
2 minute read
A Deputación impulsa o comercio local nas redes coa campaña En Lugo, Si
from Código Cero 202
ADeputación de Lugo lanzou unha campaña para reactivar o consumo no comercio local, a hostalería e o turismo a nivel provincial. A iniciativa En Lugo, Si apóiase na aplicación integral dunha fórmula de probada valía para combater todo tipo de crises económicas: pechar fileiras arredor dos establecementos de proximidade. A campaña terá (e está a ter xa) unha especial incidencia nas redes, unha metodoloxía de traballo (a tecnolóxica) na que a entidade provincial atesoura unha longa experiencia.
A marca, segundo fixo saber a Deputación, apela aos “valores e fortalezas que ten a provincia como un lugar seguro, de confianza, de calidade e de oportunidades para comprar, consumir, para o lecer, as vacacións e tamén para emprender”.
Advertisement
A campaña inclúe accións para os propios negocios e profesionais (coa finalidade de dotalos de ferramentas para facer fronte á nova normalidade), e tamén dá acubillo a actividades para a cidadanía destinadas a reactivar a demanda e o consumo.
A primeira iniciativa consiste nun programa formativo a través de Internet, pensado para apoiar aos negocios e profesionais na implantación de medidas de seguridade, garantindo a comodidade e o benestar do cliente. Conta con 300 prazas para os negocios dos concellos de menos de 20.000 habitantes. A Deputación entregará un diploma que acreditará que os negocios participantes realizaron esta formación e son, polo tanto, “establecementos seguros”. O curso comezou o día 15 de xuño.
Amais de todo o devandito, ao abeiro da campaña En Lugo Si estanse a organizar, tamén, uns encontros online de debate e análise sobre a situación e o futuro do comercio, a hostalería e o turismo. Podemos velos en Youtube, a través da canle do Servizo de Audiovisuais da Deputación.
Segundo fai saber José Tomé, a Deputación traballou durante semanas no deseño deste proxecto-campaña, “un exemplo de coordinación e colaboración co tecido socioeconómico” que “simboliza e reflicte todos os valores e fortalezas que ten a provincia como lugar seguro, de confianza, de calidade e de oportunidades para comprar, para consumir, para o lecer, para pasar as vacacións, pero tamén para emprender”.
Seguridade, confianza e calidade
A campaña para promover o comercio lucense, En Lugo, Si, pon o foco nas redes
Rede de Destinos Intelixentes
ADeputación de Lugo anunciou a súa entrada na Rede de Destinos Intelixentes, entidade estatal coordinada pola Secretaría de Estado de Turismo para visualizar as mellores contribucións españolas á confluencia útil e innovadora entre novas tecnoloxías e turismo. A candidatura da entidade provincial galega foi aceptada na comisión executiva da Rede que se celebrou a finais de maio por vía telemática e que estivo presidida pola Ministra de Industria, Reyes Maroto. A deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, amosou a súa satisfacción pola integración da entidade lucense, xa que “será clave para o proceso de reactivación do turismo da nosa provincia e repercutirá positivamente na chegada de visitantes despois da crise da COVID-19”.
García Porto, que fixo fincapé no feito de que a adhesión non supoña compromiso económico algún para a institución lucense, salientou o “valor enriquecedor” que implica “traballar en rede con outros destinos que teñen a mesma filosofía ca nós, que apostan polas novas tecnoloxías e que teñen como fin achegarlle ao visitante outra maneira de descubrir os destinos”.
García Porto engadiu que dende a Deputación “reformulouse a estratexia turística ante o novo panorama actual, pero sempre apostando por iniciativas que estean á vangarda do sector”.