Excmo. Concello da Estrada
CRÉDITOS Edita
Excmo. Concello da Estrada
Deseño Portada e contraportada Héitor Picallo
Imprime
Grafideza, S.L. -------------------------------------
D.L.: PO 580-2014
Cartel deseñado por Isaac Rivadulla Matalobos, alumno do IES Manuel García Barros
3
1º Concurso de microrrelatos e micropoemas Centros da Estrada Organizado polos ENLs de todos os centros educativos do Concello da Estrada.
BASES: • Sección de Microrrelatos: O texto presentado debe ser en galego e non conter máis de 100 palabras. • Sección de Micropoemas: O texto presentado debe ser en galego e constar dun mínimo de dous versos e máximo de oito. • Poderase participar nunha Sección ou nas dúas, pero cada participante só poderá enviar un texto por sección. • A temática será libre pero debe aparecer necesariamente a palabra “soño”. • Os traballos poderán entregarse en formato A4 con nome, apelidos e curso ao profesorado de Lingua e Literatura Galega de cada centro. • Prazo límite para entregar os textos será o 9 de abril do 2014.
CATEGORÍAS: • Categoría A: Educación Primaria
A1: 1º Ciclo de Primaria A2: 2º Ciclo de Primaria A3: 3º Ciclo de Primaria • Categoría B: Educación Secundaria Obrigatoria
B1: 1º Ciclo de Secundaria B2: 2º Ciclo de Secundaria • Categoría C: Bacharelato
PREMIOS: • Un xurado formado por un membro dos ENLs dos diferentes centros, concederá un premio por categoría e centro. Valorarase a creatividade, a orixinalidade e calidade lingüística e literaria. • Os traballos premiados aparecerán nas páxinas webs dos centros e nas revistas escolares. Está en proxecto a publicación en libro dos micropoemas e microrrelatos premiados. 4
Dúas palabras do padriño. Xabier P. Docampo
Amigas e amigos, é para min motivo de felicidade que este encontro con vós suceda neste lugar e nesta hora en que se está a celebrar a palabra. Iso que nos fixo humanos e que nos dotou do don da creación. Nomeamos e facemos existir. Dicimos mazá, lúa, xílgaro, estralampar e comeza a existir a mazá, a lúa, o xílgaro mentres o ceo se abre azul despois do trebón. Cada palabra é una caixa ateigada cos soños do ser humano. Aqueles que se escriben na nosa alma para lle ir dando forma, para nos ir facendo, para irnos creando con ela e ao seu abeiro máxico, facer ser a cousa nomeada; para que sexa en nós péxego, landra, luzada, laverca, setestrelo… Lembro agora, cando veño aquí para vos falar de nós e da lingua que nos fai o que somos, galegos, como aló no inicio da miña primeira adolescencia, entrei con meu pai na libraría Celta de Lugo e alí mercamos un libro que lin en alto, para os meus, sentado detrás da
Xabier P. Docampo lendo o pregón da “1ª Festa das Palabras”
6
cociña da casa da Feira do Monte. Un libro que falaba de nós, que nos facía recoñecer nas palabras escritas igual que nos recoñecíamos cada vez que dicíamos carpaza, señardade, carqueixa, brétema, silandeira, guieiro… Era Terra Chá de Manuel María. Non se pode contar a miña vida sen as palabras, as faladas e escoitadas, mais tamén as contidas nos libros. Case estou tentado de dicir que, do mesmo xeito que non teño vida fóra das palabras, tampouco non a teño fóra dos libros. Mesmo me gustaría que o meu descanso derradeiro fose coma o daquela brava e sabia Leonor de Aquitania que xaz, na igrexa abacial de Fotevrault, nun sartego que por enriba a ten a ela representada en pedra na lectura inacabábel dun libro. Ficarei lendo decote orballo, muxica, lóstrego ou andoriña… Por iso estou tan a gusto aquí, nesta festa da palabra. Da nosa palabra, da palabra dita na nosa lingua. Das palabras coma bidueiro, ceo, canciño, arrecendo, albaroque, noitébrega, ouriol… que tanto parecen molestar; que tantas ameazas teñen que escoitar; que se lles arrebatan aos nenos e ás nenas coma quen os protexe dunha mala compañía que os pode levar polo mal camiño. Son os que pensan que restarlles coñecemento é mellor que sumárllelo. Eses mesmos fillos aos que se quere eivar e que xa nunca poderán, coma min, ter a fortuna que eu tiven e teño de ler Terra Chá, A esmorga ou Merlín e familia. E non será culpa deles, porque ningún ser humano abandona a súa lingua voluntariamente, dun xeito ou doutro sempre o fai obrigado por alguén. As linguas perdidas son linguas arrebatadas e sempre con violencia, quer física quer moral. Violencia da man daqueles que Manuel María acusaba…
[…] de vivir na súa terra desprezándoa, intentando borrar o seu idioma, asasinando o seu ser diferenciado. Ninguén ten dereitos sobre das linguas máis que o pobo que as creou para facérense, como dixo Castelao, “o corpo sensible dunha cultura” ou con Cabanillas, para que sexan “o noso escudo”. Por iso o idioma non é de ninguén, porque é de todos. Non é de onte nin de hoxe, porque é de sempre. A lingua non se protexe nin se preserva para os de hoxe, senón que se garda e continúa para os de sempre, para os que foron, para os que son e para os que han ser. A lingua nin sequera é patrimonio dos que a usan, senón que é un ben da humanidade enteira. Patrimonio para preservar, coidar e estender 7
no seu uso, e para transmitir, para entregar con xenerosidade e con orgullo aos nosos fillos e aos nosos netos e que así se fagan responsábeis da cadea que tamén a eles haberá de trascender. E dentro de mil anos aínda soará saudade, namoro, beizo, aperta, corpo, beixo, orella, tempa, seo, embigo, coxa, pé, deda… Lembrade aquelas palabras de Castelao: “Como chamaríamos a un home que consentise o derrubamento do Pórtico da Groria? Pois é certamente máis bárbaro quen deixa morrer o idioma, obra de arte insuperable, feita con amor, con door e con ledicia polos nosos antergos, que recibimos en herdo e que temos a obriga de enriquecer co esprito do noso tempo”. A pregunta de como lle habemos chamar a ese home, que a responda cada un para o seu caletre. A min só me queda pedirvos que non recuedes nin permitades que se recúe. Chámovos á resistencia pacífica, porque non se pode esquecer que os pacíficos somos nós; os belixerantes, por moito que conten dentro con complicidades cipaias, veñen de fóra; dos delirios uniformadores, dos desexos de anular o que de propio e identitario haxa en nós, consideran que a nosa identidade é mala mentres teñen por boa a súa. Por iso a defensa da lingua é a defensa de nós mesmos, sen ela non somos nada no mundo, perdemos as dimensións que nos fan visíbeis, que nos dan o espesor necesario para facermos vulto no mundo. Victoriano Taibo deixou dito aquilo de…
O galego que non fala a lingua da súa terra nin sabe o que de seu nin é merecente dela. Así que chamar pola defensa e polo uso da nosa lingua non é máis que facerse dignos da terra que habitamos, facérmonos merecentes dela. Por iso dicimos con gusto aloumiño, cadullo, chorima, cadrifollo, paseniño, besbello, landuxo… Moitas grazas.
Xabier P. DoCampo A Estrada, 9 de xuño de 2014
8
Micropoemas
CATEGORÍA: A1 (1º Ciclo de Educación Primaria)
Soño Soño as cores do mundo Soño cos ollos azuis de Anxo Soño co luscofusco da casa da avoa Carmen Soño cos castiñeiros do xardín da poesía Soño cunha torta de chocolate para os nenos do Sahara Soño co lume que queime todas as liortas Soño coas mans que acariñen con delicadeza Soño... Pablo Brey Arca (CEIP do Foxo)
12
Os meus soños Sentada nas rochas escoito o mar, soño con cruzalo pero non sei nadar. Esta cheo de ondas que veñen en van, pero os meus soños non os vai levar. Nuria Muíños Míguez (CEIP de Figueroa)
13
A LARANXA E O LIMÓN Érase unha vez unha laranxa que estaba tomando o sol, e dun limoeiro caeu un limón. O limón preguntoulle: Queres ser o meu amigo? A laranxa contestou: Sempre soño contigo! Guillermo Valladares López (CEIP Pérez Viondi)
14
“A primavera ten sono” A primavera ten sono non quere saír por eso o inverno está aquí. Sen primavera os gorrións non saen do niño. Que mal día sen primavera, sen sol nin arco da vella, sen fadas, sen primavera! Breixo Baamonde Senín (CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes)
15
Gañador@s do CEIP Cabada Vázquez, Codeseda
SOÑOS NO AIRE O aire no monte o aire no mar, os soños voando polo río e polo mar. Rosalía Vidueiros Fuentes (CEIP Cabada Vázquez. Codeseda)
16
CATEGORÍA: A2 (2º Ciclo de Educación Primaria)
A NOITE QUE EU NACÍN A noite que eu nacín soñei cunha fada. Díxome que non tivese medo, que o meu soño ensoñara. E entón, pouco despois, chorei de emoción... Era o primeiro soño da miña Vida Que ilusión! Christian Silva Rebolo (CEIP do Foxo)
18
SOÑOS DE CORES: Soño vermello para un escaravello. Soño amarelo para un cadelo. Soño marrón para un león. Soño de prata para una gata. Julián Aguiar Rodríguez (CEIP de Oca)
19
O SOÑO DE PAPÁ Papá tiña un soño un soño moi especial que soñaba todos os anos o día de Nadal. Tódolos nenos xogando sen parar en cidades e aldeas sen fame ter que pasar. Uxía Correa Iglesias (CEIP Manuel Villar Paramá. Vea)
20
Eu tiven un soño moi raro, e non sei que facer con el se deixalo na miña cabeza ou esquecerme del. Pois ese soño non desaparecía, e na miña cabeza seguía. De noite chovía, o día amencía e o soño seguía e seguía. Manuel Durán Sueiro (CEIP de Figueroa)
21
O SOÑO DE CORES Un soño que tiven un soño que vin un soño que sentín o meu soño é verde azul e gris. Diego Arcay Calviño (CEIP Pérez Viondi)
22
Gañador@s do CEIP Pérez Viondi
“Pasado, presente e futuro” Soñei cun coelliño brincando no mar, brinca que te brinca e volveu a brincar. Soño cun golfiño nadando no monte, nada que nada e non para. Que soñarei? Que soñarei? Quero soñar! Quero soñar! Iria Rodríguez Arias (CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes)
23
OS MEUS SOÑOS Os meus soños, que fermosos son!, están cheos de flores, cada unha da súa cor. Os meus soños tecidos no corazón, están cheos de tesouros, de luz, de paz e de amor. Sara Silva Picallo (CEIP Cabada Vázquez. Codeseda)
24
CATEGORÍA: A3 (3º Ciclo de Educación Primaria)
Por sempre... no teu soño Cabalgar polos verdes pastos de Italia Recoller flores onde agroma a primavera Ser quen Son sen atados nin ataduras Voar libre no meu Mundo de Mil cores Ver saír o sol por entre as nubes E agocharme por sempre no teu Soño Victoria Esperanza Pazos Álvarez (CEIP do Foxo)
26
O MEU SOÑO. Onte soñei que camiñaba por una gran montaña. Camiñaba e camiñaba sin saber por onde andaba. Soñaba e soñaba que pola noite eu andaba camiñando e camiñando cando o lobo ouveaba. Aixa Piñeiro Corral (CEIP de Oca)
27
Teño un soño e non desperto, teño o soño, escrito no caderno. Eu teño soños soños bonitos soños donde aparecen flores de mil cores. Carla Calvelo Cutrín (CEIP Manuel Villar Paramá. Vea)
28
Gañador@s do CEIP de Figueroa
Galiza un soño Galiza que non chora, Galiza do vento Galiza do momento, Galiza do esquecemento Galiza todo un soño, Galiza a mais bela, difícil de esquecela. Uxía Rodríguez Nebra (CEIP de Figueroa)
29
O MEU SOÑO Un día soñei un soño inesquecible con bruxas cantando con trasnos troulando Un día soñei un soño de nena cun mundo sen fame cun mundo sen guerra María Vidal Esmorís (CEIP Pérez Viondi)
30
“Os nosos pais” Todos os pais teñen un soño durante toda a súa vida, coidar ben do seu retoño dende o punto de partida. Dende a liña de saída os pais poñen todo o seu empeño durante toda a súa vida en que prenda o seu enseño. Marta Troitiño Cora (CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes)
31
UN SOÑO Eu tiven un soño no que quixen viaxar; recorrín toda a terra, só me falta o mar. Eu tiven un soño no que quixen viaxar; recorrín todo o ceo, porque a ti te quixen atopar. Brais Zamar Barcala (CEIP Cabada Vázquez. Codeseda)
32
CATEGORÍA: B1 (1º Ciclo de Educación Secundaria Obrigatoria)
“Soño” Pecho os ollos, mergúllome nun soño, hai princesas e dragóns, na miña durmida imaxinación. A luz préndese a persiana sóbese, volve xa o día, volve con alegría. Frankie Valiñas Watts (CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes)
“Eu soño con praias” Eu soño con praias nas noites de verán. Eu soño con xeo nas noites de inverno. Eu soño con flores nas noites de primavera. Soño e soño, con aquilo que vai e vén nos meus pensamentos. Borja González Pereira (CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes)
34
Gañador@s do IES Manuel García Barros
Os ollos do mencer Ultimamente o ceo está escuro, tíntano as guerras que matan no mundo, pero hoxe espertei dun soño profundo, non o cría, en paz, todos xuntos, a loita cesara, a ledicia excedía, pero o soño é un soño, que ía facer? Pero alí estaban para consolarme, os laranxas ollos do mencer Ana Carbón Castro. (IES Manuel García Barros)
35
Gañador@s do IES Nº 1
SON E esa explosión no teu corazón, Cheo de sentimentos Son versos pintados… De soños. E cando no meu taller de fantasías Debuxo bonecos cheos de felicidade Son versos pintados… De soños. Adrián Fernández Vinseiro (IES Nº 1)
36
CATEGORÍA: B2 (2º Ciclo de Educación Secundaria Obrigatoria)
“Unha raiola de sol” Unha raiola de sol pousada na meixela, como pousa a bolboreta delicada e sinxela. Pode que fora un soño, nada imperfecto, sobraba a palabra pode… cóbrense as pálpebras, esperto. Rita Carbia Melio (CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes)
38
Os concelleiros Dª. Amalia Goldar e D. Juan C. Constenla entregan agasallos a presentador@s do acto de entrega.
E dígocho desde as miñas panxeas … aquí está o soño…transparente ( a silenzo) Moveuse ata chegar ao espello de conformidades paradóxicas e asentouse como un estranxeiro ( e todo el fermoso) como a morte que se invoca e nel morría case todo… o teu corpo, a miña epiderme. Que hemorraxia de sensualidade amoral…atemporal ! O soño comezaba e remataba en min. … ficou calado. Laura Espiño Dos Santos (IES Nº 1)
39
CATEGORĂ?A: C (Bacharelato)
E VOANDO Sempre detrás das verbas oprimidas, alentos dos que loitan afogados, miradas que só buscan as saídas, ánimos e esperanzas esmagados; e máis alá das murallas erguidas, de todos os recordos olvidados: o espírito continúa loitando e perseguindo soños... e voando! Lucía Tilve García. (IES Manuel García Barros)
41
Microrrelatos
CATEGORÍA: A1 (1º Ciclo de Educación Primaria)
Gañador@s do CEIP do Foxo
SUSANA A lúa Susana é moi branca, pero un pouco presumida. Susana sempre está chea, aínda que eu non entendo moi ben por qué. Cando é noite gústalle ir pasear para ver os soños dos nenos. Unha noite que eu non tiña sono mirei pola ventá e non estaba Susana, chamei a miña nai: - Mamá, mamaaaá, Susana non está. Miña nai díxome: - Vaite mirar outra vez. Seguro que se agochara detrás dunha nube, para facerlle cóxegas, pois alí estaba Susana sorrindo e chiscándome un ollo. Paula Silva Fuentes (CEIP do Foxo)
44
OS SOÑOS DE UXÍA: Uxía tivo un soño. Soñou que soñaba, así que, cando espertou, deuse de conta que estaba no anterior soño. Entón seguiu soñando e soñou un soño tras outro e moitos soños máis ata que espertou dos 24 soños. Xavier Gil Vacas. (CEIP de Oca)
45
Actuación de Manoele de Felisa durante a entrega de premios
O MEU SOÑO Onte soñei un soño moi raro. Soñei que todos os da miña clase e a nosa profe íamos ir de excursión ao zoo. Alí vendían unhas bebidas e bebimos un grolo cada un. Convertémonos en animais: eu en golfiño, a profe en tiburón, Irene en polbo… e despois Manuel escapou e conseguiu volvernos persoas. Alicia Chenlo Souto (CEIP Manuel Villar Paramá. Vea)
46
O Soño de Xosé Xosé era un neno loiro, fraco e inquedo de oito anos, o que lle gustaba moito nadar, pero non o facía moi ben. El quería ir ás competicións cos demais compañeiros da piscina, porque o seu soño é obter algún día, unha medalla de ouro, como sabía que lle ía a ser difícil conseguilo púxose a entrenar todos os días con sacrificio, e finalmente, logrou a marca necesaria para poder competir. Foi a un campionato e conseguiu a medalla de bronce, seguiu entrenando, esforzándose moito, e na seguinte competición logrou o seu soño:a medalla de ouro. Marcos García Blanco (CEIP de Figueroa)
47
UN SOÑO TERRIBLE Unha noite tiven un soño moi raro. Montei nun avión encantado. Nel había máis de cen pantasmas. En canto as vin, botei a correr coma un tolo cara á cabina dos pilotos, e non sabedes quen estaba pilotando? Un gato azul cos ollos amarelos! Que susto me levei! Iamos cara o sol e cada vez facía máis calor. Eu suaba un montón e as pantasmas frescas coma rosas. De súpeto o avión xirouse moi forte e salvámonos de morrer fritos. O gato azul empezou a sacudirme pero só me acordo que dicía: -Esperta, que chegamos tarde ao colexio! Samuel Alvarellos Docampo (CEIP Pérez Viondi)
48
CATEGORÍA: A2 (2º Ciclo de Educación Primaria)
UN SOÑO PERDIDO: Eu sempre soño en ir de vacacións con toda a familia e cos meus amigos, sobre todo, con todos os da miña clase que sempre se portan xenial comigo e téñollo que agradecer moito. Pero hai varios problemas que me impiden realizar este soño: o meu pai, Roberto, traballa e a miña nai, Concha, coida da miña bisavoa María que ten 101 anos e non pode andar. Non creo que se fagan realidade estas vacacións… aínda que nunca se sabe! Lucía Rodríguez Vázquez (CEIP de Oca)
50
LUNS POLA MAÑÁ Luns pola mañá cal foi a miña sorpresa ao levantarme e mirar pola ventá. Toda a aldea era de chuches. As casas eran de chocolate, as árbores xigantescas gominolas, a carretera era unha longa regaliz. Chimpei fóra da casa para ver o que estaba pasando. O chan estaba feito de nubes, era coma andar encima dun colchón. Daba ganas de comer todo. De repente soa un timbre, era o despertador e por suposto todo fóra un soño, era luns e tiña que levantarme para ir á escola. Adrián Quintela Mareque (CEIP Manuel Villar Paramá. Vea)
51
Soñar é moi bonito...! Eu tiven un soño, no que ía ao espazo nun alegre e vistoso cohete. Nese vehículo espacial viaxaba comodamente, e nun instante mirei pola ventá e vin algo enorme e brillante que me enchía o cohete de luz, e dinme de conta de que era... o sol, a estrela mais grande deste universo. E logo vin afastados planetas como Mercurio, Venus, Terra, Marte, Xúpiter, Saturno, Urano e Neptuno, cometas, estrelas, estrelas fugaces que quería tocarlle coas mans, intentei abrir a ventá, pero foi demasiado tarde, é dicir espertei do meu soño. Soñar é moi bonito! Nuria Gómez Sánchez (CEIP de Figueroa)
52
A ILUSIÓN DE AHMED Ahmed érguese moi rápido e ledo, é un neno moi feliz. Ten todo o que precisa. Vive cos seus pais Nahir e Zulima, a súa irmá Baraka e a súa cadela Kata, nunha casiña amarela cun xardín moi grande cheo de flores. Tamén desfruta moito no colexio, porque alí ten aos seus mellores amigos; Mohamed, Adnan e Salah. No patio corren, saltan e xogan co tiracroios. Adnan, sen querer dálle cun croio na fronte a Ahmed e este cae ao chan. BUM!!! BUM!!! BUM!!! Ahhh…. Os berros espertan ao atemorizado Ahmed. Todo foi un soño! Seguimos en guerra, pensou Ahmed. A súa nai abrázao con forza. Hugo Lale Porto (CEIP Pérez Viondi)
53
“Un soño boísimo” Onte tiven un soño boísimo. Estaba no colexio e un home rico díxome: -Imos ser amigos para sempre. Eu quedei moi sorprendido porque non o coñecía de nada, absolutamente de nada. Logo apareceu unha limusina de catro metros de longo. Entrei cinco segundos, saín pola outra porta e estaba nun palacio tan grande como setecentos millóns de baleas azuis. Había árbores e, en vez de froita había caramelos e... -A almorzar!- gritou miña nai. Espertei e vin que todo era un soño, moi bo, por certo. “Que pena que todo fora un agradable soño”, pensei ao espertar. Nicolás Otero Mosquera (CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes)
“O cabalo encantado” Conta a lenda que fai moitos anos, nunha pequena vila, houbo un cabalo máxico chamado Pipo.Pipo axudaba a moitas persoas pero el estaba triste porque ninguén o montaba. Un día Metrópolis, que así se chamaba o lugar, estaba en apuros e chegou un valente cabaleiro. Colleu a Pipo, el sentiuse afortunado xa que ese era o seu soño e xuntos derrotaron aos malvados. O pobo agradeceullo e coroaron a Pipo cabaleiro e... outro soño cumprido. Celebraron unha festa na súa honra e fixeron unha estatua. Agora chámanlle o cabalo encantado. Noemí Costoya Villar (CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes)
54
OS SOÑOS DE SABELA Era unha noite de lúa chea. Aldana e Sabela metéranse nun alpendre escapando da treboada. A curiosidade das irmás e a lúa que asomaba pola fiestra, fixo que descubriran un segredo: alí vivía un meigo! A irmá pequena, moi soñadora, veu o momento de cumprir os seu soños e contoulle o que desexaba. O meigo para contentala e que non o descubriran, fixo un feitizo con escaravellos, píntigas e morcegos. Tralas palabras máxicas “piplititiquitín pipititiquitón”, Sabela bebeuno e cumpríronse os seus desexos de que non houbera máis guerras no mundo, coidar os anciáns e que todos os nenos foran á escola. E vivíu feliz porque o seu planeta está en paz. Ainara Ulla Parafita (CEIP Cabada Vázquez. Codeseda)
55
CATEGORÍA: A3 (3º Ciclo de Educación Primaria)
O MEU SOÑO Gustaríame vivir con ela nun mundo de mil cores. Como quixera recibir o meu primeiro bico da persoa que máis quero. Gustaríame escoitar a túa voz e verte todas as mañás ao espertar. Como soño con voar polo mundo e respirar debaixo da auga. Gustaríame ver a túa face nos soños que miro todos os días. Gustaríame vivir contigo, pero as ilusións vánseme ao ceo. Como quixera que vises a miña alma. Adrián Hermida Baloira (CEIP do Foxo)
57
Gañador@s do CEIP de Oca
A NENA E O BALOMPÉ. Érase unha vez una nena moi presumida. Tamén era consentida porque os seus pais eran ricos. Á rapaza encantáballe xogar ao balompé. Todo o mundo cre que iso so é para os rapaces, mozos…, pero non é así. Sempre ía ás agachadas ao estadio para animar aos equipos e, ás veces, gustáballe practicar. Todo iso o tiña en segredo. Un día díxollo a súa nai, pero ela non llo creu… ata que se coou nun partido e xogou. Todos quedaron abraiados!! Ao final, súa nai deixou que a nena cumprise o seu soño: ser xogadora de balompé. Iris Gómez Mella. (CEIP de Oca)
58
Gañador@s do CEIP Manuel Villar Paramá de Vea
A VIDA NO MEU PENSAMENTO Todos os rapaces temos distintos tipos de soños. Hai rapaces que soñan con ter moitos cartos de maiores e hai outros que soñan tan só con sobrevivir nas guerras que hai nos seus países. Tamén hai distintos pensamentos. Hai rapaces que pensan en ter moitos fillos… Mentras que outros pensan en como salvar a súa familia. Tamén hai distintas cores de pel. Pero na realidade todos somos iguais! O meu pensamento e o meu soño é que todos debemos ter os mesmos dereitos… E creo que os demais tamén deben ter eses soños, que máis que soños, deberían ser pensamentos transformados en realidade algún día… María Porto Torres (CEIP Manuel Villar Paramá. Vea)
59
O MEU MELLOR AMIGO NON HUMANO Papa di que o can é o mellor amigo do home. Pois dígovos que teño a sorte de ter un na casa de meu avó; é un pastor alemán e chamámoslle Rex. O nome púxenllo eu. Cando marcho cara o colexio está atento, cando saio e cando volvo. Aínda ben estou lonxe Rex está intranquilo e ao baixar do coche amósase ledo dando voltas arredor de si mesmo e botando a lingua fóra. Entendémonos moi ben e déixolle que el me morda a man; e isto non é un soño. En resumen, Rex é, e será o meu mellor amigo. Iván Rivas Sanmartín (CEIP de Figueroa)
60
Gañador@s do CPR plurilingüe Nosa Señora de Lourdes
O SOÑO DUNHA NUBE Sabedes por que chove tanto en Galicia? Eu si. Contoumo unha nube amiga miña. Chove porque choran, e choran polos seus soños. Son soños tristes. Cóntovos un soño dunha nube? Soñou que o mundo estaba en guerra e que as persoas sempre estaban buscando un lugar para refuxiarse das bombas e non tiñan tempo para pararse a contemplar o paso das nubes ou para soñar. Pareceume un soño moi triste. Quen non choraría con el? Só cando chega a primavera ao velas flores e ao seu amigo o Sol deixan de soñar con cousas tristes e soñan cousas bonitas. Celia Astorga Herráiz (CEIP Pérez Viondi)
61
Gañador do CPR plurilingüe Nosa Señora de Lourdes
“¿Ti que soñas?” O meu irmán entrou na miña habitación. -¿Ti con que soñas? – preguntoume. -Eu soño... soño con princesas atrapadas en torres de cristal e príncipes que as van salvar. Con bruxas con mala pinta e bolboretas con bonitas ás. Tamén soño con... -Ei, - interrompeume o meu irmán – se somos parentes, como é que non soñamos o mesmo? -¿Ti con que soñas? – pregunteille toda intrigada. -Con monstros malos que me van atacar. -Cala e durme, anda, que quero descansar. Carlota Palmou Navaza (CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes)
62
Público asistente ao acto de entrega dos premios
O HOME DOS PESADELOS Fai moitos anos, un malvado home fixo que os soños fermosos da xente, se transformaran en horrendos pesadelos. Iso non era o peor de todo; o problema era que, cando se cumpría un mes xusto, a desditada alma que tivera o desatinado soño ía ao lúgubre castelo do malvado rei, onde os xantaba a pracer. Un día, unha cativa que xogaba nas aforas da fortaleza, decatouse de que o rei devoraba á xente. A nena, moi avespada, avisou aos adultos que quedaban e, estes, desterraron ao gobernante. Dende aquela non se sabe nada del. Ao mellor...., agora..., está detrás de ti, lendo esta historia. María Iglesias García (CEIP Cabada Vázquez. Codeseda) 63
CATEGORÍA: B1 (1º Ciclo de Educación Secundaria Obrigatoria)
“O home de negro” Espertei daquel raro soño, mellor dito, pesadelo, outra noite máis. Os días pasaban e as noites cada vez volvíanse peores, aquel home de negro, aquel detestable cheiro a gasolina e os seus longos brazos estrangulándome… estanse volvendo cada vez máis reais, dóeme durmirme, e espertarme. Agora véxoo aquí, ao meu lado, non son imaxinacións, estou esperta…aí están, ós pés da miña cama, sorríndome, un horrible sorriso morto polo paso dos anos, agora despídome, doces pesadelos… Andrea Campos Rodríguez (CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes)
“O meu soño” Onte tiven un soño. Soñei que era médico e curaba unha persoa que soñaba ser policía que detía un ladrón. O ladrón soñaba atracar un banco no que traballaba unha muller. Esta soñaba ser profesora e ensinar un neno. Ese neno son eu, que soñaba ser médico… Gábor Pazos Oltai (CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes)
65
Xusto naquel intre, no momento no que os seus pulmóns se encheron por primeira vez co aire da vida, dende ese instante no que abriu os ollos ao mundo, elas estiveron ao seu carón. Os primeiros anos non o entendía, non establecía a conexión entre elas e os seus infortunios. Só podía chegar a comprender que os seus males eran ditados por elas. Elas controlaban os seus pensamentos máis agachados, controlaban todo o seu ser. Co tempo fixéronse máis fortes, indomeables. Mantelas afastadas converteuse nun soño permanente. Non o dubidou, colleu a arma e disparou. O seguinte foi escuridade, silencio... Patricia Riveira Magán (IES Manuel García Barros)
66
A CASA MÁXICA DOS MIL SOÑOS Xurxo era un neno moi curioso.Todo lle intrigaba. Un día paseaba e viu unha casa. Esta tiña un cartel no que se podía ler: A CASA MÁXICA. Xurxo enterou e viu algo que flotaba. Escondíase detrás dun móbel. Na seguinte sala había máis cousas flotantes e escondíanse tamén. Xurxo buscou… e o que atopou… foron soños! Xurxo estrañouse pois á casa non lle vía a maxia. Saíu seguido de todos os soños. Limpou o cartel da casa en el líase: A CASA MÁXICA DOS MIL SOÑOS. Nicolás Gómez Rey (IES Nº 1)
67
CATEGORÍA: B2 (2º Ciclo de Educación Secundaria Obrigatoria)
“Un grolo de café” Un grolo máis de café. Paso as páxinas pero a verdade é que xa nin sequera estou lendo. O esgotamento acumúlase nos trazos da miña cara. Subo a mirada. Enfronte, unha moza de ollos verdes obsérvame, esquivo a súa vista. É preciosa, é ela, a moza que leva sendo o meu amor platónico desde o instituto. Pero non merece a pena transformar un soño, algo irreal e perfecto, nunha realidade que quizais non cumpra as miñas expectativas. Despois de tantos anos pode que o seu sorriso estea perdido entre os meus recordos pero problablemente nun futuro, aínda que sexa por un escaso segundo, podería ser encontrado de novo, e entón ese segundo semellaría infinito. Andrea Bartolomé López (CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes)
69
CATEGORĂ?A: C (Bacharelato)
BOOM! As pingas de suor esvarábanlle pola testa mentres sentía aquel frío bico na sen. Un pequeno movemento, un imperceptible “clic” seguido dun gran estalido. E os días de praia facendo castelos de area co seu pai desaparecerían, o mesmo que o primeiro bico, que as ceas familiares en noiteboa, o inmimente cumpreanos da súa filla pequena... Todos eses pensamentos, recordos e soños esfumaríanse. E só por vinte euros, un DNI e dúas fotos tamaño carné. Isaac Rivadulla Matalobos (IES Manuel García Barros)
71