8 minute read
apapar Menú do día para levar en O Dezaseis
from Revista Pincha 21
MENÚ DO DÍA PARA LEVAR
EN O DEZASEIS
Advertisement
Foto: Iván Barreiro
Por primeira vez na historia de Pincha, presentámosvos a sección #apapar con comida para levar. As restricións impostas á hostalaría en Galicia antes do peche desta edición obrigáronnos a mudar o xeito no que @JuanEAT_o coñece a oferta gastronómica de Santiago e a súa comarca.
Nesta pandemia a moitos dos restaurantes santiagueses non lles quedou outra que sumarse ao servizo a domicilio para poder sobrevivir. E nin tan mal, eh! Aconsellámosvos que apoiedes a un sector que tan prexudicado está polas crise da Covid-19 gozando da súa cociña nos vosos fogares.
Neste número nós decantámonos polo menú do día de O Dezaseis: con tres primeiros pratos, tres segundos e tres sobremesas a escoller que representan moi ben o que é a cociña desta coñecida casa de xantar compostelá que no 2020 celebrou o seu vinte e cinco aniversario.
Se vós tamén queredes probalo, podedes facer os vosos pedidos para recoller no local antes das 12:30 horas do mesmo día escribindo a correo@odezaseis. com, chamando ao 981577633 ou ao 617770659.
Tamén ofrecen un servizo a domicilio doutros pratos da súa carta a través da app Obvious Eat.
Todos os cambios de horarios e servizos debidos á pandemia, podedes consultalos a través da súa páxina de facebook.
@JuanEAT_o, tomando o menú para levar de O Dezaseis na súa casa. Foto: Iván Barreiro
Nestes tempos que vivimos estásenos complicando moito poder seguir facendo o noso traballo do xeito habitual, pero non por iso queriamos deixar de amosarvos a oferta gastronómica que temos en Santiago e a súa contorna.
No momento de escribir este artigo a hostalaría só tiña permitido traballar en toda Galicia co servizo a domicilio. Así que decidín probar co menú do día da casa de xantar O Dezaseis, un local ben coñecido na nosa cidade e que xa fixo 25 anos.
Partindo da base de que, claro, non é o mesmo gozar da súa cociña galega no interior do restaurante que en recipientes para levar, as miñas expectativas non eran moi altas. Sobre todo porque o plástico ou o cartón onde se gardan os alimentos poden modificar moito o sabor. Non obstante, teño que dicir que me sorprendeu! Nada máis chegar a casa, pasei todo á miña louza e sen problema ningún!
Tiña tres opcións para o primeiro prato: crema de cenoria, caldo e pementos do piquillo recheos de bacallau. E outros tres para o segundo: xarrete estufado, guiso de luriñas e lacón con grelos. Como sobremesa, tamén para escoller entre torta de queixo ao forno, pudin e macedonia de froitas. Todo acompañado por un bolo de pan.
A primeira elección tíñaa clara. Con este frío que vai, nada mellor que un bo caldo galego!! Estaba moi rico e con boa substancia e cantidade. No segundo prato tampouco dubidei moito. Os que me ledes sabedes que son máis de carne que de peixe, así que o ‘gañador’ foi o xarrete. Viñan un par de pezas boas, moi tenras e saborosas, e cunha gornición composta por patacas, chícharos e cenorias que acompañaban moi ben.
Por último, como sobremesa, decanteime pola torta de queixo ao forno. Tamén moi recomendable aínda que eu serviríaa sen a marmelada que lle botaron por riba.
Así que, xa sabedes, facede coma min! Mentres non podan traballar doutro xeito, pedide para levar. Apoiemos aos locais de hostalaría que tanto está loitando por saír adiante. Moita forza para todos eles! Pincha Revista de Gastronomía & Cultura
Pincha
Revista de Gastronomía & Cultura
Pincha
Revista de Gastronomía & Cultura
Datos
Lugar: Casa de Xantar O Dezaseis. Rúa de San Pedro, 16 Santiago de Compostela Prato: Menú do Día para levar cun primeiro, segundo, sobremesa, auga e pan. Prezo: 14 €
Valoración:
Rebeca Munín
Por
@rebecamunin
Todos os que vivimos en Compostela comemos algunha vez en O Dezaseis. Situado nunhas antigas cortes na rúa de San Pedro, levan vinte e cinco anos traballando arreo e creando unha clientela que xa é case como da familia. E se non, que lles pregunten ás cantantes Uxía e Guadi Galego que festexaron o aniversario o ano pasado dedicándolle unha canción.
Á súa fronte, desde os inicios, está Suso Coba -Suso o do Dezaseis, para todos- e como man dereita ten a Avelino Martínez, quen nos recibe nun local baleiro polas restricións impostas na terceira onda da pandemia, mais con moitas ganas de seguir loitando.
No 2020 fixestes 25 anos e lamentablemente, á parte da canción que vos dedicaron Uxía e Guadi, pouca celebración puido haber...
Si, pensamos moitas opcións para intentar celebralo adaptándonos á situación que se está vivindo, pero nestes momentos non podes facer plans nin organizar moito máis aló do día a día ou da semana. O gran problema que estamos tendo é que a gran maioría dos restaurantes non podemos ter unha planificación. Nós en marzo, cando foi o confinamento, tiñamos 21 persoas no cadro de persoal. Estabamos organizando a temporada, dando vacacións... comezaban uns meses cun ritmo de traballo que era moi alto. Todo iso desapareceu de repente. Agora estamos 15 persoas indefinidas, pero traballando co servizo de comida para levar, só dúas.
Que tal está funcionado ese servizo para levar?
Cando decretaron o peche no interior da hostalaría en novembro, nós decidimos pechar. A decisión de permanecer abertos agora é para poder ofrecer un servizo a clientes que tiñamos de todos os días, pero nunca o vimos como algo que fose rendible economicamente. Era algo que tiñamos que facer por toda esa xente de sempre, que moitas veces fai pedidos cando non ten a necesidade. Fano simplemente por axudar.
Avelino, entregando o menú para levar a JuanEAT_o. Foto: Iván Barreiro
Porque O Dezaseis, despois de tantos anos, para moitos xa é como a súa casa, como a familia, non si?
Si, é unha familia. Nestes momentos estase demostrando a fidelidade dos nosos clientes. E iso que temos moitos condicionantes. Por exemplo, na rúa na que estamos, só podes acceder co coche se es residente. O aparcamento máis próximo é o do colexio La Salle. O tempo nestes meses non acompaña... Vir buscar o menú é para moitos un acto de valentía!
Como ves o 2021? Tendes esperanza de que mellore a partir de verán?
Eu penso que si que pode haber unha recuperación, pero que será con restricións. Isto é un problema moi grande e temos que ser conscientes. Nós seguiremos polo que dicía de toda esa xente que temos aí. Esa clientela e o trato con ela é o que máis botamos de menos os que traballamos en sala coma min. Pincha Revista de Gastronomía & Cultura
mcalderón
@oscatrogatos
Neste número achegámonos á gorida de Marisa Calderón. O certo é que nos recibe amablemente, cun sorriso e un café. Ofrécenos tamén unha cervexa ou calquera outra cousa que teña na súa casa. É difícil ter quieta a esta muller que bule e bule e non para de falar. Soamente cando acendemos a gravadora queda muda. Descúlpase pola súa torpeza e promete non impostar a voz mentres dialogamos. Cóntanos que sempre se sentiu unha persoa sen raíces, que non sabe cal é a terra que a alimentou, e que por iso pode comprender a vida e as xentes desde moitos puntos de vista diferentes e incluso dispares. Marisa comezou a debuxar desde moi nena: “Non teño recordo da primeira vez que collín un lapis e souben que me gustaba facer garabatiños... Recordo que na escola non me chegaba a folla para facer aquel debuxo para rematar unha redacción”, conta. Cando tivo que elixir o que quería estudar, e despois de facer o bacharelato de ciencias, escolleu un camiño diferente e aventurouse na carreira de Belas Artes. “En Valencia non sei se aprendín moito, pero pasalo ben, si que o pasei. Nos oitenta, Valencia e creatividade ían xuntos da man”, recorda. Aparcou durante uns cantos anos a pintura para dedicarse ao ensino, que, como ela di, “dábame de comer todos os meses”. Non obstante, e profundando un pouco máis, intuímos que leva dentro unha vea que non ten sangue, ten pintura, e sospeitamos que é a que a mantén viva.
Para definir a Calderón e á súa obra fariamos unha definición
conxunta. A humildade, a sinxeleza e a xenerosidade como instrumentos para elaborar obra e persoa de gran carácter e complexidade. A sutileza e dozura dos fondos vese intervida por potentes liñas e xestos cargados de materia. A ironía e o humor vestidos dun certo dramatismo de cores e formas incomprendidas. Uso de diferentes técnicas, dando o seu lugar preciso a todas sen ser sometida ningunha delas. As súas obras amosan a valentía de romper co xa establecido e traballado, sen medo ao correr natural da pintura, ao xesto inevitable do instrumento ou ao incontrolado diálogo dos materiais. Gran persoa cos pés na terra e a mente nas nubes, que se sube a calquera carro de propostas por moi imprecisas ou absurdas que parezan co fin sempre de aportar e estender a súa man. Desde o ano 2013, mcalderón, como gusta de chamarse artisticamente esta muller pintora, expuxo as súas obras en Os catro gatos de Compostela -mostra da que se se sinte especialmente orgullosa e agradecida- na sala da Asociación de Empresarios do Tambre, na Casa do Taberneiro... Cando marchamos da gorida de Marisa, despídenos cun “non vos esquezades de nada”. Está claro que esta muller sempre ten a cabeza nas nubes. Ata outra, vémonos con mil sorrisos sen máscara. Pincha Revista de Gastronomía & Cultura