades fundamentais.
No tocante á figura do coordinador parental, as representantes de ASOCIM compartiron a inquedanza da entidade ante unha medida que non atende ás necesidades dos menores e que xoga en detrimento das vítimas, especialmente das que non denuncian. Cómpre recordar que, recentemente, oito organizacións sociais galegas2 -entre elas Asocim- mobilizáronse en contra da figura do coordinador parental reclamando a paralización do debate no Parlamento Galego sobre esta cuestión e alertando dos seus numeros inconvintes. Durante a xuntanza tamén se falou do funcionamento dos Puntos de Encontro Familiar resaltando a asimetría existente entre uns e outros. Actualmente hai sete puntos de encontro na nosa comunidade autónoma, un número insuficiente que provoca que moitas das persoas usuarias teñan que facer grandes desprazamentos e que se produzan listas de espera en datas sinaladas como poden ser as vacacións de verán. Por riba, o servizo está a funcionar nunhas condicións precarias ao non contar nin con persoal suficiente nin todo o preparado que debería. Para paliar esta situación, ASOCIM avoga pola creación de puntos de referencia de carácter mancomunados que resulten máis próximos para as persoas usuarias.
PARA MÁIS INFORMACIÓN: DEPARTAMENTO DE COMUNICACIÓN DE ASOCIM GALICIA Tlfno: 636 792 073 Correo electrónico: prensaasocim@gmail.com / asociacionprofesionaiscim@gmail.com
2 As entidades foron a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (Agamme), Marcha Mundial das Mulleres (MMM), Sindicato Labrego Galgo (SLG), Rede de Mulleres Veciñais de Vigo, Asociación de Axuda a Vítimas de Agresións Sexuais do Baixo Miño (Adavas Baixo Miño), Observatorio da Mariña pola Igualdade, Asociación Fuco Buxán e Asocim (Asociación de Profesionais dos CIM de Galicia)