NON CHORES, MULLER Ev'rything's gonna be alright. No woman, no cry. No, no woman, no woman, no cry. Bob Marley, "No woman, no cry" Non chores, muller. Eu viaxo dos ollos á túa dor azul. Non chores, muller. O teu pranto é o comezo do pánico. E eu só son sal para as túas augas. Non chores, muller. Eu son o ronsel que rega a túa cara afogando amor no pozo sen fondo das pingas celestes. Non chores, muller. Somos nada e ninguén despois de toda a vida xuntos nunha noite. Xa verás como todo irá ben. Xa verás como todo irá mal. Xa verás como todo irá ou non irá. Pero ti serás sempre o froito da flor das páxinas brancas. Non chores, muller. Teño medo de min ou de ser eu por ti.