Guía web 17 definitiva

Page 1


“UN CAN E UN GATO” Autora: Paula Carbonell Editorial: OQO Un can e un gato coñécense. O gato di “Miau”, o can “Guau”... e non se entenden. Xogan, enfádanse, sepáranse, bótanse de menos... Un texto que nos axuda a entender os conflitos que hai entre amigos de forma moi habitual.

“SALTÓN NO CAMIÑO” Autor: Arnold Lobel Editorial: Kalandraka No seu camiñar, Saltón vai atopando variados personaxes: egoístas, maniáticos, fachendosos, etc. Pero el sempre ten unha palabra amable para cada un deles, porque está convencido de que a única forma de gozar verdadeiramente da vida é respectando toda a diversidade coa que nos atopamos e coincidimos.

“PRIMEIRA SEMANA NA ESCOLA DE VACAS” Autor: Andy Cutbill Editorial: Patasdepeixe Este libro, continuación de “A vaca que puxo un ovo”, conta o primeiro día na escola de vacas para Daisy. Todos os becerriños pásano pipa, pero ela non dá pé con bóla. Tan diferente é que empezan a pensar se de verdade será unha vaca. Unha historia moi divertida que fala das diferenzas e da aceptación.

“GRAN BOT, PEQUEÑO BOT” Autor: Marc Rosenthal Editorial: Libros del Zorro Rojo Un pequeno libro interactivo con oito robots encantadores. Altos e baixos, secos e mollados, silenciosos e ruidosos. Un robot en cada páxina despregable que se transforma no seu contrario.


“RADIO BULEBULE” Autor: Paco Nogueira Editorial: Kalandraka Novo libro-disco de Paco Nogueira no que a través de 12 cancións pegañentas, fala de novas actuais, meteoroloxía e situacións de denuncia a nivel social. Un auténtico programa radiofónico que nos axudará a pasar moi bos momentos.

“PEQUEÑA EN LA JUNGLA” Autor: Marta Altes Editorial: Blackie Books Resulta complicado ser o pequeno ou a pequena dun grupo, e moito máis na inmensa xungla. Este libro amósanos o mundo como un lugar xigantesco, salvaxe, marabilloso e cheo de desafíos. Non importa o pequenos que sexamos; só temos que perder o medo e loitar polo que queremos.

“EL MONSTRUO DE LA SEÑORA MO” Autor: Paul Beavis Editorial: Tramuntana Que pode pasar se un monstro entra na nosa casa e todo o destrúe porque o quere comer? E se ese monstro tamén quere axudar de cando en vez? Un libro divertido que nos pode axudar a encamiñar de xeito positivo todo o “exceso de enerxía” que teñen moitos/as nenos e nenas.

“ONDE ESTÁ NUBEBEBÉ?” Autor: Anxo Fariña Editorial: Xerais Gliz é un pastor de nubes que coida moi ben de todas as que viven na súa casa: Nubenai, Nubepei, Nuba, Nubo e Nubebebé. Un día, Nubebebé desaparece e Gliz sae na súa procura, preguntándolle a todos “Viches a Nubebebé?” Un libro para iniciar a pequenos e pequenas no mundo dos contos. Ademais, cada volume inclúe un xogo para identificar e pintar.


“AXENTE RICIÑOS” Autor: El Hematocrítico Editorial: Xerais Non hai cousa que se lle escape a Riciños de Ouro, a nena máis curiosa do bosque. Ela resolve calquera delito antes de que ocorra. Mesmo é quen de deter á madrastra de Brancaneves.

“EMPANADA DE MAMUT” Autor: Jeanne Willis Editorial:Libros del Zorro Rojo Gor, un cavernícola farto de comer guisos de cardos e mastigar follas, decide cuns amigos ir en busca dun mamut que vive no alto dunha montaña. Un saboroso mamut co que matar a súa fame. No seu intento ocorren cousas moi divertidas. Conseguirano?

“ASTRO RATO E LAMPADIÑA” Autor: Fermín Solís Editorial: El Patito Editorial Historia en banda deseñada que nos conta que Astro Rato leva tanto tempo viaxando polo espazo que xa esquece a súa misión. Menos mal que está Lampadiña para lembrarlle o que debe facer.

“TODO LO QUE UNA MAESTRA NUNCA TE DIRÁ” Autor: Noé Carlain Editorial: Edelvives O soño do alumnado feito realidade: recreos que se alongan, premios polas faltas de ortografía,... Neste divertido libro atoparás todo o contrario ao que cada día repetimos mestras e mestres nas aulas.


“QUERES LER UN LIBRO COMIGO?” Autor: Lawrence Schimel Editorial: Alvarellos Antón xa sabe ler só. Quere compartir o seu libro favorito con alguén. Percorre o barrio buscando quen quere ler con el, pero todo o mundo está moi ocupado. Cando xa está desanimado, alguén inesperado axudaralle a facer realidade o seu desexo.

“AFORTUNADAMENTE” Autor: Remy Charlip Editorial: Lata de Sal A Ned, o neno protagonista, sucédenlle cousas boas, cheas de cor e alegría e cousas menos boas, tristes e sen cor. Pero el segue sempre adiante, sen desanimarse, porque está seguro de que hai que buscar as cousas boas para que cheguen.

“EU CONTO, TI CANTAS” Autora: Mª Victoria Moreno Editorial: Xerais Este libro reúne tres contos de animais escritos en verso. Un neno chamado Xan, que vive nunha cidade e ten medo ao deitarse; un canciño chamado Nicolau criado con todos os mimos e unha cadela chamada Nica á que lle encantan os cachiños de bica. Tres contiños para nenos e nenas que senten debilidade polos canciños.

“CARAMULO E A CARPINTEIRA DOS SOÑOS” Autor: Anxo Moure Editorial: Baía Unha pequena homenaxe ao traballo dos carpinteiros, os artesáns da madeira, e á imaxinación popular e os contos tradicionais. Como non pode ser doutro xeito, o autor tamén defende a ecoloxía e a importancia das árbores e dos nosos bosques.


“FRED QUINCALLA, O NÓMADE DO MAR” Autora: TeresaGonzález Costa Editorial: Xerais Leopolda Diéguez, narradora, facedora de artes máxicas e viaxeira por curiosidade e necesidade, un día deu co Gran Gogol, un cociñeiro aprendiz de violinista e fuxitivo da inxustiza. Desde aí viaxan xuntos, disfrazados para non ser recoñecidos porque un rei e unha duquesa andan tras deles.

“LA BICICLETA DE SELVA” Autora: Mónica Rodríguez Editorial: Anaya Selva é unha nena que vén dun país no que só hai area. Ten unha bici chea de óxido e sen timbre, pero cunha gran historia agochada no seu sillín. Unha grandísima aventura que viviron ela e o protagonista e fermosísimos recordos daquel tempo baixo o Sol.

“ERIK, O CONSTRUTOR DE SOÑOS” Autor: Kike Gómez Editorial: Bululú Sabedes de onde veñen os soños? Non? Pois neste libro poderedes descubrilo. Coñeceredes a Eris, o encargado de repartir os soños e de decidir que soña cada persoa. Un libro cheo de imaxinación e cativadoras imaxes que nos levarán a un mundo máxico.

“AMELIA FANG Y EL BAILE BARBÁRICO” Autora: Laura Ellen Anderson Editorial: Molino Amelia vive no Reino de Nocturnia e é vampira, pero non unha vampira como todas as demais. A ela gústalle xogar á pilla, e acariñar á súa mascota Pulposi e odia ir ao Baile Barbárico que sempre organizan os seus pais. Un día, o malcriado príncipe Tufón róuballe a súa mascota. Amelia terá que usar o seu enxeño para rescatala.


“O BAÚL DE DOMINGOS QUINTAS” Autor: Xoán Babarro Editorial: Hércules de Ediciones Unha fermosa obra coa que o autor quere homenaxear ao seu bisavó. Todo comeza ao abrir a tapa do vello baúl do bisavó… Alí aparecen uns fermosos poemas escritos en cortizas de bidueiros. Un libro no que podemos aprender moitas e fermosas palabras na nosa lingua e que pódenos axudar a atopar as nosas ilusións.

“EL LIBRO DE GLORIA FUERTES PARA NIÑAS Y NIÑOS” Autora: Gloria Fuertes Editorial: Blackie Books Unha verdadeira defensa da infancia e dos soños por enriba de todas as cousas. Todos os seus poemas e contos (e algún máis), cartas de nenos e nenas que a escritora recibira ao longo da súa vida, algúns poemas escritos tamén por nenos e nenas, historias da súa vida e todo o encanto da súa maneira de escribir.

“MARUXAINA” Autor: Jacobo Paz Editorial: Bolanda Un día na praia, un peite de ouro e… convérteste nunha serea! Neste libro ti es protagonista. De ti depende como vaia a historia; as túas decisións serán as que marquen o que ocorra. Cada elección levarate a un destino diferente. Atréveste? Pois adiante! Espérante moitas aventuras!

“CATRO PEDRAS VELLAS” Autor: Pere Tobaruela Editorial: Baía Preto de Vilar de Abade hai un castro rodeado de toxeiras (como moitos outros). Xela, gran coñecedora da zona pide a uns amigos que lle boten unha man para resolver un enigma. En varias ocasións pareceulle ver que entre aquelas pedras había xente que desaparecía de súpeto. Conseguiran resolver ese misterio?


“A CAZADORA DE ESTRELAS” Autora: María Canosa Editorial: Xerais Megumi era unha das mellores cazadoras de estrelas da súa comunidade. Case nunca erraba o seu tiro. As súas frechas debuxaban un arco no ceo antes de cravarse no medio das estrelas pequeniñas. Sempre ía montada na súa egua Turrón, que era lixeira coma o vento. “PIPPI MEDIASLONGAS” Autora: Astrid Lindgren Editorial: Kalandraka Unha nena de 9 anos que vive soa nunha casa vella. Sen pai nin nai que lle digan o que ten que facer, o que pode ou non comer. Esta nena rebelde, que non entende que haxa cousas de nenas ou de nenos, co seu mono, o Señor Nilson, e o seu cabalo, farannos pasar un tempo moi divertido coas súas aventuras. Todo un clásico, por fin xa na nosa lingua.

“MURIEL” Autora: María Canosa Editorial: Xerais Muriel botaba de menos o tempo que pasaba coa súa avoa; os seus contos, os seus pasteis, os seus bicos máxicos que curaban calquera dor, as súas bufandas, o seu olor e a calor do seu corpo. Coa avoa todo era sinxelo e todo podía ser. Cando coñece un raposo de sorriso enigmático e a Fígaro, a vida de Muriel volve mudar.

“CURUXA, A VOZ DE AZAZEL” Autor: Alfonso Barreiro (Fon) Editorial: Retranca Editora Unha bruxa noxenta, na procura da voz de Azazel, coa que calquera conxuro é posible, rouba as voces de todos os nenos e a de Curuxa, unha aprendiz de meiga que sen a súa voz e, polo tanto, da súa maxia emprenderá a difícil misión de recuperar todas as voces.


“NADIE ES UN ZOMBI” Autor: Jordi Folck Editorial: Anaya Un rapaz procedente dalgún país do Leste chega ao noso e pronto os seus compañeiros de escola daranse conta de que é “un pouco diferente”. Non ten dentes nin sangue, ás veces perde un brazo e outras a risa. Na súa casa chámano “Nadie”. Que será este estraño compañeiro?

“OS TRES MOSQUETEIROS” Autor: Bénédicte Rivière (Adaptación do clásico de Alexandre Dumas) Editorial: Baía Adaptación do clásico no que os tres mosqueteiros introdúcennos nunha historia que se desenvolve na Francia do século XVII; unha historia de traizóns, amizade, honor e deber ao Rei. Un relato cheo de misterio e aventuras co xoven D’Artagnan e os seus amigos mosqueteiros Athos, Porthos e Aramis, sempre tendo presente o seu lema “Un para todos e todos para un”.

“A SEÑORITA BUBBLE” Autora: Ledicia Costas Editorial: Xerais Cando a señorita Bubble chegou á vila conducindo un convertible que funcionaba a vapor e instalouse naquela vivenda que levaba tantos anos deshabitada, a ninguén lle gustaban o seu aspecto, os seus inventos nin a súa maneira de vivir. Pero, que era o que realmente ocorría dentro daquela mansión?.

“ CUENTOS DE BUENAS NOCHES PARA NIÑAS REBELDES” Autoras: Elena Favilli e Francesca Cavallo Editorial: Destino 100 historias de extraordinarias mulleres que comezan como os contos tradicionais co “Érase unha vez…” pero que amosan a realidade desas mulleres que tomaron a iniciativa, loitaron contra os estereotipos de xénero e cambiaron a Historia realizando os seus soños.


“COLOREANDO A CORUÑA” Autora: Paula Mayor Editorial: Hércules de Ediciones Un percorrido pola nosa cidade; redescubrir A Coruña ao tempo que favorecemos a nosa creatividade a través de 34 ilustracións que nos axudarán a identificar os lugares máis significativos: as praias, os monumentos e os recunchos máis agochados da Cidade Vella.

“IMAGINE” Autor: John Lennon Editorial: Flamboyant Fermosísimo álbum a partires da canción de John Lennon, no que unha pomba cunha póla de oliveira no peteiro vai levando a súa mensaxe de paz a todos os paxaros do mundo.

“UNA CESTA DE CEREZAS”

Autora: Alba Castellví Editorial: Timunmas Sete contos para que maiores e pequenos gocen xuntos educando na autonomía e na responsabilidade. Ao remate de cada conto hai unha pequena guía para pais e nais con reflexións educativas así como unha pequena guía para conversar

“COCIÑA INFANTIL E FAMILIAR” Editorial:Ouvirmos Seguimos animándovos a metervos na cociña con estas receitas sinxelas e divertidas. Só hai que atreverse a comezar. Todo irá saíndo, xa veredes.


“COLECCIÓN DESCUBRO, XOGO E APRENDO” Autor: Céline Potard Editorial: Baía Edicións Uns libros documentais lúdicos e atractivos para responder a cuestións dos pequenos e pequenas que teñen curiosidade por saber.

“VIDA SA! DESDE A INFANCIA E DESDE SEMPRE” Autora: María Corbacho Editorial: Hércules de Ediciones Un libro no que poderedes atopar consellos de nutrición básica e receitas saudables, un manual para aprender a vivir de forma sá desde hoxe e para sempre e a querernos como somos cada un/ha de nós

“MI PEQUEÑA FÁBRICA DE CUENTOS” Autor: Bruno Gibert Editorial: Thule Ediciones Un libro co que cada neno ou nena poderá crear o seu propio conto. O único que hai que facer é mesturar as distintas pestanas e deixar voar a imaxinación para establecer algunha relación entre elas. Unha fábrica de centos e centos de contos na que poden traballar maiores e pequenos para construír historias cada vez máis grandes.

“SOY LA MUERTE” “SOY LA VIDA” Autora: Elisabeth Helland Larsen Editorial: Bárbara Fiore Editora Dous álbums ilustrados que compoñen as dúas caras dunha moeda. Fálannos da inseparable unión entre a vida, que enche de esperanza e a morte, que fai posible a vida. Uns libros cheos de maxia e dozura para achegarnos sen medo a estes temas.


“COLECCIÓN MAKAKIÑOS” “NICOLÁS VA A LA BIBLIOTECA” “NICOLÁS VA DE COMPRAS” “NICOLÁS COCINA SIN FUEGO” “CHIVOS CHIVONES” “¿A QUÉ SABE LA LUNA?” “EL CONEJO BLANCO” “EL PATITO FEO” “LA RATITA PRESUMIDA” Editorial: Kalandraka

Libros que baixo o asesoramento de técnicos de Baión Asociación Tratamento Autismo (Asociación BATA) foron deseñados e adaptados ás características especiais dese alumnado, incluíndo a súa lectura mediante pictogramas. Libros que poden axudar a todos a sentir que xa saben e poden ler.

LIBROS DE LECTURA FÁCIL “PIRATA PLIN, PIRATA PLAN” “LA LISTA DE CUMPLEAÑOS” “EL CLUB DE LOS RAROS” “SIETE REPORTEROS Y UN PERIÓDICO” Editorial: SM Maior espazo entre liñas, letra máis grande e tipografía más sinxela, supresión de linguaxe figurada ou metafórica, etc. Libros adaptados para poder seguir a lectura sen problemas.

OUTROS TÍTULOS “JUAN TIENE AUTISMO” “TENGO SÍNDROME DE DOWN” “TENGO DISLEXIA” Autora: Helena Kraljic Editorial: Jaguar Ás veces, as diferenzas dannos medo, non entendemos que está pasando. Estes libros axudarannos de forma sinxela a achegarnos a estas situacións dun xeito natural e sereno.


“MÁIS ALÓ DO AZUL E DO ROSA” Autora: Ana Torres Jack Editorial: Galaxia Interesante libro que valéndose de estudos de situacións cotiás, imaxes e sinxelas reflexións ten como obxectivo prever a desigualdade de xénero desde a familia, na que, aínda sen querer, seguimos con estereotipos moi, moi marcados.

“LAS MUÑECAS SON PARA LAS NIÑAS” Autor: Ludovic Flamant Editorial: Tramuntana O máis pequeno da familia está de aniversario. A súa tía faille un agasallo que romperá a tranquilidade de toda a familia: unha boneca! Hai que conseguir que ao neno lle gusten as cousas de nenos! Un libro divertido e irónico que nos axudará a reflexionar sobre os estereotipos de xénero presentes na nosa sociedade e en nós mesmos.

“ARTUR E CLEMENTINA” Autora: Adela Turin Editorial: Kalandraka Ás veces pensamos que querer moito a alguén é facerlle todo e non deixamos que esa persoa sexa de verdade ela mesma. Algo así ocorre con estas tartarugas: Artur e Clementina. Hai un peso que afoga e é preciso liberarse del. Por que pasou todo? Búscao no libro.

“O LAPIS MÁXICO DE MALALA” Autora: Malala Yousafzai Editorial: Xerais Malala desexaba un lapis máxico para facer feliz á súa familia, durmir máis pola mañá, etc. Pero caeu na conta de que había cousas máis importantes que todo iso: cambiar o mundo e que todos teñan as mesmas oportunidades . Sen lapis máxico decide traballar sen descanso para facer realidade os seus soños, sen perder a esperanza.



Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.