Informe restauracion voitron Sara Costa

Page 1

RESTAURACIÓN DUN VOITIRÓN ARTESANAL No pasado mes de xuño inaugurábase no Museo Etnolóxico de Ribadavia "A pesca fluvial a través da colección do Museo Etnolóxico". Con motivo desta exposición levouse a cabo no laboratorio do Museo a restauración de diversos obxectos vinculados á actividade. De entre tódalas pezas escollemos este voitirón para exemplificar dunha forma xeral as intervencións que se levaron a cabo, en maior ou menor medida, segundo o estado de conservación de cada obxecto, sobre o conxunto expositivo. Os tratamentos varían en función dos materiais e as técnicas de fabricación pero en tódolos casos tense en conta moi especialmente, a súa vida e o seu uso. Por este motivo, o obxectivo da nosa intervención será eliminar ou frenar todas aquelas alteracións que supoñan un deterioro para a peza (suciedade, falta de cohesión, corrosión, ataque biolóxico...) coa finalidade de asegurar a súa conservación e estabilidade, deixando íntegras as pequenas reparacións, engadidos de material ou modificacións que, non formando parte da creación orixinal, aporten datos importantes, ou canto menos interesantes sobre a vida útil das pezas. Estas son pezas valiosas dende o punto de vista antropolóxico en canto a que foron as ferramentas de traballo de persoas. Eran obxectos cotiáns que pola natureza dos materiais que os compoñen poden considerarse fráxiles e pouco valiosos. Pero ao mesmo tempo eran obxectos moi valorados porque eran sinónimo de riqueza ou canto menos, de supervivencia e constancia disto son as numerosas reparacións que pudemos atopar en todos eles e que tentaban alargar ata o máximo a súa vida útil. IDENTIFICACIÓN DO OBXECTO Nº DE INVENTARIO 0570. OBXECTO Voitirón. PROCEDENCIA Francelos, Ribadavia (Ourense). MATERIAIS Fibra sintética, cordel, madeira de mimosa, ferro. TÉCNICA Redería artesanal. DIMENSIÓNS Diámetro máximo (boca) 73 cm; Profundidade 150 cm. DESCRICIÓN Voitirón de dous bozos fabricado en rede de material sintético. A estrutura ríxida consta dun arco de madeira pelada de mimosa e catro aros de ferro, aparte de dúas varas denominadas "estendidillas" tamén de mimosa que servirían para manter a rede estirada e tensa, quedando amarradas ao resto da estrutura por medio de cordeis. ESTADO DE CONSERVACIÓN A rede amosa suciedade xeneralizada. O tecido presenta certa rixidez e nel son visíbeis varias roturas, algunhas xa reparadas antigamente. Existen pequenos puntos de corrosión nos aros de ferro que puntualmente ensuciaron de ferruxe os elementos en contacto. Na unión dos extremos de cada aro hai enrolada cinta adhesiva, seguramente colocada ahí para protexer ao tecido do roce cos bordos das varillas de ferro. Esta cinta está hoxe deteriorada e algo despegada. Os elementos de madeira atópanse igualmente sucios e tamén deshidratados, perdendo flexibilidade e resistencia. Esta rixidez ou falta de elasticidade impropia dos materias que constitúen a rede é precisamente a que impide estirala na súa posición de uso e dificulta a súa visualización e diagnose, debido ao perigo de someter certos elementos a tanta tensión.


TRATAMENTOS DE RESTAURACIÓN LIMPEZA. Tras unha primeira limpeza en seco con brochas de diversas durezas e aspirador lévase a cabo unha limpeza química máis en profundidade e xeneralizada con escuma de tensoactivo neutro. Tras deixar actuar unha hora aclárase en sucesivos baños, sempre tentando reducir ao máximo o contacto prolongado coa auga.

MONTAXE E SECADO. Aproveitando a flexibilidade que a humidade aporta aos diversos elementos procédese á montaxe do voitirón. Unha vez montado o secado será máis doado e ademáis, poderemos observar e documentar mellor algúns detalles importantes que nos falan da vida e uso desta peza.


CONSOLIDACIÓN DA REDE. Nas zonas onde a malla está partida é preciso intervir o antes posible para evitar distendementos. Primeiro aplícase poliamida téxtil como punto de adhesión e onde a tensión é imporatnte ou as lagoas son de maior tamaño, refórzase despois cun cosido de fío de seda.

PROTECCIÓN DOS ELEMENTOS DE MADEIRA. Para rematar coa intervención, todos os elementos de madeira son protexidos cun aceite de base vexetal que nutrirá a madeira, facendo que esta recupere flexibilidade e resistencia.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.