As aventuras de Emil G - Astrid Lindgren / Björn Berg

Page 1


As aventuras de Emil

Emil de Lönneberga era o nome dun rapaz que vivía en Lönneberga. Era un pequeno algo traste e teimudo e non tan bo coma ti. Pero parecía boíño, claro que si. Cando non se puña a berrar. Tiña os ollos redondos e azuis, a cara redonda e avermellada e cabelo claro e laúdo. En conxunto e de certa maneira, parecía «riquiño» e podía mesmo pensarse que Emil era un verdadeiro anxo. Pero non nos deberiamos enganar. Tiña cinco anos e era forte coma un pequeno boi. Vivía na granxa de Katthult, na vila de Lönneberga, en Småland, unha rexión de Suecia. E claro, o cativo usaba a fala propia da rexión, e era a cousa máis normal do mundo porque é o que se fala alí en Småland. Cando quería a súa gorra, el non dicía coma ti: «Quero a miña gorra». El dicía así: «Daime o meo birrete».

Era unha gorra azul con viseira negra, bastante fea. Mercáralla o seu pai unha vez na vila. Puxérase moi contento e sempre que se ía deitar, dicía: «Daime o meo birrete!». Á súa nai non lle parecía ben que tivese a gorra na cama, quería deixala nun andel da entrada, pero entón Emil poñíase a berrar de tal xeito que se oía en toda Lönneberga: «Daime o meo birrete!».

Emil durmiu coa gorra posta cada noite durante tres semanas, aínda que era algo incómodo. A cuestión foi que Emil conseguiu o que quería e deixouno moi claro. O máis importante era que non decidise a súa nai.

Unha vez durante un Nadal, a nai tentou que Emil comese feixóns con mollo, porque as verduras son moi boas, pero Emil dixo que non.

–Non pensas comer nunca verduras? –preguntoulle a súa nai.

–Si –dixo Emil–. Pero verduras de verdade.

E entón foi sentar detrás da árbore de Nadal en completo silencio e comezou a amordicar as follas, pero cansou axiña porque lle picaban na boca.

Así de teimudo era Emil. Quería mandar na nai, no pai, en toda Katthult e mesmo en toda Lönneberga, pero a xente de Lönneberga non estaba conforme.

–Pobre xente os Svensson de Katthult, con ese traste de fillo –dicían–. Nunca van facer bo del.

Ha, iso era o que pensaba a xente de Lönneberga! Non tiñan idea do que podería facer Emil, se non non falarían así! Se tan só soubesen que chegaría a ser alcalde cando medrase! Seguro que non sabedes o que é ser un alcalde, pero asegúrovos que é algo moi importante e Emil ao final conseguiuno. Mais agora imos falar do que aconteceu cando Emil era pequeno e vivía na granxa de Katthult, no concello de Lönneberga, en Småland.

Vivía co seu pai, que se chamaba Anton Svensson, coa súa nai, Alma Svensson, e coa súa irmá pequena, Ida. Tiñan en Katthult un criado chamado Alfred e unha criada que se chamaba Lina. Naquel tempo en que Emil era pequeno, había serventes e serventas en Lönneberga e en todas partes. Eles araban, coidaban dos cabalos, dos bois, gardaban a herba seca e botaban as patacas. Elas muxían, lavaban a louza, fregaban o chan e cantábanlles aos nenos.

Agora xa sabedes quen eran os que vivían en Katthult: o pai Anton, a nai Alma, a pequena Ida, Alfred e Lina. Amais deles: dous cabalos, un par de bois, oito vacas, tres porcos, dez ovellas, quince galiñas, un galo, un gato e un can. E mais Emil.

Katthult era unha bonita e pequena granxa cunha casa pintada de vermello, situada nun outeiro entre maceiras e lilas. Arredor había campos, prados e devesas, un lago e un extenso bosque.

Todo sería moi tranquilo e apracible en Katthult se non fose porque alí vivía Emil.

–Está todo o tempo a facer trasnadas –dicía Lina–. E aínda que non sexa Emil mesmo quen as fai, sempre acontece algo arredor del. Nunca vin rapaz igual.

Pero a súa nai defendíao.

–Non é tan malo o que fai Emil –dicía a nai–. Hoxe só beliscou unha vez a Ida e tirou a tona, iso é todo… ah, si, é certo, e correu tras do gato arredor do galiñeiro! Aínda así, penso que se está volvendo máis tranquilo e máis educado.

Emil non era mal rapaz, non se pode dicir tal cousa. Queríalles moito a Ida e ao gato. Viuse obrigado a beliscar a Ida, porque doutra maneira non lle daría a súa torrada de pan doce con xarope , e o gato perseguiuno de maneira amigable para ver se era quen de correr tan rápido coma el. Pero o gato non o entendeu.

Foi o sete de marzo ese día no que Emil foi tan bo que só beliscou a Ida unha vez, tirou a tona e correu tras do gato. Mais agora ides saber que máis cousas aconteceron algúns outros días na vida de Emil, ou porque el fixo trasnadas como dicía Lina ou porque simplemente resultaron así , pois sempre lle pasaba algo. Podemos comezar con:

Martes, 22 de maio

Cando Emil meteu a cabeza na sopeira

Aquel día en Katthult había caldo de carne para cear. Lina serviuno na sopeira floreada e todos estaban sentados á mesa da cociña a comer nela, especialmente Emil. Gustáballe o caldo e oíase ben cando o comía.

–Tes que facer ese ruído ao sorber? –quixo saber a súa nai.

–Se non o fago, non se sabe que é caldo –dixo Emil.

En realidade díxoo na súa fala propia de Småland, pero agora non nos imos deter niso.

Comeron todo o que puideron e baleiraron a sopeira. Só restaba un pequeno gurrucho no fondo. Emil queríao para si e o único xeito de chegar a el era meter toda a cabeza na sopeira e sorbelo. E así o fixo. Todos escoitaron de maneira moi clara como sorbía dentro dela. Mais despois, Emil tiña que sacar a cabeza de novo, e non o ides crer, pero non puido! Estaba entalado.

Emil colleu medo e botou a correr coa sopeira coma cunha cuba enriba da cabeza. Chegáballe máis abaixo dos ollos e das orellas e comezou a turrar dela e a berrar.

Lina tamén colleu medo.

–A nosa sopeira tan fina! –dixo–. A nosa sopeira floreada! Onde imos servir agora o caldo?

Mentres Emil estivese dentro da sopeira, non habería maneira de servir o caldo con ela, iso tíñao moi claro, aínda que do resto non entendía moito.

Pero a nai de Emil pensaba máis no rapaz.

–Raios, como imos sacalo de aí? Temos que coller o atizador da lareira e escachizar a sopeira.

–Perdiches o xuízo? –dixo o pai de Emil–. Custou catro coroas.

–Déixame tentalo a min –dixo Alfred, que era un mozo forte e espelido. Agarrou a sopeira polas dúas asas e levantouna con forza no aire, mais non valeu de nada, porque Emil subiu con ela. Estaba moi ben preso pola cabeza e alí ficou pendurado no aire a espernexar para tentar volver ao chan.

–Soltádeme! Deixádeme! –berrou. E Alfred entón soltouno.

Comezaron a preocuparse. Estaban todos na cociña ao redor de Emil, cavilando: o seu pai Anton, a súa nai Alma, a pequena Ida, Alfred e Lina. A ninguén se lle ocorría unha maneira de sacar a Emil da sopeira.

–Mirade, Emil está a chorar! –dixo a pequena Ida sinalando dúas grandes bágoas que se coaban por debaixo do bordo da sopeira e esvaraban polas meixelas de Emil. –Pois claro que non! –dixo Emil–. É caldo de carne.

A súa voz soou insolente coma de costume, pero non era moi divertido estar entalado dentro dunha sopeira. A ver se non ía ser quen de se liberar nunca! Coitado Emil, cando podería poñer o seu birrete se así fose?

A nai de Emil tiña moita pena por el e de novo quixo coller o atizador para escachar a sopeira, pero o pai dixo: –De ningunha maneira! A sopeira custou catro coroas. É mellor ir ao médico a Mariannelund. Seguro que lla pode sacar. El só cobra tres coroas e así gañamos unha coroa.

Pareceulle boa idea á nai de Emil porque non todos os días se pode gañar tanto coma unha coroa. Con eses cartos podíanse mercar cousas lindas, talvez algo para a pequena Ida, que ficaría na casa mentres levaban a Emil ao médico.

Entón comezaron as présas en Katthult. Había que axeitar a Emil, lavalo e poñerlle a mellor roupa. Peitealo si que non podían e tampouco lavarlle as orellas, aínda que lle facía boa falta. A súa nai tentou meter un dedo debaixo do bordo da sopeira para rasparlle as orellas, pero a cousa acabou mal porque tamén lle quedou preso.

–Ai, que che quedou aí dentro –dixo Ida. O pai anoxouse moito, aínda que era unha persoa moi agradable.

–Alguén máis quere ficar entalado na sopeira? –berrou–. Adiante, facédeo e eu vou polo carro da palla para levarvos a todos ao médico a Mariannelund.

Mais a nai de Emil turrou do dedo e conseguiu sacalo.

–Hoxe líbraste de lavar as orellas, Emil –dixo ela soprando no seu dedo. Albiscaron un sorriso satisfeito na boca de Emil baixo o bordo da sopeira e el dixo:

–É a primeira cousa de proveito que levo desta sopeira.

Entre tanto, Alfred trouxera o carro co cabalo até as escaleiras da entrada e Emil saíu da casa e subiu nel.

Estaba moi lindo co seu traxe de listas dos domingos, coas botas negras con botóns e coa súa sopeira.

Talvez tiña un aspecto algo estraño, pero a sopeira era floreada e moi bonita e asemellábase case a un sombreiro moderno de verán. O único defecto que se lle podía atopar era que chegaba moito máis abaixo dos ollos de Emil.

E foi así como tiveron que ir a Mariannelund.

–Mirade ben pola pequena Ida mentres non estamos –avisou a nai de Emil. Ía sentada co pai no asento dianteiro e no traseiro estaba Emil coa sopeira. O seu birrete levábao ao seu lado, enriba do asento. Tiña que levar algo na cabeza no camiño de volta á casa. E que ben foi que se lembrou!

–Que preparo para cear? –berrou Lina xusto cando o carro comezou a rodar.

–O que ti queiras! –berrou a nai de Emil–. Agora teño outras cousas nas que pensar.

–Entón fago caldo de carne –dixo Lina.

Pero nese mesmo momento albiscou algo floreado desaparecendo tras unha curva do camiño e decatouse de como estaban as cousas. Deu a volta e dirixiuse a Alfred e a Ida.

–Pois vai ter que ser pan e carne de porco –dixo.

Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.