2 minute read

Beatriz Suárez Saa

Entramos nun pequeno espazo moi luminoso. Atraídos polo aroma do café, animámonos a falar con Beatriz Suárez Saa, artista compostelá que deixou o espazo na súa cidade natal para instalarse nun novo estudio en Bertamiráns. Alí traballa en profundidade na escritura e reflexión da súa tese doutoral.

No fronte, observamos unha parede que soporta un gran retrato. Escusa perfecta para falar do seu traballo como artista plástica ao longo dos anos.

Advertisement

Todo comeza cando só era unha cativa que sentía paixón por debuxar o seu entorno. Unha forma de expresión constante que dirixirá a súa formación académica nos ámbitos das Belas artes, da museoloxía e da didáctica. Expresión na que impera o retrato feminino como fío condutor dun tema recorrente na súa creación como artista: a construción da identidade.

Nas primeiras pezas, indaga a partir do autorretrato, na herdanza xeracional entre a súa avoa, a súa nai e ela mesma. Amósanos pezas pictóricas de gran tamaño, esculturas e instalacións nas que a pintura será o denominador común, sempre presente e imprescindible. O branco, o negro e o vermello é a gama cromática predominante.

Como se dun veo se tratase, comeza a introducir nesta época a linguaxe escrita como forma de expresión plástica dentro das súas composicións. Unha forma de fundir dous aspectos que a definen: a imaxe e o literario. Textos inspirados na verdadeira idiosincrasia das persoas, oculta tras a carne. Unha forma de retratar de dentro para fóra en forma de letra, palabra ou frase.

As incógnitas no proceso de auto coñecemento acadan a cúspide da desasosego se falamos de alzheimer. Esta doenza tocou de preto nunha das mulleres da súa vida, a súa avoa. Ábrese para Beatriz, unha fenda de estudio, traballo e creación.

Empregando técnicas propias da arte-terapia, inicia un proceso de investigación con tres doentes de alzheimer, xunto cos familiares e coidadores. A música, a imaxe de época o recoñecemento de obxectos familiares para eles, serán algúns dos elementos que a artista emprega para elaborar e perfilar os aspectos comúns máis significativos nun estado moderado-avanzado da enfermidade.

Un traballo que se verá exposto nunha mostra na igrexa da universidade, titulada ‘Rostros de ausencia’ cuxo comisario foi Alberto Cartón. É significativo a elección do espazo: por un lado a USC, contexto apropiado para albergar un proxecto baseado nunha investigación; e por outro, a igrexa, arrastrada a descontextualizar o seu uso orixinal para albergar unha exposición con unha forte carga perceptiva.

Ao inicio da exposición, unha reflexión moi significativa: “Mentres haxa unha persoa que recorde, o camiño e a identidade sempre están por facer”.

Como resultado, a artista reconstrúe unha pequena parte das identidades dos doentes, facendo fincapé na perda da linguaxe como elemento fundamental da comunicación representando aos modelos como contedores de baleiro.

Falando sobre esta exposición, alén da grande acollida polo ámbito da crítica artística, Bea explica que tivo un gran recoñecemento por parte de aqueles que conviven de forma persoal ou profesional coas persoas que padecen esta doenza. Á expresión plástica engádese a carga poética coa que expresa a desconexión cognitiva dos que a padecen. Pezas con carga emocional e dunha gran calidade técnica e expresiva dotada dunha gran delicadeza e empatía.

Despedímonos de Bea, pero antes preguntamos sobre futuros proxectos. A palabra imprevisible é a que define un pouco a liña do horizonte, pero non sen ilusión por novas exposicións e colaboracións e quen sabe… unha nova gorida Pincha

This article is from: