FINANCIAMENTO DE ACTIVIDADES ACADÉMICAS POR PARTE DA AIEG: A Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) xurdiu na década de 1980 na costa leste dos Estados Unidos, como unha plataforma desde a que impulsar os estudos galegos no marco académico. Nas tres décadas de existencia da AIEG, os congresos trianuais da AIEG celebrados nos Estados Unidos, Inglaterra, Alemaña, Cuba, Cataluña, Brasil, Galiza e Gales contribuíron á consolidación dos estudos galegos como supradisciplina na que cada vez atopan acubillo máis eidos do saber, propiciando ademais colaboracións entre o ámbito académico, cultural, político e social radicado en Galiza con colegas que desenvolven o seu labor noutros recantos do planeta. Cunha importante base asociativa, a AIEG serve así como ponte de encontro entre distintas estudosas e académicos, entre investigadoras e profesores de todo o mundo, cun interese común nos estudos galegos ollado desde perspectivas disciplinarias diversas. As cotas anuais achegadas polas súas socias e socios manteñen a realización de actividades que promove a AIEG, tanto a celebración de congresos como outras iniciativas. Co obxectivo de favorecer unha internacionalización dos estudos galegos que continúe a tender pontes de diálogo entre o traballo realizado dentro e fóra de Galiza, a AIEG considera fundamental amosar o seu compromiso con actividades académicas relacionadas cos estudos galegos que promovan os obxectivos da Asociación. É por iso que se abre unha vía de axudas económicas para financiar actividades académicas realizadas fóra de Galiza que contribúan á internacionalización dos estudos galegos no mundo, de acordo coas seguintes bases:
BASES DA CONVOCATORIA: 1. Obxectivo. O obxectivo da convocatoria é conceder axudas económicas para financiar actividades académicas (congresos, seminarios, simposios, etc.) realizadas fóra de Galiza durante o ano 2014 que contribúan á internacionalización dos estudos galegos no mundo. Excepcionalmente, a esta primeira convocatoria poderán presentarse tamén actividades que se vaian realizar no ano 2013, a partir do día seguinte á publicación desta convocatoria.
2. Orzamento. O orzamento anual da AIEG dedicado a financiar estas actividades será, como máximo, 1.000€. A subvención para cada actividade será dun mínimo de 100€ e dun máximo de 300€, dependendo dos criterios contemplados no punto 6, así como da dispoñibilidade orzamentaria. A convocatoria poderá quedar deserta.
3. Requisitos para solicitar a axuda. 3.1. A actividade deberá realizarse fóra de Galiza. 3.2. Unha socia ou socio da AIEG deberá figurar no comité organizador da actividade. 3.3. Dispor de información sobre a actividade que permita avaliar a súa viabilidade así como o seu compromiso de celebración: vías de financiamento, datos sobre inscricións de participantes, convites aceptados, páxina web, Call For Papers, etc.
4. Documentación que se ha achegar. Nos prazos previstos no punto 5, deben achegarse por correo electrónico a tesoureriaaieg@gmail.com a seguinte información: 4.1. Impreso de solicitude (Anexo I). 4.2. Un arquivo .zip con toda a información complementaria sobre a actividade da que se dispoña: Call For Papers, programa, vías de financiamento, datos sobre inscricións de participantes, convites aceptados, páxina web, e outros documentos que resulten relevantes. 4.3. A AIEG reserva para si o dereito de reclamar información ou documentación complementaria que considere pertinente.
5. Prazo de presentación das solicitudes. Dada a diferente antelación coa que se organizan este tipo de actividades académicas, abriranse dúas convocatorias anuais: 5.1. De xaneiro a marzo de 2014: as solicitudes recibidas neste período resolveranse antes de finais do mes de abril. 5.2. De xullo a setembro de 2014: as solicitudes chegadas neste tempo resolveranse antes do final do mes de outubro.
6. Proceso de selección. A subvención para cada actividade será dun mínimo de 100€ e dun máximo de 300€, dependendo, entre outros criterios, da calidade e repercusión internacional do evento, do país de celebración e do número de persoas beneficiarias da actividade.
7. Comité avaliador. A directiva da AIEG nomeará unha comisión de entre os seus membros e, eventualmente, dalgún socio ou socia, que será a encargada de avaliar as propostas e emitir un informe que remitirá á presidenta da AIEG. Recaerá na directiva, en todo caso, a selección definitiva e a asignación orzamentaria correspondente.
7. Obrigas dos socios ou socias beneficiarias da axuda. Caso de concesión da axuda a organización desta actividade comprométese a: 7.1. Incluír o logo da AIEG nos programas, carteis, páxina web, e todo material promocional e informativo sobre a actividade, indicando expresamente que a AIEG é unha institución colaboradora. 7.2. Mencionar a colaboración da AIEG na actividade durante o discurso de benvida‐ inauguración.
8. Xustificación da axuda. Caso de concesión da axuda, a organización desta actividade comprométese a enviar xustificación das obrigas detalladas no punto 7 no prazo dun mes despois da celebración da actividade.
Comité directivo da AIEG, 2012‐2015