NOTA DE PRENSA ASOCIM CONDENA O CRIME MACHISTA DA PASTORIZA E PIDE REFORZAR OS SERVIZOS DE ATENCIÓN ÁS MULLERES MAIORES VÍTIMAS DE VIOLENCIA MACHISTA Manuela Iglesia Fernández foi asasinada este sábado a mans do seu marido A ESTRADA, 26 de xaneiro, 2019 – Este sábado Manuela Iglesia Fernández foi asasinada polo seu marido na
parroquia de Crecente, na Pastoriza, e convértese na primeira muller vítima mortal a causa da violencia de xénero na comunidade en 2020. A Asociación de Profesionais dos CIM de Galicia (ASOCIM) condena o ocorrido e traslada o seu pesar por este novo crime machista, o sexto rexistrado no que vai de ano. A entidade reclama reforzar os Centros de Información á Muller nos concellos do interior galego, dada a dispersión da poboación e a avanzada idade da mesma. Por iso, as e os profesionais dos CIM volven poñer enriba da mesa a necesidade de repensar o reparto dos fondos do Pacto do Estado contra a Violencia de Xénero de tal xeito que permitan optimizar os servizos de atención ás vítimas de violencia machista e crear axudas de maior duración e contía, adaptadas ás diferentes realidades ás que teñen que facer fronte. Neste sentido, é de suma importancia que se deseñen prestacións que atendan ás necesidades das mulleres maiores que ven como moitas veces quedan fóra delas ao non estar en situación de acceder ao mercado laboral, requisito indispensable en varias das liñas de asistencia. A importancia dos CIM Os Centros de Información á Muller (CIM) son un conxunto de recursos das entidades locais desde os que se artella unha intervención global dirixida ás mulleres e que proporcionan asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e sociolaboral, así como calquera outra información encamiñada á consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes. Desde a súa constitución en 2015, ASOCIM traballa na promoción do recoñecemento social das/os profesionais dos CIM. Así mesmo loita contra a discriminación e busca promocionar activamente a igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres como garantía dos dereitos humanos e liberdades fundamentais.
PARA MÁIS INFORMACIÓN: DEPARTAMENTO DE COMUNICACIÓN DE ASOCIM GALICIA Tlfno: 616 703 186 / 636 792 073 | Correo electrónico: prensaasocim@gmail.com / asociacionprofesionaiscim@gmail.com