Revista Fusquenlla. Curso 2014-15
“Não mordas assim as palavras para que não te surpreendas, não as decepes. Não deixes a espada vil da mentira roubar-lhes a alegria. Quando as disseres aperta-as contra o peito. Faz um esforço por senti-las. Nas palavras cabem sempre o que para isso for preciso. Entra dentro delas como um milagre, como se uma pedra, de repente, se tornasse numa cigarra, como se o mar inteiro não te afogasse. Não as fites para as afastar. Não as rejeites. Pensa-as muitas vezes. As palavras não podem acordar com essa intenção de magoar. Distingue-as, toca nelas lentamente. Deixa que sejam limpas, que tenham chão, que façam vento. Dá-lhes a frescura de um limão, o êxtase que nelas se pode demorar. Não as digas, beija-as. As palavras povoam o que tu não podes povoar. Ama as palavras, a possibilidade que são de poderes sonhar. Diz: Lua, grave, animal, gravura, diz verbo, teia, largura, diz pedra, luz água, jardim, planeta, unha, diz as palavras límpidas e transparentes, como amarelo, tremor, invenção, como clarão, erva, ou pão e verás como as palavras são fábulas, enredos, e as forças da língua em que vives e do chão de onde as dizes.” Eduardo White, poeta moçambicano
Editorial. Por qué editar de novo a Fusquenlla? Algunhas actividades do equipo de Normalización lingüística do centro - Grupo de teatro do centro - Correlingua 2013-2014 - Audiovisuais do IES - Concerto sés - Contos da montaña rusa Nós tamén creamos… O alumnado fala... - Entrevistas, o que pensamos sobre nós e a nosa lingua - Ensaios - Creación literaria Algunhas actividades e novas do curso 2014-15 - Crónica da excursión de 4º ESO a Valencia e Mallorca - Excursión a Lugo para ver representacións de teatro clásico - Proxecto por 365 días de respecto e igualdade Outros artigos do noso interese - Grupos musicais en Arzúa - Arzúa agraria: os transxénicos - Instrumentos antigos dalgún do noso alumnado Deportes - Selección galega de fútbol feminino - Muller e fórmula 1 - Pasatempos matemáticos
“Soñar, despois de todo, é unha maneira de facer plans”
É Noitevella. Tes a túa barriga chea e xa acabaches as doce uvas. [...] Estás ilusionado, vas escribir os teus propósitos para este ano novo e é posible que se parezan aos do ano anterior. Facer máis exercicio, comer mellor, estudar máis... En definitiva, converterte nesa persoa que sempre quixeches ser. Nese momento sabes que non é tan difícil, sabes que podes facelo e estás decidido a alcanzar a túa meta. Estás máis motivado que nunca. Ao día seguinte comezas a túa xornada con corenta minutos de exercicio, continúas cunha ensalada e acabas cun libro de Shakespeare nas túas mans. Con todo, é curioso como diminúen as nosas ganas de levar a cabo un propósito a medida que avanza o tempo e vemos que este non se acada. Non estamos afeitos a esperar demasiado. Iso non é o noso. Querémolo aquí e agora. E, se isto non é así, facilmente empezamos a pornos escusas como “Eu non podo facelo”, “Non son suficientemente boa ou bo para isto”, “Non teño recursos”, “Hai persoas que o farán mellor ca min”... A nosa paixón inicial convértese en covardía e medo. Ultimamente, nos países desenvolvidos estivémonos convertendo en persoas demasiado acomodadas. Isto, en parte, ven causado polos avances tecnolóxicos. E é que segundo un estudo realizado pola axencia de análise de mercado TNS, estímase que máis de 6.000 millóns de persoas en todo o mundo dispoñen na actualidade dun teléfono móvil.[…] Desde estes dispositivos podemos levar a cabo unha gran cantidade de accións que hai tan só uns anos custaban máis tempo e traballo: realizar a compra, falar cos nosos compañeiros, coñecer xente nova, acceder ás noticias máis recentes, etc. Segundo este estudo, o 15% dos consumidores españois empregou recentemente o seu móbil para comprar ou buscar información previa á súa compra, sendo roupa ou zapatos as categorías máis buscadas desde estes terminais. [...] Podemos dicir que vivimos nun mundo cómodo, un mundo que nos deu a falsa ilusión de que para conseguir o que queremos basta con desexalo, e isto non é así. Non estamos nun film de Hollywood no que os bos gañan sempre a última batalla porque así é como debe ser ou no que as mozas quedan sempre co mozo guapo… Para conseguir os nosos propósitos non podemos ser as persoas
impacientes que nos empeñamos en ser. Deberemos transformarnos en persoas constantes e traballadoras. Seguramente ouviches falar algunha vez sobre a “zona de confort”, aquel estado no que nos atopamos a gusto e nos sentimos seguros con todo o que nos sucede. Nestas circunstancias dominamos o que nos ocorre perfectamente e non asumimos ningún risco. Isto non quere dicir que sexa o que desexamos, simplemente é aquilo ao que estamos afeitos. De feito, algunhas persoas están conformes coa ignorancia, o malestar ou o fracaso, aínda que iso non sexa o que elas desexen. Son estas as persoas que deben ampliar a súa zona de confort para chegar ata onde queren de verdade estar. O que se atopa fóra dese estado será o descoñecido, ben porque somos demasiado cómodos como para pescudalo ou ben porque temos medo ao que non nos resulta familiar. É dicir, canto maior sexa o noso medo e a nosa comodidade, máis pequena será a nosa zona de confort. E que lles pasa aos valentes que se atreven a saír deste estado de comodidade? Poida que os máis pesimistas opinen que esas persoas non chegarán moi lonxe, que lles chamen soñadores e reclamen realismo. Con todo, hai algúns que logran esquivar estas críticas e finalmente acadan as súas metas. Esas son as persoas que non se conforman cunha zona de confort reducida e se empeñan, día a día, en expandila ata que non haxa medos que lles impidan realizar calquera acción. Para isto deben esforzarse en levar a cabo accións que os incomoden e que lles custen moito traballo, pero das que poden sacar proveito. Por exemplo: se o teu propósito é ter unha vida máis saudable, non te quedes no teu sofá e realiza actividades que che axuden a conseguir o teu obxectivo. Efectivamente, é moi doado dicilo pero alcanzar un fin pode chegar a parecer inviable. Para que isto non ocorra, debemos pararnos inicialmente a pensar que é o que queremos realmente, porque poida que non o teñamos claro ou que nos esteamos equivocando. Moitas veces vivimos nas nosas rutinas e esquecemos que os días pasan e que non estamos neste mundo para funcionar coma se fósemos máquinas, senón para ser felices (ou cando menos inténtalo). Afacémonos a realizar certas accións que xa aceptamos como propias sen considerar se contribúen ao noso benestar. Debemos regalarnos uns minutos para propornos as metas que queremos cumprir, aquilo que queremos nas nosas vidas, e descartar o que non nos agrada. Non importa se non estamos a ser realistas: non nos poñamos
límites antes de empezar, disto xa se encargarán os demais. Tómate o teu tempo para visualizalo, para darte conta do ben que estarás cando o consigas. Entón, a motivación para logralo aumentará sen que ti te deas conta, algo que vas necesitar. Porque non creo que a motivación sexa algo que poidas atopar se aquilo que tes que levar a cabo non che vai xerar satisfacción. Cando xa descubrimos cal é a nosa paixón, debemos empezar a preocuparnos polo proceso de consecución. Para isto debemos ter en mente que poida que non sexa una tarefa fácil. De feito, posiblemente non o sexa. Pero a túa motivación axudarache a ser optimista e a realizar a túa estratexia máis facilmente. Temos que ter claro que moitas veces debemos dalo todo se queremos conseguir algo, tentar que cada cousa que fagamos axude, aínda que só sexa minimamente, a acadar a nosa meta. Desgrazadamente é posible que os nosos medos e inseguridades gañen a batalla e acabemos decidindo deixar de lado aquilo que tanto ansiamos.
A todas e a todos que somos ou fomos estudantes xurdiunos algunha vez a pregunta de que estudar nun futuro. Entón empezamos a pensar naquelas cousas que nos farían ilusión porque sabemos que nos gustan ou que se nos dan ben. Pero pode que algún dos camiños que nos propuxemos non teñan saídas profesionais e isto faga que os descartemos directamente. Creo que refugar esas opcións é acertado a condición de que teñamos outra alternativa que tamén nos interese e nos vaia abrir máis portas, xa que imos obter a recompensa de todo o noso esforzo máis rapidamente. Pero se o único que nos gusta non ten demasiado “futuro”, propoño que nos animemos a tentalo e a dar o mellor de nós. Que poñamos todo da nosa parte para que non nos invada a desmotivación. A desmotivación, unha sensación marcada pola ausencia de esperanzas ou angustia á hora de resolver obstáculos, que xera insatisfacción ou evidénciase coa diminución da enerxía e a incapacidade para experimentar o entusiasmo necesario para alcanzar unha meta. Desgraciadamente, a desmotivación considérase normal en moitas persoas que se ven limitadas por
distintas causas. De todos os xeitos, creo que os seus efectos poden ser previdos. Lembra o porqué, Por que estás aí? Por que queres facer isto?, e non te conformes con calquera cousa. Pero para comprender que é a desmotivación, propoño comezar tratar de entender que é o seu contrario. Pois un factor moi importante á hora de emprender un novo proxecto é a motivación.[…] A motivación baséase naquelas cousas que impulsan a un individuo a levar a cabo certas accións e a manter firme a súa conduta até lograr cumprir todos os obxectivos expostos. Ademais, este concepto está asociado á vontade e ao interese. É dicir, é a vontade que impulsa a unha persoa a facer un esforzo co propósito de alcanzar certas metas. A motivación implica a existencia dalgunha necesidade, xa sexa total ou relativa, por pracer ou luxo. […] En psicoloxía adóitanse distinguir entre dous tipos de motivación en función de onde proceda o estímulo: intrínseca e extrínseca. A primeira é na que a persoa realiza unha actividade por incentivos internos, polo propio pracer de ser realizada, é dicir, que non está determinada por factores externos. Está relacionada, por tanto, coa autosatisfacción persoal e a autoestima. Por exemplo, realizar exercicio físico porque se goza desa actividade. Doutra banda, na motivación extrínseca o estímulo ou incentivo que move a unha persoa a realizar unha actividade vén dado por unha forza externa. Por exemplo, cando unha persoa realiza exercicio físico a cambio dun ben material, por motivos sociais ou outros. Cada ser humano busca satisfacer as súas necesidades, desde as máis básicas até as de carácter superior. Un psicólogo estadounidense, Abraham Maslow, expuxo no seu libro Motivation and Personality o concepto da Xerarquía de Necesidades. El presenta a hipótese de que dentro de todo ser humano existe unha xerarquía do seguintes cinco necesidades: fisiolóxicas, nas cales inclúe a fame, a sede, o abrigo, o sexo e outras necesidades corporais; de seguridade, que comprende a seguridade e protección de danos físicos e emocionais; sociais, que inclúe afectos, a sensación de pertenza, adaptación e amizade; de ego, que engloba factores internos de estima como o respecto a un mesmo, a autonomía e os logros, e factores externos como o status, o recoñecemento e a atención. Na parte máis alta desta pirámide, atopámonos coas necesidades de autorrealización, o impulso de ser o que é capaz de ser. É o nivel que inclúe o crecemento, alcanzar o potencial dun e a autosatisfacción.
Así pois, dentro desta estrutura, ao ser satisfeitas as necesidades de determinado nivel, o individuo atopa as necesidades do seguinte, a súa próxima meta de satisfacción. É dicir, o ser humano sempre quere máis. Por exemplo, cando unha persoa sofre de fame o máis normal sería que tome riscos moi grandes co fin de obter alimento, unha vez que conseguiu alimentarse e sabe que non morrerá de fame preocuparase por estar a salvo, ao estar seguro quererá atopar amizades e amor, etc. Con todo, a oportunidade de chegar á satisfacción das necesidades de máis alto nivel crese nas mans dunha pequena minoría, sobre todo cando nos referimos a persoal traballador que ten que rexerse por determinadas regras que non lle permiten desenvolver o seu talento ao máximo. Por este motivo descartamos opcións que a primeira ollada nos parecen un risco ou que pensamos que poderían facer que carecésemos das necesidades máis básicas. Como, seguindo cun exemplo anterior, pretender estudar algo con poucas saídas profesionais. Xórdennos preguntas como: que farei entón sen emprego? non podería converterme na persoa autónoma que desexo ser? Realmente creo que é unha mágoa que existan tantos factores que impidan o noso crecemento como a comodidade, a falta de apoio, a obsesión polo control, a inseguridade, etc. Gustaríame saber como sería a humanidade se carecese destas condicións. E ti, imaxínaste como sería o mundo se todos puidésemos desenvolver os nosos talentos ao máximo? Laura Zas. 2º BAC
A televisión A televisión é un medio de comunicación masivo moi popular na nosa sociedade, pero a súa utilidade pode ser discutida. Pode servir para informar de feitos actuais ou para reflexionar sobre temas importantes, pero para o que a maioría de xente o usa é para entreterse vendo series ou películas, ou programas totalmente inútiles para evadirse da súa realidade, e con isto o que conseguen é esquecerse dos temas importantes que realmente lles deberían preocupar. A "tele", tamén chamada "caixa tonta", converteuse na ferramenta perfecta dos poderosos para non só ternos tranquiliños no sofá sen protestar, se non tamén para inculcarnos unha maneira de pensar dende pequenos e lavarnos o cerebro dicíndonos como temos que vivir e pensar, o que está ben e o que está mal. Digamos que a televisión é a relixión do século XXI. Pero isto non é todo. A televisión ten algo que a todos nos molesta:a publicidade. E é que este é o alicerce fundamental da televisión. Sen publicidade non habería televisión porque, de onde sacarían se non o diñeiro para pagar tantos presentadores, tantos actores, tantos coches, (moitos co único fin de ser esnaquizados) e demais material? As empresas pagan por exhibir os seus produtos na pantalla para que nós os compremos, aínda que non os necesitemos para nada. A televisión é un grandísimo negocio. No 2013 a española ingresou 1.579 millóns de euros, segundo o Informe Anual da CNMC. Os intereses económicos da televisión son tan poderosos que deixan anécdotas como a do Mundial de Fútbol de Brasil 2014, no que algúns equipos tiveron que xogar as catro da tarde baixo o sol implacable e a humidade asfixiante de Brasil para que en Europa eses partidos puidesen verse ás nove da noite e tivesen maior audiencia. Tamén se viron obrigados colombianos e chilenos a xogar ambos equipos co segundo equipamento. De isto xa descoñezo o motivo, pero supoño que sería algo como "son máis bonitas". Estes non son máis que exemplos de ata onde pode chegar o poder da televisión, pero tendo en conta a importancia dun evento como un Mundial, creo que queda claro. E que dicir desas estrelas, que van a programas onde o único que se lles pide é que sexan de bo ver e...ben, nada máis, só teñen que ser guapos. Pois esta xente gaña fama e diñeiro rapidamente, e por que? Merecen o diñeiro que gañan? Eu creo que non[...]. Porque estes programas o que fan é dicirlle á audiencia, á xuventude sobre todo, que chegar alto é gañar diñeiro sen dar un pau á auga, cando os valores que se deberían difundir na sociedade son os do traballo, o esforzo, a humildade e o interese pola cultura, ó meu parecer. Non digo que eu non vexa a televisión, porque mentiría, pero sí que co paso do tempo me fun dando conta do que realmente é, e cada día gústame menos. Espero que algún día todo o circo que hai montado arredor da pequena pantalla cambie, ou mellor desapareza, e que nos demos conta de que sen ela estamos moito mellor.
David Mosquera. 2º BAC
Estámonos convertendo en robots? Miramos ao noso redor e non vemos máis que luces chispeantes. Móbiles, computadores, tablets, cámaras? A revolución tecnolóxica, vamos. Os nosos modos de vida son froito da nova sociedade tecnificada. Unha sociedade que viría abaixo se de súpeto deixasen de existir todos eses ratos tecnolóxicos que nos perseguen polo sumidoiro que é a vida. A maioría da xente non se dá conta da influencia que teñen nas nosas vidas pero é realmente terrible.
E é que… quen ía pensar hai 30 anos que poderiamos falar con xente que está a miles de quilómetros de distancia a través dun aparello que cabe no peto do pantalón? Ninguén, supoño. E que poderiamos compartir opinións e ideas nunha nube con xente que non coñecemos? E os avós, que pensan eles? Pois, aínda que os hai moi tecnificados, a maioría aínda non cren nesta cantidade de avances. E é normal, porque aínda ás veces nin eu mesma mo creo. Entón, se eles pensan así, cando nós sexamos máis vellos tamén pensaremos así? Porque está claro que isto vai seguir en aumento. E vaia tolemia. Se te pos a pensar case non atopas a posibilidade de inventar máis cousas. Se xa todo está inventado! Pero sempre hai alguén ao que se lle ocorren novos “descubrimentos”. E así chegamos ás novidades máis absurdas. Absurdas, pero que son todo un éxito de vendas, como o non vai máis pau para selfies: “deseñado para aqueles que queren explorar novas formas de facer fotos ou vídeos dos seus arredores ou deles mesmos; accesorio esencial se queres capturar o selfie perfecto con fondo bonito incluído”, “o pau extensible para selfie permíteche levar a fotografía móbil ao seguinte nivel, ademais é o último pola súa extensión de 91 cm”. Estes son os argumentos que utilizan as compañías que actualmente venden este “chisme”. Ademais engaden: “non volvas facer malabarismos para conseguir un bo selfie”. Porque sen un bo selfie non molas. Este tipo de anuncios e comentarios son
os que en verdade asustan, porque así dáse unha conta da infantilidade da sociedade. Hai que destacar os avances que se deron nos últimos tempos. Certo é que as Tics nos facilitan en gran medida o noso desenvolvemento na sociedade, a procura de información, a conexión con persoas que están lonxe, as noticias de primeira hora, as últimas tendencias, e miles de cousas máis. Pero que? Tamén nos quitan algo moi importante: quítannos a comunicación real, as relacións sociais, o contacto físico, os bicos e os abrazos que son substituídos por cariñas con corazón. E quítannos tempo. Moito tempo. Non rendemos como o fariamos se non estivésemos tan pendentes de cantos WhatsApps nos enviaron, se me enviaron unha petición ao Facebook, se teño un comentario no meu blog, se me retweetearon algún tweet, etc. etc. etc. E é que nos estamos convertendo en emoticonos, figuriñas. Somos figuriñas pendentes do que a outra xente pense e diga de nós. Temos que estar ao corrente de todo o que ocorre, en todo momento e no preciso instante. A nosa vida depende de aparellos. Aparellos aos que estamos pegados a maior parte do día, aínda que non nos deamos conta. E é sorprendente a cantidade de horas que estamos expostos a eles. E xa fóra da influencia no ámbito social… no ámbito laboral? A introdución da tecnoloxía nas fábricas, talleres, colexios, etc. foi un gran avance e unha gran axuda, pois facilita moito o traballo. A introdución de maquinaria na construción por exemplo, ou os computadores, pizarras electrónicas, etc. na educación… todo enriquece, pero tamén empobrece. O uso de maquinaria cada vez máis sofisticada que sexa capaz de facer cousas máis rápido e mellor que un grupo de traballadores fai que se prescinda destes e que cada vez sexan máis os que están na rúa. Porque así os que se benefician son os grandes empresarios, os xefes, que prefiren investir en dúas máquinas que van custar menos que pagarlles mensualmente un soldo a 25 traballadores, por exemplo. Porque a economía desas familias pouco importa para o beneficio dos altos cargos. E no caso dun colexio? os computadores están moi ben para buscar información, facer actividades online, aprender a usar Internet, etc., pero tampouco hai que abusar. O primeiro paso é saber escribir. E parece que nalgúns casos saltáronse ese paso. Porque a “escritura móbil”, onde as taches, as “b e v”, “h non h” e demais
desaparecen, segue tendo presenza nas redaccións que o mestre manda facer para o día seguinte. “Era + d o q parecia”. Eran máis importantes as caligrafías que faciamos de pequenos do que parecía. Certo é que de anos atrás isto foise mellorando en parte polo abandono do SMS, nos que se reducía o número de letras para reducir o cobro, pero aínda así segue existindo unha tendencia ao “aforro gráfico”. Aínda peor que iso son as faltas de ortografía, faltas gordas tales como “aprobechando”, “ombre”, “haber” por “a ver”, etc. E grazas (ou non) que existe o corrector e escóndense moitas das incorreccións. Outro punto a tratar é a cantidade de información falsa que nos atopamos nas redes. E hai xente que fai máis caso ao que pon un blog anónimo que ás indicacións do doutor ou doutora. Non só internet é unha lavadura de mentes, a televisión cos seus programiñas do tomate (que son súper didácticos para aprender a discutir sen respectar a quenda) ou o mesmo telexornal (que se supón que ofrece información obxectiva e clara) son un claro exemplo diso. En conclusión, máis que tecnificados estamos condenados a vivir dependentes de robots. A vivir baixo a opresión de aparellos. Quizais un día o país estea gobernado por un robot. E se cadra énos indiferente porque total, no caso de que así fose, a diferenza sería pouca. Uxía García Conde 2º BAC
Medo e forza en cada anaco de nós. ¨Issued by my screams roofs of this world¨ Walt Whitman.
Poñería a man no lume coa certeza de que non me vou queimar a que todas e todos sentimos algunha vez a infinita necesidade de desaparecer. Fuxir de algo ou alguén, vernos moi lonxe de onde estamos, eliminar cada unha das pequenas partes da cousa que nos leva a esa sensación. Mais iso sempre como última opción, cando non se ve solución posíbel ás dificultades que se nos presentan. As persoas movémonos
pola
busca
da
felicidade,
desde
pequenas imos formando un esquema de vida que ante as adversidades vai cambiando necesariamente. Ante os problemas, xeralmente, loitamos para conseguir o noso fin mais, como persoas que somos, se a medida que a loita suma tempo o noso obxectivo se ve cada vez máis lonxe, o desgaste desta lévanos a un bloqueo que nos fai repensar as posibilidades. Mais que hai se non quedan? Se fracasas nos estudos, que fas? Poñerte a traballar? E se non hai traballo? Cal é a alternativa? Está claro que unha resposta posíbel sería non facer nada, resposta escollida por un gran número de persoas actualmente debido á situación na que vivimos, son os coñecidos como ni-nis. Mais... é acertada esa elección? Na miña opinión non. É verdade que a situación se ve cada vez máis difícil (aínda que nos queiran enganar dicindo que se está saindo do pozo notabelmente), a xente non ve futuro e ante iso quítanselle as ganas ata de vivir. Podo entendelo, mais estou segura de que o movemento de masas é o que leva ao cambio. Caer é natural, o importante é atopar unha razón para levantarse. Decidir abandonar a contenda non axuda. Aquí non. Neste punto da reflexión paréceme necesario volver á primera pregunta que fixen mais pensada doutro xeito; por qué se fracasa nos estudos? Cada un/unha é un mundo e en cada un deses mundos as cousas vense distintas. Existe xente moi intelixente, realmente capaz de chegar á mellor calificación e sen embargo confórmanse con un simple aprobado ou, noutros casos, co suspenso. Por qué? Por qué alguén, que pode, non quere? Penso que se trata da ausencia de motivación. E baixo o meu punto de vista é normal. Como alumna que son, agora mesmo de segundo de bacharelato, síntome identificada en parte con esa xente que se afunde ao non atopar o porqué da súa situación.
Persoalmente, eu non me vexo motivada á hora de estudar, niso poden influir moitos factores dos cales eu mesma son responsábel mais hai outros que se impoñen e instalan cancelas no meu plan de futuro, factores dos que eu non teño culpa algunha. Desde que me preguntaron por primeira vez o de ¨Que queres ser de maior?¨ sempre o tiven bastante claro, gustaríame moito dedicarme á docencia. Agora mesmo, dubido. Dubido de se é o máis acertado, de se por ese camiño conseguirei o traballo que soño, ou mellor dito, se me deixarán chegar a el. Xa desde pequena fóronme poñendo límites que acurtaban (ou intentaban acurtar) cada vez máis o espazo do meu `eu propio´ para converterme nun `eu común´, nun exemplar máis de persoa cas mesmas aspiracións ou fobias que todas as demais. Como nenos, primeiro establécensenos unhas normas que afectan á nosa actividade natural de xogar, investigar e experimentar por un mesmo. Despois oblígasenos a facer tarefas e máis tarefas, e a memorizar libros e máis libros de texto para escribilos de novo a man en exames e máis exames. Do contrario castígasenos como se dese modo o amor polo saber fose espertar de repente en nós. Cando comezamos a ser adultos dámonos conta dos golpes que foron recibindo a nosa creatividade e esencia durante anos e chegamos a niveis de estudo como bacharelato ou ESO esgotados, forzados a continuar memorizando o que outros cren necesario e sen capacidade de pensamento crítico, sen `eu propio´. Afortunadamente quedan docentes con verdadeira vocación que pretenden facilitar as ferramentas precisas para aprender a pensar. Loitar neste ámbito para que non se perda a ilusión é moi difícil, sobre todo se temos en conta que a mobilidade está moi reducida. O meu soño é poder colaborar nesa loita e conseguir o soñado por todos e todas as que deciden involucrarse no conflicto. Xa que considero que se a xente sabe pensar non fai falta nada máis ca botar unha ollada ao panorama para nos dar conta do que está pasando e sentir a necesidade de
tomar cartas no asunto; e así comezar co desexado cambio. Non sei se estou escollendo o camiño acertado para alcanzar todo o que me propoño mais, agora mesmo que é o acertado? Non hai ningunha opción que me asegure un futuro estábel. Non me podo fiar de que facendo isto ou aquilo vou ter un bo-vir asegurado. Tal e como está o panorama, iso non é posíbel. E creo que moitas veces ese pensamento de ¨con isto non vou a ningún lado¨ fai que as persoas renunciemos ao que verdadeiramente queremos, o que leva á sensación que describín no principio deste texto: ese bloqueo, a angustia de non saber por onde tirar, ese desexo de conseguir aquilo que leva tanto tempo seguro nas nosas cabezas e que agora se tambalea de maneira alarmante. Non sei cal é a solución ou se hai algunha fórmula secreta de motivación para inxectarnos mais creo que o que non debemos facer é tirar a toalla. Hai que seguir por onde sexa, con ou sen a seguridade de que iso nos vai a levar á felicidade, mais seguir. Estar sempre en movemento. Ben é certo que hoxe en día miles de licenciados universitarios e persoas con estudos están no paro ou gañando a vida como poden en traballos temporais con soldos miserábeis, traballos que seguramente non teñen nada que ver co que eles estudaron previamente, e persoas sen ningún tipo de preparación con altos cargos gañando millóns e millóns ao ano. Non é xusto mais... volvo ao mesmo, co movemento lógrase o cambio. Ademais, suponse que nunha entrevista de traballo, para o posto que sexa, van coller antes a alguén con estudos que a alguén sen eles. Son puntos a favor e o saber non ocupa lugar. Tamén hai licenciados que aínda ca licenciatura seguen sendo uns ignorantes mais iso xa é outro tema... Hai crise, guerras, corrupción, fame no mundo, desigualdades, inxustizas, enganos, contaminación, maltrato, discriminación, machismo... Estou cansa de ler, ver e oír continuamente comentarios sexistas entre aula e aula. Nos corredores de primaria, da ESO, bacharelato, dá igual. Parece que se estende como unha enfermidade que pasa indadvertida entre a xente e o que máis me preocupa é que cando alguén decide erguerse para frear eses ataques tan de balde cara as mulleres a crítica global recae sobre el ou ela por entender que vai en contra do normal, do que debe ser. Parece mentira mais a día de hoxe, no que se considera un momento próspero para o progreso, aínda hai que seguir unha serie de dogmas se queres encaixar; senon tocache asumir a túa condición de excepción e como tal asumir tamén que vas nadando en contra e que vai haber correntes que non
cho van poñer fácil. Son moitas cousas que necesitan unha metamorfose urxente. Mais o cambio de verdade, o que nos levará lonxe para conseguir eliminar todo o que non nos gusta e nos molesta, comeza en nós mesmos. Loitar polo que queremos, pola nosa felicidade. Decidir combatir aínda que sexa moi difícil conservar os ánimos e o optimismo. Ser positivo, marcarse obxetivos, apuntar alto, buscar novas experiencias e sensacións, comezar con pequenos retos e mellorar día a día. Confiar nun mesmo e quererse. Quererse moito. Soñar con algo e conseguir que o soñado se convirta en realidade. Na realidade que cada un necesita. Todos somos capaces de todo, a clave está na actitude. Na actitude positiva. Soa demasiado ben, o complicado está en levar a teoría á práctica. Ás veces estamos a punto mais chega o medo, natural en todos, e fainos crer que non somos capaces. É tempo de medo. Nós, as mulleres, temos medo, eles tamén. Absolutamente todas as persoas do mundo sabemos que é porque por unha cousa ou por outra todas o sentimos na propia pel. Habitamos en un mundo gobernado por el miedo, el miedo manda, el poder come miedo, ¿qué sería del poder sin miedo? Sin el miedo que el propio poder genera para perpetuarse. El hambre desayuna miedo. El miedo al silencio que aturde las calles. El miedo amenaza. Si usted ama tendrá sida. Si fuma tendrá cáncer. Si respira tendrá contaminación. Si bebe tendrá accidentes. Si come tendrá colesterol. Si habla tendrá desempleo. Si camina tendrá violencia. Si piensa tendrá angustia. Si duda tendrá locura. Si siente tendrá soledad. El miedo global.
Los que trabajan tienen miedo de perder el trabajo. Y los que no trabajan tienen miedo de no encontrar nunca trabajo. Quien no tiene miedo al hambre, tiene miedo a la comida. Los automovilistas tienen miedo a caminar y los peatones tienen miedo de ser atropellados. La democracia tiene miedo de recordar y el lenguaje de decir. Los civiles tienen miedo a los militares. Los militares tienen miedo a la falta de armas. Las armas tienen miedo a la falta de guerra. Es el tiempo del miedo. Miedo de la mujer a la violencia del hombre y miedo del hombre a la mujer sin miedo. Miedo a los ladrones y miedo a la policía. Miedo a la puerta sin cerradura. Al tiempo sin relojes. Al niño sin televisión. Miedo a la noche sin pastillas para dormir y a la mañana sin pastillas para despertar. Miedo a la soledad y miedo a la multitud. Miedo a lo que fue. Miedo a lo que será. Miedo de morir. Miedo de vivir. Percórreme un calafrío cada vez que leo este poema de Eduardo Galeano e penso que non lle falta razón. As persoas vivimos atormentadas, xa sexa por unha cousa ou pola outra e iso fréanos absolutamente en casi todas as accións que pretendemos levar a cabo. Preséntase de moitas maneiras, fainos tremer, suar, tartamudear... calar. Persíguenos e non é algo do que poidamos fuxir ou escondernos. Mais sen embargo, intentámolo. Xogamos ás agochadas con el mais sempre gaña e iso frústranos. A frustración... a frustración con un mesmo doe. Doe moito. Por iso é importante recordar sempre que a vida son momentos, que o único que temos é o aquí e agora. Sérveme o de onte para aprender mais mañá... mañá non sei onde estarei. O que si sei é que non quero seguir vivindo sendo presa do medo e todo o que ven detrás del. Négome. Parto do que eu sinto, e nas miñas experiencias me baso para dicir que o que hai que facer ao chegar a este punto é coller forza, plantarse ante o medo, miralo de frente, directamente aos ollos e comezar a andar de novo sen sentir vertixe. Natalia Cea. 2º BAC
Educación Levaba moito tempo querendo facer esta reportaxe. Queda moi guai dicilo, verdade? “Reportaxe”. Sona moito máis profesional, serio. Dunha persoa que sabe do que fala. Pois resulta que de tanto pensar, todas as ideas que tiña fóronse esfumando unha a unha. Irónico, non? Quería comparar o sistema educativo que temos co que se nos vai adxudicar agora, quería facer unha enquisa a vós, o alumnado. Quería facer unha reflexión sobre todos os aspectos que se relacionan co termo educación… Pero como podedes comprobar se lichedes a Fusquenlla e que non hai nin rastro deles. Pois ben, entre que non tiña tempo por facer deberes, traballos e estudar e que co tempo que tiña libre quería aproveitalo para outras cousas… Estou escribindo isto un venres pola noite e despois de que Maca nos dixera que se acababa o tempo para entregar todo. Maca, perdóame pero espero que mereza algo a pena o que escribirei a continuación. Xa te invitarei a un café para que me aceptes as desculpas. Vale si, con unha napolitana de chocolate para acompañar. De todo o que acabo de dicir, pódense sacar moitas cousas ou ningunha. Vouvos contar o que saquei eu: o tempo, unha palabrexa un tanto relativa. Que é o tempo? Como usalo? Usámolo correctamente? Non nos imos meter nestes temas porque senón cubriría máis de cinco páxinas da revista e non é plan. Voume centrar na seguinte reflexión que moitos dos alumnos nos preguntamos e que todos os profesores evitan: meus queridos e non tan queridos profesores, non só temos a vosa asignatura. É dicir, non lle podemos adicar todo o noso tempo a vosa asignatura porque si, existen máis. Moitas máis. Creo que a mente do docente funciona dunha forma diferente: cambia no momento que aproban as oposición e se poñen a dar clase. Non só temos bioloxía, por poñer un exemplo para que nos carguen de deberes e traballos. Tamén está física e química, galego, matemáticas, inglés… e podería seguir. Eu non digo, nin con isto estou dicindo o de non poñernos deberes. Nin tanto nin tan pouco, como diría unha amiga miña “nin arre, nin xo”. Os deberes aínda que non sexan do agrado de todos, son necesarios.Aínda que non o creades, axúdannos a estudar ou iso é o que din… Tranquilos, esta pseudoreportaxe non acabou. Agora tócame facer autocrítica, o máis difícil. Que se lle vai facer, neste tema todos temos parte de culpa. Nós, os alumnos temos moito que facer e que ver con isto, xa que, é a nosa educación a que está en xogo. Teño que deixar unha cousa clara: si queremos que isto funcione, refírome ao de educarnos, aprender e formarnos, temos que ter interese. Ter ganas de aprender. Si, unha frase que non se escoita moito neste tempo. Eu creo que
non é culpa da lei de educación, nin de toda esa parafernalia. Pódennos poñer a LOE, a LOMCE, o que sexa, que se temos interese, todo o conxunto sairá adiante., por moi malo que sexa o novo decreto. Facédevos esta pregunta: viriades ao instituto se non fose obrigatorio? Pensádeo e dades ca clave de todo isto. Que conste tamén isto por escrito que a lei de educación tamén podería axudar un pouquiño porque as reválidas, a selectividade tipo test e o de que o goberno queira adoutrinarnos non me acaba de convencer…
Non paredes de ler porque aínda me falta un último punto: os pais. Estaredesvos preguntando que pode dicir unha rapaza de 17 anos de todo isto. Pois algo si que teño que dicir baseándome no que vexo e na propia experiencia: se os pais non intentan tirar do carro, o carro non vai andar. Isto está bastante claro. Eu estou completamente segura de que se miña nai non me insistise, animara, nin sequera estaría facendo o Bacharelato. Podo ter todo o interese do mundo que se alguén non che axuda nos malos momentos acabas co carro todo estropeado. Os pais son unha peza importantísima de todo este puzzle. E si falta ou non está ou está rota nótase moito. Eles son os que nos educan e estou segura de que dentro duns anos, se cadra moitos, dareille as grazas a miña nai e a meu pai por berrarme todo o que me berraron (que foi moito) para que estudara.
En resumo, os pais, os profesores e os alumnos son os tres piares fundamentais para que a educación funcione. O noso futuro está nas nosas mans e na da xente que nos rodea e axuda. Depende de nós.
Helena Ramos Fuentes. 1º BAC
INSTRUMENTOS MUSICAIS DE VENTO DO SÉCULO XIX O noso alumno Juan Manuel Vázquez Moscoso, de 2º de ESO ven de amosarnos uns instrumentos musicais de vento que posúe na súa casa. Despois de estudar a súa feitura e tendo en conta os selos dos fabricantes sabemos que se trata de exemplares procedentes de obradoiros franceses de mediados do século XIX. Concretamente son: x x
x
Podedes velos nestas fotografías. Sempre é interesante pensar que xusto a
carón
do
noso
centro
temos
instrumentos cun século e medio de antigüidade.
Unha frauta dunha soa chave do obradoiro de Martin Thibouville. Unha frauta de oito chaves da casa Gautrot. Un clarinete de Angot Dúberville.