J. VILAMOURE
VOU SER... Na hora do recreo, dunha escola singular, mil voces rebuldeiras non paran de latricar.
Fala un galo pequeneiro, alto levanta o peteiro: - cando eu sexa grande irei ao conservatorio,
serei o mellor cantante cun enorme repertorio
Pachorrento, vagaroso, non ten présa o elefante. Pensa un pouco primeiro, logo berra triunfante: - eu quero ser bombeiro e apagarei polo día o lume do luceiro
Chega correndo unha araña dándolle ás patas lixeira,
2
- eu quero ser costureira! Terei tesouras e agullas remendarei nas escumas as irisadas burbullas.
Zumbando chegou a abella, ela quere ser reposteira para facer ricos doces co mel da súa colmea.
- E que serás ti, pombiña, cando te fagas maior? - Eu vou ser mensaxeira, espallarei polo mundo a paz máis ventureira,
e pintarei sorrisos no ceo cunha póla de oliveira.
3
CHISGARABÍS Chisgarabís, que dis? Chascarraschás, que fas? Plis plas, onde estás? Pimpín, xa te vin!!
Pío pío teño frío! Atchís, meu nariz!! Zunzún,
eu non fun! Tic tac, vaite xa!!
4
CHINGUILIPÉ Rapazada, charabisca de faísca,
chinguilipé, a pedra no pé!
5
TIC, TAC Tic… pasa o tempo Tac…
chega a hora Tic... do recreo Tac... e agora Tic... xogo fóra! Tic-tac pasa o tempo Tic-tac sen demora chega a hora de volver coa profesora. Tic… Tac...
6
A MEIGUIÑA Ten a meiguiña un problema que non pode resolver debe empezar nunha escola
para estudar e aprender os oficios dunha meiga cos que se poida valer.
- Ai, naiciña, eu non quero facer apócemas noxentas, que convirtan as princesas en vellas farrapentas e os longos cabelos loiros en guedellas borrallentas.
- Eu quero, miña naiciña, ser unha bruxa moderna, inventar ricos xaropes, con zume doce das flores e pintar co arco da vella belos soños de moitas cores.
7
Marcha a meiguiña leda de camiño cara a escola Leva a maleta chea de escollidos ingredientes que buscaron para ela
amizades e parentes: un saquiño de pó de estrelas, belos cantos das lavercas, cinco pingas de fino orballo, e o agarimo das apertas.
Marcha a meiguiña leda enriba da súa vasoira Leva o sorriso na cara de camiño para a escola
8
O TREN Chaca chaca pi pi! Vai o tren pola vía Chaca chaca pi pi! Cruza toda a galería. Chaca chaca Chof… chof... Para na estación da porta do balcón. Sobe a xente toda que anda pola alcoba: os soldadiños de chumbo, linda boneca de trapo, un canciño de peluche, o ratiño do buraco. Chaca chaca
pi pi! vai o tren pola vía Chaca chaca pi pi! Boa travesía!
9
A PELOTA A pelota rola Polo chan da escola Sae fóra. Rola pola eira, rola pola veiga, Rola. Rola dun pé a outro pé rola. A pelota bota. Bota dun pé, a outro pé bota
Xa non bota a pelota rota
10
ANACLETA Tristeira está Anacleta, a vella bicicleta, esquecida no garaxe por mor dunha chincheta. Xa non pode camiñar pola beira das estradas. Necesita unhas muletas, ten as rodas estragadas. Caviloso di o mecánico: - hai que facer un transplante, é urxente a cirurxía, precisamos un donante! Tivo sorte Anacleta, pois naquela mesma tarde atoparon na cuneta espalladas catro rodas dunha antiga camioneta. Polo camiño adiante vai correndo Anacleta Marcha veloz e contenta, renovada camiocleta.
11
TEÑO UN TESOURO Teño un tesouro, teño, na horta heino enterrar, nin piratas, nin corsarios, ninguén o vai atopar.
No meu cofre de madeira gardo anacos de coral e catro cunchas de nácara que trouxo meu pai do mar.
Gardo branca area da praia, cinco pedras de cristal, gardo cantos de sereas que me veñen arrolar.
No meu cofre de madeira teño bicos de algodón, teño apertas e aloumiños que enchen o corazón.
12
Sete chíos de paxaro, un axóuxere, tres campás, teño a música do vento que asubía na ventá.
No meu cofre de madeira gardo risas, gardo contos, gardo as faíscas de estrela que iluminan os meus soños.
Teño un tesouro, teño, na horta heino enterrar, nin piratas, nin corsarios, ninguén mo pode roubar.
13
O NENO GALOPÍN Polo camiño da escola vai un neno galopín, argallando falcatrúas, para o mestre Serafín.
Leva gardada no peto unha goma de mascar para poñerlle á cadeira cando se vaia sentar. Dentro dun tarro amarelo ten unha ra na mochila que soltará no recreo cando o coloquen na fila. Co tubo do bolígrafo construíu un tirabalas para encher de paleliños os teitos mailas persianas. Nisto ía cavilando o pícaro rapaz , tropeza cunha pedra, a rolos caeu para atrás. Co golpe rompeu o tarro
14
a ra comeza a saltar, dálle coa pata nun ollo, o neno empeza a chorar. Por non ver, pisou o tubo do boli para escribir,
co chicle tentou pegalo, non o puido conseguir. Con tanta desfeita pensa: Menudo golpe me din! Ben merecido o teño por ser tan galopín, nunca máis farei trasnadas ao mestre don Serafín. Polo camiño da escola vai un neno moi formal; leva os deberes feitos e a ninguén lle fai mal; gústanlle as matemáticas, o inglés e a xeografía, está moi atento nas clases e le de noite e de día.
15
A POMBA DE PAPEL Unha pomba de papel busca sen tregua o seu niño. Non lembra onde naceu
nin cando perdeu o camiño
Unha pomba de papel busca sen tregua o seu niño. Non lembra que a súa casa foron as follas dun libro.
16
CAROLINA Vai Carolina á festa á festa de Chantada, leva unha saia nova cunha bolboreta pintada Baila baila Carolina salta salta a súa saia voa voa a bolboreta bordada na súa enagua Vai Carolina á feira á feira de Chantada leva unha fita no pelo
unha fita colorada Baila baila Carolina salta salta a súa saia voa voa a súa fita no aire soa unha gaita Vai Carolina á feira cunha bolboreta na saia, unha fita no cabelo, un sorriso na cara Baila Carolina na feira no medio daquela foliada baila baila a muiñeira
a muiñeira en Chantada
17
A TROITA Vai a troita polo río semella que vai de pé bailando nas dondas augas todos a queren coller. Vai a troita polo río co sol brillan as escamas anzós chegan desde a beira tentándoa con cores e danzas Vai a troita polo río quere o mundo coñecer
bailando nas dondas augas ninguén a pode coller.
18
A NENA ROSALÍA Ten a nena Rosalía na fronte unha estrela que brilla, por asomarse aos seus soños quedoulle no pelo prendida Xoga a nena na eira, nas fontes e nos regatos, brinca descalza na herba os pés de orballo mollados Baila a nena co vento, xenio dá vela danzar, mentres chega de Bastabales
a triste música das campás Canta a nena cos paxaros que se pousan na figueira que prantou con mil amores cando era máis pequena. Ten a nena Rosalía na fronte unha estrela que brilla enchendo de belas faíscas todo aquilo canto mira.
19
CAMIÑO DE SANTIAGO Para abrazar o Apóstolo vou de camiño a Santiago. Levo na cara un sorriso,
unha cuncha e un caxato, unha mochila de soños, ás lixeiras nos zapatos. Vou facendo o camiño por esta terra calada.
paso a paso, devagariño, por esta terra enmeigada.
20