Dร A DAS LETRAS 09 RECITADO _ 1ยบ ESO B
IES SAN MAMEDE
DAVID MEIRE
Os libros son divertidos coma os amigos que te fan rir nos momentos aburridos.
ANTONIO NORIEGA VARELA Tanto te escondiches, sol, que a duras penas te vexo; mais inda un raio che pido, rei da luz, ÂĄo derradeiro!, para que se rĂan os montes e se alegren os penedos.
ERNESTO CARDOSO
Os libros son para ler imaxinar novos mundos. Buscar respostas razoadas outear novos mundos.
NORIEGA VARELA ¡Levántate, nebra, do bico da serra! Aí vén San Martiño no seu cabaliño, que te ha de levar, que te ha de pousar na tona do mar!
CARMEN CID
Ler é moi divertido, Interesante tamén é. Bibliotecas hai de sobra, Ruído non pode haber. O libro sempre comigo.
LUÍS AMADO CARBALLO LÚA A lúa é velliña de brancos cabelos, de enrugas de ouro e de olliños cegos.
Envolveita en néboas hase de abrigar pois como vai vella tense de coidar.
Érguese do leito das foulas do mar palpando os espazos para camiñar.
Cando na outa noite brúa o temporal a lúa entre as tebras tápase a tremar.
Anda polo mundo sen ver a onde vai pois as estreliñas lévana da man.
E así que o mal tempo amainado vai asoma a faciana e espalla o luar.
ELODÍ CID
Liberdade para nós é moita, Imaxinación fainos pensar un pouco. Beleza transmítennos os libros. Risas, os divertidos. O libro é inspirador.
AQUILINO IGLESIA ALVARIÑO DEFINICIÓN A noite é o pranto do día, lágrima inmensa de sombra que escorre sobre a campía. O ventiño da mañán límpalle os ollos á aurora roxa de tanto chorar.
CARLOS SUÁREZ
Os libros son interesantes e hai algúns tamén arrepiantes.
XULIO SIGĂœENZA SOL Sentado sobor do castro o sol que fica a folgar, coa palla do arco da vella bebe na cunca do mar.
JOSÉ A. CARBALLO
Os libros son trepidantes hai algúns que tamén son interesantes coma nos tempos de antes.
MANUEL MARÍA O ARCO DA VELLA
O arco da vella no ceo chantado co seu colorín, co seu colorado.
O arco da vella no ceo subido co seu colorín, co seu colorido.
O arco da vella é un arco triunfal con sete guerreiros que a ninguén fan mal.
O arco da vella con sete colores que teñen, no ceo, beleza de flores.
O arco da vella de luz feito é. ¡Resulta un milagre que siga de pé!
LUCÍA SUÁREZ
Sen ler non se pode vivir. Se sabes ler e escribir, a túa felicidade estase a cumprir.
MANUEL LUÍS ACUÑA O vento arrola luceiros no berce mol do luar. Teño de mercar o vento para teus ollos arrolar. O sol amoroso peita a bris azur do serán. Teño de mercar o sol para teus cabelos peitar. O sol. O luar. Teño de mercar o mundo. Teño de mercar o mar.
JONATHAN FERNÁNDEZ
Ler contos de acción Imaxinación de corazón Berrar con emoción Recitar na habitación Oír con atención Abrir un libro é liberdade e lelo amizade.
TRADICIONAL Febreiriño corto, cos teus vinte e oito; se duras máis catro, non queda can nin gato, nin ratiño no burato, nin ovella rabela, nin pastor para ir con ela, nin cornos ao carneiro, nin orellas ao pregoeiro.
PAULA GONZÁLEZ
Lendo podes ir a outros mundos Imaxinarios ou reais. Beleza has de encontrar Realizar os teus soños podes lograr. O libro é xenial!
MANUEL MARÍA O semáforo é un couso medio garda, medio monstro, medio espía. O semáforo é un ollo matemático, inflexíbel, inhumán, case terríbel. O semáforo é unha flor ateigada de ledicia, traspasada de color.
O SEMÁFORO
Os sinais do semáforo: verde-chumbo e vermellón ditan leis ao peón, ao turismo e ao camión. ¡O semáforo é unha luz, unha acesa claridade que ilumina docemente a tristura da cidade!
CÉSAR ALONSO
Locomotora de emoción Inicia a imaxinación. Barco de palabras, Ramificación de sentimentos. Óso do esqueleto da cultura.
FRAN ALONSO Estudei nun pupitre de auga gorda nunha escola onda o mar. E no recreo ía pescar luras na chalupa do meu avó. Aprendía a escribir nunha clase pequena, de persianas de sal. No encerado nacían peixes, e gamelas nos ollos do profesor. Os meus compañeiros eran xoubas e eu un tiburón. O mar anegaba as rúas da cidade e tiñamos que nadar para salvarnos ata que tocaba, sempre a tempo, o timbre do recreo.
MARTÍN KÖSTER
Ler un todos os días Imaxinar novas ideas. Barallar outras posibilidades. Razoar divertidos termos. Outear novos horizontes
LUÍS PIMENTEL ENTERRO DO NENO POBRE Punteiros de gaita acompañábano. O pai, de negro; no mar, unha vela branca. Os amiguiños levábano. Non pesaba nada. Abaixo, o mar; o camiño no aire da mañá; El ía de camisa limpa e zoquiñas brancas. Os amiguiños levábano. Non pesaba nada.
MARÍA LOSADA
Cando escribas co L non te esquezas do I o feito de ter que pór B lembrarache debuxar R para poder dicir O Nunha palabra, libro.
HELENA VILLAR, XESÚS RÁBADE
A LINGUA
Chegou unha nena labrega coa boca cargada de mel á porta pechada da escola e non llo quixeron coller. Dicía: laranxa, pelouro, paxel, árbore, tixola, trepia, perixel. Volveu a meniña prá casa coa boca amarguexa de fel. ¡Coitado o meniño galego, se o mestre non fala como el!