Concurso de fotografía Rosalía en A Estrada Convocado polas bibliotecas escolares dos tres institutos de A Estrada (IES Antón Losada Diéguez, IES n.º 1 e IES Manuel García Barros) Este concurso conmemora o día de Rosalía, 24 de febreiro, e as fotografías versarán sobre a obra da autora.
Bases do concurso 1. Tema A fotografía servirá para ilustrar un poema de Rosalía de Castro. En cada categoría haberá dous poemas, dos que o participante escollerá un para relacionalo coa súa fotografía.
2. Participantes O concurso vai dirixido ao alumnado de Educación Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e Educación de adultos que estea actualmente matriculado nun dos tres institutos convocantes, e que non teña máis de 20 anos. Non poderán presentarse profesores, exalumnos, persoal non docente, nin persoas alleas aos centros convocantes.
3. Características técnicas ●As fotografías presentaránse só en formato dixital (jpg), cun tamaño máximo de 2400 px no lado maior e unha resolución de 150 ppp, en cor ou B/N, e non poderán levar marcas de auga. ●Cada participante poderá presentar só unha fotografía cun título identificativo: esta será orixinal e inédita (non publicada, tanto en soporte dixital coma analóxico); ademais, non estará suxeita a compromisos editoriais nin pasados nin futuros. ●Todos os participantes ceden os dereitos de imaxe da súa obra (sen remuneración económica algunha) ás bibliotecas organizadoras do concurso para a súa edición e difusión en distintos soportes, comprometéndose os organizadores a citar a autoría.
4. Presentación ●Os participantes enviarán o arquivo coa fotografía titulada ao enderezo electrónico biblioeses@gmail.com, e indicarán nese correo (i) o seu pseudónimo, (ii) o título da fotografía, (iii) o poema escollido, e (iv) a categoría na que participa. ●A continuación, entregarán na secretaría de calquera dos tres centros convocantes un sobre pechado, indicando no exterior o seu pseudónimo e o título da fotografía. Dentro do sobre introducirán o seu nome real completo, o seu teléfono e o pseudónimo e fotografía cos que se presentan. ●O prazo de entrega remata o 24 de febreiro de 2016. O premio fallarase o mércores 2 de marzo.
5. Xurado O xurado estará composto por tres profesores, un de cada instituto convocante. Actuará de secretario do xurado, con voz pero sen voto, o coordinador dunha das bibliotecas escolares de A Estrada.
6. Premios Haberá tres categorías con cadanseu premio (un libro e unha película): —Primeiro ciclo de ESO. Poemas: “Lúa descolorida” e “Chirrar dos carros da Ponte.” —Segundo ciclo de ESO. Poemas: “Como chove miudiño” e “Calade.” —Bacharelato, ciclos superiores de FP e educación de adultos. Poemas: “Tecín soíña a miña tea” e “Para A Habana.”