abril/xuño 2012
folla voante
2ª tempada/ nº12
Saúdo Amigas e amigos: Desde Amencer presentámosvos a nosa tradicional publicación trimestral coa que vos levamos á casa toda a información relacionada coas nosas actividades e que supón un gran esforzo para nós, tanto económico como humano (son as animadoras e animadores quen a preparan e reparten entre todas as familias do Itinerario). Nas páxinas seguintes poderedes ver as actividades que imos realizar ao longo deste 3º trimestre, incluíndo as actividades conxuntas nas que imos participar os grupos do Itinerario (Buxaina, Andaina e ADS nas actividades infantís e Catecumenado nas xuvenís): xogos, aventuras, a xincana de auga, a excursión a Castrelo de Miño como actividade de final de curso… Ademáis presentamos unhas imaxes dalgunhas actividades realizadas no trimestre pasado, e tamén información dos campamentos de verán nos que poderán participar todas as nenas e nenos, mozas e mozos que participan durante o curso nas actividades e grupos de Amencer. Desta volta incluímos ademais unha folla de avaliación sobre os grupos do Itinerario. Gustaríanos que nola devolverades cuberta para coñecer a vosa opinión sobre os grupos e poder mellorar así de cara ao curso que vén. Sen máis, despídome de vós co desexo de que todo o que podedes ver nesta Folla Trisquel sexa do voso agrado e lembrándovos que estamos á vosa disposición para calquera consulta, dúbida ou suxestión que nos queirades facer. Moitas grazas pola confianza que depositades en nós e un saúdo a todas e todos! Folla Voante Trisquel
Recuncho das familias AMENCER INFORMA: Sabías que… … durante as vacacións de Semana Santa, os días laborables, pero non lectivos, é dicir, os días que hai traballo pero non escola, Amencer organizou tres proxectos de educación no tempo libre? As “1as Mañás de Semana Santa”, para nenos e nenas de 3 a 5 anos, en horario de mañá, de 10:00 a 13:30 h. O Proxecto “A Tope na Ponte”, para rapaces e rapazas de 6 a 16 anos, en horario de tarde, 17:00 a 20:00 h. E os “5os Tempos de Diversión”, o noso campamento urbano de Semana Santa, para rapaces e rapazas de 6 a 14 anos, en horario de mañá, de 10:30 a 13.30 h., e en colaboración coa Concellería de Igualdade. … as reliquias de Don Bosco van estar en Ourense no mes de maio, na nosa obra salesiana de Ourense, dende o sábado 19 pola tarde até o luns 21 pola mañá? … neste terceiro trimestre ímosvos convidar a que estades connosco na Festa do Pano, en Allariz (o domingo 22 de abril), e na Saída Fin de Actividades, en Castrelo de Miño (o sábado 9 de xuño)? EDUCANDO XUNTOS Este trimestre, queremos compartir convosco un artigo ben sinxelo, pero con moitas pistas para relacionarvos cos vosos fillos e fillas. O título é
“Encontremos un lugar para la infancia”. O seu autor é Jaume Funes, experto en infancia e adolescencia, e está publicado en Cuadernos de Pedagogía (Nº 382, 2008). É un artigo que non ten desperdicio. Partindo de seis preguntas un tanto provocadoras, axúdanos a situarnos ante os nenos e nenas. Podedes descargalo da nosa páxina web (www.amencer.org). COLABORACIÓN FAMILIAR: “COTA 0” En cada Folla Trisquel seguimos indicando unha acción concreta para estar máis implicados, como familia, en Amencer. Para a vindeira edición da Campaña de Verán, convidamos ás familias que poidan, a que colaboren na nosa promoción de axudas económicas para que, aqueles rapaces e rapazas que teñen dificultades para pagar a inscrición ao campamento, non deixen de participar igualmente nel. A esta campaña vimos en chamarlle “Cota 0”. E consiste en que calquera familia que o desexe, e conte con recursos, poida axudar a outra familia anónima, dando unha cantidade de diñeiro que axude a participar nun campamento de verán a un rapaz/a cuxa familia non pode costealo. Pode ser unha cota enteira, media cota, un cuarto de cota ou o que se poida... e así, entre moitos “poucos”, facemos un “moito” ben grande.