OH CANADA!
“Oh Canada our home and native land! True patriot love in all thy sons command. Car ton bras sait porter l’épée, Il sait porter la croix! ...”. Cada vez que lembro a miña estancia en Canadá durante o pasado mes de outubro, non sei por que estraña razón xurde na miña mente esta melodía. Supoño que será porque todos os días comezabamos as clases escoitando o himno nacional, bilingüe: a primeira das curiosidades que vos contarei a continuación. O pasado 16 de setembro de 2016 un grupo de 25 profesores/as de educación primaria e secundaria voamos cara a Canadá para participar no programa PIALE (programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras) na modalidade de integración, organizado pola Consellería de Educación. Este programa consiste na integración do profesorado participante na vida escolar en centros de Canadá e na vida social do país a través das familias acolledoras.
O primeiro que chama a atención de Canadá é que se trata dun país inmenso, por algo é o segundo país máis grande do mundo, cunha extensión de 9.984.670 km2 e unha poboación aproximada de 35 millóns de habitantes. Está dividido en dez provincias e tres territorios (máis dependentes do goberno central que as provincias), e a súa capital é Ottawa (“Óragua”, como din alí). Por razóns históricas, Canadá formou parte dos imperios francés e británico e conseguiu a súa independencia no ano 1.867. Isto fixo que sexa unha nación bilingüe con dúas linguas oficiais, o inglés e o francés. A paisaxe canadense é espectacular. Os canadenses coidan moito a natureza e no seu tempo de ocio gozan realizando actividades ao aire libre, incluso durante o inverno. Eu tiven a sorte de poder ir ao comezo do outono, cando aínda non fai demasiado frío e se pode apreciar como as follas dos arces cambian de cor case a diario, o que lle da á paisaxe un toque case que máxico. Os canadenses son xente moi amable, acolledora e tolerante.
Unha das cousas que máis me chamou a atención foi a ampla diversidade cultural que enriquece a súa sociedade e que falen da súa poboación inmigrante como “new Canadians”, o que corrobora a fama de país tolerante e pacifista de que goza Canadá. En canto á gastronomía, se sodes comilóns coma min, non esperedes gran cousa de Canadá. Neste país, como en moitos outros, a xente non lle da tanta importancia á comida coma nós, e seguen o modelo británico, como excolonia que son, de almorzo, sandwich e froita ás 11:30h./12:00h. e cea ás 18:00h. Un dos pratos típicos de Canadá é o “poutine” (patacas fritidas cubertas de queixo fundido e unha salsa algo doce, “gravy”). Tamén son moi populares as “beaver tails” (torradas en forma de cola de castor cubertas do que queiras: queixo, marmelada, canela, mazá...), o famoso “maple syrup” (xarope de arce) e, por suposto, unha ampla variedade de hamburguesas e perritos quentes.
O sistema educativo canadense é algo diferente ao noso. A educación é obrigatoria ata os 18 anos e para acadar o título o alumnado ten que superar 30 créditos, equivalentes a distintas materias, repartidos en 12 cursos. Dezaoito destas materias son obrigatorias (como inglés e matemáticas) e 12 son optativas. Ademais deben realizar 40 horas de servizos á comunidade fóra do horario lectivo. Cada curso escolar, o alumnado debe matricularse de oito materias. Cursará catro ata xaneiro e as outras catro de xaneiro a xuño. Ao final de cada semestre deberá examinarse das materias cursadas. Aínda que a educación obrigatoria remata aos 18 anos, ao alumnado inmigrante, que primeiro ten que superar a barreira lingüística, permíteselle permanecer no sistema educativo ata os 21 anos se así o precisa.
O día a día no meu centro de destino, Ridgemont High School de Ottawa, non era moi diferente ao que estaba afeita (a práctica docente é moi parecida en todas partes) aínda que houbo moitas cousas que me chamaron a atención. O Ridgemont High School escolariza alumnado de grados 9, 10, 11 e 12 que equivalen a 3º, 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato do noso sistema educativo. A entrada do instituto amosa a multiculturalidade do seu alumnado, decorada con bandeiras representativas dos seus países de orixe e carteis de benvida en varios idiomas. As aulas están moi decoradas, con taboleiros e cortizas rodeados de “trimmers”, cenefas de distintos deseños e cores que alegran o entorno. O alumnado non ten un aula asignada para cada grupo como temos nós, senón que cada materia se imparte na súa propia aula o que obriga a colocar as taquillas no corredor. De todas as aulas eu destacaría, por diferentes ás nosas, a de cociña con varios postos (“learning stations”) equipados con cociña, forno e todos os utensilios necesarios para a elaboración das receitas propostas cada día, que se cociñan e finalmente comen ao rematar a clase, e a de música que era enorme e estaba equipada con multitude de instrumentos que o centro cede ao alumnado durante o curso. As clases de música son moi prácticas e teñen como obxectivo a formación dunha banda na escola. En canto a materias, destacaría as que nós non temos: dereitos humanos, xenocidios ou “parenting”, materia na que se fala de educación sexual, embarazos e os coidados que todo bebé precisa. Para poñer en práctica todo o aprendido o alumnado leva para casa un bebé-robot que deberá coidar durante 48 horas. O profesor fai o seguimento a través dun programa informático e logo avalía os resultados. Un xeito moi ilustrativo de amosar o que significa ser nai ou pai.
Todos os días tíñamos a mesma rutina: as clases comezaban ás 9h. e remataban ás 15:10h. A distribución da carga lectiva era sempre a mesma: catro sesións de 75 minutos cun descanso de 11:30 a 12:30h. para comer. O profesorado xantaba na sala de profesores ou nos departamentos e o alumnado na cantina ou fóra do instituto. Non teñen recreo. O comezo do día resultoume cando menos curioso. Ao tocar o timbre, o alumnado diríxese á súa aula, na que xa está o profesor/a esperando e cando por megafonía anuncian “Please, stand for the National Anthem” de seguido soa o himno de Canadá. Neste momento todo o mundo permanece de pé escoitándoo e mesmo cantándoo, e aqueles que aínda non lles dera tempo de chegar á aula deben pararse a escoitalo no corredor ou onde lles cadre estar nese momento. A continuación a secretaria do centro da os bos días “Good morning, Ridgemont”, e os recados, tales como que os carnés da biblioteca xa están listos ou que ao finalizar as clases comeza o que chaman “clubs” con actividades deportivas e culturais pola tarde, e desexa un bo día a todos, “have a nice day, Ridgemont”.
A orde das clases a terceira e cuarta hora (despois de xantar) invértese os días pares e impares. Así se o luns día 3 un alumno ten inglés a terceira hora e matemáticas a cuarta, o martes día 4 terá matemáticas a terceira e inglés a cuarta. Esta práctica ten unha razón: evitar que o alumnado pouco puntual ou absentista perda sempre as mesmas materias.
Durante as clases a maioría das portas das aulas están abertas, polo que podedes deducir que non hai grandes problemas de disciplina. Se un alumno ou alumna necesita ir ao servizo solicita ao profesor un “hall pass”. Este pase xustifícao ante o profesorado de garda de corredor, e demostra que ten permiso do profesor para ir ao baño durante a clase. Por certo, no Ridgemont High School os servizos podían ser para nenos, nenas ou unisex. Unha curiosidade: en Canadá hai moitos nenos e nenas, tamén profesores, alérxicos aos perfumes polo que na maioria das escolas está prohibido levar colonia ou calquera outro tipo de perfume, “scent-free schools”. Isto, se non estás avisado, pode provocar situacións sorprendentes segundo con quen deas! Outra práctica curiosa é a celebración do “spirit week”, días nos que tanto alumnado como profesorado van vestidos dun xeito concreto, por exemplo, todos cunha camiseta vermella, cun gorro ou con chanclas. A razón? “Just for fun!”, por diversión. Unha práctica habitual e obrigatoria unha vez ao curso en todos os centros canadenses é a “lockdown practice” ou ensaio de como reaccionar ante o posible ataque de persoas armadas. Cando por megafonia anuncian “lockdown, lockdown” débense pechar as ventás e baixar todas as persianas, pechar as portas, incluso dificultar a súa apertura apoiando cadeiras ou mesas. Inmediatamente hai que esconderse o mellor posible, incluso dentro dos armarios! e permanecer en silencio ata que o director ou directora do centro, acompañado da policía te atope e ”libere”, pois trátase dun simulacro! Se non estás avisado de que se trata dunha práctica, resulta bastante intimidante e podes chegar a pasar algo de medo. Eu tiven a sorte de que me avisaran pois cadroume estar na sala de profesorado, senón levaría un bo susto!, por certo, a policía chamounos a atención por non nos ter agochado mellor! :(
Polo que á metodoloxía respecta, chamoume moito a atención que todos traballan por tarefas e proxectos promovendo o “critical thinking” que obriga ao alumnado a pensar, reflexionar, tomar decisións, relacionar, debater e non ser só receptores de información por parte do profesorado. Se me preguntarades cal era o meu grupo favorito diríavos que a clase ELD (English Literacy Development), ou clase de alfabetización de nenos que acababan de chegar a Canadá procedentes de países como Thailandia, Siria, Paquistán, Nepal, Somalia, Kenia, Irak ou Yemen. Moitos destes nenos chegaron a Canadá fuxindo dos conflitos bélicos desenvolvidos nos seus países de orixe, ou de campos de refuxiados. Lembro as caras de Zafran, Shahed, Mae, Mohamed e moitos outros cos que me encariñei dende o primeiro momento. Dadas as diferenzas culturais e relixiosas do alumnado, o instituto traballa temas de convivencia dende todos os ámbitos. Unha das actividades que máis me gustou foi a charla que deu Eva Olsson, supervivente do Holocausto, que aos seus 94 anos aínda ten a fortaleza de visitar os centros de ensino para contar a súa experiencia en Auschwitz cunha mensaxe moi clara: que nunca volva pasar nada igual. Despois de oír de primeira man todas as atrocidades que alí tiveron lugar, durante a rolda de preguntas un alumno quixo saber que fora para Eva o peor de todo, e a resposta que deu foi, sen ningunha dúbida, o xeito en que foi separada da súa nai, a quen non volveu a ver, sendo unha nena. Foi impresionante. Ao saír do instituto ás tres, tiñamos a tarde libre para visitar a cidade ou realizar actividades de ocio coas familias acolledoras e, dúas veces á semana organizábanse actividades culturais para o grupo de “galegos”, como nos chamaba o director do programa, Constantine Ioannou, marabilloso políglota de orixe grega e excelente persoa. Entre as visitas realizadas destacaría a visita ao Parlamento, localizado na “Colina do Parlamento” ou “Parliament Hill” onde tamén se atopa a “Centennial Flame” ou “Chama das Nacións”. Trátase dunha fonte que conmemora o centenario de Canadá como confederación de nacións. É unha chama alimentada permanentemente con gas natural rodeada por unha fonte en cuxos bordes se atopan os escudos de dez provincias e dous territorios. O terceiro territorio, Nunavut, integrouse posteriormente, en 1999. Ottawa goza de varios museos entre os que destacaría o Museo da Historia, anteriormente chamado Museo das Civilizacións, concibido para recompilar, estudar e preservar a historia das civilizacións que formaron o país, o Museo de Ciencia e Tecnoloxía, a Galería Nacional ou o Museo da Guerra deseñado polo arquitecto de orixe xaponés Raymond Moriyama co fin de que o visitante se sinta incómodo dada a temática que exhibe. E para os amantes da natureza, é de obrigado cumprimento unha visita ao parque natural de Gatineau, ou un simple paseo polo canal de Rideau no corazón da cidade.
E xa para finalizar só me queda engadir que despois de facer tantos kilómetros, e ter gozado desta enriquecedora experiencia canadense, cando chegou o momento de finalizar a miña estancia en Canadá, non vou negar que estaba feliz de voltar á casa coa miña xente, de voltar ao IES Monte Carrasco.
Carmen Amado Fuentes Profesora de Inglés do IES Monte Carrasco