Hai estratos distintos de vazio. Un medra indiferente alimentado da miña indiferenza, o meu rosto de pálpebras fechadas, o visgo lento das horas, a sua orde que simula (non mantén) a vida. Dentro dos ollos pode haver ruas con sol, unha avenida con árvores que conto para chegar á casa, un longo corredor con lóstregos nas costas e a confusión de bocas e de tactos nun cuarto que foi branco e crepita coas vozes da mañá en tanto se enche de sombras e borralla e fica para sempre nas paredes a sillueta dun home, un can, unha muller, e nas estantes un animal sen pel desvalido e voraz como o meu medo. Non quero abrir as portas, nen quero ouvi-lo arfar tras os espellos, meu amor sen caricias e sen bocas asfixiando nas pálpebras fechadas, no seu vazio sen tempo (o tempo é un espellismo) en carne viva. Pilar Pallarés