LECTURAS DA GRANPA 2 (Que é Espazo Lectura?)

Page 1

L E C T U R A S D A G R A M PA

2

Que é

Espazo Lectura?


1. QUE É ESPAZO LECTURA? – Espazo Lectura é unha asociación para o fomento e a animación á lectura que naceu formalmente en xaneiro de 2008 aínda que as persoas que a crearon viñan realizando actividades desde febreiro de 2006, data de posta en marcha do Contomar (sesións de contacontos para público infantil). – A asociación está situada no Val Miñor e organiza actividades sen ánimo de lucro relacionadas co fomento da lectura, así como calquera outro tipo de iniciativas que teñan que ver coa promoción da lectura e do libro como referentes de benestar social e coa consideración do libro como elemento socializador, indispensable para elevar o nivel educativo, a conciencia crítica, a capacidade analítica e, en definitiva, a calidade de vida e o ocio das persoas. – Para levar a cabo os seus fins, Espazo Lectura mantén unha programación, tanto estable coma conxuntural, en relación cos cometidos que persegue, atendendo ao principio de que o libro ou a lectura sexan o elemento nuclear e de referencia. O traballo de Espazo Lectura céntrase basicamente en tres liñas principais: a creación e animación de clubs de lectura, a divulgación e sensibilización, e a formación especializada en fomento da lectura. – Ademais de socios/as numerarios, Espazo Lectura conta cunha nómida de socios protectores.

—3—


Socios protectores

Espazo Lectura conta co apoio de socios/as protectores que, de acordo cos estatutos da asociación, son persoas físicas ou xurídicas que contribúen materialmente e de forma notable ao sostemento da asociación. EDITORIAIS Editorial Galaxia Edicións Xerais de Galicia Kalandraka Editora OQO Editora EMPRESAS CULTURAIS Berrobambán Teatro CENTROS DE ENSINO CRA Antía Cal (Gondomar) CEIP Souto-Donas (Gondomar) CEP Xosé Neira Vilas (Gondomar) CEIP Chano Piñeiro (Gondomar) CEIP Serra Vincio (Gondomar)s CEIP Belesar (Baiona) CEP A Cruz-Camos (Nigrán) CEIP Humberto Juanes (Nigrán)

—4—


2. ACTIVIDADES

2.1. CONTOMAR O Contomar é a actividade fundacional da asociación Espazo Lectura. Consiste na celebración de sesións semanais de contacontos, que se veñen facendo desde o ano 2006, protagonizadas por un grupo de nais e pais, e que ten como obxectivo crear un espazo de encontro dos nenos e nenas cos libros e a lectura a partir de dous piares fundamentais: as familias (son as nais e pais os que preparan e contan as historias) e a biblioteca (as sesións celébranse en colaboración co Concello de Gondomar na Biblioteca Municipal). Neste sentido, o traballo de Espazo Lectura supuxo un importante incremento do número de socios e socias infantís da biblioteca. O contacontos realízase sempre con libro, xa que o obxectivo da actividade é a promoción da lectura, procurando que a selección semanal teña en conta distintos tipos de propostas de libro infantil. Ao Contomar asisten nenas e nenos a partir de 3 anos de idade, fidelizados a través de carnés de socios/as do contacontos. Tamén se celebran sesións especiais con motivo dalgunhas das datas sinaladas no Calendario da Lectura (Día da Poesía, Día do Teatro, Día do Libro Infantil e Xuvenil, Día do Libro, Día das Letras Galegas, etc.) e nas cales é habitual contar coa presenza de convidados: ilustradores (Ramón Trigo, Chus Ferrín, Pepe Carreiro, Anxo Fariña...) ou grupos de música e teatro (Golfiños, Migallas, Casa Hamlet...).

—5—


Ademais, o equipo do Contomar desprázase a diversos centros de ensino do Val Miñor para realizar sesións de contacontos nos colexios da zona. CONTOMAR

QUE DÍA É?: todos os luns A QUE HORA?: ás 18.00 h ONDE?: na Biblioteca Municipal de Gondomar

2.1.1. CUMPRECONTOS

Os cumprecontos son unha exitosa actividade que se realiza no marco do Contomar. Trátase da celebración con libros dos aniversarios das nenas e nenos que asisten de xeito habitual ás sesións de contacontos. Para a celebración, o neno ou nena senta á beira da persoa que está a contar os contos, pónselle unha banda de felicitación, píntaselle a cara se así o desexa, cántanselle os parabéns e, como acto central, cóntaselle o seu conto favorito, aquel que o homenaxeado elixa. Ao final, recibe un miniconto como agasallo.

2.2. CLUBS DE LECTURA 2.2.1. CLUB DE LECTURA COMPARTIDA LENDO CONTIGO Esta actividade nace en decembro de 2007 e está dirixida a nenos e nenas de 8 a 11 anos e aos seus pais e nais. A organización propón un libro de lectura mensual para que os nenos, acompañados das súas familias, o lean na casa. Logo, celébrase unha sesión conxunta na Biblioteca Municipal de Gondomar na cal se conta coa presenza do autor ou autora do libro que é obxecto de lectura. Algúns dos autores/as que xa pasaron polo club son Agustín Fernández Paz,

—6—


Miguel Vázquez Freire, Antonio García Teijeiro, Fina Casalderrey, Xavier López Rodríguez, Cándido Pazó, Paula Carballeira, María Reimóndez, Concha Blanco, Ana María Fernández, Gloria Sánchez, Xabier P. DoCampo... LENDO CONTIGO

QUE DÍA É?: o último sábado de cada mes A QUE HORA?: ás 12.00 h ONDE?: na Biblioteca Municipal de Gondomar

2.2.2. CLUB DE LECTURA SETE VIDAS O club de lectura Sete Vidas é unha inciativa que Espazo Lectura botou a andar en outubro de 2008. Un grupo aberto e heteroxéneo de persoas ás que lles apetece ler reúnese unha vez ao mes, logo de ler un libro proposto (unha novela, un libro de relatos, etc.), para comentalo despois sen ningún tipo de obrigas nin compromisos. Ademais da xuntanza para falar sobre os libros de lectura que se propoñen, tamén se organizan sesións especiais nas cales nos visitan autores ou tradutores dos libros propostos, como Miguel Anxo Murado, Gonzalo Navaza ou Xoán Abeleira. SETE VIDAS

QUE DÍA É?: o primeiro martes de cada mes A QUE HORA?: ás 20.00 h ONDE?: na Biblioteca Municipal de Gondomar

2.2.3. CLUB LECTURAS DEBUXADAS Espazo Lectura puxo en marcha este club de lectura desde o convencemento de que a linguaxe do cómic, é dicir, a da lectura en imaxes, é

—7—


unha das máis relevantes da cultura contemporánea. O coordinador do club propón un cómic mensual e as persoas asistentes reúnense para comentalo e interpretalo. Igual ca no club Sete Vidas, organízanse sesións especiais nas cales nos visitan autores ou tradutores dos libros propostos, como Jacobo Fernández. LECTURAS DEBUXADAS

QUE DÍA É?: o terceiro martes de cada mes A QUE HORA?: ás 20.00 h ONDE?: na Biblioteca Municipal de Gondomar

2.2.4. CLUB DE FORMACIÓN LECTORA Co obxectivo de ofrecerlles ás persoas que colaboran coa asociación unha formación progresiva no ámbito do fomento da lectura, a Oficina de Formación de Espazo Lectura creou un club de formación lectora no que se propón un libro que verse sobre a lectura para manter logo unha sesión de debate arredor dos contidos e do seu aproveitamento para o traballo da asociación. A súa singularidade convérteo no único existente en Galicia deste tipo. CLUB DE FORMACIÓN LECTURA

QUE DÍA É?: variable A QUE HORA?: ás 19.30 h ONDE?: na Biblioteca do CRA Antía Cal (Peitieiros)

2.2.5. CICLOLECTURAS Actividade de nova creación. Trátase dun club de lectura temático que incluirá 3 sesións dedicadas a tres libros distintos que traten un mesmo tema desde diferentes perspectivas. Cada unha das ciclolecturas estará

—8—


coordinada por unha persoa especialista no tema que se vai tratar, o que nos permitirá achegarnos a diferentes ámbitos do saber e da actualidade a través das lecturas e das conversas derivadas desas lecturas.

2.3. OUTRAS ACTIVIDADES 2.3.1. UNHA NOITE NA BIBLIOTECA A finais do mes de xuño, como despedida do curso antes das vacacións de verán, Espazo Lectura organiza, en colaboración co Concello de Gondomar, «Unha noite na biblioteca», actividade na cal un grupo de nenos e nenas de 6 a 11 pasa unha noite enteira na Biblioteca Municipal. O programa da Noite na Biblioteca consta de dúas partes. A primeira, destinada a nenos e nenas de todas as idades, celébrase ao longo da tarde nun espazo público e é de asistencia libre. Consta de diferentes actividades relacionadas co fomento da lectura, como contacontos, obradoiros de ilustración, actuacións musicais, etc. A segunda parte celébrase no interior da biblioteca e para asistir é necesario inscribirse. Antes de durmir, e tras a cea, é hora de poñer o pixama, lavar os dentes e estirar os sacos de durmir. Na biblioteca complétase o programa de animación á lectura con máis contos, xogos de pistas ou recitais de poesía. A noite na biblioteca remata á mañá do día seguinte, tras o almorzo, cando os pais e nais recollen os pequenos lectores. UNHA NOITE NA BIBLIOTECA

QUE DÍA É?: sábado e domingo de finais de xuño A QUE HORA?: das 19.00 h do sábado ás 10.30 h do domingo ONDE?: na Biblioteca Municipal de Gondomar

—9—


2.3.2. ACTIVIDADES ARREDOR DO DÍA DO LIBRO Ao longo do mes de abril e, especialmente, a semana do 23 de abril, Día Internacional do Libro, Espazo Lectura desenvolve, en colaboración co Concello de Gondomar, un intenso programa de actividades que ten como acto central –o propio 23 de abril– unha sesión de lecturas en voz alta co nome de Dar de ler coma quen dá de beber. Arredor de 30 persoas reúnense durante unhas 3 horas para ler en voz alta fragmentos de libros escollidos por elas mesmas. O primeiro Dar de ler coma quen dá de beber celebrouse en 2008 na Biblioteca de Gondomar. No ano 2009, o II Dar de ler, que tiña como subtítulo «Lecturas no mercado», celebrouse na praza de abastos de Gondomar. Espazo Lectura quixo dese xeito tirar os libros e a lectura dos seus ámbitos máis habituais (a biblioteca, a casa, a escola...) e levalos a un lugar público para achegalos así a espazos da vida cotiá e facelos máis visibles. DAR DE LER COMA QUEN DÁ DE BEBER

QUE DÍA É?: o 23 de abril, Día do Libro A QUE HORA?: a partir das 19.30 h ONDE?: en diferentes espazos públicos

2.3.3. OBRADOIROS DE ILUSTRACIÓN Espazo Lectura programa con frecuencia obradoiros de ilustración, entendendo que a ilustración é unha parte fundamental do libro, moi singularmente do libro infantil e do álbum, xénero no que se centran as actividades do Contomar e moitas das organizadas na Casa da Lectura. Os diversos obradoiros de ilustración realizados ata o de agora pola asociación Espazo Lectura foron impartidos por Ramón Trigo, Pepe Carreiro, Anxo Fariña, Chus Ferrín e Óscar Villán.

— 10 —


2.3.4. ACCIÓNS LECTORAS As accións lectoras son actividades puntuais, organizadas por Espazo Lectura, e lévanse a cabo en diversos lugares coa finalidade de sensibilizar a cidadanía arredor da importancia da lectura, dos hábitos lectores e da adquisión dunha cultura lectora. A primeira acción lectora de Espazo Lectura foi unha campaña de bookcrossing en maio de 2008 baixo o nome «Bookcrossing no Val Miñor». Na campaña contouse coa colaboración dos tres concellos do Val Miñor, Baiona, Gondomar e Nigrán, e consistiu na solta de 120 libros en diferentes espazos públicos destes tres concellos. Ademais, establecéronse oito zonas bookcrossing, sitios estables onde poder atopar e soltar libros. A solta de libros foi acompañada da edición de 10.000 folletos nos que se explicaba o espírito da campaña e qué cómpre facer cando unha persoa atopa un destes libros. A iniciativa tamén contou coa colaboración da editorial Galaxia e de Edicións Xerais de Galicia. 2.3.4. EXPOLECTURAS A través da sección Expolecturas, Espazo Lectura artella e organiza exposicións que teñen que ver co ámbito da lectura, do libro ou do fomento da lectura. Tamén vehiculiza e xestiona exposicións organizadas por institucións ou outras entidades, promovendo visitas dos centros de ensino a estas e organizando nelas sesións de contacontos. A primeira exposición xestionada por Espazo Lectura para o Val Miñor foi Imaxinoqo, da editorial OQO, que procuraba unha nova forma de mirar as imaxes dos libros e incorporaba o propio libro como obxecto da exposición.

— 11 —


3. A CASA DA LECTURA A Casa da Lectura é unha pequena biblioteca e un centro de actividades arredor do libro e da lectura. Está xestionada por Espazo Lectura e foi inaugurada o 16 de maio de 2009. A orixe do proxecto está na transformación dunha pequena e antiga escola infantil en desuso que foi rehabilitada grazas ao traballo desinteresado das persoas que colaboran coa asociación. En outubro de 2008, Espazo Lectura chegou a un acordo coa dirección do CEIP Souto-Donas (centro escolar do que depende a escola infantil e que na actualidade é unha entidade socia protectora da asociación), co Concello de Gondomar e coa Consellería de Cultura para poñer en marcha a recuperación dun espazo inutilizado, dotándoo para usos culturais e dando lugar a unha iniciativa que revertese no ben da comunidade. Por último, chegouse tamén a un acordo coas catro editoriais galegas socias protectoras de Espazo Lectura para que nutran a biblioteca de novidades. As editoras son: Galaxia, Kalandraka, OQO e Xerais. CASA DA LECTURA

HORARIO: todos os mércores de 17.30 a 19.30 h ACTIVIDADE SEMANAL DE FOMENTO DA LECTURA: mércores de 18.30 a 19.30 ENDEREZO: Nogueiras, 8, Donas (Gondomar)

— 12 —


4. OFICINA DE FORMACIÓN A Oficina de Formación é unha inciativa de Espazo Lectura para actuar de xeito transversal na mellora de todas as actividades da asociación, así como na formación especializada en fomento da lectura das persoas que a dirixen ou que participan na súa organización. Tamén proporciona información ás familias e persoas asociadas sobre a importancia da lectura na sociedade actual. A Oficina de Formación facilítalles información aos socios/as sobre fomento da lectura e as súas tendencias e actualidade; sobre a existencia de encontros, actividades, iniciativas, etc. Así mesmo, xestiona a participación dos membros de Espazo Lectura en xornadas de formación e organiza obradoiros, encontros e xornadas destinados á mellora das actividades que ofrece a asociación, como, por exemplo, dotar de apoio técnico as nais e pais que contan nas sesións de contacontos. Unha das actividades permanentes que dependen da Oficina de Formación é o Club de Formación Lectora.

— 13 —


5. PUBLICACIÓNS 5.1. OS OLLOS DO CONTOMAR Os ollos do Contomar. Unha experiencia de fomento da lectura é a primeira publicación de Espazo Lectura, editada en colaboración coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e coa Concellería de Cultura do Concello de Gondomar. Os ollos do Contomar componse de fotografías de Manuel G. Vicente acompañadas de pequenos textos dunha ampla nómina de autores e autoras nos que se reflexiona sobre a lectura e os libros. Trátase dunha crónica en imaxes de dúas das actividades desenvolvidas por Espazo Lectura: o «Contomar», sesións semanais de contacontos destinados a nenos e nenas de entre 3 e 9 anos, e «Unha noite na biblioteca», actividade de sensibilización e fomento da lectura que consiste en pasar toda unha noite nunha biblioteca municipal. 5.2. LECTURAS DA GRAMPA Ademais das edicións en formato libro nas que se vaian recollendo as experiencias da asociación e, sobre todo, a análise e as reflexións derivadas das actividades que desenvolve, Espazo Lectura mantén unha liña de publicacións de pequeno formato destinada a difundir e complementar as actividades da asociación, establecer listaxes de lecturas recomendadas e dar formación específica sobre fomento e animación á lectura. Trátase da serie Lecturas da Grampa iniciada con motivo do II Dar de ler coma quen dá de beber en abril de 2009.

— 14 —


g

QUERES ASOCIARTE A ESPAZO LECTURA? DATOS PERSOAIS NOME: _________________ APELIDOS: _____________________________________________ DOCUMENTO DE IDENTIDADE: ______________________________ ENDEREZO: _____________________________________________ POBOACIÓN: _________________ CÓDIGO POSTAL: _________________ CORREO ELECTRÓNICO: _________________ TELÉFONO: _________________ TIPO DE SOCIO/A (marca cunha cruz o que proceda) NUMERARIO

XUVENIL (MENORES DE

18 ANOS E MAIORES DE 14) ⵦ

COTA ANUAL (marca cunha cruz a cantidade elixida) COTA MÍNIMA

30 € / ano ⵦ 15 € / ano (estudantes, persoas en paro e xubiladas) ⵦ OUTRAS CANTIDADES

40 € / ano ⵦ

50 € / ano ⵦ

____ € / ano (indicar outra cantidade)

SOLICITUDE DE INGRESO EN ESPAZO LECTURA

Eu ____________________________________, con DNI ________________, solicito o meu ingreso en Espazo Lectura como socio/a de pleno dereito ou socio/a xuvenil e, para tal efecto, asino este documento. _________, ______ de _____ de 20___

Sinatura


© Publicacións Espazo Lectura, 2009 © Espazo Lectura, Val Miñor, Galicia Licenza Creative Commons Esta obra réxese por unha licenza Creative Commons, a cal permite a súa copia, distribución e comunicación pública, así como as obras derivadas, mentres se manteña a autoría orixinal e non sexa con fins comerciais. As obras derivadas desta deben ser distribuídas baixo esta mesma licenza.

MÁIS INFORMACIÓN ESPAZO LECTURA http://www.espazolectura.org espazolectura@espazolectura.org Apartado de correos 50 36380 Gondomar 619 292 991 CASA DA LECTURA casadalectura@espazolectura.org Nogueiras 8, Donas 36388 Gondomar


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.