DE AMOR E DESAMOR

Page 1

De amor e desamor...


De amor e desamor Os narradores galegos do sĂŠculo XX e o sentimento amoroso

Biblioteca do IES de Poio Febreiro 2012


…Menos mal que quedas ti, amor, os teus ollos verdes paseándome nesta noite de delirio, a túa boca grande rabuñando a soidade, miña, lenta, dolorida, infame, os teus ollos verdes, a túa cara de bruxa arredor das teclas que tecloteo con paixón animal, para perderme, os teus ollos verdes, cariño, cariño, por que non deixas todo o que estás facendo neste preciso instante?(...) deixa todo e corre ao despacho do faraón para falar de amor, dos teus ollos verdes, da lúa verde, da literatura incluso, verde, como a esperanza. Corre, cariño, corre. Ámote, rula. Ámote. E os teus ollos están chorándome. Como chuvia, meu amor.

Xosé Carlos Caneiro. Ámote.


(...) Pechou os ollos, non para durmir, senón para entregarse máis a gusto aos seus pensamentos, e neles seguía estando case visiblemente Silvania.(...) Pareceulle que pola porta da sala entrase un resplandor dourado coma a cabeleira de Silvania (...) Pareceulle que a cabeleira se detivese diante del, e que se inclinase sobre o seu rostro, e que uns labios secos e ardentes se pousasen nos seus ardentes e secos labios, case coma unha brasa que despois se derretese coma cera.(...)

Darío Xohán Cabana. Galván en Saor.


(…) Por primeira vez na súa vida, Dinís non soubo que facer. Se fuxir ou se ir a por ela; se pedirlle nunca máis separarse dela ou escapar para sempre. Sentiu que querela era unha responsabilidade para con ela e para consigo mesmo. E pesoulle ter algo tan grande, un tesouro que calquera cousa ou persoa lle podía roubar. Por iso sentiu compaixón de ambos os dous, porque intuíu que o mundo envesoxo e cruel que coñecera nos últimos anos non soportaría unha historia para Dinís incomparable no universo enteiro. (...)

Rosa Aneiros. Resistencia.


(...) Rei Artur chorou con bagullas de fogo e o xemer encañecíalle de cuspe os bigodes e a barba. Guenebra, Lanzarote! Ela fora a benamada, a única, a gavota do mencer chuvento, a pel cegadora da neve ardorosa, a seguranza pétrea dos estados, o azafrán dos xantares de cerimonia, cendal de Persia na fronte queimada dos estíos, noites de brama dos veados beira do pavillón de caza a amatar os outros brados de amor de bronce señorial entre doseis e peles de londra, e o corpo nu dela a renovarse no leito co movimento incesante e diverso das fervenzas. (...)

Xosé Luís Méndez Ferrín. Amor de Artur.


(...) Colocara a cabeza nun ombreiro de Carlos. El, anteriormente, buscara con indecisión a man dela, para lle poñer os dedos encima dos seus. Isabel buscou a boca de Carlos. Primeiro con sosego, como se soubese da fraxilidade que podería ter o corazón do mozo. Logo, con contida violencia. Finalmente, el aceptara a humidade da boca da muller. E deixárase ir cara aos territorios do desexo, sen que lle importase o que pensaría o camareiro solitario que, a bon seguro, estaba a xulgar a escea. (...)

Ramiro Fonte. Nocturnos para un verán.


(...) E si, aquela noite vimos as estrelas fugaces cruzando o ceo escuro, os dous debruzados na varanda, con Laura entusiasmada polo espectáculo e eu enfeitizado polo recendo docísimo que ela desprendía. Nalgún momento rodeeina cos meus brazos e deille un bico, tan fugaz como o paso das estrelas, e Laura respondeu ao meu cun beixo tímido. Tras aqueles bicos inocentes, fomos descubrindo xuntos outros máis apaixonados. E abrazámonos, abrazámonos coma se estivésemos sós no mundo e a carballeira fose un espazo situado a máis de mil quilómetros de calquera lugar habitado. (...)

Agustín Fernández Paz. Amor de agosto.


(...) Eladia parecíame un anxo: unha criatura baizada do ceo, incapaz de facer mal a ninguén. Quixera estar decote con ela, sempre a súa beira. Un día deume un bico porque souben explicar o descubrimento de América, e sentín un burbullar no peito. Nunca me pasara tal.(…) Moi lonxe se atopaba ela dos meus degoiros. A fin de contas eu era un neno...

Xosé Neira Vilas. Memorias dun neno labrego.


Soño coa primeira cereixa do verán. Doulla e ela lévaa á boca, mírame con ollos cálidos, de pecado, mentres fai a súa carne. De repente, bícame e devólvema coa lingua. E eu que marcho tocado para sempre, o óso da cereixa todo o día rolando no teclado dos dentes como unha nota musical silvestre. Pola noite: “Teño algo para ti, amor”. Pouso na boca dela o óso da primeira cereixa. Pero, en realidade, ela non me quere ver nen falar.

Manuel Rivas. Que me queres

amor?


(...) Foi iste don Esmeraldino vizconde, polo que dil teño escoitado a un seu criado de librea i escopeteiro, o home máis fermoso de Portugal no seu tempo, mui lucido de luares, e cunha mirada tan triste nos grandes e mouros ollos, que parecía, dicen, que cando demoradamente vos miraban, que era coma si unha brétema de escuros aloumiños saíse, pra envolvervos, por entre a azadeante seda das longas perfebas. Con soio ista mirada espertaba grandes amores, pro aínda lle axudaba o que era pequeno e mui xeitoso de movimentos, convidador i en galanos de mérito a vontade mui doada.

Álvaro Cunqueiro. O galo de Portugal.


O título é homónimo da antoloxía de poesía publicada en 1984 polo grupo poético de A Coruña “De amor e desamor”, en homenaxe a todos os seus compoñentes. Os textos desta selección pertencen ás seguintes obras: Agustín Fernández Paz. Amor de agosto en O único que queda é o amor. Edicións Xerais. 2008. Álvaro Cunqueiro. Merlín e familia. Editorial Galaxia. 1981. Darío Xohán Cabana. Galván en Saor. Edicións Xerais. 2001. Manuel Rivas. Que me queres amor? Editorial Galaxia. 1996. Ramiro Fonte. Nocturnos para un verán en novelas sentimentais. Edicións Xerais. 1988.

Catro

Rosa Aneiros. Resistencia. Edicións Xerais. 2002. Xosé Carlos Caneiro. Ámote. Editorial Galaxia.2003. Xosé Luís Méndez Ferrín. Amor de Artur. Edicións Xerais. 1988. Xosé Neira Vilas. Memorias dun neno labrego. Edicións do Castro.1995.

Poio, febreiro, 2012.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.