Ester Domingo Sancho
O NACEMENTO DO VIOLONCHELO Ester Domingo Sancho Violonchelo barroco
31 Agosto 2016 20:30 h Igrexa da Madalena, Ribadavia
Nacida en Huesca no ano 1987, comeza os seus estudos musicais á idade de oito anos en Zaragoza. Dende setembro do 2005 até xuño do 2010 cursa o grao superior de violonchelo no Conservatorio Superior de Música de Aragón (CSMA) cos mestres Ángel Luis Quintana e David Apellániz, recibindo asemade clases de cuarteto de corda cos cuartetos Casals y Quiroga e graduándose coas máis altas calificacións. En 2013 finaliza o “Master in Professional Performance” na Folkwang Universität der Künste de Essen, Alemania, cos profesores Alexander Hüllshof e Uli Witteler, e iníciase no estudo do violonchelo barroco da man do profesor Markus Möllenbeck. Posteriormente realiza un Master de especialización en Música Antiga no prestixioso Real Conservatorio de A Haia (Países Baixos) estudando co gran violonchelista barroco Jaap ter Linden e graduándose no 2015. Foi membro da Jeune Orchestre Atlantique (JOA), da Orchestra of the Age of Enlightenment Experience Scheme 2015 e da European Union Baroque Orchestra 2015/16. Entusiasta da música de cámara e orquestral, é co-fundadora de diversas agrupacións (Edelmann Trio, Apollo's Cabinet, El Almacén de Música, Cuarteto Tomás de Iriarte) coas que leva a cabo unha actividade concertística internacional. Paralelamente, ten a honra de colaborar con diversos grupos de prestixio como a Orquestra do Século XVIII, a Orchestra of the Age of Enlightenment, Holland Baroque, Musica Amphion, Los Músicos de su Alteza, La Madrileña, Camerata Antonio Soler e La Guirlande, xunto a músicos e directores da talla do lendario Frans Brüggen, Philippe Herreweghe, Jos van Immerseel, Alessandro Moccia, Margaret Faultless, Kati Debretzenyi, Rachel Podger ou Lars Ulrik Mortensen. Ester Domingo Sancho toca un violonchelo barroco construído en 1739 polo luthier londinense Peter Wamsley.
Gabriël Metsu, O Violonchelista (1665) Royal Collection Trust, Londres
Notas ao programa PROGRAMA
Giuseppe Maria dall' Abaco (1710-1805) Capriccio Núm. 3 en mi bemol maior Capriccio Núm. 4 en re menor
Domenico Gabrielli (1659-1690) Ricercar Núm. 2 en la menor Ricercar Núm. 3 en re maior
Francesco Paolo Supriani (1678-1753) Toccata X
Johann Sebastian Bach (1685-1750) Suite Núm. 2 en re menor, BWV 1008: I. Prelude II. Allemande III. Courante IV. Sarabande V. Menuet I e II VI. Gigue
O concerto desta tarde convídanos a unha viaxe polas músicas para violonchelo solo (sen acompañamento) dos séculos XVII e XVIII, cun programa cuxa vontade específica é mostrar o descubrimento naquela época do violonchelo como instrumento solista, e o nacemento, polo tanto, dun novo ideal sonoro. Para axudar a tal propósito do xeito máis fiel posible, escoitaremos estas músicas nun instrumento que, ademais de ter sido construído no ano 1739, conserva a montaxe orixinal propia do período barroco. A nosa viaxe comeza por Italia, berce do violonchelo e da familia organolóxica do violín, país de gran riqueza musical e epicentro da innovación creativa do momento, onde calquera bo intérprete era daquela, ademais, capaz de compoñer obras para o seu instrumento. Tal é o caso de dous dos representantes da escola italiana presentes no programa de hoxe: Giuseppe Maria dall' Abaco e Francesco Paolo Supriani, compositores inxustamente descoñecidos por moitos músicos e melómanos da actualidade pero autores dunha obra tremendamente interesante pola súa riqueza melódica e maila súa excepcional capacidade para explotar os diferentes rexistros e as diversas cores do son do violonchelo. O tamén compositor e violonchelista Domenico Gabrielli foi un pioneiro na composición de obras para violonchelo solo, escribindo tan cedo coma en 1689 –unha época onde este instrumento estaba fundamentalmente considerado un acompañante, sen protagonismo melódico autónomo– dúas sonatas para violonchelo con basso continuo, sete ricercari para violonchelo solo e máis un canon para dous violonchelos. Estas obras reflicten tanto unha avanzada técnica de execución como unha aguda e audaz percepción das capacidades melódicas do instrumento. A colección dos Ricercari per Violoncello solo está escrita no estilo característico da época: son dúas obras próximas aos xéneros da fantasía e a canzona, sen esquemas formais fixos, e que ofrecen, conseguintemente, unhas grandes posibilidades para a improvisación. Esta pequena viaxe remata, como non podía ser doutro xeito, chegando ao cume do repertorio para violonchelo no barroco: Johann Sebastian Bach e unha das súas seis Suites para violonchelo solo. Concretamente, a Segunda Suite, escrita en re menor, a tonalidade da saudade, a tristeza e a solemnidade. Ninguén, agás Bach, escribiría unha música de tanta riqueza para un instrumento solo. En todo momento atopámonos cunha complexa escritura polífónica, a varias voces, o que lle permite ao compositor escribir para as mans dun único violonchelista non só liñas melódicas, senón tamén os seus contrapuntos e harmonías. A estrutura das Suites é sempre a mesma: un Preludio inicial, de esquema formal libre, onde se presentan a tonalidade e o carácter da obra, seguido das catro danzas fixas típicas da suite da última época barroca (Allemande, Courante, Sarabande e Gigue). As danzas fixas constitúen o corpo central do xénero suite a partires da segunda metade do século XVII e aparecen sempre seguindo o mesmo esquema formal. Entre a Sarabande e a Gigue adoita inserirse unha danza de orixe francesa, das chamadas danzas galanterie. Consideradas como danzas móbiles, as danzas galantes poden cambiar en cada suite: nas dúas primeiras suites, Bach emprega un Menuet, na terceira e na cuarta, unha Bourrée e na quinta e na sexta unha Gavotte.