Limiar
2
O ano da solidariedade
3
LIMIAR
Xa estamos aquí de novo. Movemento solidario no IES Durmideiras
4
Manifiesto
5
Cadea humana
6
A crúa realidade
7
Entrevista a David de la Torre
8
Entrevista a Mónica e Carlos
10
Ensaios da Orquestra Sinfónica de Galicia
11
Alex Ubago confésase á revista Mapoula
12
Colaboracións: un soño
14
Viaxe de Volta
16
Dia das Letras Galegas
17
Este ano algunhas das colaboracións xiran arredor dos grandes temas que conmocionaron a sociedade e que fixo que aflorase en nós a solidariedade: solidariedade cos máis próximos (como o caso do Prestige ou a exposición para recadar fondos para a Cociña Económica) ou cos máis afastados (guerra de Iraq), pero en todo caso sentíndonos moi próximos de todos aqueles que sofren, polo que podemos dicir con Celso Emilio Ferreiro:
Aunque as nosas palabras sexan distintas, e ti negro e eu branco, se temos semellantes as feridas, como un irmau che falo.
COLABORAN: Sara Aramburu Vannesa Atán Marta Buján Noelia Castro Débora García David Gigirey Paula Hernández Lorena Prego Jorge Soto Karol Requena Nuria Varela
COORDINACIÓN: Dores Gómez MONTAXE: Carmen Vecino
2
O ANO DA SOLIDARIEDADE
Este curso 2002-2003 foi o ano da solidariedade, solidariedade que xa se viña traballando nas aulas nos denominados contidos transversais marcados pola Consellería de Educación, pero que este ano se puido traballar e mesmo poñer en práctica por mor de dous feitos desgraciados que conmocionaron a sociedade galega e española: o Prestige e a guerra contra Iraq. Estes dous desastres fixeron que as conciencias espertasen do seu sono e reaccionasen dunha maneira activa con diversos actos: protestas, manifestacións, marchas solidarias, pegadas de carteis, carreiras, carreiras humanas, etc..., e xa dentro do espacio escolar con traballos sobre o tema das diferentes materias, expoñéndoos todos na entrada do instituto nun conxunto multidisciplinar cheo de colorido. Pero non quedou só nisto, tamén practicando a solidariedade se organizou unha exposición de material creativo doado polo alumando do Bacharelato Artístico co obxectivo de recadar fondos para a Cociña Económica e unha escola infantil en Arxentina, exposición que foi posible pola colaboración dos Seminarios de Debuxo e Relixión, e que contou coa participación entusiasta de todo o alumnado. Imos ver fotos de todos estes feitos e ler dous traballos relativos a estes tenas realizados polas alumnas VANNESA ATÁN RODRÍGUEZ, MARTA BUJÁN SÁNCHEZ e KAROL REQUENA GARCÍA.
3
MOVEMENTO SOLIDARIO NO IES DURMIDEIRAS Co motivo da desgracia do Prestige o instituto Durmideiras quixo protestar pola barbarie acontecida, collendo tempo de onde non o había e reflectindo nos traballos do alumnado a súa calidade artística, xa que os alumnos e alumnas fixeron do instituto todo un motivo de solidariedade. A entrada encheuse de taboleiros con murais de noticias sobre a acontecido, textos con comentarios de dor, protesta e manifestacións, redaccións compostas polo alumnado de ESO e Bacharelato expoñendo as súas opinións, colaxes de periódicos e revistas cunha mensaxe irónica criticando os últimos acontecementos... Tamén apareceron toda clase de debuxos significativos sobre o Prestige derramando o fuel e este pintando o mar e as costas de negro, e fotos do barco rompendo, así como da impotencia de persoas, aves e peixes afectados e da marea branda de voluntarios recollendo o fuel.
Ademais de todo isto o alumnado amosou os seus dotes creativos en maquetas de plastilina, madeira, papel e outros materiais ó representar escenas de notable significado: voluntarios freando a marea negra mentres que ó seu carón, sentados nun banco, os políticos len tranquilamente; outros facendo o duro traballo de recoller o chapapote; ou construccións nas que simplemente cunha morea de cabezas ou mans xunto a un tubo ou a un plástico negro, podemos ver reflectida a dor pola catástrofe. Tendo en conta a data do Nadal fíxose unha gran árbore, pero neste caso non era unha calquera, senón unha árbore de cartón con lazos negros e no seu cume unha cara de dor. No instituto tamén se puido ver toda clase de pancartas co lema ¡NUNCA MÁIS! en varias linguas.
Todo este movemento chegou ó seu punto culminante cando no derradeiro día de clase do mes de decembro todos os alumnos e profesores saíron á rúa levando a modo de camiseta unha bolsa de plástico negra, ademais de varias grandes bandeiras da mes cor, pendurándoas despois por toda a fachada ado instituto co seu lema de ¡NUNCA MÁIS! Este movemento solidario foi posible gracias ó esforzo de alumnos e alumnas de todos os cursos e tamén do profesorado do I.E.S. Durmideiras. Vannesa Atán Rodríguez
4
MANIFESTO Dende o día 13 de novembro o rumbo da Galicia cambiou. E nós, estudiantes galegos, non podemos quedar insensibles ante a traxedia do noso mar. Hoxe, o IES Durmideiras quere solidarizarse con todas as persoas que viven dun xeito directo ou indirecto este drama. Hoxe, nós temos tristemente adornado o centro cos nosos traballos, cos nosos murais, coas nosas esculturas pero tamén coa nosa dor e coa nosa raiba porque mar somos todos. E este mar profundo e azul hoxe está de loito. Como dixo Manolo Rivas, todos temos petroleadas ata as praias da nosa alma. Por iso, con este acto simbólico queremos mostrar a nosa indignación e a nosa tristura polo que está acontecendo. Hoxe somos todos un berro que quere gritar agora e sempre.
5
CADEA HUMANA
O día 22 de xaneiro foi o día da solidariedade; máis de 40.000 rapaces chegados de centros de todas as partes de Galicia, non só da Coruña, fixemos unha cadea humana de 40 quilómetros na Costa da Morte como sinal de protesta polo acontecido o 13 de novembro co barco Prestige . Os tres autobuses encargados polo instituto de levarnos deixáronnos no camiño, a aproximadamente 4 km. da praia do Trece, resto fixémolo a pé. Andamos arredor de 8 km. entre ida e volta, pero a causa merecía a pena, a verdade é que moito ¿se non facemos nada por Galicia, o lugar onde a maioría de nós pasou a súa vida, que outro motivo merece a pena? Eu creo que todo o que estea nas nosas mans é pouco para a importancia do acontecido, pero polo menos xa que non podemos facer máis nada, ¡que menos que mostrar o noso descontento pola actuación do goberno tralo afundimento do barco! Marta Buján Sánchez
6
A CRÚA REALIDADE ¿Quen na súa mocidade non presenciou ou protagonizou unha pelexa de nenos por un xoguete? Se voltamos cara a atrás iso probablemente nos faga gracia. Pero no fondo, se o pensamos ben, decatámonos da tristeza do asunto ó pasar esa situación do recordo á actualidade. Fixémonos entón en dous cativos pelexando por un anaco de pan que, seguramente, será a única comida que pasará polas súas bocas. Xa non ten tanta gracia ¿verdade? Sinto dicirvos que é unha trola, unha trapallada, pois non son dous cativos senón milleiros os que pelexan diariamente por unha bola de pan. Temos que axudalos e un paso importante nesa axuda foi a recadación do IES Durmideiras , pero, por favor, espertade e que non sexa só esta vez, que cambiar o mundo depende de nós. Mais ¿por qué eu? A todos algunha vez nos mostraron algún documental sobre a pobreza no mundo e ¿Nunca vos preguntastes por que eses nenos están famentos mentres nós os estamos vendo aquí na tele, dende o sofá? Vóuvolo dicir eu: por pura sorte, rapaces. E sinto dicirvos que a sorte é como os cartos, que hoxe está aquí pero o día de mañá non se sabe ¿Quen pensou o que ía pasarlle a Arxentina? e o mesmo nos pode pasar a nós. Por iso é necesario ser solidario. Os que colaboramos co instituto (a maioría) axudamos e aportamos unha cantidade de diñeiro. Pequena pero moi importante porque o primeiro paso xa o demos. A todos, gracias.
Karol Requena García
7
C A M B I O S no I N S T I T U T O Este curso houbo cambios no instituto: marchou a principios o profesor de Tecnoloxía David de la Torre, que foi para Berlín e os alumnos de 3º de ESO de Diversificación Curricular fixéronlle unha entrevista para MAPOULA, e tamén por motivos laborais Mónica e Carlos, que atendían o bar, sendo entrevistados por Nuria Varela e Paula Hernández, de 1º de ESO.
ENTREVISTA A DAVID DE LA TORRE Pregunta : Estamos informados de que vai traballar fóra ¿para onde marcha? Resposta: Para Berlín, marcho como examinador de patentes. Pregunta : ¿Cando ten pensado deixarnos definitivamente? Resposta : O xoves, 28 de novembro, porque teño que estar en Berlín o 2 de decembro. Pregunta : ¿Cantos anos leva como profesor neste centro? ¿Cre que sentirá morriña? Resposta : Levo tres anos. En canto á morriña, esta sempre se sente e todo o mundo a ten cando está lonxe da súa familia. Pregunta : ¿Non ten medo a botar en falta a terra, os alumnos...? Resposta : Medo pódese ter sempre, pero é algo que hai que superar. Pregunta : ¿O traballo que vai desempeñar é tamén como profesor? Resposta : Non, vou traballar como examinador de patentes, na oficina europea de patentes. Pregunta : ¿A que cidade marcha? ¿Coñece o idioma? Resposta : Marcho a Berlín e coñezo algo o alemán. Pregunta : ¿Vai só ou acompañado? Resposta : Vou coa miña muller. Pregunta : ¿ Cando ten que incorporarse ó novo traballo? Resposta : O 2 de decembro. Pregunta : ¿Conservará aquí a súa praza por se quere voltar? Resposta : Si, sigo sendo profesor de Tecnoloxía deste instituto. Pregunta : ¿Xa teñen vivenda? Resposta : Si, un apartamento pequeno alugado, máis adiante alugaremos outro máis grande.
8
Pregunta : ¿Teñen amigos ou coñecidos alá? Resposta : A miña muller ten unha amiga que é cantante e ópera. Pregunta : ¿A vostede gústalle a ópera? Resposta : Nunca fora á ópera porque aquí hai pouca tradición, pero o outro día fun por primeira vez e pareceume impresionante. Pregunta : Parece ser que o curso pasado impartiu un cursiño de informática ós profesores ¿cómo é a experiencia de dar clases ós compañeiros de profesión? ¿Eran alumnos estudiosos e aplicados? Resposta : Dar clase sempre é bonito e ademais é unha honra axudar ós meus compañeiros, gustoume moito facelo. En canto ó de estudiosos e aplicados non o eran moito. Pregunta : ¿Que pensa que botará de menos no noso centro e por que? Resposta : Moitas cousas, os compañeiros e os alumnos bos e mesmo os malos, que fan que nos superemos nós. Botarei en falta todo en xeral. Pregunta : Nós, sen dúbida, botaremos de menos as súas clases de Tecnoloxía ¿sabe se vén pronto un profesor substituto? Resposta : Moi pronto haberá quen me substitúa. Pregunta : ¿Está nervioso? Resposta : Bastante, é un cambio moi grande. Pregunta : ¿Ten todo preparado? Resposta : Si e tamén metido no coche. A maleta, o ordenador... Pregunta : ¿Gústalle esquiar ou patinar sobre xeo? Resposta : Esquiar non sei, pero patinar sobre xeo si. Alí penso practicar, hai moitos deportes de inverno. Alumnos : Moitas gracias e moita sorte. Lembrarémolo. Resposta: Sorte a vós. Ata a próxima, mandareivos unha foto e direivos como é todo alí
9
ENTREVISTA A MÓNICA E CARLOS Pregunta: ¿Desde que ano levades no bar do instituto? Resposta: Desde o ano 1993. Pregunta: ¿Cambiou algo a idea que tiñades ó principio? Resposta: A nosa idea cambiou moito con respecto ó que esperabamos. Pregunta: ¿Por que decidistes deixar a cafetería? Resposta: Porque hai moi poucos alumnos e agárdanos novas ofertas de traballo . Pregunta: ¿Cómo foi a relación co profesorado? Resposta: Foi moi boa e non houbo conflictos. Pregunta: ¿E como foi a relación cos alumnos? Resposta: En xeral levámonos ben aínda que houbo algún problema. Pregunta: ¿Roubáronvos algunha vez sen que vos derades conta? Resposta: Non, nunca nos roubaron. Pregunta: ¿Os nenos compran e están na cafetería? Resposta: Todos os nenos veñen comprar, pero nós queremos que veñan á cafetería en lugar de ir a outros sitios. Pregunta: ¿Que vendiades no bar? Resposta: Antes vendiamos os famosos bocadillos de tortilla de pataca pero agora os nenos compran máis lambetadas . Pregunta: ¿Gústavos que haxa cafetería no instituto? Resposta: Gústanos moito. Pregunta: ¿Cómo credes que comprarían máis os alumnos no bar? Resposta: Se fóra non houbese tendas. Pregunta: ¿Todo o diñeiro que sacades vendendo lambetadas é para vós? Resposta: Os fabricantes de lambetadas levan un tanto por cento dos beneficios. Pregunta: ¿Cal foi o ano que máis vendestes? Resposta: O curso 1997-1998 . Pregunta: ¿Recomendariades a alguén que colla o bar? Resposta: Non llo recomendamos a ninguén porque hai moi poucos alumnos e poderían ter problemas económicos. Pregunta: ¿Por que collestes o bar? Resposta: Porque naqueles tempos había máis alumnos. Pregunta: ¿Se houbese máis alumnos quedariades? Resposta: Por suposto que si, quedariamos algún tempo máis. Pregunta: ¿Dávos pena deixar a cafetería? Resposta: Si, dános pena deixala. Pregunta: ¿E para onde ides agora? Resposta: Imos para a cafetería do Agra I, pero Mónica está pendente dunha chamada do Sergas.
Paula Hernández e Nuria Varela
10
ENSAIOS DA ORQUESTRA SINFÓNICA DE GALICIA
Aproveitando que a sede da Orquestra Sinfónica de Galicia é na Coruña, o Departamento de Música do instituto levou os alumnos en diversas ocasións ó Palacio da Ópera para diferentes actos, entre eles ensaios dos concertos que se ían celebrar pola tarde. Marta Buján Sánchez cóntanos como foi escoitar a Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixida por López Cobos e interpretando a Sinfonía 6 e 7 de Beethoven .
O día 7 de novembro os alumnos de música de 1º e 2º de Bacharelato deste centro acudimos ós ensaios do concerto que se celebraría o mesmo día pola noite, realizados polo director López Cobos e a Orquestra Sinfónica de Galicia. A hora sinalada era as 10 e saímos do centro ás 9:35; xusto ó remate da primeira clase veu recollernos un autobús contratado polo centro e chegamos xustiños de tempo. Unha vez dentro sentámonos todos xuntos na parte final e comezou o concerto, que para a opinión dos alumnos non estivo moi ben, aínda que ó profesor lle gustou moito. Houbo un descanso de 20 minutos entre dúas partes de corenta aproximadamente e a min persoalmente gustoume máis a segunda parte. En resumo, podo dicir que o concerto estivo ben aínda que os alumnos non soubemos valoralo moito porque non estamos acostumados a escoitar este tipo de música.
11
Marta Buján Sánchez
ALEX UBAGO CONFÉSASE Á REVISTA MAPOULA En plena febre de Operación Triunfo e do Aserejé este artista logrou introducirse, e manterse, nos primeiros postos da lista de vendas española. Como non podía ser doutra forma, o xove cantante concedeunos unha entrevista exclusiva. Estes son os detalles dunha xira que o trouxo á nosa cidade acompañando o grupo mexicano Maná. Once mil persoas reuníronse no Coliseo coruñés para presenciar a actuación de Maná e Älex Ubago, contándonos o primeiro ó finalizar o concerto que na Coruña corearan máis as súas cancións que en Madrid ou Chicago. Horas antes da actuación recibiunos Álex Ubago no camerino e isto é o resultado: - Pregunta : Preguntabámonos cando viñamos de camiño que estamos aquí gracias a que un día deixou os estudios de Empresariais para dedicarse por completo á música ¿agora que conseguiu o seu propósito volvería a retomalos? - Álex Ubago: Deixeino porque me decatei que aquilo non era o meu; a música chamábame, quería dedicarme a ela, seguir estudiando e aprendendo en todo o relativo á parte musical. Non desboto retomar os estudios algún día... pero sería doutra maneira, anque non teño pensado o que. - Daquela, ¿por que a música e non o billar americano, outra das súas grandes paixóns? - (Risas) Home... ás veces non depende de ti que realmente che vaia ben. A música gústame moitísimo, mesmo máis que o billar. Déronme a oportunidade de gravar un disco, ó que dediquei tempo e esforzo, porque me gusta facelo e porque ademais é moi difícil vivir do billar. - Creo que xogou no campionato mundial de billar americano nas Vegas (EE.UU.) 20 días antes do exame de Selectividade. ¿Volvería a facelo? Ademais foi campión de Euskadi e subcampeón de España de segunda categoría. - Si, si (risas). - E sacou un 8,7 de media ¿Cómo pode ser? - Non, algo menos, pero si que saquei boa nota; o que pasa é que isto foise esaxerando, primeiro miña nai non sei que dixo, logo (risas). Pero si, foi como un 8 ou algo así, foi moi boa nota, eu flipei... (risas). - Bo nos estudios, bo na música... ¿Arrepíntese de algo? - Non, home... arrepínteste de cousas que podes facer mellor ou peor, pero a verdade é que de nada importante, quizais detalles que para outra vez os fas de diferente maneira porque vas aprendendo. Non todo o fas perfecto, loxicamente. Pero do camiño que fun levando non me arrepinto de nada, creo que foi un traballo pouco a pouco, ben feito, anque para min foi moi rápido porque son moi novo e non esperaba este éxito... cada paso que fomos dando serviunos para aprender cousas novas. - Pode parecer que Álex Ubago tivo menos problemas porque xa é case dobre disco de platino co seu primeiro e único álbum, pero ¿non se sente como David diante de Goliat respecto ó fenómeno musical televisivo? - Non, a verdade é que non. A xente ten unha tendencia a compararte, a verte como un competidor. Eu o único que fago é música, cancións... e non me vexo competindo con ninguén. Está claro que Operación Triunfo foi un “boom” do que non se deixou de falar durante todo o ano e a moitos artistas danoulles, pero eu non me podo queixar de nada. Eles o que teñen é unha promoción en televisión que a calquera dos demais lle podería custar moitísimos cartos e a eles dánllela de balde. Eles teñen iso, pero por outra parte ti tes a túa obra máis persoal, non estás tan enriba na fama, pero iso a min tanto me ten, o que me importa é que me deixen facer o que eu quero.. - E en canto ó tema da promoción do que falaba antes ¿o feito de que saíse o seu tema Sen medo a nada tanto en O.T. como en Gran Hermano é un labor de promoción ou foi pura casualidade? - Non (risas). Iso é casualidade. Hai outras veces cando vas ós programas a cantar que si é máis unha cuestión promocional da compañía, recoméndanche que vaias para que a xente te coñeza... pero neste caso é a dirección do programa a que elixe as cancións. - Unha promoción diante dun público. ¿A que público está dirixido o seu disco? - Hai moita xente adolescente á que está gustando o disco. Nos concertos estamos vendo un montón de xente, o que pasa é que os adolescentes son os que máis ruído fan, os que máis se fan ver ou oír porque está claro que o fenómeno “fan” é máis de xente adolescente. Nos concertos estivemos vendo a xente de todas as idades, xoves, adolescentes, adultos, mesmo anciáns. Eu fago música para quen queira oíla e para aquelas persoas que sintan algo con ela e estean a gusto escoitándoa. A miña imaxe non é a típica... porque nin movo as cadeiras... (risas).
12
-¿Que é o que non lle gusta dunha muller? - ¿O que non me gusta dunha muller? (Risas) Pois non sei... que sexa moi posesiva, gústame que teña o seu punto de celosiña, como todos, eu tamén o teño. Pero cando estou cunha rapaza gústame sentirme un pouco independente, que poida facer cousas, que poida estar co meu traballo, viaxar, sen preocuparme se se enfada ou non, ese tipo de cousas.Gústame unha persoa seria que saiba ver a que te dedicas... - ¿Ten moza? - Non. - ¿Daquela o seu próximo traballo vai seguir falando de amor? - Pois igual non tanto, o amor e o desamor é algo que me motiva moito para escribir, ás veces si que tes moza e estás moi ben cando falas diso, pero outras veces non a tes e ... Pero é posible que o próximo disco non sexa tan romántico, digo moito que non me comprometo a falar sempre de amor, tamén hai outros temas, falas do que ves, do que che fai pensar, sentir ou vai pasando. - ¿Vai tratar temas sociais no seu próximo disco? - Non o sei, falar de temas políticos, sociais ou deste tipo tampouco é unha cousa que me chame moito a atención, de momento motívame máis falar de cousas máis próximas, mirar un pouco ó meu arredor, pero nunca sabes cando un tema social ou un problema de repente, como o conflicto con Iraq, a desigualdade, son temas dos que moita xente fala, e todo o mundo sabe os problemas que hai no mundo, non fai falta que ti collas e o digas; daquela escribo o que me motiva a min, pero ó mellor algún día acabo falando de... - ¿Cómo recorda aquela vez que cun amigo seu collen as guitarras e van de porta en porta cantando panxoliñas? - (Risas) Eso con... (risas) - ¿É posible que atopemos a Álex Ubago diante da nosa porta? - (Risas). Non, eu creo que non, creo que iso xa non o volverei facer. Recordo que o pasabamos moi ben, saiamos en Nadal e sacabamos unhas pelas (risas). Recórdoo rindo algunha vez que vexo fotos... eramos uns pequechos cunha guitarra máis grande ca nós (risas). - ¿Cambia moito a súa vida agora que ve a música desde un punto de vista diferente? - Cambia mogollón, para empezar agora é o teu medio de vida e antes non o era, polo que lle dedicas moitísimo máis tempo, máis traballo, viaxes. A túa vida ó completo. Polo menos o último ano estiven sen parar con todo este tema, polo que a túa vida cambia, está claro, e nos últimos meses nos que se recoñeceu o meu traballo aínda máis; non é o mesmo saír á rúa, a xente coñécete. Pero o importante non cambia, eu sígome vendo a mesma persoa, a forma de ser, en todos os sentidos, conservo os meus amigos de sempre, a miña xente de Donosti, os colegas de toda a vida seguen aí, e creo que iso é importante. - Participa na película de Disney El planeta del tesoro que se estreou en decembro, galas de televisión. ¿Hai présas para o seu segundo disco? - Non, para nada, estou deixando claro a todo o mundo que non quero que caiamos nese erro, hai xente na compañía que leva anos nisto e sabe de sobra o que hai que facer e o que non, pero pola miña parte creo que non debemos caer no erro de dicir: ben, como foi ben o primeiro disco, rápido, sacar outro. Eu son un cantautor e o que vou facer é compoñer novas cancións; xa teño algunhas novas, xa estou pensando no segundo disco, pero quero compoñer moito para o segundo traballo e cando estea realmente convencido sacarei o segundo disco. - ¿Pódemos adiantar o título? - ¿O título? Non, non o sei, non teño nin idea (risas). -E xa que sacou o tema das viaxes ¿A viaxe á India para cando? - (Risas). Está ben informado... (Risas). Pois non o sei, antes vén Amsterdam. - ¿Para vivir prefire Nova York, unha cidade que asegura que lle encanta, ou Amsterdam? - Eu creo que Amsterdam (risas). Pero a da India é unha viaxe que me gustaría, teño ganas de coñecer outros mundos e decatarme do que teño no meu país, e tamén do que lle falta a outros. Despedímonos porque ¡a actuación vai comezar! Páxina Web: www.droeastwest.com/artista
D avid Gigirey
13
COLABORACIÓNS
UN SOÑO É estraño, acabo de espertar e todo parecía un soño pero... ¿realmente era un soño? Non sei, unha estraña sensación recorría todo o meu ser, había algo que non encaixaba, quizais demasiado realismo en todas esas imaxes que vagamente iluminaban a miña mente. Érgome e vou lavar a cara, cando chego ó baño e vexo a miña cara reflectida no espello é coma se todo se aclarase. Preguntarédesvos a que vén todo isto, así pois comezarei a contarvos todo o que sucedeu ata hoxe. Hai que remontarse a dez anos atrás. Eu, un xove estudiante de BUP (bo, máis ben facía que estudiaba). As cousas na casa non ían ben de todo. Resulta que meus pais separáranse e no medio de todos eses problemas que suceden nunha separación, eu. Estaba na boca de meus pais seguido, parecía que eu fose o centro de todo e que todo fose pola miña culpa, e lograron que me sentise así. Cada vez ía todo peor. O único que pasaba pola miña cabeza era marchar a un lugar lonxe, onde a felicidade nos proporcionara en bandexa o amor e a paz, pero había algo que non mo permitía, eran os meus dous mellores amigos, as únicas persoas que estiveran ó meu lado cando parecía que na terra houbese un oco que pouco a pouco ía medrando ata atoparse contigo e comerte, realmente non quería marchar, Jack e Deivit non mo consentían. Na casa de Jack as cousas tampouco ían como a el lle gustaría, súa nai morrera nun accidente de tráfico había dous anos, desde ese momento seu pai collía forzas coa bebida e cando chegaba do bar descargaba a súa rabia contra o seu fillo, era unha cousa que eu nunca puiden soportar. Ás veces Jack chegaba á miña casa cheo de negróns por todas as partes, non facía falta preguntarlle a que se debía aquel accidente, a súa cara chea de tristeza e dor explicaba claramente o ocorrido. Pero como o meu fogar, mellor dito un combate de guerra, non era o lugar adecuado para falar entre nós, daquela iamos á rúa como cando botan os cans das casas. Deivit sempre nos animaba, sempre nos dicía que algún día nós tamén seriamos felices, porque realmente mereciamos o mellor. A el a vida sempre lle sorrira, e aínda que non envexo as familias felices sempre me pregunto ¿por que merecemos isto? Vestinme para ir a clase, cos mesmos pantalóns gastados que puxera toda a semana e a camisa que me regalara a nai de Jack. A verdade é que non me apetecía ir a clase, prefería botar un partido de fútbol no campo e deixar pasar os malos recordos. Jack viña sempre comigo e aproveitabamos para fumar un cigarro e tomar o sol. Soíamos ir os do barrio botar partidos ata a noite e ocultar as nosas penas na escuridade. Todos traballabamos para axudar na casa cos cartos, pois os nosos pais non gañaban tanto como as persoas lidas ou herdeiras de grandes extensións de terras. Os fillos dos do barrio levabamos a mesma roupa toda a semana, pois os soldos non chegaban nin para mercar un par de calcetíns de algodón fino. Esa tarde non remataramos o partido e decidimos quedar pola noite para meterlles unha boa goleada. Cando cheguei á casa vin a mesma historia de sempre, así que collín dous talegos, metinos no peto e pechei a porta con forza, pero aínda así non se decataron da miña chegada, pois os berros oíanse no centro da cidade. Decidín ir ó campo e adestrar as miñas pernas. Cando pasara unha longa hora debruceime contra a herba e decateime de que aínda que morrese alí mesmo a meus pais non lles tería importado. Non puiden evitar chorar coma un neno. Unha man tocou un dos meus ombreiros.
14
- Brian ¿atópaste ben? Puiden recoñecer a súa voz perfectamente. Collinlle a man e deille un abrazo, pero ó separar a súa cara do meu peito vina chea de sangue. Por un momento tomei medo, erguinme e corrín ata a casa de Jack, a partirlle as mans a seu pai, estaba farto de ver como o meu amigo recibía malleiras continuamente, aquilo non se podía volver a repetir. - Eu tamén me fartei, imaxinei que estabas aquí pois escoitei berros na túa casa e veño dicirche que hoxe ás 11 pasa o tren con carga e fai unha parada en Weldsford, definitivamente o tren chega a Zalgard ás 7 da mañá, debemos chegar a tempo a Weldsford así que é mellor deixar a túa vinganza, a dor e os recordos aquí, non quero que che deixe marcas como fixo coa miña cara. Por primeira vez estaba seguro da miña fuxida e estaba disposto a enfrontar o que se me puxera diante. Ás 11:45 estabamos en Weldsford, ás 11 sentín a chamada do tren e nese momento mirei cara a atrás, coa dúbida de voltar pensando que quizais as cousas se arranxarían, pero o meu amigo agarroume para axudarme a subir ó tren. Xa con dirección Zalgard puiden observar a alegría que enchían os labios de Jack, foime contando o marabilloso que sería aquel lugar, pois antes da morte da súa nai foron ver unha gandería, soñaba con que teriamos o noso gando, que iamos coñecer dúas mozas marabillosas, que casariamos e que teriamos fillos. Aquilo que dicía era como un soño feito realidade pois a ilusión dos nosos corazóns permitía que todo parecese verdade. A historia fixo que comezase a chorar, daquela encollinme e boteime entre os sacos de patacas para entrar en calor. -
¡Brian, esperta! Xa estamos na nosa futura terra. O sol entraba ós poucos.
Abrimos coidadosamente a porta, xa que nos alarmaron estraños ruídos fóra. Señores de mediana idade, entre corenta e cincuenta nos, se dedicaban a baixar a mercadoría. Metín un quilo de patacas na cazadora de coiro gastada e baixamos sen que nos visen, era como nas películas de fuxitivos. Xa fóra comezamos a correr pola chaira, un dos homes viu como fuxiamos e avisou o resto dos compañeiros, colleu unha arma e disparou, tireime ó chan rapidamente e berreille a Jack que fixese o mesmo pero as miñas ordes chegaran demasiado tarde ós seus oídos. O sangue do seu corazón chegou á miña cara, saín correndo para salvalo pero non puiden, o seu corazón case non latexaba, soamente escoitei os seus xemidos e as súas últimas palabras: “Brian, loita por ti e se feliz, eu agora tamén o serei”, berrei o seu nome unha e outra vez, pero ¿para que seguir loitando se a miña esperanza xa non está? Se isto era o seu destino, daquela ninguén merecía vivir. Cada día recordo tristemente as súas palabras, os soños que viviramos os dous na súa última noite. Non me explico como esa bala non foi para min, a verdade é que nunca o entendín. Era o meu mellor amigo e era como o meu irmán, axudoume en todo, cando estaba triste alí estaba el para contar os seus chistes, cando seu pai lle ía pegar a seu irmán alí estaba el para recibir a malleira, e ¿agora? ¿quen ocupará agora ese lugar de tanta dor e sufrimento que continuamente estivo soportando? Desde a súa morte a xente do barrio parecía ter cambiando, mesmo meus pais. O pai de Jack seguía sendo o mesmo, un alcohólico e violento coa única familia que lle quedaba. Ó cabo de dous meses do tráxico accidente, meu pai marchou da casa e miña nai meteuse nas drogas. Esta adolescencia foi o peor que puiden recibir, chea do sufrimento e dor que nos proporcionaban nosos pais cada día. Hoxe teño 29 anos, son licenciado en Belas Artes e teño unha familia marabillosa, á que lle proporciono cada día amor e felicidade. Sigo tendo soños da miña infancia, sobre todo da morte de Jack, das súas historias e da vida de meus pais, aínda que sería mellor dicir que son pesadelos con xente que eu amaba pero que xa non está aquí. Aínda me culpo hoxe da morte do meu amigo, creo que non debería ter collido aquel tren que o levaba ó inferno, creo que debía terlle dito que non ía ir con el, e daquela el non tería morto, teriámonos casado e hoxe estaría celebrando a Pascua á súa beira
Noelia Castro Fraga
15
VIAXE DE VOLTA Se ben a vosa historia comeza cando nacestes, a miña comeza cando empecei a morrer. Daquela asomaba a miña adolescencia pola fiestra e os meus problemas eran os típicos existenciais da idade ¿que roupa poñerei hoxe? Aínda así, os meus pensamentos confundían a calquera que se atrevese a exploralos. Explícome, non sei, así sen máis comecei a sentirme inferior. Vía todas as persoas superiores a min, sen motivo aparente; non me sentía a gusto comigo mesma e para sentirme segura necesitaba que me regalasen os oídos e deixeime guiar. Despois obsesioneime con todo, con aquel michelín inexistente que ó meu xuízo non podía medrar e medrar, e encontrábame soa rodeada de xente. Eran catro paredes día e noite das que non podía saír, pero o problema xa non o tiña eu, tiñano eles, eran os bichos raros que non me entendían. Apareceron as miñas rutas continuas pola cociña, eran as miñas vacacións perfectas, turismo sen saír da casa. Só con abrir a neveira gozaba do paraíso cargado de suculentas carnes de todo tipo, o mellor en verduras, unha gran variedade de postres e, por suposto, a denominada comida basura. Despois chegaba a compra e os ollos íanseme ó ver aquel chocolate que non facía máis que chamarme. Atracóns continuos de todo tipo de comida que só compartía coa miña gran amiga a soidade. O baño era o herdeiro dos meus empachos posto que alí deixaba a pegada diso no que me estaba convertendo. Os días pares ofrecíanme carne, peixe e legumes, e os impares pasta, verduras e permitíame o luxo de poder tomar postre e logo, sen falta, ía ó servicio ¡Como non...! pero o tempo facíaseme eterno. Tiven a necesidade de buscar outra obsesión lonxana do que todos dicían bulimia. Foi nese momento cando comezei a estudiar sen parar, o que fora. Era afán de superarme a min e ós demais. Non só iso, o meu carácter cambiou rotundamente, volvinme arisca, fría, cerrada, introvertida. A Sara que coñecía converteuse en xestos mal encarados e o meu metabolismo, que para min non supuxo angustia de ningún tipo, tamén o notou. O período desaparecérame e para min mellor, xa que non tiña que sufrir aquelas dores agonizantes nin aquelas hemorraxias mensuais. O pelo empezoume a caer e a miña pel xa non era suave, parecía peluxe encrespada. Con todo iso e a miña desesperación por culturizarme non tiña tempo para nada e moito menos para comer. A bulimia que a todos preocupaba desaparecera, caso resolto. Os meus atracos á neveira e visitas ó baño non eran motivo de escándalo. Un bo día no meu camiño cruzáronse os longos paseos que máis ben eran carreiras que nunca souben a onde me querían levar. Odiaba a miña familia, os meus amigos, as básculas e os espellos. Eu non facía nada malo e eles só sabían saturarme con palabras carentes de significado na miña ampla intelixencia. Agora a frase clave era: Tes anorexia. E se non tiña fame nin apetito ¿para que ía comer? Cada día era peor, unha loita continua contra todo ser vivinte que perturbaba aquilo que xa non era nin a miña vida. Os desmaios supuxeron acentuar a gravidade do caso e o hospital converteuse no meu segundo fogar. E por fin, moi ó meu pesar, ingresáronme nun centro. Eu seguía sen recoñecer o meu problema, pero xa non me sentía soa. Con esforzo e calma fun abrindo os ollos outra vez. Tiven recaídas, pero as miñas ganas de vivir aumentabanm a pasos axigantados e gracias a iso e á xente que me rodea, que soubo ver o problema, hoxe podo contar a miña pequena anécdota . Aínda teño que sumar uns quiliños, pero agora sei que a pescada que me toca os pares, e que por certo miña avoa cociña moi ben, non debo sentirme culpable por comela. E non importa o meu físico mentres teña unha mente e un corpo san, e por suposto o afectos dos meus seres queridos. E non necesitamos que non regalen os oídos para sentirnos máis e mellor. Con constancia e loitando sanamente lógranse as metas. E aquí está o meu presente e os meus plans de futuro: formar unha familia, ter un traballo estable e seguir enfrontando obstáculos que merecen a pena. E coa miña experiencia poderei axudar as persoas que coma min precisan apoio. Así que sen máis nada que dicir, espero que isto chegue máis alá do ollo do lector. Acordádevos de min e ata sempre. Sara Aramburo Rodríguez
16
DIA DAS LETRAS GALEGAS
Como cada ano o 17 de maio celébrase o Día das Letras Galegas, adicada esta vez ó poeta noiés Antón Avilés de Taramancos. Uns alumnos de Diversificación Curricular realizaron o seguinte traballo sobre o autor e a súa obra.
ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS (1935-1992) Xosé Antón Avilés Vinagre naceu preto de Noia, na aldea de Taramancos, e dela colleu o seu nome. Estudiou, entre outros lugares, na Escola de Náutica da Coruña. Nesta cidade recoñeceu a súa vocación pola literatura e aquí coñece a persoeiros como Álvaro Cunqueiro, Urbano Lugrís, Uxío Carré... En 1961 emigra a Colombia. É imposible contar nun pequeño resumo a súa biografía emigrante: churreiro, contrabandista, cazador de tigres, traficante de cabezas reducidas, campesiño..., nunha vida de incrible novela. Alí, en Colombio, casa con Sofía Baquero e teñen 3 fillos. Volta a Galicia no ano 1980 e monta unha taberna en Noia, a famosa Taberna Típica. A súa obra poética iniciouse con As moradías do vento ( 1955) e A frauta e o garamelo ( 1959). No ano 1982 publica O tempo no espello , recompilación das súas obras anteriores e con poemas inéditos. No 1985 edítase Os cantos caucanos , homenaxe á terra colombiana; e en 1989 As torres no ar , último libro en vida. Última fuxida a Harar é o seu derradeiro libro de poemas, publicado postumamente. A súa única obra narrativa é A nova crónica das Indias , con influencia de escritores sudamericanos. A súa obra adoita inscribirse na Xeración galega de Poetas dos 50 ou das Festas Minervais. Morreu no ano 1992 e foi enterrado na súa aldea: Taramancos
CALI Agora teño saudade do futuro que hei de andar lonxe da miña cidade. Cúpulas brancas ó ar: E sinto na eternidade o corazón a soñar. ( Nova crónica de Ulises, 1978)
Débora Gárcía Zás. Lorena Prego González. Jorge Soto Rodríguez.
17
Copyright IES Durmideiras 2003 Polígono Durmideiras, S/n 15002
A Coruña
Teléfono 981220512 FAX: 981223439 E-Mail: ies.adormideras@edu.xunta.es www.edu.aytolacoruna.es/centros/iesadormideras
18