Peito de Lobo

Page 1

Peito De Lobo Docucontos da biblioteca Xosé María Brea Segade Volume 1. Setembro de 2007. Taragoña


Peito de lobo Aínda eu era estudante cando se criou no meu maxín a idea de facer un cabezudo, e como na mocidade todo semella ledo e facedeiro, busquei o tipo máis laido da vila para que todos os veciños escachasen de risa, sen facerme cargo da miña falta de caridade. Traballei de firme para rematar a obra, que xa era sonada, polo meu creto de mañoso, e xa figuraba en letras de molde no programa de festas. E chegou o día. Na praza non collía unha agulla. No adro da igrexa un rapaz toco portaba un feixe de foguetes debaixo do brazo, e o fogueteiro sopraba na mecha, agardando a primeira badalada das doce. De súpeto tanxeron os sinos, estalaron os foguetes e unha «ben afinada banda» rompeu a tocar. A cousa xa non tiña remedio. Saíu o meu cabezudo e no mesmo intre a xente escachou a rir, como facía nas comedias dos cómicos. – É Peito de Lobo! É Peito de Lobo! E entón nun curruncho da praza xurdiron chíos feridores de mulleres que non daban atafegado un orneo que chegou a min como un tremer de terra. Era Peito de Lobo que quería esnaquizarnos: ao cabezudo e máis a min. Co medo que papei non puiden gorentar o carneiro da festa. A cousa non era para menos. Peito de Lobo nunca quixo poñerlles man aos fillos por medo de romperlle os ósos, e contan que unha vez, querendo botar un barco ao mar, afundiulle o costal co lombo. Era moito home para min, que xa me sentía esfrangullado nas súas poutas de ferro. No remate da comida, e cando miña nai comezaba a dar grazas a Deus por tanto ben como nos dera, velaí aparece diante de min a muller de Peito de Lobo. Pois... eu véñolle dicir que se garde do meu home! Vostede é o pecado, señor! Eu xa lle preguntei: «Pero ti, home, onde te puxeches para que che tirase tan ben?». E o pobre non fai máis que dicir: «As espullas heillas de dar eu a el!», porque, mire, señor, o que máis o magoou foi que lle imitase as espullas do nariz. Aquela tarde limpei de espullas o nariz do cabezudo. Peito de Lobo, preso na casa pola súa muller e polo medo de matar un home, acochouse cediño, ollando dende o leito cómo os foguetes de luces tinguían de prata, ouro, verde e rosa, as paredes encaladas, escoitando o son esvaído da música e o estourar dos fogos, e canso de bulir no leito quedouse coma un santo. Pasaron meses e un bo día atopeime con peito de Lobo no peirao da ribeira. En canto puxo os ollos en min virouse de costas e chantou a mirada no mar. E xulgando que xa non quería comerme os angumiños, arrisqueime a falarlle. E despois dunha leria raposeira quedamos amigos. No segundo ano Peito de Lobo apañou tal carpanta de anís escarchado que bailou co cabezudo na praza, e dábanlle bicos e apertas, e chamáballe «meu irmanciño». No terceiro ano saíu o cabezudo con espullas no nariz, cousa que fixen por mandado do mesmo Peito de Lobo. Desde entón o meu amigo considerouse un pouco inmortalizado. Fuxiron os anos e fuxiron as sardiñas para os xeiteiros. Peito de Lobo envelleceu de tempo e de fame. As festas viñeron a menos, como os quiñóns dos mariñeiros; mais o cabezudo aínda saía, un pouco estragado polos tratos ruíns que lle daba o sancristán.


Hai dous anos estaba un forasteiro ollando o cabezudo con ese ollar dos que van ás festas e non se divirten, cando Peito de Lobo se achegou a el, paseniño, e dándolle co cóbado deitou quediño na súa orella. – Fíxese no cabezudo e repare en min. O cabezudo son eu. Coma se nacese destinado a ser unha cabeza grande de cartón, peito de Lobo ollaba no cabezudo a súa fortaleza pasada, a súa esvaída popularidade. O cabezudo non volveu saír. O sancristán puxo enriba da cabeza de cartón o tumbo dos defuntos, e coa humidade do inverno aplacouse e quedou esmagada. Peito de Lobo tampouco non volveu saír. Un «aire de felesía», deixouno tolleito, e cómpre dicirvos que lle deu o mal no mesmo intre en que o cabezudo foi vencido polo tumbo... O ano derradeiro pasei diante da casa de Peito de Lobo. Que tristura me deu! Estaba no balcón sentado, semellante a un monifate de farrapos, encostado no corpo da súa compañeira. De pasada saudeino con agarimo. Peito de Lobo miroume con ollos de peixe podre, e a súa muller díxome con bágoas nos ollos: - Alá se foi o cabezudo, señor! Retrincos, Daniel Alfonso Rodríguez Castelao.

Glosario Laido: adx. Feo. Pouco xeitoso. Ben afinada banda: En 1912 dirixía a banda de Rianxo don José Benito Piñeiro Jamardo, que en Outubro dese mesmo ano, logo das festas da Guadalupe, marcha para Bos Aires. Angumiños: s. m . p. Entrañas. O máis íntimo do corazón. Xeiteiros: s. m. Mariñeiros que usan o xeito; arte de pesca para a sardiña. Felesía: s. f. Debilidade dos músculos debida á moita idade ou a outra causa acompañada de tremer. Epilépsia.

CASTELAO


Historia do Peito de Lobo e dun cadro que chegou a Bos Aires.

Peito de Lobo

Castelao

Este conto está baseado nun feito real. En 1912, Castelao exercía de médico en Rianxo e colaboraba coa festa da Guadalupe, decorando o palco da música e confeccionando os xigantes e cabezudos que sairían na procesión . Na fotografía vese a Castelao da man da xiganta, caricatura dunha mestra da vila.

Nas festas da Guadalupe tamén colaboraron ese ano a Sociedade Fillos de Rianxo de Bos Aires, Arxentina. En agradecimento, Castelao regálalles un cadro, que chega a Bos Aires en 1913.

O cadro de Castelao leva por título Camiño da Festa da Guadalupe, e nel vemos a un cego con lazarillo, que garda nas alforxas un violino.


Investigando na Biblioteca

Axuda a Libriño a contestar a estas preguntas procurando a información na nosa biblioteca. Ollo, esta vez non usaremos Internet, só bibliografía en papel.

Cando Castelao escribeu Retrincos, atopábase no desterro, en Badaxoz. De que ano estamos a falar?

19

Ese mesmo ano publica un segundo libro tamén moi famoso. Cal é o seu título?

O nome da editorial na que Castelao publicou este libro, coincide co nome da Xeración de intelectuais galegos da que formou parte. Como se chamaba?

0 M L P U G F R D S C X Q

I

O

L S H U T F R S C V R T L O R P M E N B V G O G U

I

I

U A Z D F E

G O L O P H G V B D A T

B G T L R

I

O B V C X Z S D R

H T R F L E L P O M N G F T A L O P O

I

U D L M N H T L O T

L O B N M N H O

I

N G L E S O

F D E R B N L O P O P E

I

I

U H T R

T O D E L O B O V F R E

Nesta sopa de letra están agochados os títulos de catro dos cinco relatos que contén Retrincos. Serías quen de atopalos e decirnos cal é o que falta?


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.