NOTA DE PRENSA ASOCIM MOSTRA A SÚA REPULSA POLO CRIME MACHISTA REXISTRADO EN LUGO, O SEGUNDO NO QUE VAI DE ANO NA PROVINCIA GALEGA Xa son dez as mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas este 2020 A ESTRADA, 12 de febreiro, 2020 – Clara María Expósito Vilanova foi asasinada pola súa parella na cidade de
Lugo. Con ela, xa son dúas as mulleres vítimas mortais a causa da violencia de xénero na provincia de Lugo, e na comunidade, en 2020, tralo crime de Manuela Iglesia Fernández, no municipio da Pastoriza, a finais do pasado mes de xaneiro. A Asociación de Profesionais dos CIM de Galicia (ASOCIM) mostra a súa repulsa polo ocorrido e traslada o seu pesar por este novo asasinato machista, o terceiro rexistrado nunha mesma semana no territorio español e o décimo no que vai de ano. A asociación pon o foco na necesidade de contar con Centros de Información á Muller fortes que permitan desenvolver unha atención ás mulleres vítimas de violencia machista con todas as garantías. Nesta liña, levan tempo denunciando a falta de recursos tanto persoais como económicos, con liñas específicas de axudas para os casos de maior vulnerabilidade, dos CIM da comunidade; especialmente daqueles que, pola súa localización, se ocupan de asistir a varios municipios de forma conxunta e/ou zonas moi poboadas. Así mesmo, a organización lémbralles aos medios da comunicación seguir as recomendacións para un tratamento informativo dos casos de violencia de xénero afastado do morbo e do ataque á intimidade persoal e familiar das vítimas, véxase a Declaración de Compostela. A importancia dos CIM Os Centros de Información á Muller (CIM) son un conxunto de recursos das entidades locais desde os que se artella unha intervención global dirixida ás mulleres e que proporcionan asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e sociolaboral, así como calquera outra información encamiñada á consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes. Desde a súa constitución en 2015, ASOCIM traballa na promoción do recoñecemento social das/os profesionais dos CIM. Así mesmo loita contra a discriminación e busca promocionar activamente a igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres como garantía dos dereitos humanos.
PARA MÁIS INFORMACIÓN: DEPARTAMENTO DE COMUNICACIÓN DE ASOCIM GALICIA Tlfno: 616 703 186 / 636 792 073 | Correo electrónico: prensaasocim@gmail.com / asociacionprofesionaiscim@gmail.com