
1 minute read
A praia
from Quen é a nena?
by BABIDI-BÚ
Cando es pequena, ou non tan pequena, un dos praceres máis grandes do verán é poder ir á praia… e moito máis cando alguén maior ca ti te leva nun coche vermello, igual ca o que ti tiñas cando eras un bebé.
Poder ir coa música a todo volume, desfrutando da paisaxe galega e coa voz de Amaia Montero ou de El canto del loco, soñando con algún día conducir ti un coche similar e poder volver por eses lugares que tanto che gustaron, que non foron poucos. Era todo un planazo.
Advertisement
Chegar con fame á casa despois de todo o día de volta para aquí para alá, de paseos ao carón do mar, e ducharte coma se fose a última vez que o fixeses. Que pracer!
Por non falar da tortilla que xa recendía dende o baño recentemente feita e que tanto che gustaba. Eses días eran nos que mellor se durmía; o motivo non o sabía, pero era pousarse na cama e os ollos pecharse cunha forza tan grande que ata o día seguinte non se volvían abrir.
Parecía maxia, porque o resto dos días mira que daba voltas. Xa podían ser todos os días así para conseguir durmir tan ben e para comer tortilla. Por ela comeríaa os sete días da semana. Canto lle gustaba!
Pero ás veces, un monstro aparecía e todo se truncaba. Estaba xa lista, coa carteira ás costas, a merenda feita e non podía ir. Ela quería con todas as súas forzas cambiar os feitos, pero as outras palabras eran máis valiosas que as súas, deixábana en ridículo, facíana sentir mal, menosprezábana, facíana sentir culpable de cousas que non eran reais, e ao final, por non escoitar máis, por non desfacerse máis, tiña que parar a batalla: non tiña as armas suficientes nin os escudos e moito menos a forza para derrotalo.
Digamos que ao segundo monstro lle chamaremos “abusón”.