FOLLA INFORMATIVA DO www.mgs-galiza.org
! á l a s mái
MOVEMENTO GALEGO AO SOCIALISMO
nº 1 Día da Patria 2009
organizámonos por un futuro libre e novo No Día da Patria sae á luz este primeiro número da nosa folla informativa, que xunto á nosa nova revista “Arredista!”, serviranos de hoxe en diante de canle de comunicación directa coa base social do nacionalismo, nesta nova xeira que vimos de iniciar baixo as siglas do Movemento Galego ao Socialismo. O MGS é unha organización en construción, que traballa para aglutinar militantes nacionalistas nun espazo político de clase, independentista e revolucionario. Queremos construir unha ferramenta de loita, e traballamos no seo dos movementos sociais do noso país, desde o sindicalismo ao activismo en defensa da lingua, desde o asociacionismo cultural de base até os colectivos en defensa do noso medio natural. Cremos nos valores históricos do nacionalismo popular e traballamos por recuperalos no seo do BNG: participación, asemblearismo, mobilización, soberanismo, compromiso coas clases populares... Contribuír a recuperar o perfil autodeterminista e de esquerda do Bloque e convertilo na verdadeira casa común de todas as galegas e galegos que aspiran a un país libre e con xustiza social é unha das nosas principais tarefas hoxe en día. Os dous símbolos do noso anagrama representan os dous eixos fundamentais a partir dos cales se nuclea o noso ideario político: a bandeira vermella da clase traballadora na súa loita por un sistema político ao servizo dos hoxe oprimidos, e que non pode ser outro que o socialismo. A bandeira da patria, coa estrela vermella de cinco puntas simbolizando a liberación nacional, como obxectivo estratéxico que para nós só pode concretarse nunha República Galega independente e soberana. Son as dúas caras da mesma moeda, pois nin pode existir xustiza social nun país dependente, nin Galiza poderá ser libre
baixo o actual sistema económico e social. Estamos convencidos de que –máis ainda neste momento histórico- é fundamental que a clase traballadora se dote de organizacións políticas propias que a defendan e representen. Paradoxalmente, as maiorías sociais son actualmente as principais esquecidas das tomas de decisións políticas e económicas, o que se plasma día a día na degradación das súas condicións de vida, polo que compren respostas firmes desde xa. Queremos avanzar tendo os nosos obxectivos claros, cos pés na terra pero coa valentía política que nos permita defender sen complexos os nosos principios. A equiparación das forzas
transformadoras ao que o sistema demanda supón a asunción da derrota antes de tempo, e negámonos a acatar ese dogma reaccionario que di que a esquerda só pode ser marxinal se non quere homologarse ás forzas convencionais. Pola nosa parte, con traballo consecuente e compromiso revolucionario habemos demostrar nas rúas, nos centros de traballo, nas institucións ou onde for preciso que é posíbel manter a coherencia ao tempo que se medra socialmente. Queremos transformar este país, e sabemos que iso só pode facerse desde abaixo, desde a base. Organizando, concienciando e mobilizando o pobo traballador galego, podemos cambiar a correlación de forzas, dobrarlle o brazo a España e ao capital e construír un futuro libre e novo para a nosa patria e para a nosa clase.