“POLO CAMIÑO” Aut.: Mariana Ruiz Johnson Ed.: Kalandraka Un libro cheo de animais que marchan, do 1 ao 10. A través de rimas festivas e fermosísimas ilustracións, iremos descubrindo cara onde van.
“¡OH! UN LIBRO CON SONIDOS” Aut.: Hervé Tullet Ed.: Kókinos Un libro aparentemente silencioso que agocha unha grande sorpresa: as súas páxinas ruxirán, rirán, cantarán... Verdadeira maxia a través da participación de quen le. A través de círculos de cores, nenos e nenas serán os verdadeiros creadores do que este libro quere contar.
“¡PORQUE TE QUERO MOITO” Aut.: Milja Praagman Ed.: Hércules Edicións Ibi vai coa súa avoa á cidade. Ibi ve o mundo enteiro, mentres que a avoa só ten ollos para Ibi. Un emotivo álbum ilustrado que fala da unión entre unha avoa e a súa neta.
“EL MONSTRUO DE COLORES VA AL COLE” Aut.: Anna Llenas Ed.:Flamboyant Todos e todas imos medrando e temos que empezar no colexio. E moitas veces iso provoca nerviosismo, angustia e outros moitos sentimentos. O monstro de cores axudará a entender todas as emocións que provoca esa etapa na vida da rapazada á escola.
“ABECEDARIO ILUSTRADO” Aut.: Carles Cano Ed.: Xerais Neste abecedario podemos atopar unha letra por cada dobre páxina, unha palabra que comeza por esa letra e un pequeno texto divertido e axeitado para primeiros lectores. 27 ilustradores españois e latinoamericanos completan esta obra tan especial. “BONITAS” Au.: Stacy McAnulty Ed.: Boolino “Que bonitas!”, dicimos moitas veces. Pero que que queremos dicir con iso? Este marabilloso texto axudaranos a descubrir que é o que verdadeiramente fai bonitas ás rapazas e a todas as persoas por extensión.
“A RAÍÑA DAS TORTAS” Aut.: Álex Mene Ed.: Alvarellos Cociñar en familia é moi divertido e trae tamén un montón de sorpresas (ás veces agradables e ás veces non tanto). Con este libro, cheo de fermosas ilustracións, entenderemos como podemos aprender dos erros. Un texto “delicioso” e moi “saboroso”. “LA CUEVA” Aut.: Rob Hogdson Ed.: Bruño Unha cova escura na que parece agocharse un ser terrorífico. Pouco a pouco, un pequeño animal conseguirá resolver o misterio de quen vive nesa cova. Queres saber ti tamén quen se agocha alí?
“EL LOBO CON BOTAS” Aut.: El Hematocrítico Ed.: Anaya Lobito Feroz é o máis grande admirador do Gato con Botas, o gran modelo da moda infantil. O tío de Lobito, Lobo Feroz, decide montar unha tenda na que se poida mercar iso e máis. Un divertido libro no que se mesturan consumismo, gatos, lobos e xigantes. “O COCIÑEIRO MARTIÑO E AS CENORIAS DESAPARECIDAS” Aut.: Iago López Ed.: Xerais Un coello moi pillabán róuballe as cenorias a Martiño. El perségueo para conseguilas e poder cociñar. Contará coa axuda dos fillos do rei e do seu enxeño, por suposto. Conseguirá recuperar as cenorias? “RUFUS, O MORCEGO QUE ADORABA AS CORES” Aut.: Tomi Ungerer Ed.: Kalandraka Rufus, está farto de andar sempre de noite e vestir sempre de escuro, así que decide que non vai seguir así. Píntase de cores e comeza a saír polo día e polo Sol. Pero as cousas non son sempre como un espera e...
“VACÍO” Aut.: Anna Llenas Ed.: Bárbara Fiore A vida está chea de cousas boas, de encontros, pero tamén de perdas. Este libro fálanos da capacidade de sobrepoñernos á adversidade e atopar un sentido cando as cousas non van ben.
“A MIÑA PROFE É UN MONSTRO” Aut.: Peter Brown Ed.: Alvarellos Brais empeza as clases e tropeza cun gran problema: a Profe Lola. É un verdadeiro monstro e o pobre rapaz non sabe como fuxir dela. Un día, coinciden no parque, póñense a falar e Brais comprende que o diálogo é importante para coñecerse. “TRES KUCHULÚS SIN HISTORIA” Au.: Mandana Sadat Ed.: Kókinos Tres estraños personaxes viven moi tranquilos na “nada” ata que caen na conta de que lles falta unha historia. Decididos emprenden unha incrible aventura para dar con ela, pasando por lugares como “O Camiño dos Contos Antigos”, “A Senda da Poesía”, “A Rúa das Futuras Aventuras”...
“O GATIPEDRO” Aut.: Jacobo Paz Ed.: Baía Un neno decide que xa é maior e négase a usar cueiros pola noite. Pero polas mañás a súa cama aparece sempre mollada. El sabe que quen o fai é un ser fantástico, o ”Gatipedro”. Decidido, prepara unha trampa para collelo. Cando consegue facelo, ocorre algo inesperado. “A MANCHAS OU A RAIAS?” Aut.: Estefanía Padullés Ed.: Hércules Os animais de manchas desconfiaban dos de raias. Nós tamén desconfiamos moitas veces do que non coñecemos, do diferente. Aquí temos unha fermosa historia a manchas e a raias para aprender a respectar as diferenzas.
“O XEITO DAS FROITAS” Aut.: María Reimóndez Ed.: Santillana Iris é unha rapaza bastante diferente á maioría, pero a ela non lle importa. Ademais ten unha relación moi especial coas froitas. Cando os seus pais perden o traballo, as froitas axúdana a comprender que os cambios poden ser o comezo dun novo camiño.
“TAREK, EL AFRICANO” Aut.: Ana Alcolea Ed.: Anaya Un avó conta aos seus netos unha lenda do pasado da illa na que vive. A través dela fala da escravitude, do maltrato do ser humano a outros seres humanos e tamén do que un home é quen de facer movido pola esperanza.
“ANIMALIA” Aut.: Xosé Tomás Ed.: Xerais A calma da selva rómpese cando aparece Sara, unha elefanta que chega facendo footing cunha cinta na cabeza. Este proxecto de banda deseñada é unha reflexión sobre a humanidade como especie e como civilización a través da caracterización dos animais desde a súa diversidade. “YO VOY CONMIGO” Aut.: Raquel Díaz Regueira Ed.: Thule “Estamos dispostos a cambiar o mellor da nosa forma de ser para gustar aos demais?” A nosa protagonista probará para gustarlle a Martín e darase conta de algo moi, moi importante. Moito máis ca un libro, para xente nova e non tan nova.
“CADERNO DE LÚAS” Aut.: María Canosa Ed.: Bululú Unha especie de delicioso diario no que unha nena vai deitando os seus debuxos e reflexións sobre a Lúa e as preocupacións do seu mundo, tendo sempre presente ao seu avó, un ser moi agarimoso. Un álbum ilustrado, narrativo, que acolle amorosamente a poesía; un libro redondo como a Lúa. “EL ABRAZO DEL ÁRBOL” Au.: Ana Alcolea Ed.: Anaya Miguel é un neno moi medorento. O que máis medo lle mete é unha árbore que hai camiño da escola. Un día o seu can, Gustavino, desaparece entre as súas pólas. Miguel necesitará vencer os seus medos para recuperalo. Poderá máis o medo ou o amor ao seu can?
“HAI UN TIGRE NO XARDÍN” Aut.: Lizzy Stewart Ed.: Triqueta Verde Nora pasa a tarde debuxando animais, charlando e comendo boliños, pero un día que a súa avoa lle di que hai un tigre no xardín, todo cambia. Nora, que xa é maior, sabe que iso é unha broma da avoa, pero... ... Un xardín pode agochar moitas e inesperadas sorpresas.
“PIPPI MEDIASLONGAS EMBARCA” Aut.: Astrid Lindgren Ed.: Kalandraka Pippi decide acompañar ao seu pai á illa de Korakora e iso provoca que os seus amigos, Tommy e Annika, se entristezan pensando que Vilapeneda, o seu lugar, quedará sen xogos e alegría. Unha nova aventura de Pippi, o seu cabalo de cores e o seu mono, o señor Nilsson.
“AS PERIPECIAS DE EXTRAVAGANZZA PÉREZ” Aut.: Ledicia Costas Ed.: Xerais Extravaganzza é unha rapaza filla duns biólogos que vive nunha casa que semella un zoolóxico. Cando os pais saen nunha misión Extravaganzza séntese feliz de quedar soa, vestir como lle pete e ir ao colexio subida aos seus flamingos, ata que os pais tardan demasiado en dar sinais de vida. Entón, Extravaganzza terá que poñerse en marcha. “APESTOSO TÍO MUFFIN” Aut.: Pedro Mañas Ed.: Anaya Mr. Muffin non consegue facer desaparecer o noxento cheiro que sempre o acompaña. Nin con auga fervendo, nin bañándose en perfume. Por iso sempre está só. Unha misteriosa rapaza, Emma, (que di ser a súa sobriña) axudaralle a resolver o problema e perder o medo a vivir a vida.
“O SEGREDO DA VELLA LIBRERÍA” Aut.: Xabier López López Ed.: Galaxia Unha librería aparentemente esquecida. Un neno desesperado pola fame. Un tempo escuro e difícil no que moitos homes abusan do seu poder. E a maxia. A maxia dos libros, das lecturas, das persoas que aman as historias que viven dentro das letras. “CUENTOS DE BUENAS NOCHES PARA NIÑAS REBELDES 2” Aut.: Elena Favilli e Francesca Cavallo Ed.: Destino Infantl y Juvenil Beyoncé, Madonna, J. K. Rowling, Nefertiti, Rigoberta Menchú, etc. 100 novas historias de mulleres extraordinarias, retratadas polas 50 mellores ilustradoras do mundo.
“CADERNO DE FUME” Aut.: Antonio García Teijeiro Ed.: Embora Unha chea de poemas cargados de emoción que paga a pena ler e reler. Pronunciando en alto os seus versos, mergullándonos neles. A maxia das palabras do autor e a beleza das ilustracións de Leandro Lamas, fan desta obra unha fermosura para os sentidos. “GRANDES MUJERES QUE CAMBIARON EL MUNDO” Aut.: Kate Pankhurst Ed.: Anaya 13 mulleres que escoitaron o que o seu corazón lles dicía, utilizaron o seu talento e loitaron polos seus soños. Mulleres como Frida Kalo, Marie Curie, Jane Austen, Ana Frank, Gertrude Ederle, Emmeline Pankhurst ou Coco Chanel, que axudaron a dar forma a mundo actual.
“UNHA MISIÓN PARA CLARA” Aut.: Marica Campo Ed.: Santillana Clara é unha nena de dez anos amante da natureza que quere explorar a selva amazónica. Un misterioso personaxe chamado Nimo, chega á súa vida e fai que Clara descubra que ten unha misión moi importante que realizar (e que non é precisamente na Amazonia)
“A FRAGA MILMAÑAS” Aut.: Carlos Amil Ed.: Demo Editorial O lobo Feroncio, a raposa Fonsa coa súa sombra Sombra, e outros moitos animais, protagonizan esta historia de banda deseñada, chea de ecoloxía, enxeño e humor. Un clásico da Banda Deseñada Galega que sempre paga a pena reler (pequenos e grandes).
“CANTAMOS” Aut.: Celtia Figueiras e Luís Vallecillo Ed.: Guindastre Un audio-libro que mestura contos, cancións e pictogramas que estimulan a imaxinación de quen se mergulla nel. Letras, música e ilustracións conseguen unha obra deliciosa para compartir en familia ao tempo que supón unha grande aposta pola inclusión tamén en galego. “COCIÑANDO CON BOLBORETAS NO BANDULLO” Aut.: David Díaz e Diana Gómez Ed.: Xerais Literatura e cociña mestúranse nesta obra chea de frescura. Receitas sinxelas, orixinais e nutritivas para os máis novos (ou non tan novos pero principiantes na cociña) acompañadas de historias. Pensando en todo, hai tamén variantes para diferentes alerxias ou intolerancias (ao gluten, á lactosa, etc.) ou mesmo para persoas veganas. “16 CUADROS MUY, MUY IMPORTANTES DEL MUSEO DEL PRADO” Aut.: Óscar Muinelo Ed.: Bruño Unha verdadeira xoia para os amantes da arte; unha proposta xenial, ilustrada por Violeta Monreal, para coñecer eses as obras máis significativas do Museo. Datos curiosos sobre os cadros e os seus autores e obxectos agochados que hai que atopar. “ZAPATOS MÁXICOS” Aut.: Fernando González Graña Ed.: Fervenza Poemas nos que comparten espazo as grandes revelacións humanas co máis cotiá, coas pequenas cousas que nos arrodean, mesturando a transcendencia coa retranca e a alegría. Unha ollada tamén á rapazada que non pode gozar do que por dereito lle corresponde: o paraíso da infancia.
“UNHA LONGA VIAXE” Aut.: Daniel H. Chambers Ed.: Kalandraka As aves emigran no inverno e chegan a lugares cálidos nos que vivir sen problemas. Pero os seres humanos parecen non ter ese dereito neste momento, marcado polo drama da emigración, dos refuxiados. Unha obra que nos interpela directamente, un berro desesperado, unha oportunidade para a reflexión e para ter esperanza de novo. “CUANDO LAS NIÑAS VUELAN ALTO” Aut.: Raquel Díaz Regueira Ed.: Lumen Adriana, Jimena e Martina teñen claro o que queren ser, que queren facer, pero a banda de Don Nonoconseguirás encherá os seus petos con pedras para intentar impedírllelo. Un texto para romper con estereotipos e dificultades que se poñen ás rapazas para conseguir os seus soños.
“O AÑO QUE É UN PORQUIÑO” Aut.: Pim Lammers Ed.: Hércules Un año que en vez de estar contento pacendo na herba, é feliz emporcándose na lama. Todos o miran estrañados. Ven un año, pero el insiste en que é un porquiño. Estará tolo? Un libro fermosísimo para falar da identidade de xénero e do respecto ao que é cada quen en realidade. “HABÍA UNA VEZ… CUENTOS CON PICTOGRAMAS” Aut.: Madalena Matoso Ed.: Anaya Oito contos tradicionais contados con doce palabras, seguidos dun texto con pictogramas. Tarxetas– pictogramas coas que poderán ler aínda aqueles e aquelas que non coñecen as letras ou que teñen dificultade para a lectura tradicional.