Vocabulario corrixido do tema 6 – (A paisaxe do mar)
AMARRAR: 1. Suxeitar [unha embarcación] por medio de amarras. 2. Suxeitar [algo ou a alguén] cunha corda, cordel etc. ÁNCORA: Peza de ferro grande e pesada que consta de dous gallos ou uñas e que, suxeita por unha cadea, se tira ao fondo do mar para manter firme e segura unha embarcación. ANCORAR: Manter firme e segura nun sitio [unha embarcación] botando ao fondo unha ou máis áncoras. ANZOL: Pequeno gancho de metal acabado en ángulo agudo, que se sostén por un fío ou tanza e no que se pon un engado para pescar. APARELLO: 1.Obxecto mecánico ou non, constituído por varias pezas combinadas para executar un traballo ou realizar unha función. 2. Dispositivo utilizado para capturar o peixe, formado por redes ou por cordas con anzois. ARQUIPÉLAGO: Conxunto de illas máis ou menos próximas. ARRASTREIRO: Modalidade de barco de pesca que arrastra a rede polo fondo do mar. ARRIBAR: Chegar a porto unha embarcación, tripulación... BABOR: Lado esquerdo dunha embarcación, mirando desde a popa (parte de atrás) cara á proa. BAIXAMAR: Nivel máis baixo que acada a marea. Devalo: mar baixo, marea baixa, marea libre, BOU: 1. Arte de pesca de arrastre, practicada en mar aberto, na que un ou dous barcos que navegan parellos arrastran unha rede en forma de saco durante unhas horas ata que se sobe a bordo coa pesca. Largaron o bou pola popa. 2. Barco que traballa con ese sistema de pesca. (Trabalinguas: “Se vou a Bueu non bou, vou. Se non vou a Bueu nun bou, non vou”) CALA: Pequena entrada que fai o mar na costa. CF. badía, baía, enseada, golfo. CANA: Instrumento para pescar, feito orixinariamente co talo dunha cana. CANTIL: Terreo abrupto en forte pendente, en particular, na costa do mar. Acantilado. CEAR: Comer de cea (última comida do día). / Vogar (remar) para atrás. Facer ir para atrás. Recuar, retroceder. CON: Como preposición expresa compañía. Como substantivo: pedra de gran tamaño, especialmente a que se atopa nas proximidades da costa e sobresae da superficie da auga, ás veces só cando baixa o mar.