Volve a guerra das gaitas Ourense, no comezo da derradeira década do século XX. Unha liorta musical fixo tremer as mainas terras do interior galego; Xosé Luis Foxo artellaba a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, daquela aínda non alcumada de “Real”, e malia comezar o seu labor cinguíndose a expresións musicais autóctonas, paseniño foi achegando vestimentas, instrumental e estética grupal ás formacións semellantes que existen en terras escocesas e noutras das coñecidas coma célticas nacións. Saios nos homes, percusión de plástico e aires marciais alporizaron os defensores da música tradicional galega e houbo acaloradas discusións, onde a teimosía dalgúns -quizais outros escuros pensamentos menos confesabeis- non deixaba recoñecer que se estaba a suplantar a nosa cultura por outra semellante, mais foránea. E por riba cos cartos públicos. A liorta, que seica non pasou de dialéctica, acadou cumes pouco elegantes que chegaron á expulsión do devandito Foxo da Asociación de Gaiteiros Galegos, manifestamente oposta á colonización británica, despois de este alcumar o artesán Xosé Seivane de persoa “culturalmente humilde”, por considerar o luthier que o traballo desenvolvido pola banda ourensá non era cultura galega. Despois de Foxo recoñecer, ben é certo que coa boca pequena, que o seu labor efectivamente se afastaba da cultura tradicional galega, chegou unha época de calma, e as bandas do Foxo’s style chegaron a se facer cotiáns, aturabeis canda menos, coma eses parentes ou veciños tolos, aluados que de sempre inzaron as vilas e aldeas galegas e que daban en gastar a súa vida nas máis estrañas andrómenas. O deles era mudar Xinzo, Cea ou Trives en tranquilas vilas das terras baixas escocesas a golpe de desfile marcial e xiros traxicómicos dos brazos e mazos dos percusionistas, eses que tanto sorprenden os devanceiros dos emigrantes nos centros galegos ciscados polo universo todo.