Se eu fose... Relato de Alba Ríos García

Page 1

Se eu fose… Alba Ríos García 1º bacharelato C

Gañadora do concurso convocado pola Biblioteca do IES Castro Alobre Curso 2019-2020


Os meus ollos son verdes, ou iso din. Sempre falan de que semellan unha árbore na plena primavera ou a cor do mar que inunda Venecia. Contan que o meu sorriso é especial, cos dentes do medio levemente separados; que, cando os meus beizos se elevan, todo queda en calma, coma o mar no verán no xusto momento en que todos os bañistas marchan coa pel colorada polo intenso sol da calorosa tarde de xullo e, nese intre, no que as gaivotas buscan algún trisco de comida esquecido pola, aínda, quente area. Outros falan de que o meu cabelo ten a cor da paraza dun castiñeiro, cando lle reflicte o sol. Se me preguntas a min como son, teño unha resposta clara. Non o sei. E non, porque non o queira descubrir. O verbo é máis ben outro, poder; non podo. Quizais o primeiro que penses é que non teño espellos. Non é exactamente iso, mais todos din que os ollos son os espellos do alma; nesa metáfora está a resposta a todas as dúbidas presentes na túa cabeza neste momento. Claro que teño ollos, non telos é anatomicamente imposíbel, o que ocorre é que non teñen pensado funcionar. Descubriches o problema? Xa era hora! Non, non vexo, son ao que chaman “cega”, aínda que ese non é o meu adxectivo preferido. Sempre dixen que para min ese referente ten moito máis que ver cunha persoa que non quere ver, e non ca que non pode. Chegados a estes momentos será mellor deixar atrás a tristeza e os agravios. Non quero que penses que a miña vida ten como rima a pena. Nada diso. Ás veces, é preferible non ver para saber sentir, e xa que logo, para saber imaxinar. Desde que teño consciencia, soño e non só polas noites coma calquera persoa, senón non tería nada de especial. Soño a todas horas, penso en coma sería a miña vida se andase cos ollos ben abertos, empregando a escoitada expresión co seu ton máis literal. Cando era unha meniña, a miña avoa díxome que había outro mundo no que cada quen era o que quería ser, só facía falla desexalo tanto que algún día o seu nome sería “realidade”. Desde ese día, eu xa non son a que todos din. Son a que eu digo ser. Porén, hoxe estou aquí para contar a miña vida nun mundo paralelo, do que ninguén sabe. Alí onde eu son o que desexei sempre ser, normal. Estamos en agosto, agosto do 97. Álex pregúntame que é o que máis botaría en falta se non puidese ver. Teño tres respostas. Para que o entenda, explícolle que cada unha delas é coma os meus pulmóns, o meu cerebro e o meu corazón. Esa comparación lévanos a unha longa conversa. Eu sei que é o que quere que lle responda, que unha desas cousas é el e que, se puidese escoller, desexaría que fose a derradeira; mais non lle vou dar a razón tan cedo. Sempre estamos a xogar, el mírame sorrindo cos seus fermosos ollos, empanados pola felicidade que está ao noso arredor, cando estamos xuntos. Eu devólvolle o sorriso coa mirada retadora que sei tanto lle gusta. Pídeme que lle diga as tres cousas, coa impaciencia tan característica que o describe. Dígolle que non, que é el o que as debe adiviñar. Achégase moito máis, os raios do sol impactan no seu rostro facendo que a súa mandíbula pareza máis definida do que xa é e os seus ollos


máis achicados polo seu crecente sorriso. Pon cara pensativa, aínda que xa sabe perfectamente o que vai dicir: - Non entendo porque son tres cousas. A min ocórreseme só unha -dixo el divertido- E está xusto en fronte túa. -Ah, si? Eu non vexo nada relevante. A broma durou moito máis do que calquera que nos vise e nos escoitase puidese imaxinar porque, mentres esas palabras saían dos nosos beizos, os nosos ollos se comunicaban a cento vinte quilómetros bico. Despois duns minutos inmersos na fusión que formaban os nosos acenos, decidinme a falar; non só despois do silencio dese momento, senón logo dos meses que levabamos xuntos. Decidinme a dicirlle, dunha vez por todas, o importante que era para min. Se mo preguntas agora non sei como fun capaz de comezar. Só sei que as palabras saíron soas, quizás coa pequena axuda de ter lidos todos os poemas de Bécquer, os cales fixeron que a miña confesión soase coma poesía na miña testa e, coma descubrín máis tarde, tamén para el. - A primeira cousa que estrañaría, se non puidese ver, sería sen dúbida ler; a outra, ver a miña familia e, a última, escoitar música. Cando pronunciei esta primeira oración, o seu rostro cambiou. Sei que pensou que non, pero percibín o rápido xesto de decepción que pintou a súa faciana durante ese intre. Apresureime a continuar. Recordo perfectamente o que lle dixen: -Botaría en falla ler a cor dos teus ollos, para nunha milésima de segundo saber o que pensas; botaría en falla ver a túa man entrelazada coa miña, porque ti es a miña familia; e por último, botaría en falla escoitar a música que desprendes ao sorrir. Cando Álex quedou calado, nese intre que para min foron horas e no que vin pasar todo o que sucedera entre nós coma se aí fose a rematar; cando iso pasou, quixen non ter dito nada, ata que el sorriu. O sorriso máis bonito que vin na miña vida, cos dentes brancos e perfectamente aliñados. El sabía que outra vez gañaba o xogo que comezaramos coa súa pregunta. O que máis estrañaría ver, se non puidese, sería a el. Escoitei un ruído á vez que sentín un pouco de vento no meu rostro. Era mamá. Estaba a abanicar a man diante da niña faciana. Non a podía ver, pero sentíaa. Cando conseguín saír do transo no que estivera inmersa unha boa cantidade de tempo, ao xulgar polo que estaba a pasar, a miña nai avisoume da chegada de alguén. Díxome o nome, mais aínda non estaba recapacitada do meu anterior pensamento. Marchou deixándome soa. O primeiro que percibín foi o olor da súa colonia, logo a súa voz, cando pronunciou o meu nome e, por último, o seu tacto, cando pasou a súa man polo meu rostro, coma aclarándome quen era, cousa que eu xa sabía só pola súa fragrancia, ao entrar pola porta.


Cóntolle que volvín a imaxinarnos, no outro mundo. Sei que iso é suficiente para que saiba do que lle falo. Pídeme que lle conte cal foi o soño. Fágoo. Non o vexo, mais sei que está a chorar. Sinto os seus beizos nos meus nun débil bico. Sabe salgado e iso confirma as miñas sospeitas. El sabe que o que me imaxinei non é todo mentira. Sabe que o que máis me doe é xustamente non velo a el, non poder ver o seu sorriso nin os seus ollos, aínda que nestes momentos dou grazas de non poder. Nunca os mirei, mais sei que o único que non quero observar nunca son os seus ollos cheos de bágoas, porque ás veces é mellor pechar os ollos que abrilos para non querer ver nunca máis. Dime que me quere, nos meus dous mundos, e que fará a maleta para viaxar comigo eternamente ao que eu prefira. Ao que todos chaman real, no que estamos nese intre ou no que aínda podemos construír a nosa vida. - Se escolles o primeiro -dime en baixiño- eu serei o que che lea todos os libros de poesía que desexes. Prometo describirche os meus ollos cada día, para que non sintas que me esqueces e guiar os teus dedos polas notas da túa canción preferida, para sentila mentres a escoitas. Se elixes o outro mundo, o noso, soñarei contigo. Nel mirarasme e mirareite -pronuncia sorrindo- Escollas o que escollas, querereite igual nos dous. Non sei que contestar. Álex sabe que non o sei. Apértame a man cariñosamente coa súa. Sabe que o quero, coma el me quere a min, mais non podo permitir que renuncie á súa vida pola niña. Choro mentres sorrío. Repítolle o que xa sabe, o mesmo que lle dixen no soño, que o que máis boto en falla é observalo a el. Non deixa de sorrir, aínda que sabe que na miña broma do comezo había moita verdade. Sabe que tampouco podería vivir sen ver os ollos dos meus irmáns, dos meus pais e da miña avoa; sabe que ler para min é vivir; sabe que contestei que o botaría en falla a el, porque é a perfecta síntese de todo o que quero; aínda así pregúntame o porque da miña resposta. Non sei exactamente o que contestar. Despois de moito pensar, dígollo. - Non podería vivir sen ver a quen non podería vivir sen verme. Sabe que coma el hai moita outra xente que non podería vivir sen mirarme, sen ver o meu sorriso e os meus ollos; tamén, a cor do meu cabelo. Mais coma sabe todo iso, tamén é coñecedor de que foi el quen me abriu os ollos, neste caso no sentido figurado da palabra, ensinándome todo o que non querería perder de vista nunca. Foi el o que fixo que vise todas as cousas que realmente me importan; o que fixo que tivese claro que todo o que quero está xusto diante dos meus ollos, vexan ou non vexan, e que como alguén, do que non me lembro, dixo algunha vez, cego non é quen non ve, senón quen non quere ver. E asegúroche que, agora mesmo, eu teño os ollos moi ben abertos. Ti decides cal é a mellor versión de min, aínda que che vou contar un segredo: as dúas son a mesma.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.