ALGUNHAS RECOMENDACIÓNS PARA QUE AS TEÑAS EN AlguNHas recomendacións para o teu traballo A ficha de lectura que che xunto a seguir NON É UN CUESTIONARIO AO QUE DEBAS DAR RESPOSTA. Tes que utilizala, simplemente, como unha referencia para facer o teu traballo e doucha coa intención de que non descoides ningunha das cuestións importantes que se deben tratar cando se comenta un libro. Eu optei por confeccionar un esquema numerado que ti debes adaptar ao teu estilo persoal e ao libro que comentes. Fanse tamén algunhas aclaracións entre parénteses coa intención de explicar o que se pretende, non para que as copies como se fosen o encabezamento de preguntas a contestar. O que quero recibir é un traballo persoal, NON COPIADO DE INTERNET. Recoméndoche que leas o libro e que despois realices a túa propia redacción utilizando a ficha de lectura como marco referencial. Loxicamente terás que facer certas investigacións –por exemplo: buscar datos sobre a biografía e a bibliografía do autor ou autora, e outras similares– pero unha cousa é a busca de datos e outra diferente a copia textual de parte do traballo realizado por outra persoa. ¡O obxectivo que pretendemos é aprender cousas novas, non recortar e pegar textos! Estableceuse un prazo considerablemente amplo para realizar o traballo e espérase unha resposta acorde con ese tempo. Non deixes a entrega para o último momento, non terei en consideración “problemas técnicos” de última hora. Recorda que non se recolle ningún traballo fóra de prazo.
Coida a ortografía e a sintaxe. Tipos e tamaños de letra: Para redactar informes ou traballos de carácter científico debes usar tipos de letra de utilización habitual (Times New Roman ou Arial, por exemplo); repara tamén no tamaño da letra a usar –non dirás máis cousas ao utilizar un tamaño de letra máis grande–. Podes ter presentes as seguintes referencias:
Títulos. Times New Roman 16. Subtítulos. Times New Roman 14. Textos. Times New Roman 12.
Títulos. Arial 16. Subtítulos. Arial 14. Textos. Arial 12.