BIBLIOTECA DO IES SANTIAGO BASANTA SILVA. CURSO 2016-17
OBRAS DE POESÍA Aires da miña terra M. Curros Enríquez Esta obra identifica ao autor como un gran poeta civil, capaz de conxugar a denuncia social a favor da clase máis desfavorecida, como demostran os poemas As Pragas, Nouturnio ou Mirando ao chau, cunha poesía de exaltación dos valores tradicionais da cultura galega, como é o caso Unha boda en Einibó, O gueiteiro e moi especialmente A Virxe do Cristal, onde describe de forma maxistral a lenda sobre a aparición da imaxe da pequena virxe desta localidade cuxo santuario está situado na parroquia da Vilanova dos Infantes.
Amar e outros verbos Ana María Fernández Martínez Libro de poemas baseado nun principio construtivo sinxelo, pero funcional: a reflexión, en verso libre, ao redor de 25 verbos tales como amar, andar, bailar, cantar, comer, crecer, orar, etc.; e algúns sintagmas como "mirar ao ceo", "mirar ao mar" ou "ser pobre". Son poemas de imaxinería simbólica e lixeiramente surrealista, cuxo léxico é rico e coidado, ademais de incluír o uso de varios dialectalismos na versión castelá da propia autora.
Cantarolas Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas Trátase dun clásico da literatura infantil galega, con cantos e poemas evocadores da natureza e do medio rural, que fala da amizade, dos xogos, dos costumes e da emocións da infancia. A sinxeleza dos versos, a cercanía dos personaxes e a temática tradicional son as principais cualidades desta obra conxunta.
Cidades Fran Alonso Cidades converteuse nestes anos nun referente da poesía infantil debido, segundo a crítica, á súa vocación de actualizar temas e formas. No libro, entrañable e intimista, a cidade convértese nun ser vivo, o asfalto adquire vida, e a soidade e a rutina énchense de cores, olores e sabores. A través dun alento poético fondo e sincero, descúbrenos a emoción que latexa nas rúas e deita unha ollada tenra e rebelde sobre a vida desde a óptica da infancia e adolescencia.
BIBLIOTECA DO IES SANTIAGO BASANTA SILVA. CURSO 2016-17
OBRAS DE POESÍA Cociñando ao pé da letra Yolanda Castaño e Andrea Costas Unha orixinal proposta, a medio camiño entre a literatura e a cociña, coordinado pola poeta Yolanda Castaño e a fotógrafa Andrea Costas. Un libro que demostra que todo pode ser cociñado. Un volume para, da man dalgúns dos nosos máis sobranceiros escritores, aprendermos pratos suxestivos. Un texto para saborear as palabras ben escritas en receitas contadas doutra maneira. Un libro, en definitiva, que repara no vencello estreito entre os verbos cociñar e escribir.
Con pólvora e magnolias X.L. Méndez Ferrín Unha referencia obrigada na nosa lírica contemporánea. Unha certa perspectiva temporal salienta cada vez máis a significación deste libro, que marcou un fito, unha mudanza radical e necesaria na poesía galega dos últimos anos. Amor e desamor, paixón pola vida e afirmación de vellos e inconmovibles soños constitúen a base principal deste poemario renovador, intenso, poderoso.
Consumir preferentemente Raúl Vacas Neste libro non se fan concesións, non se atopan nin romanticismos gratuítos nin sensiblerías, moi ao contrario, o poeta fíxalle ao amor a data de caducidade que lle corresponde, a xusta dor co que ha de enfrontarse, e preséntao a través dun percorrido novo: pode vostede adquirilo ao pasar pola caixa rápida ou na sección de oportunidades, pero estas oportunidades dáas a vida.
Deter o día cunha flor Luz Pozo Garza e José Valentín Os autores do libro seguen unha tradición ben nosa: houbo épocas nas que non se concebía a edición dun libro galego sen as correspondentes ilustracións: de Colmeiro, Seoane, Laxeiro, Xohan Ledo... Relación constantemente renovada, a da pintura e a poesía, que volvemos atopar nesta obra, síntese fecunda de dúas achegas a un todo harmónico.
BIBLIOTECA DO IES SANTIAGO BASANTA SILVA. CURSO 2016-17
OBRAS DE POESÍA Elas Cecilia Afonso Esteves Un “canto ao feminino”e un texto poético e cheo de musicalidade, que se complementa cunha linguaxe plástica limpa, clara e suxerente, de ilustracións sereas e delicadas, con cores suaves; imaxes de gran valor simbólico. Auga, Terra, Lume e Aire representan a esencia do noso mundo, danlle sentido e fan que todo funcione como unha cadea sen interrupción, por iso o seu obxectivo é xerar vida... “Elas” é unha proposta delicada, en forma de poema, que nos remite aos catro elementos e á presencia constante e telúrica delas, as mulleres. Esto y ESO Raúl Vacas Cando a poesía entra á aula, todo é posible. As estacións de metro convértense nunha lección de xeografía, os riles serven de modelo matemático e acertar unha quiniela pode ser a mellor introdución á literatura. Con Esto y ESO, o autor leva o enxeño dos seus versos ao instituto e sorprende con xogos cabalísticos, prantos eléctricos, análises fonéticos dos sentimentos, incógnitas, nostalxias e ata ibuprofeno. Medicamentos poéticos para manter preto do alcance dos mozos lectores.
La realidad y el deseo Luis Cernuda Unha biografía espiritual, sucesión de momentos vividos e reflexión sobre esas experiencias vitais. De aí o seu carácter moral. A autenticidade das fontes de inspiración e a sinceridade da meditación do poeta acerca da súa natureza e significado, achan sempre unha voz acrisolada de ton e contido universal, onde o anecdótico e o sentimental desaparecen para deixar paso á configuración do mito dun home que busca a verdade profunda do seu destino existencial.
Makinaria Carlos Negro Unha aceleración poética de cero a cen en tres segundos. Un libro de versos tuneados, maqueados de furia xuvenil ... Esta obra de Carlos Negro é "un libro de versos co depósito cheo de gasolina, testosterona e alcol" como aparece na contraportada do libro. O destino é a morte . Estes versos libres dedicados aos mozos e mozas de Dodro para que cheguen a vellos é un recordatorio para toda a xuventude de que non somos inmortais
BIBLIOTECA DO IES SANTIAGO BASANTA SILVA. CURSO 2016-17
OBRAS DE POESÍA
Martín Fierro José Hernández Exaltación con tinguiduras épicas da figura do gaucho, rebelde e camorrista, verdadeiro centro deste tipo de literatura popular que reclamaba a súa independencia de modelos a través de profundar no folclore autóctono da Pampa.
Masculino singular Carlos Negro Un corte de sangue no medio do afeitado; unha refutación do macho alfa que destrúe os afectos e converte o terror en linguaxe dominante. Tamén é un diario íntimo que reclama a tenrura nunha revolución de magnolias, pero sen pólvora, porque xa non precisamos himnos de batalla nin falos erectos nas portas dos aseos. Un código aberto aínda inconcluso, que se constrúe máis alá do propio texto, naqueles espazos sociais onde algúns homes aprenden unha lingua sen sufixos de exterminio. Porque nada semella máis urxente que procurar unha saída de emerxencia dese templo onde a virilidade segue a ser o valor máis sagrado da tribo.
Mujer de verso en pecho Gloria Fuertes Sen ser localista, a poesía de Gloria Fortes é unha das poesías máis castizamente urbanas que temos. Perdura nela a súa mocidade sensorial e sentimental, unha mocidade tan prolongada como a súa inspiración, que permanecerá aberta como un radar de poeta en garda. Esta edición recolle a poesía dos últimos anos.
O país de amarnos Ana María Fernández Martínez O país de amarnos non limita con nada. É unha terra gobernada polos sentimentos onde o amor se espalla a través das palabras versificadas, transformando en paixón, en tenrura, en admiración, en rabia, en apego á terra... Poemas que nos falan e nos convidan a buscar o espazo no que gardamos as emocións e no que nos podemos sentir libremente namorados do amor.
BIBLIOTECA DO IES SANTIAGO BASANTA SILVA. CURSO 2016-17
OBRAS DE POESÍA O pobo da noite Manuel Rivas Antoloxía poética, acompañada dun disco compacto, onde Rivas recita trece poemas acompañado da música orixinal de guitarra de César C. Morán. Rivas confesa que a imaxe do pobo da noite está tomada dunha das Oracións Fúnebres de André Malraux, como homenaxe a todas aquelas persoas que manteñen o espírito, o corazón vivo, fronte a amnesia e o conformismo. Para Rivas O pobo da noite é esa irmandade secreta que é o pobo que aínda le poesía.
Penúltimas tendencias Carlos Negro Este é un libro de versos que rompen as costuras do silencio; un álbum secreto para todas aquelas mozas que procuran una fenda nos valos, máis alá da gaiola rosa dos contos de princesas; un diario onde unha adolescente convulsa e opaca atopa a voz que nunca tivo. Porque medrar é aprender a fuxir da ditadura dos espellos. Non agardes máis: entra nun universo onde non todo vai ser fashion & cool & chic & sexy.
Petando nas portas de Dylan Antonio García Teijeiro Achegamento á poesía para aqueles lectores que xa comezan a etapa preadolescente, tendo en conta os seus gustos musicais e as posibilidades que a música pop ofrece para ler doutro xeito a poesía.
Poemas paradisíacos Vicente Aleixandre Unha visión paradisíaca do mundo nunha tripla dimensión: o paraíso como símbolo da dicha da mocidade, o paraíso como aurora do mundo ou imposible idade de ouro soñada e o paraíso como morada resplandecente do amor.
BIBLIOTECA DO IES SANTIAGO BASANTA SILVA. CURSO 2016-17
OBRAS DE POESÍA Poesía última de amor e enfermidade (1922-1955) Lois Pereiro “...este libro é produto de case catro anos de vida pero escrito en menos de seis meses. Supoño que no meu interior había unha necesidade de expresarme, de expresar non só eses catro anos, senón os 37 case 38 xa que teño, e de aí viña esa urxencia. E por iso o título do libro, Poesía última de amor e enfermidade, é un pouco esa busca de contradición, entre as palabras, entre as sensacións, e de que todo forma parte da vida, tanto o amor como o sufrimento, como a morte, como o desexo...”
Poesías completas Kavafis “La delicia y el perfume de mi vida es el perfume de esas horas en que encontré y retuve el placer tal como lo deseaba. Delicias y perfumes de mi vida, para mí, que odié los goces y los amores rutinarios”.
Río de son e de vento. Unha antoloxía da poesía galega César Morán O proxecto Río de son e vento componse dun libro e dun CD que pretenden compendiar a totalidade da poesía galega no decurso do tempo, dende os poetas medievais ás voces dos nosos días. Vén cubrir un espacio polo de agora inexistente no noso panorama editorial. Un esforzo por facer chegar a lírica galega a un público de tódalas idades. Unha obra ambiciosa, onde a dimensión lúdica e divulgativa non impide o rigor, a información e a veracidade.
Verdedades Yolanda Castaño Unha aventura poética sobre plantas e aprendizaxe que mira á natureza e trata de recuperar o noso vínculo con ela utilizando metros clásicos a camiño entre o verde e as verdades; herbas aromáticas, infusións, plantas medicinais, especias, xeranios... todo está entre as verdades do mundo vexetal ricamente plasmado por un ilustrador que sabe unificar o texto e realzalo.
BIBLIOTECA DO IES SANTIAGO BASANTA SILVA. CURSO 2016-17
ANTOLOXÍAS Amor en feminino. Antoloxía das poetas galegas Maximino Cacheiro Varela Antoloxía de poemas amorosos das poetas galegas que pretende render unha homenaxe a estas escritoras a través da expresión das súas vivencias amorosas, o recanto máis íntimo do seu ser. Ese amor que é terra e ceo. Unha flor, unha nube, unha estrela: un instante perpetuo albiscado na eternidade. Ser ese ámote que debe ser ámame, delirio que alucina ao desexo. Ese amor ábrese no interior mesmo do amor, porta de todas as marabillas: o amor a aloumiñar ao goce. Amar, pois, arte de vivir enriba do abismo do ser, no soño atípico da unión encantada. Amor, amor... neste caso amor en feminino (no desacougo e no acougo) no que orballa a tenrura feminina galega.
Antología de la lírica amorosa Manuel Otero e Juan Ramón Torregrosa Os autores seleccionaron poemas representativos da historia da lingua española que tratan o sentimento amoroso desde os seus múltiples enfoques e perspectivas. Esta antoloxía segue un eixo cronolóxico estruturado en catro bloques: Idade Media, Idade de Ouro, Romanticismo e Modernismo, e Idade Contemporánea.
Antología de poesía para jóvenes Ángel González As mellores poesías de Anxo González, un dos grandes poetas da Xeración do 50. As que están máis dirixidas ao público novo, as máis humorísticas, as que se escriben nos cartafoles... Páxina a páxina e poema a poema, imos descubrindo ao poeta, así como os grandes temas que influíron na súa obra.
Espejismos: poemas entre el suelo y el cielo José María Plaza Nesta antoloxía, á maneira de introdución á historia da literatura, incluíronse poemas sinxelos dos grandes poetas españois. Podes recitar poemas de memoria e escribir os teus propios versos. Igualmente, a túa imaxinación pode voar a través do debuxo, como vemos nestas ilustracións, tan persoais e próximas, da deseñadora Agatha Ruiz da Prada.
BIBLIOTECA DO IES SANTIAGO BASANTA SILVA. CURSO 2016-17
O libro dos cen poemas. Antoloxía da poesía infantil galega Xosé María Álvarez Cáccamo e Marisa Núñez Recompilación de textos moi diversos: cantigas de berce, adiviñas, panxoliñas, rimas con función lúdica e festiva, cantilenas de botar sortes, de individualizar os órganos do corpo, de bater coas mans, cancións de roda e de corda, pequenos romances rimados, aguinaldos, cancións sobre o tempo, invocacións, prognósticos, consellos, xogos de sorte, contos rimados, etc.
Poesía española para jóvenes Ana Pelegrín Antoloxía da mellor poesía española, escollida para achegarse á sensibilidade da mocidade de hoxe. Os máis grandes poetas fálannos cos seus versos do amor, do sentido da vida, da natureza... Non é unha poesía feita a medida senón unha variada selección de ritmos e temas que convida a descubrir moitas das posibilidades da expresión lírica. Cantadelas, romances ou versos libres de distintos autores e épocas, abordan os temas máis diversos, unidos soamente pola mirada emocionada da palabra poética.
Poesía galega completa Celso Emilio Ferreiro Reúne toda a obra poética en galego de Celso Emilio Ferreiro, desde os primeiros versos de Cartafol de poesía ata o seu derradeiro e póstumo Libro dos Homenaxes, pasando por poemarios clásicos da nosa literatura que reafirman os logros estéticos de Celso Emilio: O soño sulagado, Longa noite de pedra, Viaxe ao País dos Ananos ou Onde o mundo se chama Celanova. Esta edición enriquécese cun importante número de composicións inéditas que converten este volume nunha proposta actual para redescubrir a un poeta singular e irrepetible.
Poesía gallega de postguerra (1939-1975): Antología bilingüe Miguel González Garcés Poemas de Emilio Álvarez Blázquez, Tomás Barros Pardo, Manuel Cuña Novás, Manuel María Fernández Teixeiro, Xosé Luís Franco Grande, Salvador García Bodaño, Bernardino Graña, María Mariño, Xosé Luís Méndez Ferrín, Uxío Novoneyra, Luz Pozo Garza, Xohana Torres, Antonio Tovar Bobillo, Lorenzo Varela e Pura Vázquez.
BIBLIOTECA DO IES SANTIAGO BASANTA SILVA. CURSO 2016-17
Poesía inglesa e francesa vertida ao galego Plácido Castro, Loís Tobío e F.M. Delgado Guirriarán A obra dalgúns dos poetas senlleiros da literatura universal, coma Rimbaud, Baudelaire, Mallarmé, Yeats, Shelley ou Keats, publícase neste volume a carón da doutros non menos coñecidos coma Cocteau, Valéry ou Thomas Hardy. A corrente vizosa da poesía, do romantismo ao século XIX, dende os poemas de inspiración popular aos temas clásicos, da presenza do mar á lírica pastoral, é posta en galego de por tres mestres de tradutores.
Poesía lírica del Siglo de Oro VV.AA. Este volume abarca unha gran época da poesía española renacentista e barroca e nel ofrécese unha ampla mostra da obra dos seus principais representantes desde Garcilaso de la Vega e Herrera, pasando por Frei Luís de León e San Juan da Cruz ata os máis importantes barrocos como Lope de Veiga, Góngora, Quevedo e moitos outros.
Poesía para los que leen prosa. Guía útil para andar por la poesía española Miguel Munárriz Este libro pretende ser unha guía práctica para andar pola poesía, por poemas que conteñen unha historia. Poemas escritos cunha linguaxe sinxela que provocan emocións e reflexións complexas tras a súa lectura. O lector poderá tamén coñecer cales son os poemas favoritos de personaxes do mundo da literatura, a música, a política ou o cinema. Con este libro queda aberta a veda para atopar na poesía unha arma de pracer contra o tedio e a vulgaridade, a favor dun cambio de actitude ante a vida. A poesía popular en Galicia Domingo Blanco A presente obra recolle, describe, sistematiza e interpreta a poesía popular dun período de 140 anos de a cabalo entre os séculos XVIII e XIX: o comprendido entre a redacción do Viaxe a Galicia (1745) do Padre Sarmiento –primeira obra moderna na que se transcribe a letra dunha cantiga- e a publicación da devandita compilación de Pérez Ballesteros. Recupérase así un inxente patrimonio literario, xenuinamente galego, e amósase, ao mesmo tempo, a enorme variedade e riqueza desta literatura e o seu uso xeralizado entre a poboación galega dos séculos pasados.
BIBLIOTECA DO IES SANTIAGO BASANTA SILVA. CURSO 2016-17
Poetízate. Antoloxía da poesía galega Fran Alonso A POESÍA non morde. E, aínda que haxa quen pense o contrario, non é aburrida, romanticona nin difícil. Esta divertida antoloxía poética demostra o contrario. Un libro pensado para as persoas que non están afeitas a ler poesía. Para que? Para cantar, berrar, recitar, rapear, musicar, rebelarse contra o mundo ou só para falar suave na orella. Un libro para sentir, gozar e intuír a poesía. Así que, xa o sabes: poetízate. A obra percorre toda a poesía galega desde Rosalía de Castro até a actualidade nunha viaxe polos poemas máis próximos, divertidos e desenfadados da poesía galega. Rosalía de Castro. Antoloxía Contén CD audio coa voz de Anxo Angueira A figura de Rosalía de Castro é o mito máis relevante e universal da Galicia moderna, icona política, nacionalista, social, feminista, non ten máis lectura obxectiva que a dos seus textos, a súa verdadeira realidade.O presente volume recolle unha antoloxía da obra poética de Rosalía de Castro, preparada polo estudoso rosaliano Anxo Angueira e precedida dun limiar de X.L. Méndez Ferrín, e organizada arredor de sete ámbitos temáticos
Tras as portas do rostro Marica Campo Voz da Terra, telúrico son, a súa é unha poética de lar matricial na que a figura da nai —e a Tradición, a cadea de mulleres que foron e van sendo e na que unha se insire— é referencial, tamén si o amor, a beleza, a paixón pola vida e o barco do tempo no que navegamos coa palabra.
Vinte cadernos (Poemas 1969-2002) Darío Xoán Cabana A prologuista organiza toda a obra poética de Cabana en tres etapas que abranguen os diversos libros ou cadernos: Mocidade, Afirmación e Madurez. "Darío Xohán Cabana é quen de nos regañar un universo, un mundo, a Nación que tan laboriosamente vén construíndo desque tiña dezasete anos e que agora se levanta alteirosa contra o tempo e a destrucción. Porque diso trata, a inmensa obra poética de Darío Xohán Cabana: dunha loita permanente, dun valado ergeuito contra a morte e o esquecemento, realizado coas verbas máis fermosas e atroces dunha lingua única".
BIBLIOTECA DO IES SANTIAGO BASANTA SILVA. CURSO 2016-17