OS CÓMICOS DELL'AUTO é un espectáculo ambulante de rúa que se desenvolve arredor dun vello autobús. En realidade, máis que un autobús é un vehículo de transporte de animais e persoas que se empregaba para ir ás feiras nos anos 20 e 30. A parte de atrás é unha gaiola con reixas que está illada da parte dianteira: unha cabina para o condutor con asentos para varios pasaxeiros. Ademais ten unha baca na parte superior pensada para levar equipaxes e mercancías, que tamén se emprega como espazo de actuación. Así pois, o espectáculo ten lugar nas tres partes do autobús durante o percorrido que realiza polas rúas da localidade. No medio deste pecorrido, vai facendo paradas nas prazas ou espazos públicos máis propicios e axeitados para que o público se concentre arredor del. Durante estas paradas, os cómicos baixan do autobús para interactuar cos espectadores e integralos na representación de pequenas pezas. Estes cómicos, protagonistas do espectáculo, son catro actores e unha actriz que encarnan os diferentes personaxes da función. Tomando como punto de partida a tradición da Commedia dell'Arte e, en particular, os arquetipos que nos legou: o capitano, pantalone, o doutor, colombina, o arlecchino, os namorados..., creamos unha serie de personaxes populares contemporáneos e, ao tempo, universais. Para iso contamos con máscaras de coiro construídas artesanalmente. Á súa vez, estes cómicos interpretan as cancións e a música en directo: acordeón, guitarra, percusión e violín, tanto para animar os desprazamentos como para acompañar as pequenas representacións que se fan en cada parada. Tanto os instrumentos como as voces dos actores están amplificadas, para que a función poida chegar con calidade a unha gran cantidade de público, aínda que o espazo sexa moi aberto.
Os cómicos ambulantes No século XVI, A Commedia dell'Arte supuxo unha revolución no panorama teatral europeo, por rachar cunha tradición do feito escénico ligado a cortes, igrexas, mosteiros, patios, corrais e outros espazos pechados. Tomando como referencia o labor de transmisión da cultura popular que durante o medievo desenvolveran figuras coma os xograres, os cómicos italianos inventaron unha nova forma de facer teatro ao aire libre, nas prazas e nas feiras, con música en directo, a partir de estruturas argumentais cómicas e simples ("canovaccios") desenvolvidas con textos improvisados, con personaxes populares moi identificables para o público que se representaban cunha máscara, que contaban con frases e xestos típicos que repetían ata convertelos en chistes ("lazzi"), xogando cos diferentes dialectos, cun gran sentido do ritmo e da dimensión física da interpretación. A Commedia dell'Arte abriu unha tradición de teatro itinerante que se manifestou de diferentes xeitos por toda Europa. En España, desenvolveuse durante o século de ouro unha potente actividade de compañías e "cómicos da legua" que percorrían os camiños en carros, coa tremoia ás costas, para representar nos pobos as súas comedias a cambio do sustento para vivir. Este carácter itinerante do teatro chega ata os nosos días. Se pensamos en pequenas compañías independentes, das denominadas "de furgoneta", sen teatro estable de actuación, que representan en moitos casos na rúa ou en espazos que elas mesmas deben acondicionar para a función, atopamos reminiscencias daqueles cómicos populares. Quizais haxa que chegar á conclusión de que o teatro é, na súa esencia, itinerante; e a única diferenza é só que se adapta aos tempos nos que se desenvolve. Mesmo podemos afirmar que en todas as culturas se poden atopar representacións populares ao aire libre en espazos públicos. A través destes cómicos ambulantes que chegan ás vilas e cidades nun autobús de época, queremos render unha homenaxe a ese carácter universal do teatro como un fenómeno popular. Queremos transportar ao público a un espazo e un tempo indeterminados, que podería ser o século XVII ou o XXI, porque na esencia a relación entre os cómicos e os espectadores é a mesma, xa que se produce un feito teatral puro, directo e humano: a festa da representación pública e popular da man dos actores, que rompen a dinámica cotiá da rúa para convertela por un momento en algo especial: un escenario.
Creación colectiva O espectáculo vai ser creado polos membros do elenco. Despois dun traballo previo de composición dos arquetipos da Commedia dell'Arte, desenvolverán un proceso de improvisacións do que se extraerán os canovaccios que mellor se adapten ás características do espazo escénico tan singular que é o autobús. Asimesmo, estes canovaccios, que non son máis que pequenas estruturas argumentais, serán pautas sobre as que se improvise en cada función. É dicir, terán que adaptarse segundo o público e as circunstancias que se dean en cada representación, xa que na rúa o fundamental é conseguir a relación co público, fomentando a súa participación. O elenco comporá e seleccionará tamén as pezas musicais que se interpreten durante os pasarrúas e os canovaccios. A "troupe" dos cómicos será a creadora do espectáculo e a responsable de adaptalo para conquitar o público, seguindo a vella tradición dos cómicos dell'Arte.
Ficha técnico-artística Idea: Paulo Serantes, Marián Bañobre e Santiago Cortegoso Desenvolvemento e interpretación: Paulo Serantes, Fran Paredes, Marián Bañobre, Lois Soaxe e Santiago Cortegoso Traballo de máscara e dirección do canovaccio: Paulo Serantes Tratamento de textos: Santiago Cortegoso Vestiario: Marián Bañobre Construción de máscaras: Den Durand Dirección e composición musical: Paulo Serantes Cartel e Programa: Diego Seixo Técnicos de luz e son: Héctor Pazos e Diego Camaño Producción: Salvador del Río
O elenco Paulo Serantes, director teatral, Actor, Músico, Profesor de Técnica do Xesto e do Movemento. Especializado na linguaxe do corpo, profundizou os seus coñecementos no traballo do actor baixo a máscara, especialmente de Commedia dell'Arte, na Cía Internacional Teatro Punto dirixida por Carlos García, sendo tamén asistente pedagóxico de Teatro Punto, nos cursos que imparten en Europa ou USA. Ademais tense formado con outros mestres como Claudia Contin, Ferruccio Merisi, Antonio Fava, Manuel Lourenzo, John Wright, Mar Navarro, Eric de Bont, Andrés del Bosque, Asfodelo Marchesini, Clelia Dalponte... Como actor ten traballado en Casahamlet, Ancora Produccións, Uvegá Teatro, Espello Cóncavo, Ollomoltranvía, Teatro de Ningures e Teatro Punto. Marián Bañobre, actriz e Pallasa, estudou teatro na escola CASAHAMLET (A Coruña), realizou o Posgrao de Especialista en Arte Dramática na Universidade de Santiago de Compostela. Especialízase en clown con John Wright, Tom Greder, Christian Atanasiu, Eric de Bont, Carlo Colombaioni, Johns Pappila, Pablo Muñoz, Sophie Gazel ou Leo Bassi; e en Commedia dell'Arte con Antonio Fava, Claudia Contin, Ferruccio Merisi e Teodor Smeu. Co-fundadora da compañía MAQUINARIA PESADA, ten traballado ademais en compañías galegas como Casahamlet, Teatro de Ningures, Teatro do Morcego, Producións desaqueloutradas, Nove Dous ou o Centro Dramático Galego, e na compañía de clown francesa Theatre Organic. En 2005, recibe o premio María Casares como mellor actriz secundaria polo espectáculo "Tartufo", de Teatro de Ningures. Santiago Cortegoso, actor e autor, Especialista en Arte Dramática pola Universidade de Santiago de Compostela, formado en Commedia dell'Arte con Antonio Fava, en clown e bufón con Eric de Bont, Leo Bassi, Carlo Colombaioni, etc.. Leva traballando en TEATRO DE NINGURES desde o 2.001 e ten traballado tamén n'A Factoría Teatro, Disque danza, Nove Dous Teatro, Teatro do Morcego, LLU LLU Teatro e Balea Branca, ademais de en audiovisual e dobraxe.
Fran Paredes, actor e músico, formado en grupos de teatro independente e en cursos específicos: Commedia dell'Arte con Antonio Fava, voz con Cristina Domínguez, Gag con Jordi Purti, etc.. Leva en TEATRO DE NINGURES desde o 2.001 e ten traballado tamén en Teatro do Morcego, LLU LLU Teatro, Arela das Artes e Balea Branca, ademais de en audiovisual e como monitor de teatro. Toca o violín e a guitarra.
Lois Soaxe, actor, músico e malabarista, formouse no Instituto del Teatro, de Xixón. Formouse en Commedia dell'Arte con Claudia Contin e Ferruccio Merisi. Traballou nas compañías asturianas Teatro del Norte, Teatro de Trebolén, Toaletta Teatro e Producciones Quiquilimón; e nas galegas Nove-Dous Teatro, Balea Branca, Ollomol-Tranvía, Centro Dramátigo Galego e Teatro do Morcego. En audiovisual, participou en diferentes series e nas películas Lena, Ilegal, Cargo, Heroína e Los lunes al sol.
Contratación: Oficina: Christell Lory: Salvador del Río:
986 304 817 627 450 776 654 464 360