Sábado 19 de decembro do 2015
CAMIÑO Á ESCOLA (Sur le chemin de l'école) (Francia, 2013) 75 min. Dirección: Pascal Plisson Música: Laurent Ferlet Produción: Winds, Ymagis, Wild Bunch Un documental que narra a historia real e extraordinaria de catro nenos, heroes cotiáns -Jackson, Carlitos, Zahira e Samuel- que deben enfrontarse diariamente cunha multitude de adversidades e perigos para chegar á escola. Estes nenos viven en catro puntos moi distantes da terra: India, Arxentina, Kenia e Marrocos, pero comparten as mesmas ganas de aprender e son conscientes de que só a educación lles abrirá as portas a un porvir mellor. O documental conta co patrocinio da UNESCO. En 2013 recibiu o Premio César do cine francés ao Mellor Documental.
DECEMBRO 2015 Museo Etnolóxico Ribadavia
Cine de outono: Miradas Etnográficas 3 Xoves 10 de decembro do 2015
FESTA, TRABALHO E PÃO EM GRIJÓ DA PARADA (Portugal, 1974) 35 min. Proxección en 16 MM Dirección e realización: Manuel Costa e Silva Produción: Instituto de Tecnologia Educativa Mistura as antigas tradicións dos “caretos”, personaxes mascarados, típicos das festas do Ciclo de Inverno e do Ciclo de Primavera, coa realidade cotiá da vida rural dos anos setenta do S. XX en Grijó de Parada, unha aldea do nordeste trasmontano, perto de Bragança, confrontando o individualismo moderno co colectivismo tradicional. Estas festas de máscaras relacionadas co ano solar pódense relacionar cos rituais do Entroido ourensán. Esta mediametraxe é un dos primeiros documentais do Novo Cinema portugués que se insere na práctica da antropoloxía visual, utilizando as técnicas do cinema directo na vida dunha aldea típica de Trás-os-Montes.
Martes 15 de decembro do 2015
ORENSE AL DÍA (Arxentina 1959) 69 min. Dirección, guión e fotografía: Armando Hermida Luaces Produción: Hermi Films “Galicia al día” é un documental dirixido e producido polo veciño do Ribeiro Armando Hermida Luaces, emigrante galego na Arxentina.
Presenta un percorrido documental pola Galicia de finais dos anos cincuenta do século pasado: costumes, paisaxe, tradicións, festas, arte.. concebido para ser exhibido entre a emigración galega, está estruturado en catro partes, unha por cada provincia. A locución corresponde a unha figura tan popular como a de Tacholas. A dixitalización desta película levouse a termo a partir dos materiais en 16 mm depositados por Amando Hermida Luaces no CGAI (Centro Galego das Artes da Imaxe).
Xoves 17 de decembro do 2015
OS OLEIROS (España, 1975) 20 min. Proxección en 16 MM Dirección: Eloy Lozano, Xoán C. F. Pulpeiro Produción: Ana Fernández Puentes, Feciga (Federación de Cineclubes de Galicia) Un dos primeiros traballos documentais do director ourensán Eloy Lozano, onde ademais de reflectir o oficio tradicional da olaría na provincia de Ourense, non deixa de lado o tema socio-político facendo unha reflexión visua, nos primeiros planos, á memoria da represión en Galicia. Esta mediametraxe pódese considerar un documento da antropoloxía visual de Galicia.