Estacións do ano celta
O ano celta estaba organizado arredor de catro festas principais. As festas repartíanse tendo en conta a súa natureza e significado orixinal: dúas delas estarían asociadas á apertura e peche das estacións: Samain, 1 de novembro, comezo do inverno, a estación sombría; Beltain, 1 de maio, o comezo do verán; Había outra celebración central, de equilibrio: Lugnasad, 1 de agosto, coincidindo coa recollida dos froitos; E unha última festa arcaica, que podería relacionarse co cumprimento dunha cerimonia obrigatoria: Imbolc, 1 de febreiro, cristianizada posteriormente.
O Samain A antiga festividade céltica do samain foi habitualmente descrita como unha comuñón cos espíritos dos defuntos que, nesta data, terían autorización para camiñar entre os vivos. Abríanse as portas entre este mundo e o máis aló, dándolle á xente a posibilidade de reunirse cos seus antepasados mortos. A festa do samain, a máis importante do período precristián, marcaba para os celtas o comezo dun novo ano. Nesa data prendíanse lumes sagrados frotando pólas de serbal e teixo. Con esta cacharela inicial alimentábanse as lareiras de todas as casas. Polo samain era costume baleirar nabos de grande tamaño -posteriormente cabazas- para pórlles dentro candeas. Varios séculos despois esta tradición –que se mantén aínda na Galiza- ten continuidade nas festas de Halloween, que poderían ter exportado aos Estados Unidos os irlandeses no século XIX e comezos do XX.
Imbolc A festividade de imbolc celebrábase o 1 de febreiro, cando comezaba a ser perceptíbel o alongamento dos días. A Igrexa cristiá, tendente a darlle novo significado ás celebracións pagás difíciles de erradicar, reconverteuna posteriormente en Santa Bríxida. Actualmente, e despois de San Patricio, esta é a santa máis venerada en Irlanda. Nas celebracións de imbolc non se conservaron as tradicións pagás, aínda que si determinados rituais. Estes pasarían pola elaboración de comidas especiais ou a confección, con xuncos e palla, das cruces de Santa Bríxida.
Lugnasad Esta festa celébrase o 1 de agosto en Irlanda e na Illa de Man, mentres que en Escocia – reconvertida en San Miguel- se atrasa ata o 29 de setembro. Os países celtas preparaban no lugnasad un festival agrario, relacionado coa maduración das colleitas e dedicado orixinariamente á deusa da natureza Tailltu.
Beltain O día 1 de maio foi elixido polos partolonianos –e despois polos celtas procedentes da Galiza- para a invasión de Irlanda, segundo o Lebor Gabhála –Libro das Invasións de Irlanda-. A tradición oral fai referencia aos lumes que se prendían nesa data en Escocia, na Illa de Man ou en Irlanda, fricionando dous paus secos de serbal ou outra árbore sagrada.