4 minute read
Os preparados conquistan terreo nas cartas e establecementos picheleiros
Os preparados, combinados, cócteles e as bebidas especiais conquistan cada vez máis terreo nas barras, nas cartas, nos establecementos e nos pedidos dos picheleiros. Cada vez máis bares e restaurantes súmanse a esta oferta heteroxénea que enumera bebidas de todas as cores e sabores, con e sen alcol! Cada vez máis hostaleiros atrévense a probar cos seus propios xaropes e mesturas. Tamén aumentan os cócteles de autor de lado dunha oferta gastronómica de calidade. Porque na variedade está o gusto e porque somos moi de experimentar! Facendo e probando!
Contamos con máis dun local en Santiago que engadiu esta oferta entre os seus servizos, ultimamente, e que vai conquistando padais, novos adeptos, vellos clientes e non só aos de aquí, tamén aos que veñen á festa! Como por exemplo, A Carrilana -na rúa de San Paio de Antealtares, 16-, que mesmo cambia o nome a “casa de bebidas”. Se lle preguntades a Natalia Devesa por esta nova aposta será como se vos falara de empezar de cero. Afronta con tanta emoción e ilusión esta nova etapa, que mesmo parece que nunca abrira o bar. Vai e vén á Coruña namentres prepara brunchs, estuda como facervos un combinado orixinal, proba outro ou busca algo con que sorprendernos máis aínda! Impresiona escoitar esa ilusión e esas gañas que rebordan como se da escuma dun combinado se tratara! (Chisco, chisco). Di que tardou en meterse neste mundiño, pero semella que é o momento xusto e vaille o corazón case máis rápido que a cabeza!
Advertisement
“Moito discorro e moito me aburro!!!”, di Natalia entre risas. “A Carrilana xa era un local dirixido ás copas, de noite. Nós collémolo e redirixímolo cara os brunchs, co noso punto de tolemia, cremos no concepto e traballando moito, pouco a pouco conseguímolo! Neste punto, aínda estando co brunch a tope, apetecíanos un cambio. Porque os cambios están dentro dunha evolución. Levo dous anos formándome no apartado de coctelería, estudando a parte de bebidas e xa estamos preparados para plasmalo nunha carta con opcións con e sen alcol! Esta parte é moito máis compatible coa tarde noite, que pola mañá, o cal non quere dicir que deixe de haber comida! Haberá dúas cartas diferenciadas, unha de merendas, semellante á de brunchs, con iogures, froitas, sándwichs, tostas e ensaladas. E outra de 8-11:00 horas máis lixeira cos bowls. Teremos cafés especiais, zumes distintos, recén elaborados con froita fresca, coctelería cos xaropes feitos por nós, queremos que sexa o noso sinal de identidade. Non hai nada artificial, serán todo produtos naturais”. “Temos un “mojito” de kiwi sen alcol, leva puré de kiwi, que facemos ao momento cun xarope de azucre feito tamén por nós e rematado con ginger ale; piña colada con piña natural, feita ao momento; todos os días zume do día de tres froitas, preparado antes de sorbelo. Traballaremos a coctelería que nos encanta, salvo un ou dous que meteremos de autor e iremos introducindo máis. No “Penicilin” facemos o xarope de mel e xenxibre; no “Bramble” utilizamos mora fresca; preparamos o xarope de chile para un “Spicy Maragarita”; un “Paloma” con zume de sandía natural... Isto vaille aportar calidade aos cócteles e incrementa o seu sabor! Apostamos por esta liña”. “Se collín un bar é porque me gusta traballar nel! Quero coñecer ao cliente que teño e agora pois estou formándome nesta nova carreira e especializándome, porque vaime permitir que A Carrilana sexa dinámico todo o tempo. Apetéceme moitísimo ver a reacción da xente. Teño moita ilusión de demostrar que isto está máis ‘guay’ aínda que o anterior!! Temos que estar á altura”. Como vedes, Natalia de A Carrilana é todo emoción diante deste nova conquista de sabores e mesturas que van dentro dunha copa e que son a ledicia dos padais e bandullos picheleiros!
Tamén en restaurantes
Pero non é o único local. Tamén nos restaurantes apostan por ofrecer unha carta de bebidas ben chusquiña. Falamos con Sergio Delpont, de O Sendeiro – na rúa do Olvido, 22. Inauguraron, hai nadiña, un apartado de coctelería –de venres a domingo, aínda que no verán funcionará desde os mércores- para gozar na súa terraza, tan agustiño. E vai creando afección entre os habituais. A resposta esta sendo fabulosa!
“Para desenvolver a parte da sala, evidentemente, fan falta viños, coctelería, café e atención excepcional. Fixemos os primeiros piniños, antes da pandemia. E retomamos o asunto en agosto do ano pasado. Quedamos segundos no concurso Santiago(é)Cóctel. É o máis importante é que ten aceptación da xente, non é que respondan ben: responden moi, moi ben!! As fins de semana estase convertendo nun reclamo. Estamos decididos a apostar cada vez máis por esta pata!”. “Agora mesmo, en O Sendeiro, non temos unha carta maridaxe coa comida, non estamos nese punto. Estamos desenvolvendo unha carta de cócteles propios, con 4-5 opcións diferentes cada día. Algunhas bebidas vanse consolidando. Feitos con produtos de tempada, cun toque persoal, especial, feito por nós, que vaia en sintonía co que facemos na cociña: facer os nosos caldos e tamén os xaropes. Imos paso a paso. Hai que dedicarlle tempo. Non podemos ir tan rápido como nos vai a cabeza!! Porque fai falta persoal, hai que formarse... Hai pandemias... Pasan cousiñas”. (Rimos!)
Sergio ri porque recoñece que ese caos (da propia vida) dáche un punto de adrenalina e está moi emocionado con esta aposta. Di que son principiantes, pero que é importante facer pouco, pero moi riquísmo!! Intentando adaptarse á multitude de xente diversa que visita O Sendeiro.
Porque os rumbos poden ir cambiando, en función tamén do que nos apeteza beber e comer. (Chisco, chisco).
Samuel, que é o artífice detrás dos preparados, conta que primeiro foron introducindo variacións de receitas clásicas, matices un pouco distintos, e que fai nadiña comezaron a facer as súas propias receitas, cos seus propios xaropes, mesturas de zumes, purés... “Para darlle o punto diferente e persoal”.
O Sendeiro está en proceso de crear a carta de bebidas e van ofrecendo varias opcións distintas. Cada dous días cambian a oferta. Samuel pide un pouquiño de información ao cliente, para saber por onde tirar, fíanse del, do que lles explica e pregunta... E con esas cartas, xoga!! “Pero déixanse guiar”, sinala entre gargalladas. Non ten unha variña máxica, pero ten un aparello que lle permite afumar os cócteles e traballar con diferentes esencias. Como por exemplo para o “Old fashioned”, un clásico ao que lle engade fume de romeiro. E vai servido nunha cristalería especial, como nunha especie de lámpada de Aladiño! Tamén fan “Limoncello”, con limoada de olivas, unha elaboración que tarda tres semanas en facerse, co cal saen unidades limitadas... “Pois para saír do típico!”. Tamén fan “Gin fizz” de lavanda e flor de cereixo cun toque de lima, que recomendan cunha sobremesa de chocolate, se vos atrevedes!