4 minute read

O CLUB REMO DO MIÑO, UN CLUB PEQUENO CON SOÑOS GRANDES

CINCO DOS SEUS REMEIROS COMPETIRON EN XOGOS OLÍMPICOS CO NOME DO CLUB, QUE NACEU A CARÓN DO MIÑO E QUE BUSCA AUMENTAR A SÚA CANTEIRA

E Por Judit Bernárdez

Advertisement

C Arquivo E. Basan e Club de Remo do Miño

“Qué río máis bo para facer remo” foi o que pensou o olímpico vigués José Luis Méndez cando en 1974 decidiu fundar o Club Remo do Miño en Tui. Dende entón, o Miño foi testemuña da evolución dun club que nacía cun grupo de amigos baixo os árbores da beira do río e polo que ao longo destes máis de setenta anos pasaron ata once remeiros olímpicos; un deles o seu propio fundador, Méndez, que participou nos Xogos de Roma de 1960. Da beira do río, ata os baixos do Náutico de Tui, pasando por un galpón preto da nova ponte internacional. As primeiras instalacións do Club Remo do Miño fan que o dito de que “as cousas grandes comezan sendo pequenas” cobre sentido; xa o di o seu actual presidente, Manuel Ángel González, “comezamos sendo un club pequeno nunha cidade pequena”.

Cabaña

Agora ocupan o Centro Municipal de Remo, na rúa Olímpicos Tudenses. E, precisamente os Xogos Olímpicos son, en palabras de Manuel Ángel “a meta que persegue calquera deportista, máximo”. Neste senso, o club ten as súas esperanzas postas nos Xogos de Tokio que tiveron que ser adiados a 2021. Alí estará o seu remeiro Rodrigo Conde que, xunto ao catalán Manel Belastegui, levará o nome do Club Remo do Miño á elite internacional do deporte. “Ten moitas posibilidades”, cree o presidente do club, quen avanza que quizais este verán ambos remeiros adestren en Tui.

Para conseguir o pasaporte a Tokio, Rodrigo Conde foi finalista no campionato do mundo absoluto e bicampión do mundo en Sub-23, ademais de outros logros colleitados o ano pasado. Aínda que a pandemia truncou os plans do deportista, no Club Remo do Miño xa inclúen a Conde na lista dos remeiros que participaron en Xogos Olímpicos sendo membros do club. Nesta lista tamén están Jesús González Álvarez, Jacobo Moroño, Jacobo Suárez y José Ignacio Bugarín. Este último, Bugarín, acadou o maior galardón conseguido por un español nun campionato do mundo absoluto de remo: un subcampionato dous con timoneiro no ano 1990.

Pero, iso foi cando o club xa tiña percorrido andado. Comezaron a ir a algún campionato nacional en 1974 “con barcos de segunda ou terceira man”, recorda o actual presidente, que leva toda a vida vinculado ao Remo do Miño de algún ou outro xeito. Cinco anos máis tarde, en 1979, chegou a primeira medalla nun campionato de España. Un ouro en dobre scull cadete que non só foi a primeira insignia para o Remo do Miño, senón que tamén o foi para Tui. “A partir de entón non pasou ano sen conseguir unha medalla nun campionato de España”.

José Luis Méndez na entrega de premios na XXXVII regata Miño Internacional XIII Copa da Deputación en 2017

Para acadar o nivel dos mellores deportistas do país, os integrantes do club adestran na actualidade “todos os días do ano”. “É un deporte moi duro. Tenche que gustar, aínda que cando o probas adoita enganchar”, valora Manuel Ángel González, que tamén vacila dicindo que “somos pobres practicando un deporte de ricos”. Explica isto mencionando que o custe dunha embarcación é de 5.000 euros, “o máis barato”, e duns remos 900 euros. Ademais do material, o club gasta moito en combustible, para seguir os adestramentos dende a auga, e en desprazamentos, hoteis e dietas.

Para facer fronte a estes gastos, teñen axudas da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, pero sen dúbida, a quen máis están agradecidos é ao Concello de Tui. “Sen o Concello de Tui non poderíamos subsistir”, asegura o presidente, facendo fincapé en que o Concello financia a Regata Miño Internacional, unha proba que o club leva corenta anos consecutivos celebrando e na que chegaron a competir remeiros de Oxford y Cambridge. Na presente edición, que tivo lugar en xaneiro, logrou récord de participación con máis de catrocentos deportistas.

Xunto ás administracións, dende o club tamén recoñecen o apoio das empresas locais e dos socios que colaboran con el. Grazas a todos eles levan o nome do Miño polo mundo adiante e agardan seguir levándoo. Para iso, queren traballar coas categorías inferiores, de cara a “ter un bo equipo no futuro”. Un soño complexo porque “en Tui hai moita oferta deportiva; sendo unha cidade pequena, sorprende a variedade de deportes que se practican”, explica González; pero non imposible. De todos os seus soños e logros seguirá sendo testemuña o Miño, un río “do mellorciño”, segundo o presidente deste club con preto de 120 fichas.

This article is from: